acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Unha espesa capa de silencio
Unha espesa capa de silencio.

Os islandeses pisan un territorio en que os volcáns espertan e teiman en cuspir cinza até escurecelo todo. A cortina gris que a natureza estende acaba por superar Islandia e empece a liberdade de tráfico de Europa.

Nós non temos volcáns, asentados como estamos sobre un codia vella. Mais si existe aquí un xeito particular de cuspir cinza, unha indiferencia planificada que ten por obxecto ocultarnos, calar a nosa voz, desaparecernos. Os que cospen moven os fíos de marioneta dos que deberían canalizar a nosa voz e corren sobre nós unha cortina opaca.

E a pesar de todo, esforzámonos en berrar unha e outra vez. Loitamos sen cansar. Por iso doe esa cortina de silencio que, por exemplo, botan sobre nós os medios de comunicación ocultando o que pensamos e o que facemos. E aínda doe máis que haxa quen acredite que só existe o que nestes medios sae e pense que estamos á marxe, paralizados ou equivocados, por non acadar a proxección que desexamos.

Un día e outro tamén, denunciamos tantas cousas infames. E un día e outro tamén, non lemos en quen ten por cometido informar que hai quen se opón e denuncia cara a onde nos queren levar os que cospen unha espesa capa de silencio.

Indiferencia planificada, negación sistemática. Si, arquivan as nosas denuncias. O valedor do pobo arquiva denuncias sobre a lingua e o resultado desta práctica ben pode ser que deixemos de queixarnos. Para que se as denuncias acaban nun arquivo enorme e escuro?

Eu tamén recibín este mes de febreiro unha resposta da oficina do Valedor do Pobo en que me comunicaba que se arquivaba a miña denuncia, porque esa institución é moi respectuosa coa lexislación vixente, nomeadamente coa relacionada coa miña queixa, é dicir, a lingua.

De que me queixei? De que un vicevaledor do pobo, dentro da institución e ante público escolar dirixiuse aos mozos e mozas en español e cando un dos estudantes lle preguntou por que el que tiña entre os seus cometidos defender a nosa lingua non a empregaba, respondeu, sempre en español, que tiña como individuo a liberdade de empregar esa lingua e que estaba alí como cidadán.

Que lección pode tirar o alumnado nunha situación deste tipo? Queixeime, claro que me queixei, porque como nai non acepto esta educación para o meu fillo, porque como galega non acepto que quen me representa nas institucións actúe de xeito individual sen cumprir coas súas obrigas. E como cidadáns estaban os alumnos e as alumnas e como tales esixían os seus dereitos que el, representante da Administración, debe cumprir.

Mais a queixa foi arquivada. Cala Marta, a ver se aprendes.

Cantas veces me mandan calar, até me chegan dicir que así non se din as cousas. E eu aprendo, e tanto.

Non calo. E digo: non calemos, aínda que boten sobre nós unha espesa capa de silencio.

Xuño 2011.

Artigo publicado en A Nosa Terra
Comentarios (1) - Categoría: artigos - Publicado o 03-06-2011 09:22
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
1 Comentario(s)
1 Pues la verdad que te agradezco que nos hayas puesto este articu#blgtk08#lo, porque llevaba tiempo buscandolo y por fin lo encontre aqui.
Comentario por Descargar (20-06-2011 12:11)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática