|
|
|
|
Feira do Livro de Braga. |
|
 Braga, como outras cidades, confunde os visitantes. Levounos un anaco atopar o primeiro sinal que nos conducise á Feira do Livro.
Cando por fin chegamos, o primeiro que atopamos nun dos corredores foi unha monxa co seu hábito branco e azul celeste e unha vasoira e un recolledor na man. E logo? Pois tiñan o seu propio stand.
Uxía xa estaba actuando e foi a súa voz a que fixo que chegasemos ao lugar certo. Ao cabo dun tempo estabamos xa intervindo nós, nove persoas presentadas por Elías Torres.
Eu falaba en nome da AELG, así que tratei de explicar o máis rápido que puiden, xa que eramos moitas e moitos a intervir, que é a AELG e cal é o seu cometido fundamental. Demostrei en dez minutos cal é o meu carácter, así que a escritora Bernardete Costa acabou por dicirlle aos compañeiros portugueses que alí estaban que precisaban unha persoa que os defendese con tanto empeño coma min.. eu só fago o que podo, cando podo.
De alí partimos ao edificio da Universidade do Miño para asistir a unha presentación do libro Ayes de mi país, un cancioneiro recompilado por Marcial Valladares en 1867 e publicado agora nunha edición acompañada de varios estudos por José Luís do Pico Orjais e Isabel Rei Sanmartin, esta última interpretou para nós varias partituras atopadas na casa de Marcial Valladares e foi sorprendente escoitar alboradas e muiñeiras nas coradas dunha guitarra clásica. Mentres eu comprobaba cantas das estrofas do cancioneiro foran usadas tamén por Rosalía de Castro en Cantares Galegos. Foi un acto fermoso.
Xa ás 20 horas iniciouse o convivio, é dicir a cea en que participabamos escritoras e escritores galegos e portugueses. Actuou Uxía de novo, magnífica coma sempre, e interveu Elías Torres, así como un profesor da Universidade de Miño ou o último presidente da Asociación de escritores de Braga (en Portugal dáse isto, asociacións de escritores de carácter local que ademais actúan como editoras) hoxe desaparecida, segundo me comentaron polo cansazo dos seus directivos e a falta de relevo.
O raro foi que compartiamos sala cunha festa de licenciatura e unha despedida de solteira, así que mentres falabamos de cuestións literarias e lingüísticas non podíamos evitar distraernos mirando para as esposas, antefaces e chicotes de xoguete que lle agasallaban á moza casadeira, por certo moi nova, ou reparar na indumentaria da licenciada, con capa da tuna e sombreiro de tres puntas. A cousa rematou cantando todos xuntos ?As sete mulleres do Miño? e ?Rama, oh linda rama?.
|
|
|
|
Deixa o teu comentario |
|
|
|
|