acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Viva o Correlingua!

Imaxe do Correlingua en Salceda de Caselas. Desde a organización saudando ás e aos asistentes. Acompáñanme no palco Marcos Besada, alcalde de Salceda, e Tere Pérez, concellira de cultura.

Desta volta o artigo de A Nosa Terra fala do papel do alumnado no Correlingua, por se alguén non o coñecera:

Viva o Correlingua!

No curso 2000-2001, a CIG-Ensino, a AS-PG e A Mesa poñiamos a andar o Correlingua, contando na organización cos concellos de Pontevedra, Vigo, Compostela e Lugo.

Aquel curso non era titora de ningún grupo e ía axudar os meus compañeiros e compañeiras titores no acompañamento do alumnado que ía participar no Correlingua do Baixo Miño.

Mais o alumnado dun curso de 3º da ESO aos que lle daba aulas mudaron a miña responsabilidade. Un día, no medio da aula, comunicáronme que non podían participar porque o seu titor non nos ía acompañar e que se querían acudir a ela precisaban dun profesor ou profesora que fose canda eles. E pedíronme que os acompañase, e fíxeno. Era a súa decisión e eu a forma de levala a cabo.

Este ano, cando os vía baixar pola rúa Vitoriano Pérez Vidal, camiño da Praza do Concello de Salceda de Caselas, vin unha marea de rostros mozos que superaban todas as expectativas numéricas. Ordenados, mais atentos e participativos, seguiron cos ollos moi abertos as actuacións do escenario. Ao rematar, metinme no medio e pregunteilles se lles gustara a festa e a súa resposta non foi un simple si, senón un si longo e agudo de satisfacción.

O seu entusiasmo participativo é a mellor recompensa para o longo traballo que a actividade nos depara ano tras ano. Velas e velos encher o teatro Principal o día da presentación da actividade, escoitalos ao recolleren os premios, cunhas intervencións dignas de adultos conscientes e sabios, fai que sexamos nós os que nos sintamos orgullosos deles e delas.

O Correlingua é para elas e para eles, mais son eles e elas os que fan o Correlingua. A organización, nós, soamente procuramos unha frase, ou sexa, un pretexto que é o punto de partida para eses magníficos traballos en que a mocidade demostra que ten argumentos e sabe utilizalos, que están no mundo, que están atentas e atentos, que saben da realidade que os rodea, que pensan por si mesmos. Que teñen unha imaxinación sen límites para regalarnos os ollos e os oídos, para poñer movemento nos nosos pés a ritmo de idioma propio.

Merecen todo o noso esforzo.

Son eles o motor que move o Correlingua, a súa razón de ser e o seu éxito.

Por iso as mañás de maio ilumínanse ante esta aposta de futuro.

Viva o Correlingua!
Comentarios (2) - Categoría: artigos - Publicado o 06-05-2011 17:12
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
2 Comentario(s)
1 ola bos dias Marta Dacosta.
Son unha rapaza do C.P.I Eusebio Lorenzo Baleiron e estou elaborando un traballo sobre vostede e gustariame komunicarlle unha pregunta eque fose tan amable de responder.
a pregunta e a aseguinte:
-na sua carreira literaria quen foi a persoa que mais a apoiou e dicir que lle#blgtk08# dou forzas para seguir adiante co seu proxecto eque na vez de quitarlle o seu soño lle dixo:-non pasa nada ti suigue para adiante asta onde cheges?

Foi un pracer facer o traballo sobre vostede. Agora so me falta este anaco e agradecerialle moito que mo contestase.

un bico e gracias.
Comentario por lidia (13-06-2011 10:00)
2 A ti #blgtk08#Lidia
Comentario por Acuática (20-06-2011 21:44)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática