acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Cinsa no Diario Cultural
Entre os días 23 e 27 de marzo, o Diario Cultural acolleu cinco poemas de Cinsa. Tamén unha entrevista en que falei do libro:


Comentarios (0) - Categoría: Cinsa - Publicado o 27-03-2015 17:55
# Ligazón permanente a este artigo
Falando co alumnado de 2º da ESO
O martes 17 achegueime ao IES Santa Irene, Vigo, convidoume Carla, unha alumna de 2º da ESO coa que teño algún lazo familiar. Era unha especie de sorpresa para as e os seus compañeiros de aula.

Todo comezou cando a súa profe de lingua, Susana, propuxo que lesen poesía. Ao principio foi difícil, mais logo foron atopando poemas cos que ían conectando. Tamén fixeron algún traballo, como Carla, que preparou unha presentación sobre unha autora que, cando a profe lles levou as primeiras propostas fíxoselle familiar, e claro, érao. Ademais da presentación, contactou comigo para pedirme que un día me achegase á aula. E aló fun.
Carla presentoume e tamén falou de cales foran os poemas que máis lle gustaran, unha información moi, moi valiosa para min. Eran os poemas “Abres o caixón”, páx. 13 e “Memoria do que non queda”, páx. 6.

Ela leu os poemas. Logo entre todas e todos fixéronme unha entrevista. Preguntas que non sempre é doado responder, mais que eu respondín como mellor souben, fiel a esa capacidade de falar sen parar. E rematei lendo un par de poemas, un deles (1972), un poema que, desde o persoal e o propio, a visión dunha nena de cinco anos sobre a folga obreira antifascista de 1972, quere acadar o colectivo, como unha pequena peza do crebacabezas co que compoñemos a nosa historia. Unha visión da folga obreira desde dentro da casa, onde a muller non asalariada, a que nos documentos de identidade de entón tiña por profesión S.L. (“sus labores”) era a responsábel de pór un prato de comida na mesa, aínda que non entrase un peso na casa. Un labor que esixiu imaxinación e sacrificio, desde ter que desfacerse de todas as pitas do galiñeiro, até rebaixar o leite con auga ou non cear, excepción feita da cativa da casa. E elas, as que fixeron equilibrios entre a cociña e a mesa, nunca forman parte dos libros de historia.

Grazas a Carla por compartir estes poemas e convidarme á súa aula. Grazas aos seus compañeiros e compañeiras e á súa profe, Susana, por facer de min unha ferramenta de difusión da poesía.


(1972)

Miña nai ía diante co coitelo disposto
eu seguíaa entre hipnotizada e medrosa
para agarrar as patas lixadas do bicho
mentres ela o apertaba con forza
e retorcía o seu pescozo.
Exactamente sempre así,
e un golpe veloz sobre a alma retorcida,
a presión exacta
e o sangue caía en fervenza violenta
para estrelarse no fondo da cunca branca.
Aínda tiña calor aquel corpo morto,
aínda quería mover as patas inservíbeis.
Un mazo de plumas decapitado,
afogado en auga candente.
Ao día seguinte o callón adornaba a fonte
coa súa cor escura e unha forma improbábel,
forma de cunca e burbulla
que non podía nin tocar.

Aquel ano,
miña nai sacrificou lentamente o galiñeiro,
o meu pai chegaba na noite clandestina,
cos zapatos perdidos na carreira cega,
o tío tirábase desde o sexto colgado dun palangre,
era o medo gris,
o medo gris,
gris como a lousa en que o xiz branco
gravou nos meus ollos para sempre,
inexplicabelmente,
unha data de 1972.
Comentarios (0) - Categoría: Cinsa - Publicado o 18-03-2015 14:44
# Ligazón permanente a este artigo
Reedición de Cinsa

Velaquí o enlace para descargar o libro: CINSA


Comentarios (0) - Categoría: Cinsa - Publicado o 13-03-2015 08:42
# Ligazón permanente a este artigo
(14 de xuño de 2004)
Arquivo Marta DacostaEse día morreu o meu avó, Xesús Alonso Covelo, despois de loitar contra a fuxida das lembranzas e, cousas da vida, mentres rescataban os mortos do Bahía.
Secou a pel contra o vento do mar. Loitou por alimentar as súas fillas. Renunciou a todo por amor, como antes del fixera a avoa da súa namorada, a miña avoa Saladina.
Tiña oitenta e catro anos, e unha dura vida ás costas.

Deixoume os mesmos ollos e esta teimosía contra a inxustiza.

Con este poema péchase Cinza.
Comentarios (0) - Categoría: Cinsa - Publicado o 16-02-2010 09:42
# Ligazón permanente a este artigo
24 de xullo en Bonaval

Un poema feito para a ocación, mais que ten moito de íntimo e persoal.
Comentarios (0) - Categoría: Cinsa - Publicado o 15-02-2010 12:07
# Ligazón permanente a este artigo
(1999 Peitieiros)
Foto Marta Dacosta
Desde 1998 este é o lugar en que vivo.
Aquí sigo aprendendo a vivir... e a cociñar rabaquetas.
Comentarios (0) - Categoría: Cinsa - Publicado o 14-02-2010 10:45
# Ligazón permanente a este artigo
(10 de xullo de 1978)
Arquivo Marta Dacosta
Reproduzo o poema novamente, para mellorar a súa lectura:

(10 de xullo de 1978)

Papas de arroz:
Un paíño de canela na man
é o arrecendo que nos envolve,
que escarva na memoria e fai saír
a lembranza máis doce dos poucos anos,
da pequena estatura remexendo,
tirando o limón e a tona,
mesturando arroz, azucre e canela.
A mesma camisa azul,
os chichos de sete anos
e a mornura do leite e o arroz,
case sen espesar, cando chegaba a noite.
Cun paíño de canela traio ao presente
as paredes brancas e as lacenas de obra,
as mesmas en que me agachaba
o día que escoitaba unha canción para min.
Foi case a primeira casa,
a casa das papas de arroz,
das patacas loiras,
dos fritos, con pouco leite,
da carioca que mordía o rabo.
A casa en que xoguei soa
e a cociña era un mundo en si mesmo,
un mundo cunha ventá aberta
sobre o camiño que viña da escola,
que ía a ningures,
o camiño que observaba e repasaba,
mentres cantaba á soidade.

As mesmas papas de arroz
que callaron un día,
tal como ensinaban as anciás,
no vómito e no anuncio do meu sangue.

Comentarios (2) - Categoría: Cinsa - Publicado o 12-02-2010 20:19
# Ligazón permanente a este artigo
(1971)
Comentarios (0) - Categoría: Cinsa - Publicado o 09-02-2010 17:36
# Ligazón permanente a este artigo
(1970)
Arquivo Marta Dacosta
Aínda lembro perfectamente o medo daquelas noites posteriores á morte do meu avó. Daquela durmía coa ventá aberta e a luz entraba e proxectaba estrañas sombras. Eu víao a el, a Aurelio Dacosta Alonso, canteiro de Matamá, que morreu de silicose despois de anos batendo pedras.
Comentarios (4) - Categoría: Cinsa - Publicado o 08-02-2010 20:58
# Ligazón permanente a este artigo
(Matamá 1947)
Arquivo Marta Dacosta
Meu pai, sentado e sen boina.
Comentarios (0) - Categoría: Cinsa - Publicado o 07-02-2010 10:58
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Acuática