acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Parabéns a Agustín Fdez Paz
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 17-11-2010 16:54
# Ligazón permanente a este artigo
A literatura galega de hoxe ante o seu idioma
Este era o subtítulo da mesa de onte, que non sen intención tiña como título o verso de Letanía de Galicia: "Recóllote i érgote no verso enteiro"

Como todas as mesas do Encontro desenvolveuse con moito dinamismo e participación e cunha confluencia importante ante a situación do idioma, un idioma que non é só a ferramenta de traballo de escritoras e escritores, senón a razón, única, central, primeira... polo que son escritoras e escritores.

Hai algunhas diferencias xeracionais, cando menos esa é miña percepción, por iso, como coordinadora da mesa, fixen unha última intervención centrada en dous aspectos:

1. Hai que rematar co maltrato. As falantes, como as mulleres maltratadas, acabamos por asumir a culpa: o discursos dominante de que somos intransixentes, agresivas, atrasadas nas propostas, carentes de imaxinación, que non estamos no mundo de hoxe... Se se perden galego-falantes é por culpa do profesorado que nos ensina colocar os pronomes, insiste no vocabulario, preocúpase de que saibamos o xénero das palabras que usamos (e como imos falar correctametne se non?)...

2. Cómpre, a día de hoxe, sermos como Daniel Castelao, Rosalía de Castro, Manuel Curros, Victoriano Taibo, Ricardo Carvalho, Manuel María... é dicir, escribir no noso idioma e ter unha posición visíbel sobre o seu futuro, ou basta con "facer a escolla" de escribirmos en galego?

Como sempre, temas coma este non saen nos medios, ademais de que onte tivemos a competencia de quen xa sabedes. En todo caso podemos ler unha boa reportaxe en Maré (www.galiciahoxe.com).
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 07-11-2010 12:07
# Ligazón permanente a este artigo
Conclusións do XXVII Encontro Galeusca
Reunidos en A Coruña, entre os días 29 de outubro e 1 de novembro de 2010, as asociacións de escritores galegos, bascos e cataláns, ao redor do tema “A literatura en galego, éuscaro e catalán: unha viaxe con futuro”, concluimos que:




1. Demandamos do goberno central garantías e respecto equitativo e de adecuación de políticas de fomento e divulgación das nosas literaturas nacionais en pé de igualdade coa literatura escrita en lingua castelá.
2. Denunciamos as actuais políticas estatais de afronta e negación dos nosos idiomas nacionais, coa pretensión de anularen o principio de progresión recollido no espírito e na letra da lexislación vixente. Neste sentido, lembramos o contido do artigo 3.3 da Constitución Española de 1978 que impón ao goberno do estado obrigas de apoio efectivo para as linguas cooficiais: éuscaro, catalán e galego.
3. Reivindicamos a necesidade dunha maior presenza cualitativa e cuantitativa das nosas literaturas nacionais nos curriculos oficiais escolares para as etapas de ESO e Bacharelato.
4. Facemos constar o noso rexeitamento rotundo á aprobación, unilateralmente imposta polo goberno galego, do Decreto 79/2010 para o plurilingüismo no ensino non universitario que, por primeira vez na historia da democracia, fai retroceder a presenza horaria e a consecuente posibilidade de aprendizaxe, para a mocidade e infancia, do idioma galego, propio e oficial de Galiza, que afonda na súa condición de lingua minorizada e supeditada á hexemonía do castelán.
5. Denunciamos a regresión na política de investimentos en cultura por parte da Xunta de Galicia, que imposibilita o desenvolvemento ascendente e normalizado da actividade cultural vinculada ás industrias do sector e co propio proceso creativo de autores e autoras nas súas diferentes manifestacións artísticas.
6. Mostramos o noso desacordo coa recente convocatoria, por parte do goberno galego, dos agora chamados Premios de Creación, polo seu rexeitamento do cualificativo “Nacionais” co que naceron no seu día e pola anulación da dotación económica que conlevaba esta mención de recoñecemento.
7. Finalmente, entendemos que, nestes tempos de globalización, se fai aínda máis necesaria a defensa dos sinais de identidade dos pobos e de todas aquelas manifestacións nacionais que resisten o intento recentralizador dos grandes poderes políticos e económicos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 01-11-2010 10:42
# Ligazón permanente a este artigo
XXVII Galeusca na Coruña
Por sorte, hoxe dous dos medios de comunicación fanse eco da roda de prensa ofrecida onte na Coruña polas tres asociacións de Escritores e escritoras: a galega, a basca e a catalá, con motivo da celebración da XXVII edición de Galeusca.

Ao rematar as mesas de onte, un membro da delegación catalá sinalaba a necesidade de reflexionarmos e posicionarnos sobre a situación das nosas linguas e literaturas. Unha vez máis. Persoalmente comparto que, no contexto presente, cómpre incidir novamente na falta de proxección e visibilidade das nosas culturas, reclamar que os medios de comunicación de todo o Estado atendan tamén ás nosas obras, e as recomenden, procurar un canle de comunicación directa entre as tres culturas, pensar en circuítos de difusión que nos permitan rendibilizar entre nós os nosos produtos culturais...

É certo que en case todos os Galeuscas sacamos este tema, uns ou outros. Mais tamén é certo que así seguirá sendo, debe seguir sendo, mentres non academos eses obxectivos básicos.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 31-10-2010 11:55
# Ligazón permanente a este artigo
Catulo en galego
Acabo de descubrir algo fantástico. O meu profesor de latín de 3º de BUP, alá por 1982-83, Xose Manuel Otero, ten un blog sobre literatura clásica. E como non, alí están os poemas de Catulo que el mesmo traduciu.

Deixo aquí este poema, que un día o noso profe nos fixo memorizar en latín antes de sabermos que significaba realmente. Naturalmente protestamos, que ía dicir unha aula chea de rapazas e algún rapaz de 16 anos. Tempo despois comprendín a razón e felicito ao meu profe: aínda é hoxe o día que lembro como comezaba este poema:

"Quaeris quot mihi basationes
tuae, Lesbia, sint satis superque"




7: MÁIS BEIXOS QUE ESTRELAS

Pregúntasme cantos beixos
teus, Lesbia, me colmarían.
Tantos como area libia
cobre a laserpicífera Cirene,
entre o oráculo de Xúpiter ardente
e a tumba sagrada do mítico Bato,
ou como milleiros de estrelas que cando cae a noite
axexan os amores furtivos dos humanos.
Comerte a beixos
colmaría ó adoecido Catulo,
para que non poidan contalos os curiosos
nin enmeigalos unha mala lingua.


(no cadro, Lawrence Alma-Tadema retrata o poeta e a amante)
Comentarios (3) - Categoría: Xeral - Publicado o 28-10-2010 20:31
# Ligazón permanente a este artigo
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 28-09-2010 15:03
# Ligazón permanente a este artigo
Adeus a Dora Vázquez
Unha noite desas solemnes e quedas do xullo, contaban as estrelas ás auras lixeiras a historia de amor dun reiseñor e unha tímida rosa. A mesma rosa que arrastraba a corrente dun arroio que a lúa bañaba con fulgores de prata.
Contábanlle que o canto do reiseñor era algo marabilloso. Os seus trinos vibrantes e melodiosos acendían as noites. Nas mesturas dos soutos e as carballeiras, escoitábano os outros paxaros espertos i encantados. Nos seus buratos detiñan os grilos o son dos seus élitros, e as ras deixaban de croar nas lagoas para escoitalo. Todo quedaba calado, nun lánguido silencio, no que soamente a gorxa prodixiosa do reiseñor degrañaba as súas belas cantigas na escuridade da noite...


Cadros de amor
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 24-09-2010 15:09
# Ligazón permanente a este artigo
Proxectos e preocupacións
Comentaba o outro día que teño até finais de mes para realizar dous proxectos que me encargaron.
Un é o proxecto M. Nel tócame elaborar digamos o retrato en palabras dunha ducia de mulleres. Desde que mo ofreceron, ilusionoume, pois realmente apetéceme moito facelo, porque son, ademais, unhas mulleres moi especiais…
O segundo é o proxecto I, chegou máis tarde, sobre o día 9, máis ou menos, e este preocúpame un pouco, até o punto de pensar en declinar a proposta aos poucos días. Mais o certo é que tamén eu teño certa responsabilidade en que este tema saia adiante e, se non o acepto, haberá dificultades, así que … hai que facelo. Preocúpame porque teño moi pouco tempo (tres semanas que non son tales, senón horas soltas ao longo deses 20 días) e porque non depende soamente da miña capacidade creativa, senón que precisa algo de investigación e de coñecemento. Fareino o mellor que saiba e, desde logo, coa maior entrega. Trátase dun itinerario por unha cidade galega e é moi difícil facer algo diferente, así que vou optar por un percorrido moi persoal, que penso que non é completamente habitual, e máis ca un percorrido real, vou facer un percurso da imaxinación.
O que dicía, que até que remate con eles non darei pensado noutra cousa.
Comentarios (4) - Categoría: Xeral - Publicado o 18-09-2010 23:46
# Ligazón permanente a este artigo
Aqueles anos 80
arquivo Marta Dacosta
Non se poden ordenar os papeis... de súpeto comezas atopar cousas. Iso foi o que pasou onte.

Entre outros atopei este exemplar de Castrellis do ano 84, mira ti, e fun atopar nel un bo resumo do que levo dito que foron para nós aqueles anos de movida. Así que aí queda, con erros ortográficos e todo, esta portada interior deseñada por Tokio (a revista viña dentro dunha funda de LP feita para a ocasión).

Que novos eramos!!
Comentarios (8) - Categoría: Xeral - Publicado o 21-08-2010 11:41
# Ligazón permanente a este artigo
Os morcegos de Mafra
arquivo Marta DacostaInmensa. Así é a biblioteca do convento de Mafra. A mastodóntica afirmación imperial de João V nas terras do norte de Lisboa. O seu xeito de facer ostentación pétrea do seu poder, a custe do ouro do Brasil, ou o que é o mesmo, a custe do sangue brasileiro.

A biblioteca dependía dos franciscanos, que habitaban o convento, até que o Marqués do Pombal decidiu instalar alí os agostiños buscando unha saída ao elevado custe de mantemento dos franciscanos. Foron os agostiños os que edificaron a biblioteca tal e como hoxe a coñecemos. Anos máis tarde a biblioteca volveu ás mans dos franciscanos que son os responsábeis da súa organización, que aínda perdura hoxe.

Non hai nada casual. A biblioteca ocupa esa parte do edificio por ser onde se daban as mellores condicións climáticas. O fondo dos andeis non toca coa parede para impedir que a humidade chegue aos libros que, por súa vez, tampouco tocan o fondo.

A biblioteca garda incunábeis como a Opera Omnia de Homero, ou a 1º edición da Enciclopedia de Diderot e D’Alambert.

Mais o que máis me sorpredeu foi saber que hoxe os expertos na súa conservación son os morcegos. Dentro da biblioteca viven os pipistrellus e rhinolophus que se encargan expresamente de devorar todos os insectos que pretenden atacar os libros, manxares de fariña e sementes cos que un día foi feito o papel e a cola que o engoumou. Así libros e morcegos habitan aquel enorme espazo, beneficiándose mutuamente.

Poderán os morcegos, cos seus radares diminutos, adiviñar que alí, no segundo andar, xusto onde pon “Miscelânea vária”, agardan, perfectamente ordenados, os libros prohibidos outrora?
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 16-08-2010 12:06
# Ligazón permanente a este artigo
[1] ... [5] [6] [7] 8 [9] [10] [11] ... [26]
© by Abertal
Acuática