acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

canteiros e arquitectos
Peza de Aurelio DacostaEste día 17 asistín á xeira que sobre Antonio Palacios organizou o IEM en Nigrán. Fomos convocados en Panxón, onde visitamos o templo votivo do mar e escoitamos una interesante charla de Xosé Ramón Iglesias que nos ilustrou, non só sobre a obra de Palacios, senón tamén sobre a arquitectura da súa época, principios do século XX. Entón, arquitectos como Palacios e Gómez Román realizaban unha arquitectura marcadamente galega dando protagonismo aos materiais do país e á arte que definiu as nosas paisaxes humanas: o románico e o barroco galego.

Os deseños e as ideas destes arquitectos fixéronos realidade os canteiros galegos cos seus ciceles e marretas… Na charla descubrín que, case con total seguridade, o meu avó, o canteiro Aurelio Dacosta Alonso, máis coñecido como o Pisco, de Matamá, traballou para e con Gómez Román, concretamente na construción dalgunha das casas da zona de Peniche, en Vigo.

O meu avó morreu de silicose, como tantos canteiros, como o escultor Francisco Asorey. Di o seu fillo que facía as súas obras seguindo un plano mental. Das dúas pezas que conservamos del na casa, eu herdei esta escultura, que por ser unha muller atada a un poste sempre identifiquei con Xoana de Arco… Non sei que representa, ninguén o sabe, nin para que foi feita, mais é parte do legado familiar dun home que coas súas mans edificou unha cidade da que quedan poucas testemuñas do que un día foi.
Comentarios (2) - Categoría: Xeral - Publicado o 18-08-2011 10:35
# Ligazón permanente a este artigo
habitar en paz este planeta
O sábado fomos ao cine. Esa mañá escoitamos un comentario sobre “A orixe do Planeta dos Simios” que facía o filme apetecíbel, e nós xa tiñamos algo de gañas de velo. Así que para combater a poalla de agosto alá fomos.

A película non ten nada de particular. Moita publicidade e nada máis. Mais o que me interesaba dela, o que me gustou, foi o debate que propicia, a reflexión. Tanto O planeta dos Simios como esta nova entrega permítennos dialogar sobre a supremacía da especie humana e a súa falta de respecto a outras especies, especies que teñen os mesmos dereitos de habitar en paz este planeta.

Creo que o que máis me gusta destas dúas películas é que cambian os papeis, é dicir, que nos sitúan a nós no papel da especie subordinada, secundaria, menos intelixente, utilizábel, por tanto, para a escravitude ou a experimentación científica. É dicir, ponnos na pel dos outros, unha das miñas tácticas favoritas para comprender as dimensións da realidade.

O outro día lin no Quercus de agosto o artigo "La poesía del conocimiento" de Martínez-Abraín, que reflexionaba sobre que o coñecemento científico é tamén un coñecemento poético que preserva a maxia da realidade, mais tamén dicía que nos permitía comprender que estamos en pé de igualdade con outras especies.

E todo isto vén a conto estes días, para situármonos, aínda que sexa coa imaxinación, tras a pancarta inspirada nas palabras de Castelao: “Lástima de bois!”

O artigo de Martínez-Abraín fixo que escribise un poema. O tema levábao dentro. Algunha vez xa falara diso. Calquera pequeno pretexto fai que volva a el. Curiosamente comprobo na rede que o autor do artigo de Quercus, o biólogo Martínez-Abraín é tamén poeta. Traduzo un poema seu

CRECER
Podería morrer mañá
e ter vivido unha vida de cans,
co meu único corazón mordido,
co meu único cerebro atado.
Prométovos
vísceras e órganos meus
que morreredes medrando e libres,
como a ondas do mar.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 08-08-2011 11:03
# Ligazón permanente a este artigo
O xurado
Creo que aínda non vira esta película de 2003, “Runaway jury”, “O xurado” segundo a versión para o español. Interesante crítica contra o armamentismo a través da manipulación dun xurado popular durante un xuízo. O filme está baseado na novela do mesmo nome. Gocei a película de principio á fin, momento no que descubrimos a razón que leva a Nicholas Easter, interpretado por John Cusack, a tentar manipular ese xurado.
Non esquecerei (e para iso a escribo aquí) esa escena no aseo en que Dustin Hoffman (interpreta a Wendell Rorh , o avogado da demandante contra a industria armamentística) lle di a Gene Hackman (un dos avogados da empresa): “un día perderá, porque non pode albergar tanta soberbia sen ser infeliz.”
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 16-07-2011 19:25
# Ligazón permanente a este artigo
O roubo do códice
É unha vergonza o que sucedeu hoxe.

Un códice de tal valor non pode estar nesas condicións. Para cando o Arquivo nacional galego? Para cando o noso patrimonio nas nosas propias mans?

Cheguei sentirme mal esta mañá. Ao fin e ao cabo, cando pensei en dedicarme á investigación comecei por estudar a sintaxe da lingua galega medieval nos Miragres de Santiago, cunha tesiña lida en 1992 no Salón de Graos da Faculdade de Filoloxía.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 07-07-2011 18:23
# Ligazón permanente a este artigo
Un mar de mulleres
Foto de TokioO sábado, nas VI Xornadas de Pesca organizadas pola Confraría do Pindo, presentei e falei do proxecto Un mar de mulleres. Lamentabelmente non estaban Paula e Luz para escoitar os parabéns que moitas traballadoras do mar me trasladaron.

Ao pé da exposición, vimos de novo o vídeo e falamos de como levamos adiante o proxecto e para que: “visibilizar o traballo das mulleres no mar. Por tanto un chanzo fundamental nesa sucesión de pasos que as mulleres temos que dar para acadar o espazo que nos corresponde.”

Expliquei que a miña era a parte máis pequena do traballo e cales foron as dificultades de me enfrontar a el: “relatar sucintamente a biografía destas mulleres, mais facelo reinterpretando, manufacturando a través da palabra literaria esa información, coma quen prepara unha patela para presentala ás súas destinatarias”.

E rematei considerando a importancia de feminizar o mundo do traballo, é dicir, xeneralizar a organización e o modelo de traballo artesanal que estas mulleres representan, como o mellor medio para realizarmos unha explotación sustentábel do noso medio. Que o que fagamos non sexa: “Pan para hoxe e fame para mañá”.

Enriba da mesa quedaron os retos que as entrevistadas deseñaron coas súas propias palabras:
- Rachar o teito de cristal e dirixir as entidades en que nos organizamos, por exemplo incrementando a presenza de patroas maiores, que a súa existencia non sexa unha anécdota.
- Sentirnos acompañadas nas nosas reivindicacións polo conxunto da sociedade e que esta comprenda que é ela mesma a que se beneficia de que as mulleres ocupemos o espazo que nos corresponde.
- Estandarizar os modos das mulleres, unha forma de traballar e de organizar o traballo feminina.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 27-06-2011 18:55
# Ligazón permanente a este artigo
Día do Medio Ambiente
manifestación do cinco de xuño en Muros
Dóeme a terra
porque a levo dentro.
No óco dos osos teño terra negra
e landras de carballo.
Dóeme a terra da alma,
as vísceras, os cogomelos dos ollos
nos outonos perennes,
cando son lebre amedrentada.
A terra da carne dóeme
e as árbores que levo nas entrañas.

Lembro este poema de Pel de ameixa para este día: 5 de xuño día do Medio Ambiente.

Esta mañá percorremos a distancia que separa o centro de Muros do muíño da Acea, porque conservar as nosas rías é unha garantía de futuro.
Comentarios (3) - Categoría: Xeral - Publicado o 05-06-2011 21:51
# Ligazón permanente a este artigo
Feira do Livro de Braga.

Braga, como outras cidades, confunde os visitantes. Levounos un anaco atopar o primeiro sinal que nos conducise á Feira do Livro.

Cando por fin chegamos, o primeiro que atopamos nun dos corredores foi unha monxa co seu hábito branco e azul celeste e unha vasoira e un recolledor na man. E logo? Pois tiñan o seu propio stand.

Uxía xa estaba actuando e foi a súa voz a que fixo que chegasemos ao lugar certo. Ao cabo dun tempo estabamos xa intervindo nós, nove persoas presentadas por Elías Torres.

Eu falaba en nome da AELG, así que tratei de explicar o máis rápido que puiden, xa que eramos moitas e moitos a intervir, que é a AELG e cal é o seu cometido fundamental. Demostrei en dez minutos cal é o meu carácter, así que a escritora Bernardete Costa acabou por dicirlle aos compañeiros portugueses que alí estaban que precisaban unha persoa que os defendese con tanto empeño coma min.. eu só fago o que podo, cando podo.

De alí partimos ao edificio da Universidade do Miño para asistir a unha presentación do libro Ayes de mi país, un cancioneiro recompilado por Marcial Valladares en 1867 e publicado agora nunha edición acompañada de varios estudos por José Luís do Pico Orjais e Isabel Rei Sanmartin, esta última interpretou para nós varias partituras atopadas na casa de Marcial Valladares e foi sorprendente escoitar alboradas e muiñeiras nas coradas dunha guitarra clásica. Mentres eu comprobaba cantas das estrofas do cancioneiro foran usadas tamén por Rosalía de Castro en Cantares Galegos. Foi un acto fermoso.

Xa ás 20 horas iniciouse o convivio, é dicir a cea en que participabamos escritoras e escritores galegos e portugueses. Actuou Uxía de novo, magnífica coma sempre, e interveu Elías Torres, así como un profesor da Universidade de Miño ou o último presidente da Asociación de escritores de Braga (en Portugal dáse isto, asociacións de escritores de carácter local que ademais actúan como editoras) hoxe desaparecida, segundo me comentaron polo cansazo dos seus directivos e a falta de relevo.

O raro foi que compartiamos sala cunha festa de licenciatura e unha despedida de solteira, así que mentres falabamos de cuestións literarias e lingüísticas non podíamos evitar distraernos mirando para as esposas, antefaces e chicotes de xoguete que lle agasallaban á moza casadeira, por certo moi nova, ou reparar na indumentaria da licenciada, con capa da tuna e sombreiro de tres puntas. A cousa rematou cantando todos xuntos “As sete mulleres do Miño” e “Rama, oh linda rama”.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 08-05-2011 11:27
# Ligazón permanente a este artigo
Pra Não Dizer que Não Falei das Flores
Estes días volvín escoitar a Charlie Brown Jr. e reparo nesta canción que non me sae da cabeza:



Grazas a internet hoxe podo saber que é unha versión da necesaria canción "Pra Não Dizer que Não Falei das Flores" de Geraldo Vandré:



Tamén na música, como na literatura, a primeira nova que tiven desta canción foi na versión de Ana Belén.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 16-04-2011 09:49
# Ligazón permanente a este artigo
para que non exista
INVISIBILIDADE: “relativo á discriminação social das mulheres... aquilo que não se vê não existe.”, Dicionário da crítica feminista de Ana Gabriela Macedo e Ana Luísa Amaral.

A invisibilidade é un feito.

Normalmente atribuímola á discriminación á que nos someten os representantes da sociedade patriarcal, interesados en manter unha determinada imaxe da muller, polo que ignoran o que é realmente e cales son as súas capacidades, porque ... aquilo que não se vê não existe.

Mais existe outro tipo de invisibilidade, non executada cun obxectivo de xénero.

A invisibilidade á que te someten por manter unha posición, por situarte sen ambigüedades, por non ocultarte, por loitar.

Entón, clasifícante, simplifícante, négante.

Non te escoitan, non te len, para que ... aquilo que não se vê

não exista.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 08-04-2011 17:55
# Ligazón permanente a este artigo
Rosalía, estranxeira na súa patria
Organizado pola Asociación Cultural O Castro:

ROSALÍA DE CASTRO, UNHA ESTRANXEIRA NA SÚA PATRIA


con

Francisco Rodríguez Sánchez

XOVES 7 DE ABRIL

20.00 a 21.30 Horas

Casa Galega da Cultura - Vigo

Praza da Princesa, n.º 2


Tan só pola extensión e calidade da súa obra merece un espazo propio no andel da literatura universal xunto a Harriet Beecher Stowe (A cabana do Tío Tom) ou Mary Shelley (Franskentein) ou Virgina Woolf (As ondas). Debemos considerar, ademais, o feito de que, de entre os movementos nacionalistas do Século XIX, ela é a única «poeta nacional». Correspóndelle por méritos propios unha cadeira á beira das grandes figuras da literatura occidental da altura; case a única muller entre eles.
Para observala, podemos optar por dous lentes posíbeis. O primeiro, con diferentes tons, móstranos unha nai, ou unha santa, ou unha matriarca, ou unha orfa, que canta e que chora, dando tombos, sen coherencia nin contradicións, como atordada, como o reflexo dunha persoa nun espello escachado. O segundo, en troca, insinúanos unha muller contraditoria e excepcional, condicionada polas súas circunstancias vitais, contra as que loitou e ás quizais acabou por vencer logo de morta.
Francisco Rodríguez optou desde hai moito tempo por este segundo lente para os seus traballos. Con bastante seguridade, podemos afirmar que estamos diante do ensaio máis completo sobre esta figura até o momento. Agardamos que este monumental volume de 700 páxinas sirva de revulsivo para afondar no coñecemento da nosa literatura porque Rosalía de Castro (1837-1885), «a primeira entre os primeiros», segue a ser unha descoñecida na súa terra.

Rodríguez Sánchez, Francisco. Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria (a persoa e a obra de onte a hoxe). Asociación Socio-Pedagóxica Galega, 2011.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 04-04-2011 20:45
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Acuática