acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Argola
Argola está impreso e á venda.
Sae á luz grazas a que foi merecedor do I premio de poesía O Figurante, xunto co libro de Eli Ríos, María.

Publícao, loxicamente, O Figurante Edicións e o deseño da portada é de Tokio, Alfredo López.

Eu, claro, estou encantada. Así que deixo aquí o primeiro poema, o adro deste libro para que o vaiades coñecendo un pouco máis.





RELEDES o pasado
e cómplices aceptades a mentira
a ocultación de todo o que legamos
dos usos que non puideron derrubar
enraizados na base da vida
nos piares das casas en pé

traduciron ao seu xeito a nosa herdanza
escribiron ao seu modo esta memoria
apropiáronse do que os reforzaba
e fixeron de nós inspiración divina
ferramenta útil para a alienación dos corpos

e así refixeron as noites sen rubor
envolvendo no mesmo relato concupiscente
as horas da vida e o desexo
co insán obxectivo da condena
colgando da historia o sambenito da impudicia
castigando para sempre a carne perfumada
aniquilando a liberdade
construíndo unhas novas argolas
escravos para sempre e por vontade
por amor ao seu único deus
Comentarios (0) - Categoría: Argola - Publicado o 18-12-2013 17:32
# Ligazón permanente a este artigo
Argola
Colaboración literaria na sección do IEM:


Poema pertencente ao libro Argola, que proximamente poderemos ver xa fisicamente, pois está a ser imprentado por Edicións o Figurante. O libro verá a luz despois de recibir, ex-aequo co poemario María de Eli Ríos, o I Premio de Poesía Figurante.

Cómpre dicir que o poema ten moito que ver, en canto á súa ambientación, con algunha xeira nocturna do IEM.

Sirva pois de presentación a este novo libro.

FALABAN de afogadas que chegaban do leste
baixando por entre as fentas e os toxos
precedidas pola luz de Iupiter
que se erguía dominador do ceo
até que Luna inundaba as valgadas da serra
e deixaba entrever
ao fondo de Sagittarius
o centro mesmo da galaxia
a vulva da que naceu a vía láctea

como as estrelas que atravesan o ceo
as mulleres xurdían do cume da serra
e baixaban cara ao mar
iluminando a beira gorentosamente
apetitosamente para os navíos fatigados
que se lanzaban contra as rochas
ansiosos da calor das femias
coa gula dominando os seus sentidos
bébedos de tesouros brillantes
prometidos na porta do Senado
pago por unha vida de violencia
ao servizo do Imperio

porca retribución orzamentada nos saqueos
mentres deseñan unha longa entrada triunfal
despois de “pacificar” as terras afastadas
que o sol escolleu para morrer

xusto onde o mundo acaba


Comentarios (0) - Categoría: Argola - Publicado o 11-11-2013 18:37
# Ligazón permanente a este artigo
Entrevista sobre Argola
Entrevista emitida no Diario Cultul sobre Argola:



Comentarios (0) - Categoría: Argola - Publicado o 06-09-2013 08:57
# Ligazón permanente a este artigo
Varrendo a estela dos meus pés

... apaño unha punta de argazo
co que ir varrendo a estela dos meus pés espidos
porque quero borrar calquera marca
que lle permita recuperarme

(fragmento dun poema de Argola, lido no programa do Diario Cultural do 4 de setembro de 2013)
Comentarios (0) - Categoría: Argola - Publicado o 05-09-2013 08:25
# Ligazón permanente a este artigo
Argola
Nesta primeira semana de setembro, poden escoitarse poemas do meu libro Argola no Diario Cultural da Radio Galega, pechando o programa normalmente.



Comentarios (0) - Categoría: Argola - Publicado o 03-09-2013 21:57
# Ligazón permanente a este artigo
Paz universal?

Fragmento do poema que pecha o meu libro Argola, un libro que se sitúa historicamente dous mil anos atrás, mais que quere retratar a mesma ambición imperial que aínda nos domina. Hai un estraño paralelismo cos días de hoxe.



... sospeitan que fun desleal ao tirano
non hai probas, mais saben que procurei
con tento e con coidado destruír o seu tempo
de crueldade e orgullo, estragalo

eles non saben como, e por iso predican
que conculquei as normas que debía gardar
que fun impura, que son unha negra influencia

e de que outro feito poderían culparme
sen ter que revelar os seus ocultos vicios
esa fame de sangue coa que devoran pobos
esa cobiza inmensa que nunca se sacia
que ocultan co discurso da paz universal
mentres baten sen pausa no lombo dos escravos

...
Comentarios (0) - Categoría: Argola - Publicado o 30-08-2013 12:57
# Ligazón permanente a este artigo
Contra o colonialismo e a explotación

Onte día 20 de xullo, presentouse en Vigo o libro Versus cianuro, poemas contra a mina de ouro de Corcoesto, publicado por Caldeirón (aí está Paco Souto artífice da iniciativa, quen agradeceu a Elvira Ribeiro o apoio para sacar adiante o libro).

Nesta presentación quixen ler este poema de Argola que está directamente relacionado co tema que levou á edición deste libro: a explotación, o colonialismo. É a miña vinganza poética contra todos os imperialistas que expolian a nosa terra. Por iso imaxeinei unha estadea de afogadas que enganaban os barcos do Imperio e os facían naufragar na súa propia cobiza, ávidos do ouro que nos cumes da Serra da Groba, da que elas descenden, gardaba a nosa terra, pensando na entrada trunfal en Roma, cargados dun botín obtido do exterminio.



FALABAN de afogadas que chegaban do leste
baixando por entre as fentas e os toxos
precedidas pola luz de Iupiter
que se erguía dominador do ceo
até que Luna inundaba as bagoadas da serra
e deixaba entrever
ao fondo de Sagittarius
o centro mesmo da galaxia
a vulva da que nacera a vía láctea
pola que se guiaran nas noites

como as estrelas que atravesan o ceo
as mulleres xurdían do cume da serra
e baixaban cara ao mar
iluminando a beira gorentosamente
apetitosamente para os navíos fatigados
que se lanzaban contra as rochas
ansiosos da calor das femias
coa gula dominando os seus sentidos
bébedos de tesouros brillantes
prometidos na porta do Senado
pago por unha vida de violencia
ao servizo do Imperio

porca retribución orzamentada nos saqueos
mentres deseñan unha longa entrada trunfal
despois de “pacificar” as terras afastadas
que o sol escolleu para morrer

xusto onde o mundo acaba
Comentarios (0) - Categoría: Argola - Publicado o 21-07-2013 11:25
# Ligazón permanente a este artigo
Argola

Fallo do I Premio de Poesía Figurante

Fallo do I Premio de Poesía Figurante

Reunido o xurado do I Premio de Poesía Figurante na noite do 25 de xuño de 2013, decidiu por unanimidade concedelo a Eli Ríos polo seu libro Maria e a Marta Dacosta polo seu poemario Argola.

O xurado recoñece o valor literario das dúas propostas, salientando a pertinencia da mensaxe dende unha perspectiva feminista, a forza e intensidade das imaxes e o dominio dos diferentes recursos poéticos, así como do idioma, na amálgama que conforma un todo sólido e perfectamente coligado. Ademais, quere destacar a cantidade e calidade de propostas enviadas.

O premio consta da publicación das dúas obras en volumes independentes, o que se realizará ao longo do presente ano, nunha primeira edición de, como mínimo, cen exemplares, dos que se derivarán os preceptivos dereitos de autor.
Comentarios (0) - Categoría: Argola - Publicado o 27-06-2013 19:14
# Ligazón permanente a este artigo
[1] [2] [3] 4
© by Abertal
Acuática