acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Recensión de Argola da man de Xosé Manuel Eyré
O pasado 23 de febreiro, Xosé Manuel Eyré publicaba esta recensión de Argola en Galicia Confidencial.

Desde aquí o meu agradecemento pola súa lectura.

Nunca será suficientemente denunciado

Argola, o poemario de Marta Dacosta relata de xeito alegórico a situación na que se atopa a muller. Crítica de Xosé Manuel Eyré.
Por GC Tendencias | Vigo | 23/02/2014


Viva na época histórica que viva, é común que o ser humano pense que nunca se viviu mellor, que se crea no intre cimeiro da civilización humana ao non atopar noutra tantas comodidades como as que lle regalan a vida que vive. E, por outra parte, lonxe quedan aqueles primarios momentos nos cales se cría, se falaba, se pensaba nunha Idade de Ouro. Semella como se viviramos instalados nela, coma se xa transcenderamos a utopía mítica, malia as severas deficiencias que se observan nos nosos días, nos nosos días en que millóns e millóns de cativos están condenados a traballar para vivir e tamén condenados a non recibir ensino, no que millóns de nenos morren cada día mentres outros gozan de todos os privilexios da abundancia desmesurada. Exemplos como este non son excepción, son lexión, a auténtica excepción é que alguén de nós se preocupe e dispoña a facer algo para reparar tamaña inxustiza. Neste estado de cousas, Marta Dacosta escribiu o poemario que hoxe nos ocupa, no cal se denuncia unha das atrocidades nas que o xénero humano reitera contumazmente. Porque se silenciar a voz das mulleres ao longo da historia é un crime do cal nunca haberá arrepentimento abondo, nin moito menos é o único abuso cometido con elas, coa metade da humanidade.

Argola, este poemario de Marta Dacosta relata de xeito alegórico a situación na que se atopa a muller. Intemporalmente, porque sendo poesía que carece de marcas temporais, resulta perfectamente aplicábel a hoxe, perfecta e necesariamente aplicábel a calquera época da humanidade. E si, leron vostedes ben: un poemario que relata, un poemario alegórico que relata, pois trátase dun rexistro literario nada frecuente; poesía lírica, convencidamente poesía lírica que conta unha historia, unha historia duplamente alegórica, pois nace da sucesión metafórica (alegoría) particular da ficción escrita e á súa vez quere ser e é translación especular da situación de cada muller en xeral, unha situación á que se chegou logo dunha ocultación continuada e da aceptación cómplice da mentira que perpetúa a submisión da muller até o extremo inclusive de sentirse allea ao seu corpo. Velaí o tema central, ese tema que o noso título advirte como que nunca será suficientemente denunciado: a alienación do corpo das mulleres, pois o seu corpo, a carnalidade material do seu copo foi historicamente obxecto de mercantilización e iso obrigounas a renunciar a el en nome dos altos intereses do Imperio, en nome de intereses completamente alleos á súa condición de mulleres. Non só iso senón que as propias mulleres foron e son educadas para transmitiren este estado de cousas de xeración en xeración, para que as mulleres foran as argolas de cadea que as paraliza, que as inutiliza, que lles cega a rebelión necesaria pois ese estado de argola foilles inoculado como un ideal ao servizo da humanidade.

A nena de nove anos que o pai decide “vender” ao construtor máximo ( a simboloxía, obviamente, é alfabeto sen o cal non se pode ler o poemario ) será importante sempre que se sacrifique, que cale, que transixa, que non sexa ela senón o que os demais queren que sexa. A nena de nove anos, a que será gardadora do imperio se defende a súa pureza coa vida, ficará condenada a unha vida insatisfeita, a unha vida coa morte e a soidade como únicos destinos, malia os lembrados consellos da avoa, útiles mais insificientes para acadar liberación que lle evite o tráxico remate con que acabará a súa historia ( e nós non desvelaremos). A nena de nove anos, na obriga de defender o que non lle pertence, o seu propio corpo, ten capacidade literaria para ser unha nena de hoxe en día porque todas as nenas de nove anos da historia son a mesma e padecen alienacións semellantes ou inclusive aínda peores, se a estas se lles suman outras circunstancias das que a muller non pode excluírse por moi dura e trascendental que sexa a súa loita. Poque a loita da muller, como suxeito oprimido, non é a única loita de liberación, de modo que a súa é unha máis entre as loitas dos oprimidos do mundo, e particularmente deste mundo oprimido que é Galiza.

Eis, pois, un poemario tan narrativo como lírico, tan de hoxe como de sempre, un poemario apropiado para ler a calquera idade en que sexamos ( plural inclusivo) capaces de soñar un futuro mellor, un futuro mellor que só lograremos desde a rebeldía e esa é unha rebeldía que non pode excluír a rebeldía feminina contra a ocultación e mentira que as aliena. As cousas só seguiran sendo como son mentres permitamos que sigan sendo como son. Esa é a nosa responsabilidade.

Comentarios (0) - Categoría: Argola - Publicado o 26-02-2014 14:20
# Ligazón permanente a este artigo
Presentación de Argola na Pobra do Caramiñal. Resumo
O día 21 de febreiro, presentamos Argola no café A Trastenda, na Pobra do Caramiñal. No acto participou Xosé Manuel Casal, de A Trastenda, e Alberte Momán, de Edicións O Figurante.

Xosé Manuel Casal conduciu o acto e resumiu brevemente o contido do libro, sinalando a presenza das lendas de tradición oral. Pola miña parte engadín que se trata das lendas que aparecen xa no libro As amantes de Hamlet, e que falan das damas das pozas, mulleres que xorden das pozas en noite de lúa chea e baixan cara ao mar. Estas lendas son da parroquia de Mougás, no concello de Oia, mais parece que lendas semellantes existen noutros pobos costeiros como Moaña. No seu día estas lendas linas nun traballo escolar do IES Primeiro de Marzo de Baiona e sobre elas compuxen unha parte importante dos poemas de As amantes de Hamlet, sendo estes poemas a única testemuña literaria destas lendas, hoxe por hoxe. Estas personaxes, ás que eu chamo afogadas retornan a transitar os poemas de Argola, agora para simbolizar a nosa identidade.

Alberte Momán falou de O Figurante Edicións, de como se constrúe e articula o proxecto, que precisa vender os exemplares de cada edición para poder continuar coa seguinte. Tamén da vocación social das súas publicacións. Alberte tamén falou dos libros premiados neste primeiro certame, como os dous reflexionan sobre a identidade da muller.

Ademais na presentación contamos coa presenza de Tokio, autor da portada do libro, e a poeta Verónica Martínez Delgado, boa lectora de Argola, que gravou algunhas das intervencións.

O acto foi diferente e entrañábel, pois contamos coa participación do público que se animou a opinar e preguntar.

Grazas a toda/os.

Comentarios (0) - Categoría: Argola - Publicado o 26-02-2014 08:21
# Ligazón permanente a este artigo
Presentación de Argola en Compostela. Resumo
O pasado día 19 de febreiro presentamos Argola na Librería Pedreira de Compostela. A presentación foi organizada pola A. C. O Galo. Presentou o acto Marcos Maceira Eiras e falaron do libro Alicia Fernández e Brais Pedreira.

Alicia Fernández, quen me sorprendeu ao comunicarme que a lectura de Pel de ameixa, e outros libros doutras autoras, fora un dos motivos que a impulsou a escribir, fixo un percorrido polo libro sinalando tres núcleos temáticos: o corpo da muller, a relación co pai e a presenza do mundo mítico das lendas de tradición oral, ilustrando esta síntese coa lectura de diferentes versos.

Brais Pedreira centrou a súa intervención na análise dunha das liñas de lectura do libro: o corpo da muller como campo de batalla, ilustrando a súa intervención cunha imaxe dunha performance da artista guatemalteca Regina José Galindo, que pretende denunciar a utilización do corpo da muller en contextos de represión, unha imaxe que pertence a unha exposición de denuncia das inxustizas sociais: “Piel de gallina”.
Comentarios (0) - Categoría: Argola - Publicado o 21-02-2014 08:39
# Ligazón permanente a este artigo
Presentación de Argola na Pobra do Caramiñal
Comentarios (0) - Categoría: Argola - Publicado o 18-02-2014 22:37
# Ligazón permanente a este artigo
presentación de Miguel Anxo Mouriño

Escravizando lectores.

Así foi como titulou Miguel Anxo Mouriño o texto que leu na presentación de Argola en Gondomar.

ESCRAVIZANDO LECTORES
(Sobre o poemario Argola de Marta Dacosta)

Galicia está mediatizada pola auga, que flúe e inflúe no país onde se prodiga modulando a paisaxe, e cicela a xente que o conforma (e, con frecuencia, deforma) moldeando a nosa idiosincrasia e matizando a nosa cultura, crenzas, medos, ilusións, ... Galicia non se comprende sen a auga dos seus mares, dos seus ríos, do seu clima, dos seus pozos, dos seus mananciais, porque é con ela que se perfecciona e completa.

Isto sábeo e sénteo na súa alma (acuática, como sabedes) Marta, amante da líquida materia, coa que convive a diario e con ela comparte algúns dos momentos máis excitantes e gratificantes da vida, os momentos da creación literaria, pois a auga (o mar, o río, as pozas ...) está presente en todas as súas obras...

o libro que hoxe presentamos denuncia un tipo de escravización no que a persoa afectada é, aparentemente, favorecida con bens materiais a custa de renunciar; renunciar á terra, renunciar á cultura, renunciar á familia, renunciar á autenticidade, .... mesmo renunciar ao amor. Podemos evocar ao longo da historia infinidade de escravizacións coma esta: dende a doma de Galicia, na que os nobres chamados a conducila foron expatriados mediante saborosas compensacións, ata o retiro dourado dalgúns líderes incómodos ou obsoletos; dende a sede imperialista dos conquistadores ata a pacificación de Iraq; dende a aceptación de postos ou tarefas incompatibles cos propios principios ata o abandono do deber de transmisión da cultura porque é mellor para os cativos.

...

Os poemas que nos guían por este mundo teñen a forza expresiva de quen molla a tinta na profundidade das entrañas, de quen profesa na autenticidade e no compromiso. Non se prodiga a autora en redaccións ampulosas e rebuscadas; o seu estilo é coma ela: directo, espontáneo, sen recorrer a innecesarias retóricas. As palabras, os versos, nacen nos mananciais salvaxes das serras atlánticas de solpores salgados e flúen con forza sobre o álveo de granito abeirado de toxos e fentos, de malvas e margaridas, mantendo incólume todo o seu frescor ata deitar no mar letraferido o seu tesouro acuático.

O dominio da palabra, o oficio de escritora, o coñecemento da lingua, que modela e perfecciona constantemente, conseguen unha obra atractiva que deixa ese sabor de boca gratificante de interese e calidade.

Este ben facer permítelle perseguir, como todos os escritores, unha outra escravización, esta amable e gratificante, a escravización do lector, obrigándoo a somerxerse unha e outra vez nese mar literario por ela aseñorado, profundo e salgado como aquel

que o sol escolleu para morrer / xusto onde o mundo acaba.



Aquí tedes o enlace completo: páxina do IEM.
Comentarios (0) - Categoría: Argola - Publicado o 11-02-2014 20:35
# Ligazón permanente a este artigo
Presentación de Argola en Gondomar. Resumo

Imaxe da presentación de Argola en Gondomar o pasado 31 de xaneiro.

Na presentación interviñeron Miguel Anxo Mouriño e Puri Ameixide.

Miguel Anxo Mouriño falou da presenza da auga e do mar na miña obra e da elección da personaxe dunha vestal para falar de todas as dominacións. Indicou que o libro está emparentado con As amantes de Hamlet e que nel aparecen as “afogadas”, figuras anónimas ou recoñecíbeis que xa aparecían naquela obra en que as alusións a Storni ou Woolf eran evidentes. Mulleres de lenda que se alimentan das lendas que pairan sobre o libro.

Puri Ameixide destacou o carácter “narrativo” do libro en canto a que este conxunto de poemas narran unha historia de ficción en que hai unha protagonista que evolúe ao longo do texto, como evolúen as personaxes dunha novela. E como na novela hai documentación. Sinalou que este libro constrúe un mito e que rompe co molde dos xéneros e crea un novo, que ela chamou “poesía novelada” ou leopardo.

Ambos os dous coincidiron en que é un libro diferente, diferente na traxectoria da autora, e no que adoito atopamos nun libro de poesía. Ameixide sinalou que é un libro atractivo mesmo para quen non le habitualmente poesía. Así que eu diría que é “para todos os públicos”, e non se tome isto no sentido de para todas as idades, porque iso si que non o é.
Comentarios (0) - Categoría: Argola - Publicado o 03-02-2014 08:32
# Ligazón permanente a este artigo
Argola no Caderno da Crítica
Recensión de Ramón Nicolás sobre Argola no seu Caderno da crítica.

Moi agradecida á fermosa lectura que fai do libro.

"... é este un poemario singular no que se artella unha revisión histórica do concepto de dominación, en boa parte dominación exercida sobre a muller, sustentándose nunha voz que é a dunha escrava en tempos do Imperio Romano..."

"Son diversas, así pois, as lendas que poden vincularse con esta personaxe innomeada e chea de forza que circula con voz propia polas páxinas do libro..."

"... a presenza de figuras femininas heroicas e admirables como as dos poemas onde aparece a figura da avoa, obrigando á protagonista a alentar a «cinza da memoria» e convidando a levar até a fin as propias conviccións no propósito, diáfano, de que a muller que ela representa é moito máis que unha mercadoría de cambio obrigada polas circunstancias."
Comentarios (0) - Categoría: Argola - Publicado o 30-01-2014 17:02
# Ligazón permanente a este artigo
Presentación de Argola en Gondomar


Presentación de Argola, premio de poesía o Figurante 2013, este venres día 31, ás 20:30 na aula Ponde de Rosas, do IEM, en Gondomar.

Contaremos coa presenza de:
Miguel Anxo Mouriño, escritor
Puri Ameixide, escritora
Marta Dacosta,autora

Organiza: IEM

Argola:

Existiu unha muller que foi apartada da súa familia e o seu país para agrandar a fama e a riqueza dun pai cegado pola cobiza, incapaz de decatarse de que este era o mecanismo para exterminar a súa familia? Existiu unha estirpe de mulleres que mantiveron ocultos os seus ritos pagáns e procuraron a ruína do invasor facendo que as naves imperiais batesen contra as costas galegas? Existiu unha muller que desafiou os tiranos do seu tempo?
Comentarios (0) - Categoría: Argola - Publicado o 27-01-2014 08:07
# Ligazón permanente a este artigo
Nas orixes de Argola

Pescudando no pasado, para falar do presente.
Pescudando na historia, para sumar argumentos (poéticos) á crítica do patriarcado, do imperialismo.

Nas orixes de Argola:

http://www.blogoteca.com/acuatica07/index.php?cod=35090
Comentarios (0) - Categoría: Argola - Publicado o 02-01-2014 17:29
# Ligazón permanente a este artigo
Vertixe
Vertixe.
Algo que me oprime o estómago e me infunde pánico.
Esa é a sensación diante dun novo libro.
Non sempre é igual. Con algúns libros agudízase. Sucedeu con En atalaia alerta. Sucede porque é como abrirse en canal. Mostrarse publicamente. Espirse ante todos. Mais un espido que vai máis alá de mostrar o corpo e as súas imperfeccións. Iso sería moito máis doado.
Cada novo libro que sae á luz a vertixe volve.
É paralizante. Apenas podo abrir o libro. Reler.
Virán as presentacións, se veñen, e aferrareime a un feixe de poemas tentando mostrar o que o libro é. Mentres o libro segue fechado.
E anos adiante, volverei a el, abrireino como un libro calquera e talvez me sorprenda ante os poemas. Sucedeu con Setembro. Sucedeu que redescubrín uns poemas que a memoria tiña esquecidos.
Sorprendinme de os ter escrito.

Vertixe.
Comentarios (0) - Categoría: Argola - Publicado o 27-12-2013 10:26
# Ligazón permanente a este artigo
[1] [2] 3 [4]
© by Abertal
Acuática