acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Presentación de Argola en Moaña. Resumo
Este 3 de abril presentamos Argola en Moaña. Foi un acto da Irmandade do Pontillón que ten como caras visíbeis a Daniel Costas Currás e Benxa Riobóo. A presentación correo a cargo do poeta Xosé Manuel Millán Otero.

Na presentación Daniel Costas mencionou que lle alegraba poder presentarnos a un tempo, pois fora lector da nosa obra. Millán falou de promocións literarias e xeracións, e do feito de termos compartido a antoloxía Para saír do século.

Debatemos pois, aínda que brevemente, sobre a idoneidade das etiquetas elaboradas para analizar a poesía de finais do século XX, e sobre a idea de que talvez esas etiquetas teñan ocultado outra realidade moito máis complexa que só co tempo e a distancia poderá ser debidamente analizada, algo que eu empracei a Millán a que fixese, pois me consta a súa capacidade de análise neste campo.

Millán falou do ritmo dos poemas, de que no libro se explicita a oposición natureza / cultura, estando representada a natureza polas mulleres, gardadoras da identidade do pobo, e a cultura polo poder da urbe imperialista.

Millán tamén sinalou que atopaba a pegada de Rosalía, da Rosalía de “Do íntimo” en poemas como “Atraveso a noite”, páx. 31, ou “Esa son eu”, da páxina 33. A lectora, o lector xulgarán.
Comentarios (0) - Categoría: Argola - Publicado o 05-04-2014 13:52
# Ligazón permanente a este artigo
Presentación de Argola en Vigo. Resumo
O 21 de marzo, presentamos Argola en Vigo. Desta vez foi Ramón Nicolás a persoa encargada de presentar o poemario, unha presentación que como ele mesmo sinalou en Caderno da Crítica xirou ao redor da evocación dun tempo, os anos 80, en que se conformaba unha xeración, a nosa, que comezaba timidamente a dar os primeiros pasos no ámbito da nosa literatura.

Volvendo a vista atrás falamos tamén da caracterización daquela xeración, que crecía mentres a reconversión naval se cebaba na nosa economía e as rúas de Vigo eran un ir e vir de manifestacións, algunhas delas motivadas polas primeiras folgas xerais convocadas polo nacionalismo. Eramos a xeración que saíra á rúa para reclamar un prezo axeitado nos buses, e que non podiamos rematar os noso estudos na cidade en que naceramos e acababamos por recalar en Compostela, crisol en que confluïamos e consolidabamos a nosa posición, política ou literaria, mentres coñeciamos Ólisbos, ou propiciabamos a creación do Grupo de Teatro en Galego, inédito en Filoloxía até 1988, Edicións do Dragón ou Letras de Cal. Eses somos nós, se a nosa actitude foi ou é comprometida co país, á vista está, como dicía Ramón Nicolás na presentación.

Ramón Nicolás rematou a súa intervención reeditando as palabras que dedicara a Argola na recensión que publicou no Caderno da Crítica en xaneiro de 2014, a primeira que recibía o libro.

Fotografía José Goris
Comentarios (0) - Categoría: Argola - Publicado o 05-04-2014 13:44
# Ligazón permanente a este artigo
Presentación de Argola en Moaña
Presentación en Moaña de Argola, organizada por Xosé Daniel Costas Currás e con Xosé Manuel Millán Otero
Comentarios (0) - Categoría: Argola - Publicado o 01-04-2014 08:33
# Ligazón permanente a este artigo
Presentación de Argola en Vigo no Caderno da Crítica

Hoxe, o amigo Ramón Nicolás, fai no seu Caderno da Crítica unha referencia á presentación de Argola en Vigo o pasado 21 de marzo.

Como el di, foi unha presentación: "xirou arredor dalgunhas desas evocacións tiradas do pozo da memoria e, doutra parte, das impresións que obtiven da lectura deste poemario."

Para min foi unha presentación moi grata, porque estiven rodeada de amiga/os, como Moncho, que lembrou aqueles anos 80 en que eramos estudantes, quizais, un percorrido necesario para entendermos a nosa xeración.

Grazas a José Goris polas magnífica reportaxe gráfica.

Comentarios (0) - Categoría: Argola - Publicado o 23-03-2014 11:02
# Ligazón permanente a este artigo
Recensión de Argola por Manuel López Foxo
Recensión de Argola realizada por Manuel López Foxo no Terra e Tempo do pasado 22 de marzo.

O autor fai un percorrido pola miña obra inserindo nela Argola: "Fiel ás súas orixes familiares e a unha liñaxe de mulleres fortes, afeitas a resistir, vencelladas todas elas ao mundo do mar e empeñadas en construír o seu futuro desde o sacrificio e desde a dignidade persoal, a poeta vai afondar libro tras libro nunha visión feminina e feminista do mundo."

Podesdes ler a recensión completa aquí:
Marta Dacosta e o seu poema-mar, onde sempre hai unha muller preñada de esperanza
Comentarios (0) - Categoría: Argola - Publicado o 23-03-2014 10:43
# Ligazón permanente a este artigo
Presentación de Argola en Vigo
Comentarios (0) - Categoría: Argola - Publicado o 15-03-2014 11:05
# Ligazón permanente a este artigo
Presentación de Argola en Ourense. Resumo
O pasado 13 de marzo presentamos Argola na libraría Torga, en Ourense. O acto foi organizado pola A.C. Auriense que convidou para realizar a presentación ao poeta Millán Picouto, a quen tiven o pracer de coñecer nesta singular ocasión.

Millán Picouto sinalou de Argola que que se trata dun poemario cunha liña argumental que envía os poemas. Destacou a fluidez dos versos, libres, heptasílabos, endecasílabos, alexandrinos que favorecen unha dicción fluída e o ritmo, cun poema final que concentra a actitude desta protagonista dramática no remate do libro.

Grazas a todas e todos os que acudistes á presentación e a Millán Picouto e á Auriense, por suposto.

A anécdota do día foi que, ao chegar, atopei a Isabel Risco na porta do Teatro Principal, que está xusto por fronte da Torga, e comprendín que competiamos na mesma franxa horaria. Iso deu para que botaramos unhas risas sobre quen tería máis público (algo que por outro lado é obvio) ou que falásemos da posibilidade de xuntar o seu teatro e a miña poesía para outra ocasión. Sería unha idea, aínda que nesta obre non hai nin unha sílaba de humor.

Velaquí un resumo da presentación:
Comentarios (0) - Categoría: Argola - Publicado o 15-03-2014 11:01
# Ligazón permanente a este artigo
Presentación de Argola en Ourense
Comentarios (0) - Categoría: Argola - Publicado o 13-03-2014 14:27
# Ligazón permanente a este artigo
8 de marzo por un aborto libre e gratuíto
Foto de Xan Lois Lomba Alonso
Sucedeu que Argola acabou por publicarse a finais de 2013, ano en que o goberno en Madrid dicidiu modificar a Lei do aborto para recortar os dereitos das mulleres e a nosa capacidade de decisión. E en Argola hai poemas que lle cadran a este tempo. Como aquel en que a avoa lle entrega á neta unha planta de ruda. Ese foi o poema que lin esta mañá de 8 de marzo, en Goián, na Camiñada que Galiza Nova do Baixo Miño organizou para reclamar o dereito ao aborto libre e gratuíto.

(foto de Xan Lois Lomba Alonso)



OCULTA entre os lenzos
viña a pequena planta da ruda

a avoa insistira en que eu mesma a chantase na terra mol

ela separara coas súas propias mans
o talo aveludado
da terra salgada de noso

cando o frío asexaba na porta da casa
contra a escuridade da noite falangueira
ela quentaba auga sobre as brasas de carballo
para logo pousar, case con mimo
as follas secas de ruda que gardaba entre as súas roupas

aprendeume as tisanas e as compresas
díxome en segredo os beneficios da ruda
facéndome xurar
que nunca contaría aquelas conversas esquivas
que nacían entre as lapas
á sombra do sono dos adultos

a avoa procurábame á noite
envurullábame no mantón
levábame en silencio até a lareira
aquel lugar de maxia e de fantasmas
onde a memoria pairaba como a cinza
cubríndoo completamente todo
penetrándome a través da farinxe delicada
instalándose nos bronquios, en cada un dos alvéolos
para asegurarse de que a través do sangue
acadaba cada célula do ser
alimentando músculo e óso
tecido e linfa
como a madeixa de la que se converte en prenda
e envolve o corpo enteiro no seu tacto cálido

respirei a cinza da memoria
impregneime da cinza dos corpos insepultos
toquei, coas miñas mans pequenas, as reliquias dos avós
que morreran loitando contra o Imperio

enzoufei o meu rostro coa cinza das mulleres violadas no cume da conquista
e doeume entre as pernas o sangue morto da inxustiza consumada
mentres se desgarraba retorcéndose
un feto concibido sen amor

eu mesma puxen na terra a ruda
tal e como a avoa me aprendera
sentindo de novo no máis fondo do meu útero
a dor do corpo que se nega á fecundidade
un pranto radical de nai desamparada
o berro grave dunha muller ferida para sempre

o segredo da miña virxindade incorruptíbel
funil de seda polo que escorrega a area do meu tempo cativo
Comentarios (0) - Categoría: Argola - Publicado o 08-03-2014 18:28
# Ligazón permanente a este artigo
Recensión de Argola por Mario Regueira

Recensión de Argola realizada por Mario Regueira no Sermos Galiza que saiu á rúa este 27 de febreiro:

"Esta forma de conxugar a épica de conquistas e rebeldías que ondea en todo o libro cun acto persoal, que atinxe á propia soberanía, por máis que cumpra unha función de vinganza colectiva, é unha das características máis destacábeis deste libro e toca algunhas das constantes da poesía da autora..."

Comentarios (0) - Categoría: Argola - Publicado o 28-02-2014 08:45
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2 [3] [4]
© by Abertal
Acuática