acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Hai vinte anos
Este poema escrito a finais dos 80, foi publicado hai 20 anos. En 1993, meses antes de que se publicase o meu primeiro libro de poesía: Crear o mar en Compostela.

O poema está incluído na carpeta 8 e médio de Edicións do Dragón, un artefacto poético que existiu grazas a Paco Souto, Miro Villar e Fran Alonso e que dinamizou as publicacións poéticas dos primeiros noventa con estas carpetas manufacturadas, en que as autoras deixabamos á vista a nosa caligrafía imposíbel.

Lembro que a carpeta foi presentada nunha sala de teatro santiaguesa que hai tempo que non existe. Nesta carpeta recollíanse poemas de Isolda Santiago, Chus Pato, María Xesús Nogueira, Carmen Lobón, Rita, Ana Romaní, Iolanda Aldrei e eu mesma.

Volvo a ela hoxe, vinte anos despois, reproducindo este poema, porque o seu ton é o que reaparece nalgúns dos poemas que forman parte do libro Dun lago escuro, que acaba de recibir o XVI Premio Johan Carballeira de Poesía.
Comentarios (0) - Categoría: Dun lago escuro - Publicado o 18-05-2013 09:53
# Ligazón permanente a este artigo
XVI Premio Johán Carballeira de poesía
No Faro de Vigo, edición do Morrazo, publícase hoxe unha entrevista con motivo do XVI premio Johan Carballeira de poesía.

Esta é a entrevista, realizada por David García:

´Non quero unha lectura plácida, senón impactar ao lector´
O seu poemario "O lago escuro" é unha reflexión sobre a mentira e as apariencias

A viguesa Marta Dacosta é a gañadora da decimosexta edición do Premio Johán Carballeira de poesía co libro "Un lago escuro". O xurado destacou o seu "elaborado xogo simbólico", o seu discurso "fondamente parabólico" e a crítica social que subxace no mesmo. A entrega do premio será o vindeiro domingo, coincidindo coa segunda edición do Certame Poético do Morrazo que se celebrará no Centro Social do Mar de Bueu.

-Como recibe este galardón, xusto cando se celebra o Día das Letras Galegas?

-Foi unha sorpresa porque pensaba que xa fora fallado e xa case me esquecera del. É unha gran alegría porque significa que o libro vai ser publicado e ese é o maior premio que lle poden dar a un autor.

-Creo que a noticia chegoulle xusto antes dun acto con motivo das Letras Galegas.

-A verdade é que me avisaron nun momento un pouco conflictivo (risas). Estaba a piques de presentar un acto sobre Rosalía de Castro e ao final fixen o que puiden porque tiña a cabeza noutro sitio (risas).

-Recibiu con anterioridade premios como o Martín Codax ou o González Garcés. Que significa este Johán Carballeira?

-Nunca te acostumas a recibilos e cada vez que o recibes é como se fose a primeira vez. Neste caso síntome moi honrada porque tamén significa erguer a bandeira do nome de Carballeira, que foi duramente represaliado e merece ser recoñecido e que se lle faga xustiza.

-Xa tivo a oportunidade de ler o ditame do xurado e os seus argumentos para a concesión do premio. Coincide coas súas apreciacións?

-Si. Coincido no sentido de que o poemario quere ser un texto alegórico e ao mesmo tempo circular porque hai unha intención de construcción de libro máis que de poemas. Tiña a vontade de construír un texto que reflexionase ao redor dunha cuestión concreta.

-O xurado fan fincapé no carácter simbólico do texto e na crítica social do mesmo.

-O libro contrúese a través dunha alegoría, que é a do lago: unha superficie que reflicte un ceo transparente, claro e diáfano. Todo positividade. Mais un lago non é simplemente a súa superficie, senón que tamén é o que hai debaixo desa lámina de auga. - aí hai un lago escuro, no que apodrece todo canto tiramos dentro. Este é un libro sobre a contraposición entre o que parece e o que é, contra a mentira ou sobre a mentira. O que tento é reflexionar dunha maneira poética, e polo tanto emocional, sobre a mentira, o engano, a traizón, a hipocresía. En definitiva, que as cousas non son o que parecen e que as veces vivimos unha realidade que é mentira porque é unha apariencia, non o fondo.

-Coincide co que dí sobre vostede mesma na páxina da Asociación de Escritores en Lingua Galega: "Procuro escribir co corazón, co firme propósito de revolverlle o estómago ao que se senta fronte aos meus poemas".

-É unha forma de falar! (risas) O que quero é impactar, conmover ao lector, que se mova da súa cadeira. Non busco unha lectura plácida, senón que o lector teña unha reacción, que se produza algo dentro, xa sexa alegría, ira ou compaixón.

-Celébrase agora o Día das Letras Galegas. Cal é o diagnóstico da lingua e da cultura?

-A cultura no seu conxunto non pasa por un dos seus mellores momentos. Vivimos nunha situación involutiva alarmante e hai que lamentar, incluso denunciar, que en contra do esperable, que é que todos defendamos a nosa lingua e cultura, iso non é así. Temos un goberno que non aposta pola lingua galega e pola cultura. Publicar hoxe na nosa lingua é complexo e isto tamén é resultado dunha política institucional da Consellería de Cultura, que reduce nun sector que tamén aporta moito ao PIB.


A foto de Suso Bermello na manifestación de Queremos Galego este 17 de maio.
Comentarios (0) - Categoría: Dun lago escuro - Publicado o 18-05-2013 09:29
# Ligazón permanente a este artigo
XVI Premio Johan Carballeira de poesía
Este xoves 16 de maio, a minutos de iniciarse o acto das Letras Galegas no Centro Cultural de Peitieiros, que eu presentaba, recibín a chamada do Concello de Bueu. O seu técnico de cultura, Xabier, comunicábame a concesión do premio de poesía Johan Carballeira.

O Xurado estivo composto por Daniel Costas, Berta Dávila e Armando Requeixo, cos que falaba mentres os asistentes ao acto das Letras agardaban pola presentadora.

Reaccionei como se fose o primeiro premio da miña vida... parece mentira que pasen os anos e haxa cousas para as que non maduremos.

Grazas. Síntome honrada e feliz.

Da páxina do Concello de Bueu:

"O xurado destacou o elaborado xogo simbólico do poemario, alicerzado nunha arquitectura esférica onde o lacunar de ameaza escura recolle un discurso fondamente parabólico, con evidentes tinturas de crítica social que van de mans dadas coas luzadas de afirmación xenérica e as reflexións a propósito de trabes temáticas como a incerteza, a caída, a soidade, o silencio, a anonimia ou a rutina esgazadora."

Repercusión:
Sermos Galiza
Axenda AELG
www.valminor.info
Páxina do Intituto de Estudos Miñoranos
páxina de Edicións Xerais
www.culturagalega.org
Criticalia de Armando Requeixo.
Comentarios (0) - Categoría: Dun lago escuro - Publicado o 17-05-2013 01:04
# Ligazón permanente a este artigo
[1] [2] [3] 4
© by Abertal
Acuática