acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Presentación de Dun lago escuro en Bueu

Este sábado preséntase o meu libro Dun lago escuro, premio Joham Carballeira 2013. Será no marco do III Festival poético do Morrazo, e nel tamén se fará entrega do premio Joham Carballeira 2014, querecibirá María Carmen Caramés, por certo con outro "escuro" título: "Dos días escuros"
Comentarios (0) - Categoría: Dun lago escuro - Publicado o 27-05-2014 14:43
# Ligazón permanente a este artigo
dun lago escuro
E mentres camiñamos cara a abril, nace ao papel impreso dun lago escuro
Comentarios (0) - Categoría: Dun lago escuro - Publicado o 28-03-2014 08:38
# Ligazón permanente a este artigo
non debería escribir un día coma onte

non debería escribir un día coma onte
posibelmente tampouco debería falar dun día coma onte

as sementes dos umeiros medrando canda a luz
e a primavera anunciándose insolente

o cansazo podía coas palabras, ou cos xestos
unha conversa era un traballo insoportábel

unha gota para estoupar pantanos

así que debería ter dado coa porta contra o día
trancando os corredores á luz dos que se achegan
pechando os ollos aos avisos inocentes
que se cravaron como cristais entre os dedos

non debería lembrar un día coma onte
posibelmente tampouco
debería falar
dun día coma onte
Comentarios (0) - Categoría: Dun lago escuro - Publicado o 02-09-2013 08:07
# Ligazón permanente a este artigo
Verdade?
verdade?
que verdade?

a que constrúen as palabras falsas dos covardes
os seus berros dislocados e caníbales
desmesuradas murallas contra a luz?

alimentareime da sombra diagonal
que protexe a fonte baixo os pradairos espidos

do silencio
que foxe do seu veleno incendiado
onanista, cultivado
en horas

infértiles




(poema dun lago escuro coa imaxe dos pradairos que menciona)
Comentarios (0) - Categoría: Dun lago escuro - Publicado o 23-06-2013 11:47
# Ligazón permanente a este artigo
Dun lago escuro
semella un espello

nada perturba
a súa lisa superficie

espello plácido
que oculta
baixo o azougue
a putrefacción das augas paradas

a profundidade do dano

a escuridade da descomposición

a dimensión do engano

o volume da mentira



Con este poema comeza Dun lago escuro.
Comentarios (0) - Categoría: Dun lago escuro - Publicado o 01-06-2013 14:29
# Ligazón permanente a este artigo
Poema de Rivadulla Corcón
Poema de Rivadulla Corcón con motivo do fallo do XVI certame de poesía Johán Carballeira, que el ilustrou con esta foto de principios dos 90 en Aveiro.


POR UN MUNDO DISTINTO QUE SOÑA MARTA DACOSTA

De nubes abertas o ceo está poboado
para deixar entrar nelas os soños que voan,
os soños de Marta
que ascenden como auga que se evapora do mar.

Ela soña e soña, e segue soñando
para crear máis nubes nas que habite un mundo mellor,
Un mundo verdadeiro.

Quero bañarme no mar para mollarme de soños de Marta
e ascender evaporado ás nubes e vivir alí nun mundo distinto.
Despois seremos chuvia
e mollaremos dese mundo distinto as rúas todas
e os pés dos homes e mulleres que por elas camiñen.



Moitas grazas
Comentarios (0) - Categoría: Dun lago escuro - Publicado o 01-06-2013 11:27
# Ligazón permanente a este artigo
Dun lago escuro no Diario Cultural
Poemas Dun lago escuro no Diario Cultural desde o día 27 de maio:

http://www.crtvg.es/rg/a-carta/diario-cultural-diario-cultural-do-dia-28-05-2013-595311

O día 30 repdroudiuse unha entrevista.



Comentarios (0) - Categoría: Dun lago escuro - Publicado o 29-05-2013 16:48
# Ligazón permanente a este artigo
entrega do premio Johan Carballeira

Momento da entrega do premio Johan Carballeira recitando o poema central do libro: Dun lago escuro.

...
nadamos de costas
só miramos cara ao ceo
debaixo de nós
podrecen os cadáveres que fomos deitando
no lago, para que ninguén vise
esta putrefacción que nos consome
esta verdade pestilente
...

Imaxes do acto, en que tamén participaron Lucía Novas, Mónica Camaño, Rosa Estévez, Xico de Cariño e Berta Dávila recollidas por Tokio:

https://www.facebook.com/media/set/?set=a.4202454038741.1073741833.1806564979&type=1
Comentarios (0) - Categoría: Dun lago escuro - Publicado o 28-05-2013 08:09
# Ligazón permanente a este artigo
entrega do premio Johan Carballeira, en Faro de Vigo

Crónica da entrega do premio Johan Carballeira o pasado domingo 26 de maio recollida en Faro de Vigo:


Bueu honra a poesía
A Asociación Ricardo Gómez Buceta organiza a segunda edición do Festival Poético do Morrazo

A Asociación Cultural para o Debate Ricardo Gómez Buceta organizou onte a segunda edición do Festival Poético do Morrazo, unha cita que congregou a numeroso público no Centro Social do Mar de Bueu. O certame estivo presentado pola actriz Mónica Camaño e contou coa colaboración musical de Xico de Cariño, Xosé Pumar e Os Mulos.

O Centro Social do Mar de Bueu voltou a ser onte unha especie de altar consagrado á poesía. A segunda edición do Festival Poético do Morrazo serviu para pechar os actos celebrados en Bueu ao longo das últimas semanas con motivo do Día das Letras Galegas e volveu contar cunha numerosa afluencia de público. Nesta ocasión o certame foi tamén o marco elexido para a entrega do Premio Johán Carballeira de Poesía, que este ano foi para Marta Dacosta polo poemario "Un lago escuro", e para que a gañadora da edición de 2012, Berta Dávila, presentase o seu traballo, "Raíz da fenda", editado por Edicións Xerais.

O festival estivo organizado pola Asociación Cultural para o Debate Ricardo Gómez Buceta, que contou coa actriz canguesa Mónica Camaño como mestra de cerimonias. Neste 2013 cúmprense precisamente 150 anos dende a publicación de "Cantares gallegos", o poemario de Rosalía de Castro que serviu para rachar co baleiro dos Séculos Escuros. Por iso a primeira parte do acto consistiu nun recital deste poemario.

Os organizadores quixeron tamén brindar unha homenaxe a un veciño de Bueu, José Diz, que é o compositor da famosa canción "Cantemos galego", un himno que naceu como canción de Entroido a principios da década de 1970. O tema fíxose logo moi coñecido polas versións doutros artistas, como A Roda.

José Diz, agora xubilado, voltou colaborar nos últimos anos co Entroido de Bueu xa que forma parte da comparsa Os Mulos, que tamén participou na homenaxe ao autor de "Falemos galego".
Comentarios (0) - Categoría: Dun lago escuro - Publicado o 28-05-2013 08:06
# Ligazón permanente a este artigo
Entrevista en Sermos Galiza
Reproduzo a seguir a entrevista realizada por Carme Vidal para Sermos Galiza

Marta Dacosta: "A través da poesía retrato a mentira da nosa sociedade"
Con dun lago escuro Marta Dacosta vén de gañar o Premio Johán Carballeira do Concello de Bueu. A poeta leva xa máis de vinte anos na escrita e nesta entrevista debulla para nós o novo libro, a súa traxectoria e a súa face máis comprometida coa lingua, o ensino público e o país.


Dun lago escuro é o novo libro de Marta Dacosta nunha traxectoria de máis de dúas décadas nas que viron a luz títulos como Crear o mar en Compostela, Pel de ameixa, As amantes de Hamlet ou Acuática Alma e que mereceu premios como o O Grelo, González Garcés ou Martín Códax.

-Despois de Acuática alma (Espiral Maior, 2011) vén de gañar o Johán Carballeira con dun lago escuro. Por que de novo o recurso á auga?

A realidade é que, certamente, emprego moito elementos líquidos como símbolos. O mar está moi presente, mais non só o mar senón tamén fervenzas e ríos, auga en movemento. As fervenzas aparecen en Acuática alma, como alma en movemento, con moita forza. Agora a auga é metáfora do que se quere expresar no libro, alegoría dunha realidade na que vivimos todos e cada un de nós como di un dos poemas. O que se traslada é que imos na vida como se estivésemos nadando de costas nun lago, mirando para o ceo, ignorando o que hai debaixo de nós. Enganámonos mirando o ceo limpo e azul sen reparar nos cadáveres que están no fundo, no lago. Vivimos na mentira e nunha realidade que é só aparente. Por iso emprego a metáfora do lago, no que parece que nada acontece mais está escuro e no fondo, que hai? Pode haber lama, mais tamén putrefacción.

-Por iso o seu lago, como o noso tempo, é escuro?

Non é transparente, non se pode ver o fondo, non podes ver o que hai debaixo da auga.


-Explica con claridade o tema, custoume ben máis entender o argumento do xurado cando di “tinturas de crítica social que van de mans dadas coas luzadas de afirmación xenérica e as reflexións a propósito de trabes temáticas como a incerteza”. A que se refire?

O libro é circular, os poemas falan de cuestións parellas e volven de novo ao símbolo do lago. Aí está a circularidade e a presenza da crítica social aínda que o libro tamén é abstracto. O que quero dicir queda claro. Non digo que vivimos nunha sociedade putrefacta, o libro ten abstracción aínda que tamén hai poemas que relatan. A palabra mentira aparece no último e no primeiro poema. Reflexionaba no sentido máis negativo das connotacións da palabra mentira, mais ás veces non é buscada, é un engano. A memoria indúcenos a mentir, devólvenos unha imaxe do pasado que non é fiel, que se foi deturpando.

-Crítica social, mais non realismo, polo que di, non é?

Algún poema é máis directo, algún ten que ver mesmo co que escribín hai vinte anos. Volvín atrás, a Oito e medio, onde había un par de poemas cun ton semellante. Son os máis evidentes de crítica social, os menos alegóricos, aínda que busco un oco para a simboloxía, para o relato directo. Chamoume a atención a volta a aquel ton que utilizaba naqueles poemas, onde claramente se desenvolvía a crítica social. Acontece, poño por caso, cando se fala de individuos que se proclaman líderes e queren decidir por nós. A alegoría tamén pode conducir á crítica social. A nadadora que vai de costas sen avanzar!. Realmente estou relatando unha alegoría dunha situación social de quen non avanza, da que sofre, das situacións de hipocrisía absoluta.

-Por que pensa que se dá esa volta aos seus inicios poéticos? Como atopa as referencias naqueles primeiros poemas?

Reparei despois de telo escrito nesa relación. É unha crítica social que se asemella bastante a feita entón, mais o tema está sempre aí, a hipocrisía é permanente na nosa sociedade.

-Significa iso que na súa obra atopa unha liña de continuidade entre os diferentes libros?

A miña obra creo que cambiou mais este tema que centra o libro non é novo, malia que neste caso tome un novo protagonismo. A miña poesía foise espindo co tempo. Ás veces, para escribir utilizo a técnica do escultor de ir desbastando o texto, espíndoo de palabras até concentralo. Nese sentido, hai unha evolución clara. Perfilo os textos e procuro condensalos, prescindir de todo o que se poda. Trato de concentrar a mensaxe no menor número de palabras, do moi explícito ao suxestivo.

-A nadadora é a poeta?

Non necesariamente, pero ás veces si. En Acuática alma hai textos nos que me apropio doutras identidades, non hai biografismo, pero neste libro é moito máis difícil que non exista porque está máis próximo da xeración da emoción, relatando o sentimento ante esa situación. Nese sentido hai máis coincidencia entre o eu poético e a autora. Mais non é sempre necesario.

- A poesía súa é entón vivencial?

Ten moito de vivencial en canto parte dos sentimentos, para min a poesía é translación dunha emoción. Como un actor que se mete dentro dun personaxe para interpretalo. Non é como Hamlet, mais imaxina que é Hamlet. Como dixo Pessoa, o poeta finxe. Trátase dunha relación de interpreta

ción entre a autora e a voz poética na que as vivencias están presentes.

-Desde os seus inicios, hai xa máis de vinte anos, nunca deixou de recitar en público a súa poesía. Que potencialidade ten o xénero para ser compartido?

Para a poesía os recitais son unha boa ocasión de darse a coñecer. Fai que o poema chegue ao público lector. Hai persoas que se achegan aos libros despois de asistir a un recital. A poesía ten música e ritmo e necesita ser dita para completarse cos elementos que utilizas cando constrúes o texto. Faise plena cando a dis en viva voz, máis viva. O poema complétase porque están en acción todos os elementos.

-Ten tamén esa forza da acción social?

Sempre lembro cando Bernardino Graña nos puxo en Salvaterra a todos os alí presentes a corear o seu retrouso “dos que a ninguén aman, librémonos pronto”. Tiña o valor de poñerse na cabeza e na boca da xente, as palabras transmiten pensamento e emoción. Incita, neste caso, a reclamar eses dous versos. Bernardino púñalle palabras ao que queriamos dicir. Tiñamos sentimento de satisfacción porque el atopara as palabras para nos expresarmos.

-A súa xeración, en especial da década dos noventa, festexaba a poesía de maneira colectiva en case toda parte. Como lembra aqueles anos?

Non tiñamos impedimentos en organizar actos e niso eramos privilexiados se pensamos nas xeracións de Bernardino, Manuel María, Novoneyra ou Avilés. Queriamos levar a poesía a toda a parte, non deixala pechada na gaveta. A poesía adoece de dificultades de difusión e reclamabamos a maneira de facer públicos os nosos textos, de compartilos, de acompañarnos coa poesía.

-Desde entón, ao meu ver, non volveu a existir unha idea tan forte de grupo na literatura.

Estabamos en Santiago e quen entraba en contacto con nós xa pasaba a formar parte do grupo. Estabamos os que recalabamos na cidade e aos poucos íase sumando Yolanda Castaño, Olga Novo, Celso Sanmartín, Estevo Creus... Compostela era máis capital porque aínda non se desenvolveran as outras Universidades e todos, cando menos, iamos rematar alí a carreira. O noso era un grupo aberto así que cando puxemos en marcha o proxecto editorial “Letras de Cal” eramos dezaoito poetas cando no grupo inicial de finais dos oitenta non eramos tantos.

-Estes días, nos parabéns que lle mandaban a través das redes, destacaban o seu compromiso sindical e político. Como se levan estas dúas facetas?

Combaten duramente porque unha non deixa moito espazo a outra. Mais se es unha persoa comprometida coa túa lingua élo a todos os niveis, escribes e vas ás manifestacións. É certo que a xente se sorprende cando sabe que escribo porque me coñece como sindicalista e tamén cando me coñecen como poeta sorpréndelles que sexa sindicalista. Algunhas persoas ao me felicitar claro que facían referencia ao meu perfil social, porque se senten orgullosas de que unha persoa que se significa socialmente se vexa recoñecida na súa obra literaria, supoño que é como se se sentisen un pouco recoñecidos eles e elas mesmos, os meus compañeiros do sindicato, por exemplo. No plano persoal combaten unha con outra, hai a quen lle chama a atención que teña tanta presenza social e mesmo así escriba. As persoas non podemos evitar ser prexuizosas e ás veces esa faceta fai que a obra sexa lida doutra maneira. Imposíbel de non facelo. De todas maneiras, para min o importante é ser consecuente e coherente coas miñas ideas. Estar en paz comigo mesma e só así o consigo, co compromiso e a escrita.
Comentarios (0) - Categoría: Dun lago escuro - Publicado o 23-05-2013 07:50
# Ligazón permanente a este artigo
[1] [2] 3 [4]
© by Abertal
Acuática