acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Día de Rosalía
Poema lido no acto nacional de Homenaxe a Rosalía Castro organizado pola AELG no Panteón de Galegos Ilustres, o pasado domingo día 23.

É a tradución de Eva, fragmento publicado no Almanaque Literario del Museo Universal para o ano 1861 en Madrid, e recollido no "Estudo introdutorio" de Pilar García Negro á edición de El caballero de las botas azules, Lieders, Las literatas, de Sotelo Branco, 2006.

Pelexeime cos versos até resepctar a rima. Só me resultou insalvábel a métrica do 11º verso. Seguirei traballando na tradución para procurar ese endecasílabo.


Eva

Mais que nube é aquela que elevada
chea de luz polo oriente asoma,
Virxe que vén no seu pudor velada,
temperá flor co seu primeiro aroma?
Quen a que en tronos de zafiro sentada
branca, pura e sen fel, doce pomba,
baixa á terra en veloz descenso
abandonando pola terra o ceo?

¡É ela! ¡unha muller! Fonte de vida,
Deusa inmortal de pensamento altivo,
do seo dos anxos vida
para librar o meu corazón cativo:
é froito de verdade, fonte querida
de quen a miña libre inspiración recibo,
é a que nai das nais leva
¡Nome de bendición! o nome de Eva.

Como as auras de abril, liviá,
como a luz do sol, forte e fermosa,
é ela de quen din, flor temperá,
fonte selada, estrela misteriosa:
o seu rostro da cor da mañá,
a blonda cabeleira ondulante solta,
a palabra suave, o paso leve
que ao seu lixeiro andar as flores mexe.

Mais hai na súa mirada unha tristeza
de inefable amantísimo delirio,
que aumenta o resplandor da súa beleza
a chama santa dun feliz martirio;
¡Ouh pura fonte de inmortal limpeza
sobre as ondas desmaiado lirio!
¡Ouh polas túas mágoas tan amada
muller en quen as mulleres agardan!
Comentarios (0) - Categoría: Recitais - Publicado o 24-02-2014 23:16
# Ligazón permanente a este artigo
Recital en Narón. 1997
Hoxe andaba buscando fotos do século pasado. E entón apareceron estas imaxes dun recital en Narón. Foi o 7 de marzo de 1997, así que ben podía estar relacionado co Día da muller.

Quen organizou o recital, e todo o programa de febreiro e marzo en que se enmarcaba, foi Carme Bar, a bibliotecaria de Narón. Na imaxe case nin sae, medio tapada polo xerro de flores.

Aí estamos Lupe Gómez, Helena de Carlos e máis eu. A 16 anos de distancia parecemos tan novas!

Non sei que poemas recitei aquel día, mais un deles ben puidera ser esta imaxe infantil, recollida logo no libro Setembro.


Sempre lembro o verán e unha poza pequena,
e as liñas azuis que se cruzaban
sobre o branco da camisa.
A poza enchíase a cada nova quenda e eu
remataba empapada
sen apañar xudías.
Sempre hai un sol enorme
desde a beira da poza
nese extremo do campo
en que meus pais labraban,
e altas escaleiras, tantos chanzos,
para subir á casa.
Comentarios (0) - Categoría: Recitais - Publicado o 26-03-2013 18:59
# Ligazón permanente a este artigo
Recital en Lugo nos 90
Marta Ferreiro envíame tres fotos. Son dun recital no Clavicémbalo, en Lugo.

Pasou ben tempo. Nótasenos. Tanto que hai tempo que non volvin ter esa melena, por iso aposto que as fotos teñen que ser como tarde de 1994.

Lembro que Lois Diéguez nos convidara a recitar en Lugo, neste local en que se fixeron actos literarios durante moito tempo. E alí nos fomos Paco Souto, Rafa Villar e máis eu. Con nós está Fernán López, un rapaz de alí de Lugo.

Hai vinte anos!

Comentarios (1) - Categoría: Recitais - Publicado o 23-01-2013 21:51
# Ligazón permanente a este artigo
[1] [2] 3
© by Abertal
Acuática