acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Homenaxe a María do Carme Kruckenberg na Feira do Libro de Vigo

O martes día 7 de xullo, ás 20:30, reunirémonos na Feira do Libro de Vigo, convocadas por Galaxia, para recitar versos da querida Carme.

O acto será presentado, naturalmente, por Mercedes Queixas.

Alí estaremos dando voz á poeta que xa non está.
Comentarios (0) - Categoría: Recitais - Publicado o 04-07-2015 10:20
# Ligazón permanente a este artigo
Recital


Recital realizado no marco das X Xornadas de pesca organizadas pola Confraría do Pindo.

Na imaxe: Merche Díaz Mayán da organización, presentando o recital, Xose Iglesias, Francisco Xosé Fernández Naval, quen escribe, Alexandre Nerium e Rafa Villar.

Puxemos todo o mar que nos coubo nos poemas.
Un pracer.
Comentarios (0) - Categoría: Recitais - Publicado o 03-07-2015 22:10
# Ligazón permanente a este artigo
Homenaxe a Manuel Antonio

O sábado, día muncial da poesía, terei a honra de participar na Homenaxe a Manuel Antonio, organizada polo concello de Rianxo.

Será ás 20:30 no Auditorio de Rianxo.

Velaquí o programa completo.

O Día Mundial da poesía pretende: promover a lectura, escrita, publicación e ensino da poesía a través do mundo. Fagámolo pois.
Comentarios (0) - Categoría: Recitais - Publicado o 20-03-2015 11:26
# Ligazón permanente a este artigo
8 de marzo


Así está o escaparate da Libraría Suévia na Coruña, o motivo, que nos achegamos ao 8 de marzo.

Vigo acollerá o acto nacional do BNG e nese acto lerei algún poema para conmemorar o día internacional da muller.

No ano 2008 recollía na entrada 8 de marzo información sobre a orixe real da data.

Seguimos a reivindicar o noso espazo e o noso tempo.
Comentarios (0) - Categoría: Recitais - Publicado o 06-03-2015 08:16
# Ligazón permanente a este artigo
Di(n)versos con Ana Luísa Amaral

Aínda non rematara o século XX. Como outras veces estabamos na libraría Bertrand, en Braga. E como outras veces foi o libro quen me atopou. Foi o primeiro que tirei do andel, o primeiro que abrín e nel lin un fermosísimo poema co que non puiden deixar de me identificar, dalgún xeito:

VISITAÇÕES, OU O POEMA QUE SE DIZ MANSO

De mansinho ela entrou, a minha filha.

A madrugada entrava como ela, mas não
tão de mansinho. Os pés descalços,
de ruído menor que o do meu lápis
e um riso bem maior que o dos meus versos.

Sentou-se no meu colo, de mansinho.

O poema invadia como ela, mas não
tão mansamente, não com esta exigência
tão mansinha. Como um ladrão furtivo,
a minha filha roubou-me a inspiração,
versos quase chegados, quase meus.

E mansamente aqui adormeceu,
feliz pelo seu crime.

(Às vezes o paraíso, 1998)

Naturalmente, o libro pasou a ser meu e foi así o primeiro dunha lista de títulos cos que me fun facendo aos poucos, porque a partir de entón, cada vez que visitaba unha libraría portuguesa, reclamaba o último título publicado por Ana Luísa Amaral, quen foi desde entón unha das miñas escritoras de referencia.

E neste mes de febreiro, exactamente o día 9 no Centro Ágora da Coruña, terei a honra de compartir con ela o espazo de Di(n)versos. Vaia sorpresa que me deu Yolanda Castaño cando me convidou. Enorme.

Ana Luísa Amaral é unha autora que cómpre ler e que cómpre escoitar, por iso insisto nos seus versos e aínda deixo aquí este soneto, como mostra da súa mestría e do seu humor. E xa noutra anotación recuperarei un artigo que sobre ela escribín hai tempo.

SONETO CIENTÍFICO A FINGIR

Dar o mote ao amor. Glosar o tema
tantas vezes que assuste o pensamento.
Se for antigo, seja. Mas é belo
e como a arte: nem útil nem moral.

Que me interessa que seja por soneto
em vez de verso ou linha desvastada?
O soneto é antigo? Pois que seja:
também o mundo é e ainda existe.

Só não vejo vantagens pela rima.
Dir-me-ão que é limite: deixa ser.
Se me dobro demais por ser mulher
[esta rimou, mas foi só por acaso]

Se me dobro demais, dizia eu,
não consigo falar-me como devo,
ou seja, na mentira que é o verso,
ou seja, na mentira do que mostro.

E se é soneto coxo, não faz mal.
E se não tem tercetos, paciência:
dar o mote ao amor, glosar o tema,
e depois desviar. Isso é ciência!

Comentarios (0) - Categoría: Recitais - Publicado o 05-02-2015 15:05
# Ligazón permanente a este artigo
Homenaxe a Luísa Villalta
O pasado 16 de xullo celebrouse na Coruña, organizado pola fotógrafa Maribel Longueira, unha homenaxe á poeta Luísa Villalta.

A homenaxe organizouse ao redor da exposición de O papagaio, libro composto no seu día con fotografías de Maribel Longueira e poemas de Luísa Villalta. Na páxina Vivir na Coruña recollen unha crónica do acto.

Pola miña parte lin un dos poemas de O papagaio e logo o poema Materia de Alexandre Bóveda, un poema fermosísimo que Luísa dedicou e agasallou a Pilar García Negro cando rematou a súa etapa no Parlamento Galego, nesa versión manuscrita que foi recollida no libro de Homenaxe a Bóveda e que ilustra este comentario.

Nestes días, vou lembrando breves relampos dos momentos en que coincidimos. Como aquela asemblea da AELG (c. 1998) en que foi proposta a miña integración no Consello Directivo do que ela formaba parte. Aquel día tiven a ousadía de propor que a nosa asociación se nomease de Escritoras e Escritores, proposta que non prosperou, mais que atopou palabras de apoio en Luísa, e lémbroas como unha aperta agarimosa.
Comentarios (0) - Categoría: Recitais - Publicado o 18-07-2014 13:45
# Ligazón permanente a este artigo
Barosa Líquida
Este serán recital en Barro no marco das actividades Barosa Líquida.
Comentarios (0) - Categoría: Recitais - Publicado o 13-07-2014 09:43
# Ligazón permanente a este artigo
Recital en Estás, Tomiño
Imaxe enviada por Francisco Álvarez, Koki, do recital do día 6 de xullo en Estás, Tomiño, con motivo da presentación do libro de homenaxe á auga: Estás na auga.

Nela os poestas que recitamos: Ramón Caride, Xosé Lois García, Francisco Álvarez-Koki e a que vos escribe.
Comentarios (0) - Categoría: Recitais - Publicado o 11-07-2014 17:25
# Ligazón permanente a este artigo
Recital nas IX Xornadas de pesca do Pindo
Este sábado ás 19:00 horas e despois da presentación do libro "As crebas: outro xeito de andar ao mar" de Francisco Fernández Naval, terá lugar un recital poético en que participaremos o propio Fernández naval, Alexandre Nerium e eu mesma.

Será no marco das IX Xornadas de pesca do Pindo, organizadas como todos os anos pola confraría do Pindo, nas instalacións da propia confraría.

Un ano máis en que a reflexión sobre o mundo do mar, a ecoloxía, a música e a literatura, reúnense ao pé do Monte Pindo.


Ampliación:
Neste enlace poden verse algunhas imaxes do acto.
Comentarios (0) - Categoría: Recitais - Publicado o 27-06-2014 08:32
# Ligazón permanente a este artigo
Día de Rosalía en Pontevedra

O pasado 24 de febreiro, convidada pola iniciativa "A memoria das mulleres" participei no Día de Rosalía en Pontevedra.

Alí, xunto con Lucía Novas e Olalla Cociña, lin, entre outros, este poema, editado en 2010 no libro: Vigo é palabra.

"A Ribeira (memorias emprestadas)"

Nas pedras gastadas do barrio de Poboadores
resoan aínda as voces das nenas da posguerra
(tamén as rítmicas pisadas das zocas de tres pés
que sostiñan ás mulleres de patelas á cabeza).

Antes do forno a casa que non pechaba a porta,
e a bisavoa aínda, ao pé da pota enorme,
sempre hai un prato posto para todo o que chega,
e mesmo unha cama, aínda que a casa sexa
máis pequena có dedal da nena que non cose.
A fame habita nos xergóns de follato de millo,
por iso a nena soña comer pexegos doces,
e abandona a costura por marionetas á tarde,
teatro improvisado por unha perra chica.
Ou vende o quiñón na praza dos Ratos,
por un patacón que dará para os churros na Pedra,
no tempo en que o azucre vale máis cós diamantes
e un silencio mesto paira sobre a memoria.

As nenas teñen por escola alestir os palangres
na Ribeira, palangres de faneca ou buraces,
palangres para a lingua, mentres o salitre invade
o sistema linfático, percorre o corpo todo.
Teñen mans que reparan, dilixentes, as redes,
as mans da nai que loita contra o frío do xeo,
as mans da avoa coa a pesca do día na praza,
as mans da bisavoa que escorrentaba a fame,
as mans da madriña que non fuxiu co circo,
as mans da tía a fregar co pelexo dos cazóns,
as mans de todas as mulleres, atrapadas na rede
de construír a vida.

Entre a fonte da Barroca e o Peñasco,
as voces das nenas ocupan a memoria.
A pedra aínda está quente dos seus pés,
a porta da casa segue aberta,
alguén berra: Gorgorito!
E a infancia ocupa o tempo da Ribeira.
Comentarios (0) - Categoría: Recitais - Publicado o 03-03-2014 09:47
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2 [3]
© by Abertal
Acuática