acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Acuática alma no programa Eirado
O pasado 24 de marzo comezaba a terceira tempada do programa cultural Eirado na TVG2. Para este programa fun convidada por Pemón Bouzas a falar de Acuática alma (minuto 18).


Comentarios (0) - Categoría: Acuática alma - Publicado o 28-03-2012 20:27
# Ligazón permanente a este artigo
Presentacións de Acuática alma
Con Mercedes Queixas e Teresa Seara. Foto de TokioEste venres 23 foi a presentación de Acuática alma na Coruña. Unha fermosa presentación como todas teñen sido até o de agora. Miguel Anxo Fernán Vello, Miguel Anxo Mouriño, Teresa Moure, Mercedes Queixas e Teresa Seara acompañáronme estes días con amizade e agarimo e dixeron cousas verdadeiramente fermosas do meu libro.

Cando os escoitaba comprobaba como chegaran ao fondo dos poemas para atoparme agachada detrás das palabras, revelando así a miña última intención. Ás veces descubríanme as voltas subsconscientes, relacións honrosísimas ou significados nos que nin reparara. Así foi na Coruña, na sala da Asociación Cultural Alexandre Bóveda que me acolleu.

Miquel Anxo Fernán Vello, editor, sinalou a madurez deste poemario e a súa reflexión sobre este duro tempo que nos toca vivir. Miguel Anxo Mouriño reparou na fame de xustiza. Teresa Moure atopou nos meus versos ecos de Manuel María, Mercedes Queixas os de Manuel Antonio e Bernardino Graña. As dúas a pegada de Rosalía, cando o poema se torna escuro e nace dos pozos máis profundos. Teresa Seara convocou a literatura e a filosofía de todos os tempos, así o pensamento de Heráclito segundo o cal o ser humano é portador dun destino parello ao da auga que corre.

Grazas a todas e a todos por me ter acompañado e polas vosas amábeis palabras.

Comentarios (0) - Categoría: Acuática alma - Publicado o 24-03-2012 15:23
# Ligazón permanente a este artigo
Presentación de Acuática alma na Coruña
Convídovos á presentación de Acuática alma este venres 23 de marzo na Agrupación Cultural Alexandre Bóveda (rúa Olmos 16-18, 1º)en A Coruña.

No acto de presentación participarán as escriroras Mercedes Queixas e Teresa Seara e o Director de Edicións Espiral Maior Miguel Anxo Fernán Vello.
Comentarios (2) - Categoría: Acuática alma - Publicado o 21-03-2012 09:23
# Ligazón permanente a este artigo
Chus Nogueira fala de Acuática alma
No Diario Cultural de onte, 28 de marzo, Chus Nogueira falou de Acuática Alma. Comeza no minuto 38.


Comentarios (0) - Categoría: Acuática alma - Publicado o 29-02-2012 17:11
# Ligazón permanente a este artigo
Recensión en Caderno da Crítica
Foto de Tokio, asistentes á presentación de Acuática alma en GondomarRamón Nicolás publica no seu Caderno da crítica unha recensión sobre Acuática alma.

"E este é, ao meu ver, un dos poemarios máis compactos da autora, mesmo considerando a pluralidade de focos de interese que recrea. Quen a estas páxinas se asome advertirá que Dacosta segue a beber das fontes da mitoloxía clásica -Medusa, Ismene, Antígona, Ofelia…-, figuras que resultan operativas, aínda que non só, para afortalar unha das liñas de sentido que poboan o poemario como é a rexa reivindicación da loita, por veces »invisible e teimuda», que protagoniza a muller en moi diversos ámbitos, convidando a adoptar, por extensión, unha postura que vai máis aló da simple belixerancia. E xa que de ecos clásicos se fala cómpre non esquecer que este é tamén un libro que se achega, aquí e acolá, aos grandes temas da poesía de sempre como son a reflexión sobre o rol da poeta, arredor do paso do tempo ou a asunción da morte como algo ao que se lle ve o rostro, que se singulariza para facela máis real, exhibindo unha recorrente e rendible, mais non exclusiva, simboloxía <> ou mariña, tal e como consta no seu título.

Por outro lado, paréceme que esta Acuática alma alicérzase desde a constatación, dolorosa, de ausencias que provocan cicatrices case tanxibles e dispostas coma se dunha sorte de bitácora ou diario se tratase. Elabórase así un discurso intenso, revelador da intimidade, transparente e con arrecendo a verdade, razón que explica a súa fondura abisal e mesmo esa tonalidade estremecida que percorre algunhas das súas páxinas construídas, como non, a través das palabras: esas palabras tantas veces rebeldes que a voz lírica procura porfiadamente, remoendo nelas unha e outra vez, para rescatalas dese pequeno tesouro que vén sendo unha <> que agora se abre para construír un chanzo máis nesa <>, tal e como se recolle nun poema, reconstruída e exposta limpamente con brillantez e sobriedade."

A recensión comeza lembrando aquel recital de abril de 1987: Na cidade espida. Un día destes poñeremos nesta xanela aquel manifesto.
Comentarios (0) - Categoría: Acuática alma - Publicado o 16-02-2012 18:34
# Ligazón permanente a este artigo
Presentación de Acuática alma en Compostela
Convídovos á presentación de Acuática alma este mércores 15 de febreiro na librería Couceiro en Compostela (na praza de Cervantes).

Comentarios (0) - Categoría: Acuática alma - Publicado o 13-02-2012 21:21
# Ligazón permanente a este artigo
Recensións de Acuática alma
Foto de TokioVelaquí algunhas recensións de Acuática Alma, comezando pola amábel presentación que Miguel Anxo Mouriño fixo en Gondomar e Pontevedra:

Miguel Anxo Mouriño, “Presentación do libro Acuática Alma …”, http://dl.dropbox.com/u/8842847/documentos/Presentaci%C3%B3n%20Acu%C3%A1tica%20Alma.pdf
“…a materia prima que alimenta o poemario está composta de sensacións, de sentimentos, de sensibilidades que teñen moito que ver co sufrimento, en xeral, e, sobre todo, coa inxustiza: inxustiza contra as mulleres, por maltrato ou invisibilidade, inxustiza contra os pobos, inxustiza contra os vencidos, inxustiza contra a lingua. Coa súa enorme forza expresiva baseada non só no dominio da palabra senón tamén, e non menos importante, na súa autenticidade e implicación, observa, cunha póla de oliveira na man e na outra unha metralladora de versos, observa, digo, en atalaia alerta a vida que pasa e como pasa, ou volve a vista atrás para ollar na memoria, e dispara, certeira, co seu estilo directo desprovisto de toda retórica innecesaria.”

Xosé Manuel Eyré, “Crónica parcial dun libro incompleto: acuática alma e o momento da vida”, Galicia Confidencial, 31/01/2012:
“…o de Marta Dacosta é un dos mellores poemarios do pasado 2011, e, con seguranza, non só na opinión de quen isto asina.
Acuática alma é un manso fluír de sensacións, de reflexións, de sensibilidades. Un manso e constante fluír de derrotas e necesidades, de cansazos e abismos, de espellos e agardas, de vítimas e invisibilidades. Un manso fluír. Manso, que a poeta traballa con mimo, con delicadeza a forxa dos dos versos que son o trásito da idea; procurando sempre unha expresividade coidada e fonda, mimo e naturalidade nun parto que á vez loita, rebelde, por non se constrinxir senón a si mesmo ou á súa propia peculiaridade pois crime é, espantoso e humanoide crime, pretender encorar o natural nos recipientes que a cobiza irracional e desenfreada lle planifica. Fluír, e o poemario vólvese caderno ou testemuña de vida.”

Dolores Vilavedra, “Darlle a volta á identidade”, Luces, Rolda das letras, El país, 2/02/2012:
“Tampouco é Marta Dacosta unha autora que se prodigue. Acuática alma é un poemario de madurez, sobrio na forma e contido no fondo, un chamamento á autenticidade que non esquece o diálogo cos mitos pero tampouco coa memoria dos cadavres das cunetas, que non renuncia á reflexión metaliteraria mais tampouco elude a cotidianeidade.”

Montse González, “Versos corrente de lava”, Luces, El país, 9/02/2012:
“Marta Dacosta homenaxea en Acuática Alma, a forza das mulleres, “a súa capacidade para superar a dor”, apunta ela mesma. E chama por todas as Ofelias —como xa o facía n’As amantes de Hamlet—, para instalas a ser libres, a rebelarse contra o sometemento. Porque a violencia de xénero é unha das inxustizas contra as que Acuática Alma ergue a palabra. Como o fai contra o descoñecemento, a frustración ante a construción de imaxes deformadoras sobre as persoas. Ou contra a desmemoria, a mentira, pois “a historia”, lembra, “escríbena os vencedores”. Di Olga Novo que “a poesía é pobre, pero fala coa voz rica dos que non teñen nada”. Dacosta reivindica tamén, da man de Benedetti ou de Mahmud Darwish, a poesía como palabra dos vencidos, do pobo.
Reflexiona, por outra banda, en Acuática Alma, sobre o papel da poeta nun contexto de palabras luxadas —como as que sustentan, di, as agresións á lingua— e falta de tempo para “as cuestións que son fundamentais”. Mais, contra a “triste indeferenza ante a derrota” que xa denunciaba en Pel de ameixa, convida a “coller folgos”. “A non deixarnos vencer, seguir loitando para ser, para non desaparecer como pobo”, engade. Acuática Alma parte dun poema sobre un ser que nace da auga, elemento de construción e destrución da vida. A imaxe da auga, como a do sangue, atópase na súa obra desde o seu primeiro libro, Crear o mar a Compostela.”
Comentarios (0) - Categoría: Acuática alma - Publicado o 10-02-2012 18:24
# Ligazón permanente a este artigo
Presentación de Acuática alma en Pontevedra

Convídovos á presentación de Acuática alma este xoves 9 de febreiro na librería Sargadelos en Pontevedra.

Coa colaboración da Asociación Cultural Maio Longo.
Comentarios (0) - Categoría: Acuática alma - Publicado o 06-02-2012 19:51
# Ligazón permanente a este artigo
Acuática alma no Diario Cultural
Esta semana cinco poemas de Acuática alma estiveron no Diario Cultural da Radio Galega.

Este foi o programa do luns día 23, no que o poema “non foi suficiente” pecha o programa. Ao longo da semana outros poemas estiveron na páxina de poesía do programa.




Aquí a entrevista do día 26 (no minuto 42:40):




ou destoutro xeito:
http://www.facebook.com/l.php?u=http%3A%2F%2F85.91.64.18%2Fdiariocultural%2FACUATICA_ALMA_MARTA_DACOSTA.mp3&h=4AQHnKDs8AQE5KIDxQJtuZmAlnX-ytD-J1TO0yhxMU_T2VA
Comentarios (0) - Categoría: Acuática alma - Publicado o 27-01-2012 18:05
# Ligazón permanente a este artigo
Acuática alma no Zig Zag diario
Onte Acuática alma saíu no Zig Zag diario, que por certo tamén foi 2º premio de Fervenzas literarias en canto a Medios de comunicación.

No minuto 21:11 comeza a entrevista.

Así vexo eu o meu libro:


Comentarios (0) - Categoría: Acuática alma - Publicado o 17-01-2012 20:59
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2 [3] [4]
© by Abertal
Acuática