acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Viaxe ao Val de Xálima (II)
Xulián ten unha tenda de produtos estremeños. Está mesmo por detrás da igrexa parroquial de Sa Martín de Tours. Cando baixabamos cara a ela chamounos a entrar coa súa exposición exterior, onde as lousas anunciaban os distintos produtos. E entramos.

Non déramos catro pasos, case nin faláramos entre nós, cando Xulián, erguéndose do seu tallo tras o mostrador, preguntounos: Sodes galegos? Entón iniciouse a pequena conversa na que recollemos saúdos para Henrique Costas e Vázquez Pintor, na que soubemos dos intercambios con Moaña e Viana do Bolo, onde vimos o mapa de Galiza nun lugar de relevo con varios puntos sinalados, e onde falamos moi superficialmente das dificultades que tamén ten “a fala”. Fomos a iso, a encontrarnos coa nosa lingua nun lugar insospeitado e resoou nos nosos oídos ese galego oriental que une as terras que a Administración española separou.

Na viaxe cara ao Xálima, iamos lendo sobre os debates que “a fala” ten suscitado. Cando chamamos a Galiza, contáronnos que mentres nós pisabamos aquelas terras alguén anunciaba novos estudos que desbotaban as orixes galegas da fala e explicaban que este xeito procedía de seren poboacións limítrofes con Portugal. Non é iso o que se sente nos pobos occidentais da Serra de Gata, non é portugués o que se escoita, e iso que só hai 25 quilómetros a Penamacor, o primeiro pobo portugués ao cruzar a fronteira.

Mais a conclusión é sempre a mesma, os prexuízos contra o galego que, alí, se converten en rexeitamento das orixes da fala. Xa nolo dixo Xulián, hai a quen non lle gusta que os galegos cheguemos alí usando a nosa lingua, nun claro aceno de que recoñecemos a súa fala como un dialecto arcaico da nosa. En “Fala i cultura” teñen claras as orixes galegas e están a loitar polo recoñecemento da súa fala, levándoa mesmo aos centros do ensino a través do proxecto “A Fala ena Escuela”

Seguirá habendo debate sobre as orixes da “Fala”, mentres, haberá que loitar pola súa supervivencia, como ben di Domingo Frade no seu artigo en "La crónica de Sierra de Gata”: “Nosa fala, ripitimus, é un luju en sí, nun una joyita do axinal en festas, propias de folklore i vitrinas. Emisión e recepción mais facil ao comunicalnus con 400 ó 300 millons dos falantis de castellanu i portugués i mais ainda otrus.”
Comentarios (2) - Categoría: Viaxe ao Val de Xálima - Publicado o 10-04-2010 11:58
# Ligazón permanente a este artigo
Viaxe ao Val de Xálima (I).
Foto Marta Dacosta
(foto de Valverdi du Fresnu desde o cruce que leva a Sa Martín de Trevellu)

Estes días de descanso decidimos viaxar ao Val de Xálima. Había tempo xa que viñamos pensando en achegarnos a coñecer estes pobos estremeños en que se conserva “a fala”, unha variante da nosa lingua nas que foron terras reconquistadas e repoboadas por galegos. Así que con moi pouca antelación reservamos habitación en Valverdi du Fresnu, no único hotel en que quedaban cuartos, pois xa todas as casas rurais estaban cheas.

Chegamos o mércores 31 de marzo ao mediodía. Nesa mesma tarde percorrimos os tres pobos: Valverdi, Sa Martín de Trevellu e As Ellas. Están moi preto os uns dos outros, como a cinco quilómetros, así que o percorrido total non pasou de 20/25 Km.

Impresiona a súa disposición. Deitados ao longo da Serra de Gata, situados no seu extremo occidental antes de chegar á Serra da Malcata, están como deitados na aba da serra. As Ellas, semella un felino agatuñando pedras arriba, como escapando da chaira que viu verter tanto sangue desde a alianza dos vetóns cos lusitanos.

Vistos desde a estrada que comunica Valverdi con Hoyos engáñannos na súa altitude, pois semellando Valverdi o máis elevado dos tres, é precisamente o que está máis baixo sobre o nivel do mar, fronte a Trevellu, a case mil metros de altitude.

Tres pobos, unha fala, un val, o de Xálima, e tres personalidades claramente diferenciadas. Din deles que cada un ten o seu xeito de falar, en Valverdi, valverdeiru, nas Ellas, lagarteiru (un lagarto arrástrase polo seu escudo), en Trevellu, mañegu, en calquera caso xalimés, e se hai diferenzas non as puiden percibir, pois moi pouco sentín a fala ao meu redor.

Trevellu conserva o engado medieval das súas callis estreitas, as casas de adobe e as traves de madeira sobresaíndo sobre as nosas cabezas. Mentres andamos, un regato de auga cruza por entre os nosos pés. Nas Ellas, a penas quedan dúas torres semiderrubadas dun antigo castelu artu que hoxe é o cemiterio da vila, onde os mortos xacen en terra e levan apelidos tan galegos como “Payo”. Valverdi non conserva practicamente nada do que foi a arquitectura popular da serra.

Non foi unha boa época para a viaxe. Demasiados turistas, moitos retornados. Nas rúas non se escoitaba a fala, case reducida ao uso gremial reservado aos iniciados do que os estranxeiros non podemos participar. No hotel, ás veces até me sentía violenta por lles falar en galego, pois moi poucas veces me responderon na súa fala as traballadoras que me atenderon. Mais coñecimos a Xulián, e con el puidemos botar algunha parrafada…
Comentarios (2) - Categoría: Viaxe ao Val de Xálima - Publicado o 05-04-2010 13:51
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Acuática