acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

O Correlingua en Tomiño

Moito traballo.
Moita satisfacción.

Tomo a imaxe do Correlingua celebrado esta mañá en Tomiño da páxina do concello, a quen agradecemos a súa colaboración.

E quero felicitar especilamente ao alumando do IES de Tomiño, pola lectura do manifesto, e do IES Escolas Proval, pola interpretación da peza presentada ao Cantalingua, composta pola súa profe Paula Oliveira.

Galego: A forza do noso amor.
Comentarios (3) - Categoría: Cousas da lingua - Publicado o 06-05-2010 20:48
# Ligazón permanente a este artigo
Un ano máis o Correlingua
imaxe da CIG-EnsinoEsta mañá presentamos en Compostela a nova edición do Correlingua. Un ano máis miles de rapazas e rapaces sairán á rúa reclamando o seu dereito a vivir no noso idioma.

Este ano o lema está tomado do verso de Uxío Novoneyra: "Galego, a forza do noso amor".

O manifesto escribiuno o alumnado de 2º de ESO do IES Porta da Auga de Ribadeo, e di enter outras as seguintes cousas:


A nosa proposta é clara, díxonola Manuel Antonio:
“A nosa fala é nosa, pospola a calquera outra é unha forma de suicidio”
Libraremos a batalla se libres quixermos ser
facéndolle honor ao seu lema, evitando o xenocidio.
...
Somos unha xeración
de galegos preparados,
a gramática coñecemos,
da nosa historia sabemos.
Por usar a nosa lingua
quen se atreve a insultarnos?
Se nos deixamos gañar,
non seríamos desleixados?.
...
Queremos galego na escola!


Comentarios (0) - Categoría: Cousas da lingua - Publicado o 15-04-2010 20:07
# Ligazón permanente a este artigo
O Consello escolar de Galiza pide a retirada do Decreto de Plurilingüismo
Foto da CIGGañamos!

Onte foi outro día importante na defensa da nosa lingua. Gañamos a votación mediante a cal se presentou unha emenda á totalidade contra o Decretazo do Plurilingüismo, por 24 votos fronte a 16.

A sociedade galega non avala este decreto, que lles quede claro, especialmente ao Secretario Xeral de Política Lingüística que tivo a desfachatez de dicir que non se ía cambiar un "ápice" do documento.

A información da Radio Galega na Crónica das 8 foi un modelo de manipulación.

Pola nosa lingua, nin un paso atrás!!
Comentarios (0) - Categoría: Cousas da lingua - Publicado o 08-04-2010 09:11
# Ligazón permanente a este artigo
Bacteria linguae
Leo na xanela de Náufrago que a nosa lingua ás veces contáxiase coma un virus. Si, aínda que eu diría que se transmite como unha bacteria, un deses organismos microscópicos necesarios para a vida, que nos axudan a sintetizar vitaminas e proteínas, entre outros elementos vitais.

O caso é que eu xa o teño comprobado. Na miña casa repartimos bacterias destas, bacterias linguae. Así, hai tempo xa, que os amigos adolescentes do meu fillo diríxense a nós en galego, sen dubidalo, non teñen ningún tipo de problema por empregalo con nós, mesmo cando non é a súa lingua habitual.

E non é a única ocasión. O que no Plan Xeral de Normalización de 2004 se chama "oferta posivita" ten efectos multiplicadores. De feito, hai persoas que, ao dirixirse a min, fano en galego, por ser esta a lingua que eu falo.

Onte mesmo, non tiven nin que falar. Foi curioso, gratificante mesmo. Entrei no vestiario da piscina e unha moza que estaba co seu fillo reparou na miña presenza, pareceume, por como me miraba, que debía coñecerme, e a partir dese momento comezou falar en galego co seu fillo. Estou certa completamente, pois no momento de eu entrar falaba con el en español. En que lingua fala co seu neno habitualmente? Non o sei, mais seguro que a nosa lingua ocupa algún lugar na súa relación de amor.
Comentarios (7) - Categoría: Cousas da lingua - Publicado o 22-03-2010 16:18
# Ligazón permanente a este artigo
QUEREMOS GALEGO!
Onte centos de persoas rexeitamos o Decreto contra o galego en Vigo. Neste vídeo da CIG pódese ver parte do acto:

Comentarios (0) - Categoría: Cousas da lingua - Publicado o 17-03-2010 00:07
# Ligazón permanente a este artigo
Perturbada II
Arquivo Marta DacostaXusto unha semana despois do acontecido que deu pé ao artigo de A Nosa Terra desta semana, volvín falar do asunto. Todo foi porque na cea de onte, conmemorativa do 8 de marzo e posterior ás intervencións de seis mulleres cargadas de razón, un amigo preguntou se o bar do que falaba no artigo era real.
- O bar e todo o que se conta, por iso escribín o artigo.
De feito, dubido que tivese falado do tema se non for por ter escoitado aquela conversa.

O caso é que o que non contei no artigo é tamén digno de mención, porque non deixei de reparar, e confeso que isto comezo facelo con frecuencia, nos usos lingüísticos das persoas. E así, como nun manual vivo comprobei, unha vez máis, a persistencia da diglosia. Porque aquela persoa que se mantiña en galego ao falar cos seus amigos que lle respondían en español, e que se mostraba indignado coa falta de respecto cos galegos e galegas, cando tivo que dirixirse á camareira do local, fíxoo en español.

Mais o caso aínda dá máis de si.

Volvendo á cea de onte. Despois de que este amigo preguntase polo bar e o acontecido, puxémonos a falar do tema, contando outra vez a anécdota para as e os que non a leran aínda no semanario. E daquela expliqueille a outra amiga quen eran as persoas que estaban naquel bar a semana anterior. E sorprendidísima lembrei unha cousa que escribira: “nacionalistas non se consideran”. Por que? Porque a miña amiga, que coñece un pouco máis ás persoas das que falabamos dixo:
- Ese rapaz é das forzas de seguridade do Estado.
Comentarios (0) - Categoría: Cousas da lingua - Publicado o 06-03-2010 19:01
# Ligazón permanente a este artigo
Cousas da lingua
foto Marta DacostaAula de 4º da Eso. Dous adolescentes, 15 e 16 anos, están preparando un traballo. O máis novo comeza facer o esquema. O outro dille:
- Hazlo en castellano, eh!
O máis novo quédase quieto. Pensa un segundo, borra o que está facendo e responde:
- Pois faino ti!

A conversa rematou aí. Intencionadamente. Son amigos. O máis novo non quixo enlearse co seu colega nunha discusión que adiviñou agre e perdida de antemán.

Está fartándose. Leva quince anos acumulando preguntas.

Hora do xantar.
- Quen está impoñendo o que?

(unha persoa moi importante pediume que recollese este feito real na miña xanela. Fágoo e aproveito para inaugurar unha nova categoría: cousas da lingua. Aquí deixarei esas anécdotas preciosas...)
Comentarios (2) - Categoría: Cousas da lingua - Publicado o 19-02-2010 18:25
# Ligazón permanente a este artigo
[1] [2] 3
© by Abertal
Acuática