acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Resposta do Valedor

Esta é a resposta que o Valedor lle deu o mes pasado á miña queixa.

Ou sexa que aquí non pasou nada, seica...

Desde logo non podo dicir que non contestara rapidamente, mais a resposta é completamente insatisfactoria: como nos papeis di que eles son o máximo garante da cidadanía arquivan o caso, e punto.

Aaaaaaarrrrhhhhhhh!
Comentarios (0) - Categoría: Cousas da lingua - Publicado o 25-02-2011 18:31
# Ligazón permanente a este artigo
Queixa ao Valedor do Pobo polo comportamento da súa oficina
Imaxe da WikipediaNo final do trimestre, o alumnado dun instituto do Val Miñor visitou a Oficina do Valedor do Pobo. Na súa visita foron atendidos por un dos vicevaledores. Esta persoa atendeu os menores en español. Ao finalizar a súa intervención convidou o alumnado a preguntar. Entón, un dos asistentes quixo saber por que o Vicevaledor non empregara con eles a lingua propia de Galicia, xa que, como vicevaledor do pobo, está entre as súas funcións a de procurar o respecto dos dereitos lingüísticos das galegos e dos galegos e que todas e todos os alí presentes entendían a nosa lingua. O Vicevaledor respondeu, sempre en español, apelando á súa liberdade como individuo, deixando de lado a súa responsabilidade institucional, incidindo en que estaba alí como cidadán e non como vicevaledor.

Ao chegar a casa, o rapaz díxonos que tiña que contarnos algo que pasara na visita ao Valedor, sentamos na cociña e relatounos o que acabo de recoller máis arriba (el coas súas palabras, eu coas miñas). Os pais quedamos abraiados, abraiados pola actitude dun representante público ante un grupo de escolares e abraiados da reacción do fillo que non calou e dixo exactamente o que pensaba.

Entón, decidimos que debiamos presentarlle unha queixa ao Valedor do Pobo, e iso fixen, relatando o acontecido e reclamando unha intervención ante este alumnado que repare a deficiente imaxe transmitida e que lles aclare que si, que a lingua oficial das institucións é o galego, que o Estatuto de Autonomía, a Lei de Normalización Lingüística e a Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias defenden o promoven o seu uso e que eles teñen o dereito de usar a súa lingua ante as institucións e estas o deber de lles responder no noso idioma se eles e elas o reclamaren.

Xa sei que son parte afectada, mais pareceume inaudito o acontecido. Agora está presentada unha reclamación e a pregunta é:
Contestará?
E se contesta, que contestará?
Será inmediata a súa intervención como o foi na dirección contraria?

O tempo dirá, aínda que xa abondo dixo.
Comentarios (0) - Categoría: Cousas da lingua - Publicado o 09-01-2011 11:13
# Ligazón permanente a este artigo
A diglosia aos 88
Cando cheguei estaba diante do espello falando consigo mesma. Non se recoñece, pensa que fala con outra persoa, se cadra con outra muller que lle dá confianza, coa que se sente segura.

Logo vén para a cociña e senta con nós, catro mulleres á vista da Ría.

Parece que segue a nosa conversa, asinte, sorrí e mesmo me dá a razón a min, tal vez a cara máis estraña para ela, aínda que tampouco saiba que as outras dúas son as súas fillas, miña nai e miña tía.

Hai algo que nos sorprende a todas. A avoa, neste momento de escuridade mental, fala castelán. Énos incomprensíbel porque nunca imaxinaríamos á avoa Saladina empregando esa lingua. As súas fillas, ambas as dúas castelán falantes, non recoñecen este uso lingüístico da súa nai, por máis que, noutros momentos da súa vida, sendo eu pequena, usase o español para se dirixir ás súas netas. Mais cando pensamos na miña avoa, pensamos nunha muller galegofalante.

Por que entón agora que as súas neuronas morreron despois de varios pequenos accidentes vasculares, cando o seu cerebro funciona deficientemente, emprega esta lingua? A única explicación que se me ocorreu é que obedeza á interiorización dun uso diglósico na súa mocidade, a que do fondo das tebras e sen saber por que sáelle este uso do español con persoas descoñecidas, un español que non usa ante o espello, cando fala con esa muller de 88 anos que, coma ela, traballou arreo e agora non recoñece o mundo en que vive.

Eis a nosa realidade: a diglosia, tan pouco nomeada nos últimos tempos (esquecida?) e tan interiorizada nos nosos cerebros.
Comentarios (0) - Categoría: Cousas da lingua - Publicado o 29-12-2010 10:42
# Ligazón permanente a este artigo
Entrega das sinaturas de Queremos Galego
Foto da CIGAínda que os medios non se fagan moito eco, con clamorosas ausencias na información, onte, un ano despois de percorrer masivamente as rúas de Compostela, entergamos no rexistro do Parlamento 30000 sinaturas da Iniciativa Popular en prol do noso idioma.

O BNG xa fixo público que vai levar a iniciativa á cámara.

Somos moitos e moitas, e como dixo Callón onte, todas as sinaturas son do noso país, recollidas coas mesmas garantías que se fose realmente unha ILP.
Comentarios (0) - Categoría: Cousas da lingua - Publicado o 19-10-2010 08:21
# Ligazón permanente a este artigo
Rendivú
O domingo, nunha asemblea do Centro Cultural da parroquia en que vivo, Peitieiros, un home dixo que aqueles andaban a facer o “parifé”. Rapidamente anotei a palabra, por se merecía ser investigada, mais non, simplemente fora un erro de dición por “paripé”.

Porén, a tal expresión lembroume outra, moi común para min, aprendida de meu pai (Matamá, Vigo), que cos anos descubrín que se dicía na miña casa e nalgún outro lugar, ou sexa que é un dito que ten unha distribución tal que entre Vigo e Gondomar (aquí en Peitieiros). É facer o “rendivú”, ou andar de “rendivú”, expresión claramente francesa: rendez-vous, que para nós significa render pleitesía a alguén, para caerlle en graza, ter esa actitude. Eu imaxínome que isto do rendivú quedou como expresión orixinada na xenreira contra os franceses, cando a guerra da Independencia, e que converteran o “rendez-vous” con reverencia e todo, nun retranqueiro rendivú, xogando co dobre significado do francés rendre: “volver/render”.
Comentarios (0) - Categoría: Cousas da lingua - Publicado o 07-10-2010 16:51
# Ligazón permanente a este artigo
As zamancas e o demo
Imaxe da GalipediaDurante a sobremesa do domingo en Valadares, deunos por falar de zocos e zocas, dos nomes que ten este calzado e de que alguén escribiu que o nome “zamancas” procede do topónimo de Zamáns, cousa á que non demos moito creto.

E falando do coiro e máis do bidueiro, a avoa Carme lembrou un dito da súa profesora, Dona Asunción, aló por finais dos 40: “as zamancas fíxoas o demo para que as vellas non cheguen á misa”.

Si señor! Vaia co demo do que foi levar culpa!

E digo eu, que haberá detrás deste dito? Sería cousa desta muller nacida en Buenos Aires ou é unha frase máis común?. Terá que ver cun xeito particular de entender a relixiosidade? Se cadra que a quen non atendían todo o debido era aos cregos na misa? Ou que aos curas non lles gustaban que lles resoasen nas igrexas as chatolas das zocas?

En fin, que moito me gustou, e aquí queda, para que non se perda.

Mais tamén vou ao dicionario, primeiro para comprobar que Eladio Rodríguez recolle a voz “zamancas” co significado de zocos e atribúeo a Sárdoma en Vigo, e logo para ver que no Xerais figura como sinónimo de zamancos, tamancas ou tamancos para designar uns “zocos” mal feitos. O Xerais recolle como sinónimo de zocos: “galochos”. A min sonme familiares as voces “zocas” e “ghalochos”, que a miña nai me transmite con uso diferenciado: as zocas son as dunha soa peza de madeira, con tres apoios no chan, as de andar pola Ribeira, e os ghalochos son as zapatillas cando andas con elas sen as calzar de todo, co calcañar de fóra, e que pode ser unha adpatación da voz sonoramente galega para un uso “máis despectivo”.

Agora estou de ghalochos, é como ando sempre.
Comentarios (12) - Categoría: Cousas da lingua - Publicado o 06-09-2010 18:33
# Ligazón permanente a este artigo
alestindo un palangre de noso
Foto da GalipediaAndaba eu lendo aquí e alá e cheguei ao artigo desta semana para o Galicia-Hoxe de Carlos Callón. E dúas ideas, agora xa son tres, viñeron á miña cabeza.

A primeira foi a sorpresa que levei cando coñecín á tía da miña parella. Debín coñecela hai uns vinte anos ou máis, ou sexa que andariamos polos anos 90. Vive en Mondariz, exactamente na parroquia que o pobo renomeou como Vilasobroso, antes chamada San Martiño da Portela (e esta xa é outra historia). Pois ben, non puiden deixar de reparar aquel día en que para ela o verbo “gustar” é de réxime preposicional, como en portugués, e lusista ela non é. Nunca lle escoitei usar o verbo doutro xeito que non fora: eu gosto do leite, ou non gosto de beillar... por iso eu dei en recuperar ese uso preposicional, igual que dei un día en deixar constancia de que na miña aldea, que vén ser o centro de Vigo, a nai da miña nai é a miña avó, tamén como en portugués, con –o aberto.

A segunda idea foi que o outro día dei de "fuciños" no Memorial do convento coa voz “falperra”. Vin usada esta palabra como nome común e corrín ao dicionario da Porto Editora para saber o seu significado, porque sempre sentín curiosidade por coñecer que sentido tiña o topónimo Falperra, en Vigo. O dicionario di que “Falperra” é un lugar onde se practican moitos roubos, e que a palabra procede dun topónimo, neste caso portugués. Vaia, entón onde está a orixe, no topónimo Monte da Falperra, próximo ao Bom Jesus de Braga? E os “Falperra” galegos, de Vigo ou da Coruña, teñen que ver con ese topónimo?

E tres. Eu, que ás veces son algo teimuda, hei de seguir dicindo, cando me pete, que gusto da poesía, e non deixarei de usar a palabra “alestir” para que non esquezamos que así se di reparar as redes do palangre e pouco a pouco alestiremos o noso propio aparello, con bolachas e outros moitos termos.
Comentarios (8) - Categoría: Cousas da lingua - Publicado o 30-08-2010 19:32
# Ligazón permanente a este artigo
a dificultade do galego
Fun renovar o documento de identidade.

Agora, mentres procesan os datos, podes ir lendo como son recollidos. Así pasei os minutos, lendo que as entradas estaban en español (no documento que nos entregan están nas dúas linguas) e comprobando se os datos eran introducidos en galego. Ao final, o único dato en que se podía visibilizar o idioma era o sexo: “femenino”, mais no documento soamente figura un “f”.

Falei do tema coa persoa que me facía a renovación: “Estou comprobando que os datos estean en galego”. Entón dixo: “en gallego sería “feminino” no? Yo hablo castrapo, no sé gallego, soy de aquella época en que no se enseñaba gallego en la escuela, y yo no sé gallego, en casa si, falamos castrapo, pero eso non é galego... e o galego normativo é mui difícil”.

Non fun quen de articular algo coherente, algo dixen, sobre que non importan as normas senón usar o idioma, mais non sei como o dixen. O lugar e a sorpresa que me produciu o argumento de que o galego normativo é moi difícil, nunha persoa que me pareceu máis nova ca min, debería ter algunha hora de galego na escola, deixoume noqueada.

E non sei de que me sorprendo...
Comentarios (2) - Categoría: Cousas da lingua - Publicado o 13-08-2010 18:19
# Ligazón permanente a este artigo
O día despois
arquivo Marta Dacosta
Abraio e indiganción a un tempo foi o que sentín cando escoitaba a comparecencia onte do Presidente da Xunta. Non daba creto ao que estaba oíndo, se a lei non me serve, refágoa á miña maneira...

Por iso o día despois, quédome (por varios motivos) con este poema de Aldán López que mereceu unha mención honorífica no 1º Concurso de Haikus do Val Miñor esta mesma mañá:

Ao decreto:
Lingua fóra,
o dente traba con saña nela,
os resortes volve cara atrás.


Parabéns a Patricia, Ricardo, Sabela, Noelia, Lara, Rebeca ou Aldán, que sigan así. Igual que aos mozos e mozas que o pasado 17 en Outes recibiron os seus propios galardóns lembrando ao poeta Añón.

Por eles e por elas, seguiremos...
Comentarios (4) - Categoría: Cousas da lingua - Publicado o 21-05-2010 18:02
# Ligazón permanente a este artigo
O NOSO EXISTIR

Mañá en Compostela, porque é a nosa razón de existir.
Comentarios (2) - Categoría: Cousas da lingua - Publicado o 16-05-2010 11:53
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2 [3]
© by Abertal
Acuática