|
|
|
|
|
|
| Poesía contra a ignorancia |
|
Poesía contra a ignorancia
DEITADO FRENTE Ó MAR...
(ler seguindo o ritmo de Dios ke te crew)
Lingua proletaria do meu pobo
eu faloa porque si, porque me gusta
porque me peta e quero e dame a gana
porque me sae de dentro, alá do fondo
dunha tristura aceda que me abrangue
ó ver tantos patufos desleigados,
pequenos mequetrefes sen raíces
que ó pór a garabata xa non saben
afirmarse no amor dos devanceiros,
fala-la fala nai,
a fala dos abós que temos mortos,
e ser, co rostro erguido,
mariñeiros, labregos da linguaxe,
remo e arado, proa e rella sempre.
Eu faloa porque si, porque me gusta
e quero estar cos meus, coa xente que sufren longo
unha historia contada noutra lingua.
Non falo prós soberbios,
non falo prós ruíns e poderosos,
non falo prós finchados,
non falo prós estupidos,
non falo prós valeiros,
que falo prós que aguantan rexamente
mentiras e inxusticias de cotío;
prós que súan e choran
un pranto cotián de volvoretas,
de lume e vento sobre os ollos núos.
Eu non podo arredar as miñas verbas de
tódolos que sufren neste mundo.
E ti vives no mundo, terra miña,
berce da miña estirpe,
Galicia, doce mágoa das Españas,
deitada rente ó mar, ise camiño...
|
|
|
|
|
| VIVIRMOS EN GALEGO |
|
Se algún día só temos nos nosos montes eucaliptos e acacias xa non viviremos no noso país, isto non será Galiza. E cando os carballos xa non nazan entre os nosos dentes, e deixemos de dicir bidueiro e carqueixa, xa non seremos galegos.
Este é un dos parágrafos do artigo que se publica na páxina da CIG. De paso non deixedes ler o outro artigo de Rafa Villar.
Así que o 18 estaremos en Compostela. Cómprenos moito acudir alí para demostrar cantos e cantas somos os que reclamamos o noso dereitos a vivirmos en galego.
Que quede claro!
|
|
|
|
|
| Medusa |
|
Onte estiven en Allariz como relatora dun obradoiro literario, alí falei de Medusa, do mito de Medusa no que eu xa reparara hai tempo, de aí que estea presente o seu rastro no libro de As amantes de Hamlet:
"ou Ofelia, ou Medusa. Sen elección. Condenadas á inocencia, ao silencio. A todos os silencios.
...
Vencedoras de Perseo, nunha illa sen mapas, recolleremos os corpos, virán á nosa praia, todas, todas as que levaron a estrela na fronte e escoitaron as buguinas do mar, as que buscaron o seu cuarto e deixaron un sombreiro sobre as augas"
E a idea de retomar o mito de Medusa veume o outro día mentres remataba de ler Mudanzas de Marilar Aleixandre, por iso entre os textos cos que traballei estivo este fragmento de "No teu ollo Medusa":
Perseo
...
Talvez, de coñecerte antes
cando eras a máis belida entre as belidas
e os pretendentes aspiraban a soterrar o sexo
na túa cabeleira,
teimaría en posuír o teu corpo
...
mirareime no teu ollo Medusa
non foi a túa ollada a que nos tornou en pedra
foi o seu medo
se non cheiro a medo
-dixéronno as cobras-
podo mirar no fondo dos teus ollos
sen temor
Cómpre ler este libro de Marilar Aleixandre. A poeta dialoga cos poemas de Ovidio dous mil anos despois:
“...
intercambiamos espiñas de peixe
velenos, desvaríos
hexámetros por versos rotos
furias por avésporas”
E nese diálogo/intercambio deconstrúe e reconstrúe os mitos que nos foron legados a través das Metamorfoses co propósido de denunciar a violencia exercida contra as mulleres, violadas e maltratadas e despois expostas como símbolo.
Onte falei diso, do maltrato e da violación, mentres seguía na miña cabeza a reflexión de Elfriede Jelinek. Xa o outro día, na tertulia da radio, dixen que o que acaba de acontecer en Austria lembrábame á súa novela Obsesión. Mais, para a nosa desgraza, a realidade sempre acaba superando á fición.
|
|
|
|
|
| Poetes gallecs d'avui |
|
Acaba de chegarme. É a antoloxía Poetes gallecs d'avuí (antología), editada por Llibres del Segle.
É unha antoloxía de 16 escritores e escritoras realizada por Fátima Rodríguez e Xabier Queipo, con tradución para o catalán de Manuel Costa-Pau.
Nela figuran dous poemas da miña autoría, un é a Balada das costureiras esquecidas e o outro Pregunta estéril, que escribín un 18 de abril de 2005 e que deixo a continuación:
Pregunta estéril
Por que ti precisamente,
cal a causa
a consecuencia
a explicación
a racionalidade
a mecánica vital en que se insire
este feito atroz da morte para sempre.
Por que ti,
en que engranaxe evolutiva do tempo
haberá un argumento que peche este debate,
por que se o corpo existe na dimensión prevista,
cal é a razón de morte
tan pouco presentida.
E para que nos serve
contemplar este oco espello de abandono,
esta ausencia brutal que estoupou sobre o día
e nos deixa unha lista de conversas pendentes,
a imposibilidade de chamar ao teu nome,
porque precisabamos
exactamente esa palabra que dirías.
Nin o materialismo en que nos contruímos
defende deste golpe
á cerna do equilibrio.
Que para que nos serve
comprobar esta falta,
a dor dos que vivían ao pé da túa alma,
os que gustosamente partirían contigo.
|
|
|
|
|
| Mulher de Porto Pim |
|
Hai un par de semanas que rematei de ler a Mulher de Porto Pim de Tabucchi. Volvín co libro dos Açores, como lembranza da viaxe á illa de San Miguel. Desde entón tentei iniciar a súa lectura unha e outra vez, até o extremo de facelo atravesar o Atlántico de novo, mais non foi até marzo (ou abril?) que puiden introducilo na miña lista aleatoria de lecturas, esa que non consegue rebaixar a altura das torres que agardan nos andeis.
Gocei infinitamente da súa lectura. Foi como volver ao centro do Atlántico. Gustei particularmente do relato “Antero de Quental. Uma vida” e andei de novo as rúas de Ponta Delgada acompañando a anguria do escritor, vin de novo o lugar en que o seu corpo caeu ao chan definitivamente, maxistralmente relatado polo italiano.
Os relatos son diversos, cada un ten o seu sabor especial, mesmo o que dá nome ao libro, esa crónica da violencia contra unha muller, sabor agre que ao final deixa a arcada na boca do estómago.
O libro fala das illas e dos seus habitantes, sobre todo dos habitantes do mar, como esa “baleia que vê os homens”, o enorme cetáceo que desde o seu pequeno ollo observa os seres humanos, especialmente os homes, os seus cazadores, e di:
“Também eles andam em bandos mas não levam fêmeas e adivinha-se que elas estão algures, mas são sempre invisíveis.”
O libro foi publicado por primeira vez en 1983. Se por ventura viaxades aos Açores, facede a primeira parada nunha librería e deixádevos acompañar das palabras de Tabucchi durante o voso percurso. Para min queda a encomenda de repetir a viaxe, agora co libro na man.
|
|
|
|
|
| Cousas que non necesito |
|
“Cantas cousas hai aquí que eu non necesito”. Din que esta frase foi pronunciada por Sócrates nunha feira ateniense. Recóllea o historiador Xosé Lois García na súa edición do Tao Te King, cando sinala que Lao Tse despoxárase de todo exceso e luxo buscando o camiño da naturalidade, abandonando “as máscaras onde o ser humano tenta refuxiarse de si mesmo”.
Mais hoxe esta frase de Sócrates e esta renuncia ás máscaras de Lao Tse pode ter para nós un novo significado. Porque si, hai algo aquí, neste Anteproxecto de Decreto de Bacharelato que presentou a Consellaría de Educación, que non necesitamos. Sobran horas de relixión.
Tal vez Marx volvese enterrar a cabeza na súa tumba se, espertando no mundo de hoxe, vise como a integración da relixión católica no horario do alumnado do Bacharelato vaino privar de, por exemplo, unha hora de filosofía, desa filosofía que recolle a súa posición sobre a relixión: “A superación da relixión como felicidade ilusoria do pobo, é a reivindicación da súa felicidade real”.
O artigo segue aquí. |
|
|
|
|
| Cultura? |
|
Estes días quixen falar de cultura, porque me levou o demo cando lin a noticia de que persoas do Val Miñor estaban a promover a recollida de sinaturas para recuperar os bingos "sociais" que se viñan celebrando nas parroquias co obxecto de recadar diñeiro para as festas patronais. Os que promoven esta iniciativa din que defenden eses bingos porque defenden os "dereitos da nosa cultura"... Ler para crer. Son as mesmas persoas que propmoveron ou recibiron con entusiasmo a celebración da Feira de Abril en Gondomar, mentres os grupos tradicionais esmorecían por falta de apoio. A mesma Feira que celebraron estes días en Baiona.
Non podo aturar que tenten manipular a miña opinión, nin que non se apoie a nosa cultura propia. |
|
|
|
|
| 25 de abril |
|
Creo que non existe un día máis poético có 25 de abril. Un día que nin nós, nin as xeneracións futuras debemos esquecer.
E mentres pensaba nesta data quixo o caprichoso azar que dera com meu vello libro de Cavafis, 90 e mais quatro poemas, unha edición de Jorge de Sena, que extraviei na miña desorde doméstica, mais que hoxe apareceu (mentres procuraba outro libro que non atopo... sempre igual), lembrándome que o atopei por vez primeira un 2 de agosto de 1991 en Lisboa. Non importa, esta pequena desorientación serviu para que volvese ler o Itaca e o resto dos poemas do autor.
Comeza así esta fin de semana literaria. Polo sur teatro, no Baixo Miño, nesa mostra que se vai consolidando grazas ao traballo de persoas incansábeis, como as profes do IES da Sangriña.
Polo norte, mañá, a Cea das Letras, actividade organizada pola AELG e ocasión para premiar aos nosos escritores e escritoras (hai unha longa lista de finalistas) e tamén a Nancy Morejón, a actual presidenta da Asociación de Escritores e Escritoras cubanos, como escritora galega universal. |
|
|
|
|
| 1987, Na cidade espida |
|
Falaba o outro día de que me puxera algo nostálxica a propósito do título dunha mesa redonda en que participei (Malos tempos para a lírica). Tanto que andei a remexer por aí até que dei con esta foto e o programa de man daquel acto.
É un recital que organizou o programa “A paixón galega” de Radio Ecca, onde colaboraba Jorge (na foto con corbata), quen tamén nos fixera unha entrevista. Pasaron máis de 20 anos, porque o mencionado recital foi o 23 de abril de 1987, hai agora vinte e un anos. Os que estamos na foto somos, da vosa esquerda á vosa dereita, Tokio, que se encargou da proxección de diapositivas e do cartel e o programa, Fran Alonso, Sergio G. Nogueira, eu mesma, Jorge Rodrigues Gomes e/ou Pereira da Silva, pois non sei se este pseudónimo lle corresponde a el, ou á persoa de bermello que nos acompaña e da que descoñezo o nome e mesmo se recitou naquel acto.
Como digo o recital levou por nome “Na cidade espida” e como dicía na contraportada do tríptico:
Hoxe as augas do mar de Vigo xa non son motivo de esperanza para ningunha namorada.
A meirande parte dos seus habitantes viven frotando (sobre as augas que hai tanto se lle roubaron ao mar).
Unha cidade labirinto en que perderse e asfixiarse, tal vez, onde soñar.
O erotismo é a máis sublime forma de comunicación.
En fin, velaquí a que entón foi a nosa declaración de principios, e esta parte da miña autopoética de entón, hai máis de vinte anos:
É difícil dende aquí e dende agora
saber qué impacto vai ter o que se está escribindo,
criticarse a si mesmo,
renunciar ao que se di,
racha-lo que se escribe,
rachar coas ideas pasadas,
renovarse,
morrer e resucitar. |
|
|
|
|
| Malos tempos para a lírica? |
|
Baixo este título acudimos onte María do Cebreiro e máis eu á convocatoria que nos dirixiu Francisco Castro. Debo dicir que o título fixo que me puxese algo nostálxica e comecei así a miña intervención:
Así era o título da canción que nos acompañou naqueles primeiros anos dos 80. Germán Coppini e os Golpes Bajos poñían a banda sonora a unha xeración de mozos e mozas que, mentres reclamaban melloras sociais e económicas, buscaban a forma de se expresar culturalmente. Vigo era o cráter do volcán.
A canción ilustra unha época de cambio, ben medrada a Transición, cando a reconversión naval nos devolve á realidade dun mundo capitalista que chegaba a furar os nosos petos porque non se creaba un bono bus para estudantes, e arderon as rúas, claro. Os nosos pais saían á rúa tamén e a cidade conmocionábase ao paso dos manifestantes na folga xeral.
Foron os anos da movida viguesa, mais de que movida falamos, porque houbo dous xeitos de se enfrontar ao monstro da realidade, un escapista e desarraigado que quería escribir Madrid coa V de Vigo, unha movida de ombros anchos e longos abrigos, peiteados esperpénticos, que fuxía da súa realidade no afán de vivir rodeados dun glamour de gomina e laca. Outro foi o dos que afundiron nesa realidade e, desde a escuridade e a gama de grises dos cutres fanzines fotocopiados, facían a súa crítica dunha sociedade que non os acubillaba. Nin sequera coa súa lingua, esa que se espiu nun pequeno e efémero acto poético, a que quedou gardada ao lado da tinta e a plumilla na gabeta da falta de fondos económicos.
Eran malos tempos, si, malos tempos para a lírica, é dicir, para a vida, mais foi esa situación a que nos levou ao hiperactivismo cultural, sen orzamento e sen imprenta, sempre cara a adiante, sempre cunha nova idea, sempre reaccionando.
Pasou un cuarto de século, trunfou a serenidade e o talante, o silencio fronte á ruptura, e estamos nesta sociedade máis acomodada, menos proclive a reaccionar, a cuestionar, a reclamar. E porén o monstro segue estando aí. Un monstro tan voraz que algúns dos problemas de entón, dos que provocaban malos tempos para a lírica, son os problemas de hoxe, os problemas estruturais desta sociedade galega non normalizada que, por suposto, lle afectan á cultura, canto, e á lírica. Si, falo desta nación que non se atreve a recoñecerse, desta lingua que algúns teiman en dicir que non sofre unha tuberculose brutal e que ocupa menos espazo do que lle corresponde nesta pantalla de plasma que fala en español en todas as liñas de saída agás nunha. Falamos dun país en que se cuestiona que no centro do escaparate estean os nosos escritores e escritoras, porque os que pensan que este país é un país de segunda e a nosa lingua é a lingua dos pobres e os paletos, sobreviviron a evolución dos tempos.
Así que seguimos nun contexto que, aínda tendo mellorado, segue sen ser o contexto necesario, porque aínda temos que seguir a reivindicarnos unha e outra vez, malia que moitas veces esteamos realmente defendéndonos, como se isto que nós facemos, isto que nós falamos, non fose o máis normal do mundo. Velaí o noso punto de partida, velaí a primeira razón para preguntarnos se hoxe, ano 2008, seguen sendo malos tempos para a lírica.
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|