A. C. Irmáns Suárez Picallo - Sada


Este blogue nace co obxecto de difundir a actividade da A. C. Irmáns Suárez Picallo, así como de recuperar e por a disposición do público diversos materiais de interese sobre o noso pasado,ao tempo que damos a coñecer os artigos escritos por Ramón Suárez Picallo e outros autores sadenses.
Estruturamos o blogue en varias seccións, nas que terán cabida noticias de actualidade sobre as nosas actuacións, artigos, textos históricos, fotografías...


Visitas (desde o 05/08/2010)





Únete a nós!
comisionsuarezpicallo@gmail.com
 CATEGORÍAS
 GALERÍAS FOTOGRÁFICAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGUES GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

CONCERTO DE PARIS JOEL E A LEIROS BAND O PASADO VENRES

Espectacular o concerto de Paris e a Leiros Band na Capela de San Roque o pasado venres! O cantautor de Sada presentaba o seu novo disco, "Un concierto de barra fija", e deleitou ao público con temas que forman parte deste traballo e con outras cancións que forman parte da súa longa e prolífica produción musical.

Paris Joel é, ademais, o artífice do Sadautor, un festival que cada ano convirte a Sada nun punto de referenza para cantautores de Galicia e do Estado. Un fito no calendario local que debe ser apoiado polas institucións e pola sociedade civil.

Desde a A. C. Irmáns Suárez Picallo queremos agradecerlle, a el, a Tonu Leiro e a Sergio Leiro, o ter ofrecido esta actuación. Agardamos que o futuro estea cheo de novas colaboracións!
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 28-04-2013 17:02
# Ligazón permanente a este artigo
HOXE EN SADA, CONCERTO DE PARIS JOEL

Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 26-04-2013 09:42
# Ligazón permanente a este artigo
LUGRÍS EN SADA. 150 ANIVERSARIO (I)
Manuel Pérez Lorenzo, licenciado en Historia pola USC, é membro fundador desta Asociación aparte de creador e maquetador das nosas publicacións. Ata o pasado 31 de agosto desempeñou o cargo de vicepresidente, posto ao que renunciou ao ser nomeado concelleiro en Sada polo BNG. Ultimamente escribe na sección de cultura do MARIÑÁN, xornal das Mariñas, unha serie de artigos relacionados con Sada e a súa historia polo que tamén terán difusión a partires de agora neste blogue.




LUGRÍS EN SADA. 150 ANIVERSARIO (I)


A raíz da celebración do Día das Letras Galegas de 2006, dedicado a figura de Manuel Lugrís Freire, téñense publicado diversos traballos que, en certa medida, rescatan ao autor sadense dun esquecemento inxustificable. Hoxe, 150 anos logo do seu nacemento, queremos falar dun aspecto concreto pero que, a vez, impregna toda a súa biografía: a relación vital de Lugrís con Sada, que se materializa tamén na súa obra literaria.


Sada: nacemento e ascendencia

Lugrís Freire nacera en Sada un 11 de febreiro do ano 1863 (1). A súa familia paterna procedía de Oleiros, pero a materna tiña profundas raizames en Sada. As orixes fidalgas da nai aínda mantiñan certa vixencia naqueles anos, pois aos pais e avós de Lugrís se lles daba na documentación o entón restritivo tratamento de "don".

Os seus primeiros anos transcorrerían naquela casa da praza de San Roque, canda os seus irmáns. Cursaría estudos primarios co mestre don Crisanto Vidal, home de conviccións demócratas e republicanas que deixarían pegada naquel neno, nomeadamente con motivo da proclamación da I República no 1873.

Rematados os estudos básicos, a situación económica da familia motivarao a empregarse como escribinte no Concello de Oleiros, amosando xa entón esa caligrafía exquisita tan característica dos seus escritos. É entón que compón os seus primeiros traballos coñecidos: Nociones Generales de Mitología, un dicionario de conceptos e personaxes mitolóxicos datado no 1880, e o poema "O castelo d'Andrade", datado no ano 1881 e publicado no poemario Soidades (1894). Nesta composición xa se albiscan algunhas das ideas que había caracterizar o seu pensamento:

Queda sobre o penedo,
Altiva fortaleza...
¡Teu carís furacado infunde medo!
Mais agora non baixo esta cabeza
En que da libertá bulen ideas,
Y en nome d'elas, ¡maldecido seas!



Unha relación vital

No ano 1883, Lugrís partiría cara a Cuba, onde se integraría nos círculos rexionalistas e comezaría a publicar as súas creacións literarias. Retornaría a Galicia no 1896, establecéndose definitivamente na Coruña, onde morrería no 1940 logo dunha vida de entrega a defensa e promoción dos sinais identitarios galegos e dos valores democráticos.

Mais, a súa intensa relación con Sada non cesaría nin un instante. Así o reflicte o tamén sadense Ramón Suárez Picallo:

iba tódalas semáns a facer unha visita á súa vila de Sada, nunca esquecida. Iba con particular devoción tódolos 15 de agosto, festa patronal baixo a advocación mariana da Raíña dos Ánxeles. Iste home, repubricán de sempre, non deixou nunca de ofrecerlle seu homaxe na sua diada maior á Patrona da parroquia donde fora bautismado. Leváballe froles e incrinábase, diante dela, nunha meditación sin verbas. […] As visitas de don Manoel a Sada polas festas de agosto, creábanlle un gran probrema, pois tódalas familias da comarca querían ter o honor de sentalo á sua mesa na gran diada festeira. E don Manoel moitas veces, tuvo que pasar varios días pra non faltar a ningunha invitación (Lugo, 03/1963).


Oratoria e activismo político

A relación de Lugrís coa súa localidade natal habíase manifestar tamén no campo do seu quefacer político. Como figura relevante do sindicato campesiño Solidaridad Gallega (1907), participará en varios mitins organizados na praza de San Roque e no Tarabelo pola Asociación de Agricultores de Santa María de Sada, filial daquela entidade. En todos eles empregará a lingua galega. Así lembraba Suárez Picallo un destes actos:

Siendo muy niños hemos escuchado al fogoso orador en un lugarcito denominado O Tarabelo, a unos pasos de Sada, después del cual las mujeres, con los regazos llenos de piedras, dirigiéronse a la casa del cacique [...], obligándolo a huir por la huerta para escapar a la furia popular, tanto entusiasmaban sus arengas a aquellas gentes sencillas que oían deleitadas explicar sus propias necesidades en su idioma propio (El Despertar Gallego, 20/09/1925).

Tempo despois, a finais dos anos 10 e comezos dos 20, colabora coa Asociación Popular de Defensa de Sada, plataforma política que pretendía desprazar o caciquismo do municipio. Por influencia de Lugrís, esta entidade estará ligada a Irmandade da Fala da Coruña, e será el quen faga xestións na vila, co seu curmán Manuel L. Freire-Calvelo, para a constitución dunha Irmandade en Sada.

Xa no 1931, Lugrís participará en mitins apoiando a candidatura republicana nas eleccións municipais. Será el quen traia a Sada a nova da proclamación da República. A fronte da manifestación de xúbilo organizada polos veciños, marchaba Lugrís ao son da Marsellesa aquel 14 de abril.


Manuel Pérez Lorenzo



(1) Como ten apuntado Francisco A. Pita, enmendando o erro de tantos autores que sitúan o nacemento un día máis tarde.
Comentarios (0) - Categoría: Colaboración de Manuel Pérez Lorenzo - Publicado o 23-04-2013 10:29
# Ligazón permanente a este artigo
LITO EN RADIO OLEIROS FALANDO DA EXPOSICIÓN DOS IRMÁNS SUAREZ PICALLO
O pasado Venres, o noso socio Lito foi convidado por Radio Oleiros para falar da exposición dos irmáns Suárez Picallo que realizou a A. C. Irmáns Suárez Picallo, xa que actualmente está exposta no concello veciño.

Preme nesta ligazón para escoitar a entrevista
Programa Outra Mirada, de Radio Oleiros
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 21-04-2013 13:49
# Ligazón permanente a este artigo
ALONSO MONTERO, NOVO PRESIDENTE DA RAG

A Real Academia Galega acaba de elixir novo presidente na figura do escritor e investigador Xesús Alonso Montero. Desde a Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo queremos transmitirlle os nosos parabéns ao noso colaborador e a todo o seu equipo, así como agradecer a Xosé Luís Méndez Ferrín e á directiva saínte o seu magnífico traballo nos últimos anos.
Comentarios (0) - Categoría: Actualidade - Publicado o 20-04-2013 16:50
# Ligazón permanente a este artigo
A NOSA EXPOSICIÓN SOBRE OS IRMÁNS SUÁREZ PICALLO, EN OLEIROS

Reproducimos a información que figura na web do Concello veciño:

A exposición dos Irmáns Suárez Picallo poderase visitar na Fábrica do 12 ao 27 de abril

A Concellería de Cultura e Normalización Lingüística do Concello de Oleiros, dentro da súa programación de primavera, destaca a exposición dos Irmáns Suárez Picallo, que se poderá visitar desde mañá e ata o 27 de abril na Fábrica, en Perillo. Esta exposición estará aberta ao público en horario de luns a venres de 9.00 a 15.00 horas e de 17.00 a 22.00 horas e os sábados de 10.00 a 14.00 horas.

Esta exposición organizada e deseñada pola Comisión Irmáns Suárez Picallo en 2008, patrocinada polo Concello de Sada e na que colaboraron a Concellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e Caixa Galicia. Percorreu moitos municipios de Galicia e chega a Oleiros para lembrar unha data histórica, o 14 de abril, data na que se conmemora a proclamación da Segunda República. Nesta exposición biográfica dos dous irmáns pódense observar fotografías familiares, da paisaxe de Sada e das diferentes asembleas e reunións mantidas polos dirixentes galeguistas. Unha mostra que percorre a historia de Galicia do primeiro século XX, desde a vida de Ramón e Xohán Antón Suárez Picallo.

Os irmáns Suárez Picallo

Os irmáns Suárez Picallo, naturais de Sada, foron homenaxeados polo Concello de Sada en 2008, considerándose o ano cultural Irmáns Suárez Picallo. Tanto Ramón, como Antón son consideradas unhas das persoas máis importantes no ámbito político-social máis relevante da primeira metade do século XX.

Ramón Suárez Picallo naceu en Veloi, Sada, en 1894. Traballou desde moi novo e marchou a Arxentina en 1912. En Arxentina colaborou na formación de máis de cincuenta organizacións sindicais e militou no Partido Socialista Internacional. E comezou a escribir en diferentes revistas como Libertad, La Argentina, Correo de Galicia... e participou na refundación da revista Céltiga, onde destaca a súa crítica á ditadura de Primo de Rivera. En 1931 participou na fundación do Partido Galeguista, converténdose nun referente do partido xunto con Castelao, intervindo en máis de 170 mitins, sendo un dos elixidos para levar en 1936 o Estatuto de Autonomía a Madrid. En 1939, Ramón Suárez Picallo refuxiouse en Nova York, na República Dominicana, Chile e finalmente volveu a Arxentina, onde morreu en 1964. Durante todos estes anos non deixou de formarse, de escribir, de impartir conferencias e de loitar por un mundo máis xusto, chegando a facerse cargo da Cátedra de Cultura Galega do Centro Lucense.
En 2008 anunciouse a repatriación dos seus restos para o cemiterio do Fiunchedo en Sada, sendo enterrado alí o 14 de outubro de 2008, cumpríndose así o seu desexo de descansar na súa terra.

Xohán Antón Suárez Picallo naceu en Veloi en 1907, participou desde a súa mocidade nas actividades de Mareiras, unha Agrupación nacionalista dos rapaces mariñeiros de Sada e colaborará co Centro Cultural Obrero de Sada. O Partido Galeguista vai contar en Sada cunha pequena agrupación denominada Grupo Autonomista, na que participará activamente, chegando a ser conselleiro comarcal do partido. E foi correspondente de periódicos como A Nosa Terra e El Pueblo Gallego, onde escribiu diversos artigos de temática política, agraria... E en 1936 encabeza a Fronte Popular. Co golpe de Estado, estivo agochado, pero finalmente, detivérono, torturárono e matárono con tan só 29 anos.




Podedes descargar aquí a entrevista en Radio Oleiros que lle fixeron onte ao membro da A. C. Irmáns Suárez Picallo Manuel Pérez Lorenzo, acerca desta exposición sobre Ramón e Xohán Antón Suárez Picallo que se pode visitar estes días no Centro Cultural A Fábrica.

Entrevista a M. Pérez Lorenzo en Radio Oleiros
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 20-04-2013 10:40
# Ligazón permanente a este artigo
HOXE, ÁS 20.00 h, PRESÉNTASENA CAPELA DE SAN ROQUE, O LIBRO
Hoxe,día 18, ás 20:00 h. na capela de San Roque a Asociación da Prensa da Coruña e o Concello de Sada presentan o libro As Mariñas de los periodistas. Con tal motivo, volvemos publicar a entrada deste blogue editada cando se presentara este mesmo libro na Coruña.


RÚAS CON NOME, NOMES CON HISTORIA: UN LIBRO SOBRE OS XORNALISTAS CON RÚAS DEDICADAS

A Asociación da Prensa da Coruña acaba de publicar un volume de medio milleiro de páxinas -As Mariñas de los periodistas- no que se recollen as biografías dos xornalistas que teñen rúas dedicadas na área metropolitana da Coruña. Entre eles, figuran aqueles que forman parte do nomenclátor do municipio de Sada: Manuel Lugrís Freire, Ramón e Xohán Antón Suárez Picallo, Manuel L. Freire-Calvelo, Joaquín Castro Arias, Isaac Díaz Pardo, Eduardo Blanco Amor, Rosalía de Castro e Xohán Vicente Viqueira, con biografías da autoría de Manuel Lugrís Rodríguez, Dolores Vázquez, Manuel Pérez Lorenzo, Cristina Díaz, Xerardo F. Albor, Xosé López García, Helena Villar e Juancho Martínez, respectivamente.

A A. C. Irmáns Suárez Picallo aplaude esta iniciativa, na medida en que contribúe a dotar de maior significado ao feito de lle dedicar un espazo público a unha personaxe. Desde a nosa Asociación estamos a desenvolver un proxecto que, baixo o título "Rúas con nome, nomes con historia", pretende difundir a traxectoria biográfica e a obra de sadenses e persoas ligadas a Sada que figuran no nomenclátor.
Comentarios (1) - Categoría: Actualidade - Publicado o 18-04-2013 18:02
# Ligazón permanente a este artigo
NOVO AGASALLO DO IES ISAAC DÍAZ PARDO!
O galego é a chave coa que abrimos o mundo


Os alumnos do IES Isaac Díaz Pardo, de Sada, realizaron un vídeo para participar no concurso do Correlingua 2013, chamado Galego, a chave do mundo. A pasada semana comunicáronlles que resultaran ser os gañadores. Parabéns para os catorce alumnos e alumnas do instituto que participaron, así como ao profesor Xosé Seoane, dinamizador do proxecto. Velaquí tedes o vídeo:


Ver a noticia no blogue do profesor Xosé Seoane
Comentarios (1) - Categoría: Actualidade - Publicado o 16-04-2013 12:30
# Ligazón permanente a este artigo
ACTOS DA PASADA FIN DE SEMANA
A fin de semana pasada tivo lugar a presentación dun novo número de Areal e a xa tradicional ofrenda floral ante o monumento as vítimas da represión franquista.

O venres 12, na Casa da Cultura, presentamos o nº 6 de Areal. Ata alí achegáronse boa parte dos autores que participan no mesmo, así como familiares do pintor Urbano González, sobre o cal se inclúe un artigo biográfico, e de Manuel Lugrís Freire. Logo do saúdo inicial de Paco Pita e da presentación dos contidos de Areal que fixo Manuel Pérez Lorenzo, Rexina Basadre presentou ao director Xosé Abad, que nos falou do seu documental O segredo da Frouxeira, proxectado acto seguido.

O domingo 14, como cada ano, celebramos a conmemoración da proclamación da II República cunha ofrenda floral ante o monumento as vítimas da represión franquista en Sada. Introduciu o acto Jesús Castro, que tivo palabras de lembranza para Carmen Castro, a viúba dun dos asasinados, José Neira, falecida hai uns meses e presente en anos anteriores. Logo, coincidindo co 150 aniversario do nacemento de Manuel Lugrís Freire e lembrando que foi el quen trouxo a Sada a nova da proclamación da República, realizouse unha lectura de textos de Lugrís, e membros da Asociación interviñeron tamén para expresar as súas reflexións. Concluíu o acto coa ofrenda floral e o canto do Himno Galego.
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 16-04-2013 09:41
# Ligazón permanente a este artigo
AREAL 6 XA ESTÁ NO PRELO!!!!!!!!!!!!!!!!

Comentarios (2) - Categoría: Actividades - Publicado o 09-04-2013 11:48
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal