 O Concello de Sada, en pleno celebrado o 31 de marzo de 2011, ven de acordar varios cambios no nomenclátor local. Deste xeito, varias rúas, prazas e avenidas do municipio levarán nomes de personaxes que se destacaron en diferentes campos e que, na maioría dos casos, gardan unha estreita vinculación con Sada, por teren nacido ou residido aquí. Isaac Díaz Pardo, Manuel L. Freire-Calvelo, Emilia Pardo Bazán, Ricardo Flores, Xohán Vicente Viqueira ou Antonio Sanjurjo Badía serán algúns dos novos nomes.
Desde a nosa asociación aplaudimos esta decisión, pero entendemos que o feito de dedicar un espazo público a un individuo será un acto moito máis completo se se fai chegar aos veciños o porqué dese nomeamento e se serve para difundir o coñecemento acerca desa persoa. Por ese motivo estamos a traballar nun proxecto que sirva para difundir as biografías e as obras destes novos nomes, mediante charlas e publicacións que iremos anunciando.
|