A. C. Irmáns Suárez Picallo - Sada


Este blogue nace co obxecto de difundir a actividade da A. C. Irmáns Suárez Picallo, así como de recuperar e por a disposición do público diversos materiais de interese sobre o noso pasado,ao tempo que damos a coñecer os artigos escritos por Ramón Suárez Picallo e outros autores sadenses.
Estruturamos o blogue en varias seccións, nas que terán cabida noticias de actualidade sobre as nosas actuacións, artigos, textos históricos, fotografías...


Visitas (desde o 05/08/2010)





Únete a nós!
comisionsuarezpicallo@gmail.com
 CATEGORÍAS
 GALERÍAS FOTOGRÁFICAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGUES GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

1º CADERNO DE ESTUDOS LOCAIS
Agora que se cumplen 75 anos da creación do "Ateneo de Cultura Política y Social de Sada" dende a A.C. Irmáns Suárez Picallo rendemos esta cativa homenaxe dando a coñecer a sua historia e actividades a pesares da corta existencia.
Con tal motivo celebrouse unha charla coloquio e presentouse a publicación CADERNOS DE ESTUDOS LOCAIS cuio nº 1 adícase precisamente ao Ateneo e da que é autor Manuel Pérez Lorenzo, membro desta Asociación Cultural.


CADERNOS DE ESTUDOS LOCAIS · Nº 1
XULLO DE 2010
A. C. IRMÁNS SUÁREZ PICALLO - SADA


O ATENEO DE CULTURA POLÍTICA Y SOCIAL: UNHA EXPERIENCIA SOCIETARIA NA SADA DA II REPÚBLICA

Manuel Pérez Lorenzo


En xullo do 1935 constituíase en Sada o Ateneo de Cultura Política y Social, unha asociación que perseguía a divulgación da cultura e o coñecemento co fin de construír unha sociedade máis capacitada e máis próspera.

O Ateneo nacía nun momento propicio ao desenvolvemento de iniciativas culturais: a II República, co seu marco democrático favorable ao pluralismo de ideas. Os anos trinta serían a nivel estatal un fervedoiro de empresas instrutivas, cunha longa traxectoria previa nos ámbitos do movemento obreiro e do republicanismo. Os ateneos e asociacións artellarán bibliotecas, cadros teatrais, formacións corais..., e programarán recitais, tertulias, debates, charlas... Acompañando á súa obra cultural, interesaranse por ofertar actividades recreativas (bailes, festas, excursións, formacións deportivas, etc.) coas que dotar de elementos de diversión aos que doutra forma tiñan vedadas as actividades de ocio características da burguesía.


A Sada da II República

A Sada dos anos 30 era un concello de preto de 9.000 habitantes conformado por unha vila marítima, na que se concentraba a maior parte da poboación, e un ámbito rural artellado en torno a aquela. A agricultura, a pesca e as industrias derivadas desta última eran os sectores produtivos maioritarios. Mantiña Sada, especialmente no período estival, unha intensa relación coa cidade da Coruña, cun tránsito permanente de visitantes a través do tranvía que unía ambos núcleos. A emigración a América era moi intensa xa desde a segunda metade do século XIX, cun destino moi predominante nos EEUU.

No terreo socio-político os anos da II República representan a eclosión dun movemento asociativo (agrario, sindical, cultural...) que leva aparellada unha ampliación e redefinición da sociedade civil. Tamén estaba a ter lugar un proceso de pluralización das tendencias políticas, coa aparición de novas formacións.

Entre o 1931 e 1936 a corporación municipal estivo formada por republicanos progresistas. Ademais, existiron diversas formacións políticas: Unión Regional de Derechas-CEDA, Partido Radical, Unión Republicana, Izquierda Republicana, PSOE, PCE e Partido Galeguista, este último cunha implantación significativa.

O movemento obreiro e agrario estaba dotado nos tres primeiros anos da República de importantes organizacións sindicais, vinculadas maioritariamente á CNT e cunha moi ampla filiación: Sada, Meirás, Mondego, Carnoedo, Soñeiro e Osedo contarían con cadanseu sindicato. Embora, logo das folgas de decembro de 1933 e da revolución de outubro do 1934, este entramado quedaría desartellado polas políticas represivas dos gobernos conservadores. A mediados do 1935 estaban a se recompor, para retomar a actividade tras o triúnfo da Fronte Popular en febreiro do 1936.


Os precedentes do Ateneo

Á empresa cultural do Ateneo precederíana outras de intencións e actuacións máis ou menos similares e que se desenvolveron nos anos 30, se ben existen experiencias moi anteriores.

No ano 1930, antesala da República, créase o Centro Cultural Obrero, que agrupa aos opositores do réxime ditatorial: anarquistas, republicanos, socialistas, galeguistas... (Arquivo do Reino de Galicia, Fondo do Goberno Civil, G-1812). Presidirao o anarquista José Monzo Ríos, poñéndose en marcha numerosas iniciativas culturais: un cadro de declamación, sesións de cine con finalidade benéfica, charlas... A partires de setembro do 1931 incorporarase ao novo Sindicato de Oficios Varios da CNT, como Sección Cultural (ARG, FGC, G-2552).

No 1932 funcionaba unha Tertulia Literaria-Pedagógica que, segundo a prensa, era unha reunión de dez rapaces que se xuntaban «para hablar de literatura, asuntos de interés relacionados con el momento regional, nacional y mundial» (El Pueblo Gallego, 04/11/1932).

No 1933 constituirase a sociedade Artística Sadense, cunha intensa actividade ata o 1936 (ARG, FGC, G-2552). Será frecuente a celebración de charlas, concertos, representacións teatrais, etc., e aínda o serán máis os bailes e excursións. Artellarase un cadro dramático e unha formación coral ben nutrida.

O movemento asociativo espallarase tamén polo rural: Samoedo, Mondego, Carnoedo, Meirás... contarán con agrupacións culturais bastante activas.


O Ateneo de Cultura Política y Social

O 19 de xullo de 1935 constitúese no Pavillón Moragra o Ateneo de Cultura Política y Social (ARG, FGC, G-2552). Nace baixo o impulso de Xohán Antón Suárez Picallo coa vocación de converterse en crisol das diversas faccións progresistas e do movemento obreiro para desenvolver proxectos culturais en común, toda vez que se estaba artellando en paralelo unha Alianza de Esquerdas que había derivar na Fronte Popular.

O Ateneo quedaba definido como unha institución que debía atender primeiramente a cuestións político-sociais, sen deixar á marxe outros ámbitos que puidesen ser obxecto de estudo e divulgación. Asemade, optaba por un ámbito municipal, incorporando a elementos das parroquias rurais.

O 3 de agosto inaugurábase o local social, instalado na casa nº 12 da Praza de San Roque. Para a ocasión organizábase un acto no que interviñan Xohán Antón Suárez Picallo, presidente do Ateneo, e o médico coruñés José Búa Carou. Os dous oradores aludían a «lo que significaba que la Sociedad estuviera constituída por galleguistas, republicanos y obreros en fraterna cordialidad, como deben caminar siempre todos los que anhelan y se desvelan por un mañana mejor para sus semejantes» (Ser, 11/08/1935).

No único ano de vida do Ateneo, desenvolveranse diversas actividades: excursións, tertulias, mitins, charlas e mesmo algunha verbena. Serán frecuentes as conferencias, ben a cargo de oradores convidados (Otero Pedrayo, José Villaverde, Plácido R. Castro, etc.), ben de elementos da propia vila (os mestres Nicandro Golán, Alejo Candocia e Rafael Fernández Casas e o médico José Pubul). Nestas charlas trataranse temáticas moi diversas, pero todas elas encamiñadas a achegar ás capas populares o coñecemento racional da realidade máis próxima: falarase de medicina e hixiene, educación, prevención de riscos laborais e agronomía, pero tamén de política e de arte. De todas elas dará conta a prensa.

En setembro do 1935 o Ateneo dirixiría unha carta ao presidente da República, Alcalá Zamora, solicitando o indulto aos condenados trala revolución de outubro do 1934, co obxecto de levar o «consuelo a miles de hogares españoles, privados de seres queridos y del sustento que con su trabajo aportaban a ellos» (Ser, 15/09/1935).

Un dos actos máis multitudinarios do Ateneo será o mitin antibelicista celebrado no salón Moderno o 10 de novembro do 1935. Ante unhas 4000 persoas tomarán a palabra X. A. Suárez Picallo, os anarquistas Genaro Pazos e José Villaverde, o galeguista Plácido R. Castro, o republicano Manuel María González López e o profesor da Universidade de Santiago Ventura Castro Rial. O primeiro dos oradores sinalou «cuan necesaria es la intervención de los hombres liberales y humanistas para impedir la guerra» (Ser, 17/11/1935 ).

En xaneiro do 1936 renovarase a directiva, ocupando a presidencia o mestre de Souto Rafael Fernández Casas con Luis Pita da Veiga de secretario e o médico José Pubul de vicepresidente (ARG, FGC, G-2552). Outros socios destacados, ademais do omnipresente X. A. Suárez Picallo, galeguista, serían os comunistas Antonio Carballeira e Antonio Alonso, o exalcalde Justo Rodríguez, tamén galeguista, o socialista Elisardo Abruñedo, os republicanos Luis Castro e Amador Cubeiro, o anarquista Julio Caamaño, etc.


Un final dramático

Esa experiencia intensa e ilusionante que foi o Ateneo derrubouse á par que a República. A sublevación militar de xullo do 1936 deu ao traste con todas as expectativas dunha época de cambios. O novo réxime para implantarse houbo destruír todo canto representaba pensamento crítico, construíndo un modelo cimentado sobre o desprezo pola cultura, outrora cultivada como factor de emancipación individual.

O Ateneo foi clausurado, os seus fondos incautados e o seu local e mobiliario transferido a Falange (La Voz de Galicia, 22/08/1936). A biblioteca sería queimada. Catro dos seus directivos foron paseados, entre eles os dous presidentes, X. A. Suárez Picallo e R. Fernández Casas.


Apéndice · As directivas*

Xullo de 1935
Presidente: X. Antón Suárez Picallo (PG)
Vice-id.: Luis Castro Álvarez (IR)
Secretario: Amador Cubeiro Suárez (IR)
Vice-id.: Eugenio Taibo Canle (SOV-M, PG)
Tesoureiro: José Regueira
Vice-id.: Julio Caamaño Amor (SOV-S)
Bibliotecario: Antonio Blanco Ramos
Vogais: Justo Rodríguez Pérez (PG), Antonio Carballeira Muñiz (SPV-M, PCE), Elisardo Abruñedo Aréva-lo (PSOE), José García y García

Xaneiro do 1936
Presidente: Rafael Fernández Casas (UGT)
Vice-id.: José Pubul Cartelle (UR)
Secretario: Luis Pita da Veiga Mojón (IR)
Vice-id.: Luis Castro Álvarez (IR)
Tesoureiro: Julio Caamaño Amor (SOV-S)
Vice-id.: Antonio Blanco Ramos
Bibliotecario: Antonio Alonso Couceiro (PCE)
Vogais: José Casal Cividanes, Manuel García García, Salvador González Mora (PG), Eugenio González Rivero (PG)
Comisión de contas: José Regueira, José García y García, Francisco Fernández Vila (PG)

* Entre paréntese a filiación política e/ou sindical de cada un, nos casos en que se coñece.

Abreviaturas

PG: Partido Galeguista
IR: Izquierda Republicana
UR: Unión Republicana
PSOE: Partido Socialista Obrero Español
PCE: Partido Comunista de España
UGT: Unión General de Trabajadores
SOV-S: Sindicato de Oficios Varios de Sada (CNT)
SOV-M: Sindicato de Oficios Varios de Mondego (CNT)
SPV-M: Sindicato de Profesiones Varias de Meirás (CNT)



Cartaz da charla sobre o Ateneo de Sada
Comentarios (0) - Categoría: PUBLICACIÓNS - Publicado o 04-08-2010 14:07
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Correo electrónico: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal