A. C. Irmáns Suárez Picallo - Sada


Este blogue nace co obxecto de difundir a actividade da A. C. Irmáns Suárez Picallo, así como de recuperar e por a disposición do público diversos materiais de interese sobre o noso pasado,ao tempo que damos a coñecer os artigos escritos por Ramón Suárez Picallo e outros autores sadenses.
Estruturamos o blogue en varias seccións, nas que terán cabida noticias de actualidade sobre as nosas actuacións, artigos, textos históricos, fotografías...


Visitas (desde o 05/08/2010)





Únete a nós!
comisionsuarezpicallo@gmail.com
 CATEGORÍAS
 GALERÍAS FOTOGRÁFICAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGUES GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

«Morrer en Veloi e que me enterren no Fiunchedo», por Isaac Díaz Pardo

Isto é o que me dixo Picallo nun dos actos nos que falou no Centro de Betanzos ou no ABC de Corcubión, recordando a súa Sada da que eu acababa de chegar, e que lle traía noticias da familia e de que seu sobriño Monchiño lle agradeceu os doces que levara eu da parte do seu tío.
Este desexo de se enterrar no Fiunchedo tiña un compoñente poético. O Fiunchedo fica na ladeira dun monte entre Sada e Fontán, e dende el vese dende O Pedrido e Miño deica a punta Coitelada na entrada da ría de Ferrol, no medio delas o Breamo e a entrada da ría de Pontedeume e xa nun extremo o mar aberto. Era pois unha das vistas máis fermosas da costa galega. Aínda que os mortos non ven, poden sentirse agradecidos cando se acerque a morte compensados de se ver descansando en tan fermosos eidos. Sen dúbida Picallo soñaba desperto co Fiunchedo. Eu facía moitos anos que non voltara por ese lugar. Cando hai poucos días deixamos as cinzas de Ramón no lugar que lle correspondían no cemiterio fiquei asombrado da barbaridade que fixeron os urbanistas e arquitectos nesta zona dende a que apenas se ve o mar tapado cunha arquitectura desproporcionada e horrenda. Un pensa como se está destruíndo Galiza, con tanto progreso de escolas técnicas que temos. Penso que se Suárez Picallo tivese coñecemento desta destrución pensaría millor as cousas e preferiría que o deixasen tranquilo na Chacarita como unha protesta máis pola mala sorte que nos botou enriba a historia.
Porque os anos da guerra foron dramáticos na casa dos Picallo en Veloi. En agosto do ano 36 nunha finca que tiñan eles en Veigue apareceron os cadáveres de Antón Suárez Picallo, Manuel Prego, Antón Carballeira e outros máis dos que non hai memoria nos datos que utilizo. Ao pouco tempo outro irmán de Ramón Suárez Picallo, Eduardo, foi perseguido e desapareceu, sen deixar rastro; pensa a familia que puido pasar as liñas de guerra e incorporarse ás forzas da República e finalmente pasar a Francia, mais aínda hoxe non teñen o menor rastro. Os pais dos Suárez Picallo morren nesas datas e fica na casa soia María, a irmá de Antón e de Ramón.
Ramón Suárez Picallo, membro do Consello de Galiza, que presidía Castelao como representante en fideicomiso do pobo galego, elixido deputado en febreiro do 1935, morría o 14 de outubro do 1964. No mes de marzo do ano 1965 A Nosa Terra, nunha das súas grandes páxinas, adícalla a María Miramontes, a viúva do inmolado Ánxel Casal, e a Picallo. Salvo un pequeno traballo de Picallo ( No cuarto da miña nai ) a páxina fixémola Luis Seoane e eu. Seoane firmou o seu traballo como Maximino Brocos, pseudónimo que utilizaba con frecuencia relembrando o Brocos, apelido da súa avoa.
Aínda que Luis lle adica o traballo principalmente a María, viúva de Casal, tamén fala de Picallo porque o coñeceu moi ben, xa que ámbolos dous tiveron na Coruña un bufete de avogados laboralistas, o primeiro deste tipo que tivo Galiza. Seoane fai fincapé que só coa axuda que Suárez Picallo recibiu de Ánxel Casal e de María Miramontes puido estudar a carreira de avogado nos anos da República en Santiago.
No final do meu traballo fixera a proposta de adicarlle nós os emigrantes unha placa para poñer na casa onde nacera Suárez Picallo en Veloi, e que non puido voltar a ela e morreu de saudade en Buenos Aires. A continuación do meu traballo figura unha nota da comisión directiva da Irmandade Galega acordando dar cumprimento á miña proposta. A placa fundida en bronce tróuxose a Veloi nos primeiros meses do ano 1965, non sei se fun eu mesmo o que a trouxo, pero as autoridades de aquel tempo non deixaron colocala na fachada e quedou detrás da porta? As autoridades de aquela, das que aínda fican rastros, non querían que un exiliado máis morrese lonxe da súa terra por mor da dignidade humana.



La Voz de Galicia, 27/10/2008
Comentarios (0) - Categoría: ISAAC DÍAZ PARDO - Publicado o 05-06-2010 10:27
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Correo electrónico: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0