A. C. Irmáns Suárez Picallo - Sada


Este blogue nace co obxecto de difundir a actividade da A. C. Irmáns Suárez Picallo, así como de recuperar e por a disposición do público diversos materiais de interese sobre o noso pasado,ao tempo que damos a coñecer os artigos escritos por Ramón Suárez Picallo e outros autores sadenses.
Estruturamos o blogue en varias seccións, nas que terán cabida noticias de actualidade sobre as nosas actuacións, artigos, textos históricos, fotografías...


Visitas (desde o 05/08/2010)





Únete a nós!
comisionsuarezpicallo@gmail.com
 CATEGORÍAS
 GALERÍAS FOTOGRÁFICAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGUES GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

PARABÉNS A MÉNDEZ FERRÍN

A Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo, felicita ao académico D. Xosé Luis Méndez Ferrín, polo nomeamento como Presidente da Real Academia Galega, e deséxalle que nesta nova responsabilidade, poida levar adiante en unión de tódolos académicos os proxectos xa iniciados pola devandita Academia, asi como todos aqueles que redunden no coñecemento, desenrolo, e expansión da nosa fala e da nosa cultura no só en Galicía, se non alén do mar e mais aló dos nosos confíns naturais e continentais. Felicitamos tamén ao Presidente sainte D. Xosé Ramón Barreiro Fernández pola súa xestión ao frente da mesma así como polo papel que está a desenrolar a docta Institución na defensa da nosa lingua.
D. Xosé Luis Méndez Ferrín, escribiu algúns artigos adicados a Ramón Suárez Picallo. De seguido difundimos o publicado nos xornais Faro de Vigo e La Opinión de A Coruña na data 15 de agosto de 2008 e incluimos a gravación da despedida a Otero Pedrayo da que nos fala no artigo.



A PRIMAVERA DE SADA


Por Xosé Luis Méndez Ferrín

Vista de lonxe, a vila de Sada parece renacer das sombras dunha penosa hexemonía franquista na administración municipal. Cada día nos chega algunha noticia desde Sada que nos conforta. No Maio pasado, celebráronse aló unhas xornadas en memoria de Ramón Suárez Picallo e do seu irmán Xohán Antón, asasinado este polos sublevados de 1936. De tal conmemoración recibimos informes precisos de Isabel Aldao Losada, á que, por tanto, lle estamos ben recoñecidos. Logo houbo no mal chamado Pazo de Meirás unha cornetada ou apupada da que, por unha vez, se fixeron moito eco a prensa e o televexo madridistas. Finalmente, acabo de recibir un telefonazo de Francisco Lores, actual presidente da Federación de Sociedades Galegas de Bos Aires, que me comunica que os restos de Ramón Suárez Picallo (coido que están na Chacarita) van ser repatriados e recibirán laica sepultura na súa vila natal, Sada, no próximo mes e estación de Outono. Será entón ocasión de visitar de novo a figura daquel prodixioso orador e político de fonda incidencia na historia republicana de Galicia. Se estivermos vivos e autentes en Outono, trataremos de Suárez Picallo e lembraremos con el o seu infortunado irmán Xohán Antón.
As actividades do emigrante de Sada en Bos Aires Suárez Picallo foron obreiras e sindicalistas, e nelas constituiu un fito lendario o día no que os traballadores portuarios lle encomendaron un discurso fúnebre, nunha Plaza de Mayo ateigada de militancia en honra de Lenin recén morto. De regreso a Galicia en 1931, comisionado pola Federación, entrou na ORGA e foi deputado nas Constituintes da República. Ao se fundar o Partido Galeguista naquel mesmo ano, abandonou a formación de Casares Quiroga e diuse de alta, pola vida, na de Castelao, Otero Pedrayo e Alexandro Bóveda. Outros nacionalistas, mesmo Antón Villar Ponte ou Blanco Torres ou Gutiérrez Somoza, non confiaron no PG e seguiron a Casares deica Izquierda Republicana.
Deputado tamén nas eleccións do Frente Popular, foi, con Castelao, o candidato máis votado e é fama de que nas "consultas" de procuradores en cortes de concellais polo tercio familiar do franquismo as mesas electorais das Mariñas encontraban moitas papeletas nas que mans anónimas e resistentes grafaban en letra maiúscula neutra o nome de Ramón Suárez Picallo. A súa figura foise esvaecendo nos días de exilio en Chile e en Bos Aires, pro formou parte do Consello de Galiza so a presidencia de Castelao e so a de Antón Alonso Ríos. Certan os promotores en Sada da Comisión Irmáns Suárez Picallo ao suliñaren que ambos, cada un na súa dimensión, representaron o punto de vista de esquerda no seo do Partido Galeguista, e máis despois da escisión dereitista de 1936. Non estiveron sós, os Suárez Picallo.
Entrementres non chega Outono, escoitaremos a voz de Ramón Suárez Picallo presentando a Otero Pedrayo nunha das viaxes deste a Bos Aires, en gravación recuperada polo Consello da Cultura Galega.


Méndez Ferrín Presidente da R.A.G.
Artigo de Méndez Ferrín
Sobre Xosé Luis Méndez Ferrín
Comentarios (0) - Categoría: Actualidade - Publicado o 24-01-2010 16:05
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Correo electrónico: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal