A. C. Irmáns Suárez Picallo - Sada


Este blogue nace co obxecto de difundir a actividade da A. C. Irmáns Suárez Picallo, así como de recuperar e por a disposición do público diversos materiais de interese sobre o noso pasado,ao tempo que damos a coñecer os artigos escritos por Ramón Suárez Picallo e outros autores sadenses.
Estruturamos o blogue en varias seccións, nas que terán cabida noticias de actualidade sobre as nosas actuacións, artigos, textos históricos, fotografías...


Visitas (desde o 05/08/2010)





Únete a nós!
comisionsuarezpicallo@gmail.com
 CATEGORÍAS
 GALERÍAS FOTOGRÁFICAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGUES GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

ORACION PRA CASTELAO
Hoxe cumprénse 60 anos do pasamento de Castelao.
RSP, que residía en Chile, publicou o dia do seu enterro no cemiterio de A Chacarita un obituario o día nove de xaneiro no xornal La Hora, de Santiago de Chile e que publicaremos nesa data.
Dez anos despois, Ramón Suárez Picallo, tal día como hoxe, na noite do 7 de xaneiro,hai cincuenta anos, no Centro Gallego de Buenos Aires e no lugar do seu velatorio leeu este texto que, respetando a grafía do autor, publicamos a continuación.


7 de xaneiro de 1960

ORACIÓN PRA CASTELAO


Por Ramón Suárez Picallo

En terra allea, como se fora un pelegrino. En casa amiga, arrodeado de xentes fraternas e devotas, como si fora un Profeta ou un Patriarca bíblico, tivo pasamento eiquí, nesta casa, e sobor deste teito acolledor, o noso Castelao, fai hoxe, a ista mesma hora des anos xustos.

Os médicos ilustres que o trataron, dianosticadores das doenzas do corpo carna, deran, facía xa tempo, seu ditame: Castelao estaba afeitado dun mal físico que non perdoa. Que mata irremediablemente.

Mais os poetas, que adoitan pescudar nas doenzas do Esprito, deron tamén o seu dianóstico, por boca do seu Mestre maor, Ramón Cabanillas, morto tamén fai poucos días, nun poema que formula unha pregunta e da unha resposta:
“¿De que mal morreu a nosa prenda?”
“Morreu de amor a Terra”.


Si, irmáns, deso morreu a nosa prenda. Do que fora amor dos seus amores. Sustancia e consustancia da sua vida imorredoira. Ispiración e hálito do seu xenio de artista, ilusión i esperanza da sua emoción e da sua vocación de guieiro, de conductor e de redentor do seu pobo e da sua nación , en trance de renacer e de recrear a sua personalidade política, histórica, espiritual e corporal.

Si, deso e por eso morreu Castelao. Dunha lonxanía de Galicia no tempo e no espacio, carne do seu Corpo e pulso do seu Esprito.

E nós seus irmáns e seus amigos, que cremos firmemente nunha vida perenne alén da morte física, invocámolo i evocámolo hoxe, por si, en Esprito, quer estar xunta nós, a nosa veira, esta noite da sua lembranza. Invocámolo en omnipresencia. Na presencia da sua fe, da sua espranza, e do seu outísimo nos outos destinos da Patria, asoballada, tronzada pola traición a sua traietoria histórica.

Invocámolo os que fomos seus compañeiros e camiños. Polos camiños da angustia e da agonía nos intres tremendos da desespranza e do desconsolo. E ate polos camiños áridos e poirentos do eisilio e o desterro.

E con nós, invocádelo vós, galegos da emigración, que sabedes dos seus traballos, do seu vivir, e do seu desvivirse por darlle contido sólido, conciencia patriótica e política, os vosos traballos a prol da galeguidade. Que dialogástedes con él encol de problemas esenciaes de Galicia. E que gozástedes da gracia da sua verba socarrona contando anéidotas todas con fío e punta. Que o arrodeástedes no seu mal incurable, e que erguéstedes esquí, niste mesmo luga, a capela pro seu velatorio, como se vela un santo, un héroi ou mártir.

Evocámolo e lembrámolo todos nós, para que a sua lembranza siga ahumeando e ispirando os nosos esforzos e os nosos traballos a prol das suas deidades, da sua emoción maísima e permanente: Galicia e a sua libertade. Até que a Patria libre poida acollelo no seu seo como fillo, fidelísimo e dileito, cando él volva polo mar, cubrindo singladuras de emoción Baixo as Galaxias tremelucentes do firmamento.

****


Esprito luminoso de Castelao, o sempre ben amado de Galicia e dos Galegos, que estás entre nós, a nosa veira, esta noite: Eiquí quedan para ti para tua lembranza istas verbas a xeito de oración.
Ou, si ti queres, a xeito de doce mainiña choiva que regue e fecunde o xardín onde frolecerán, no seu día, as tuas ilusións, as tuas espranzas, os teus esforzos todos, nunha amanecida auroral de nosa Patria Galega, ¡Así sexa!


(Este texto publicouse en Bos Aires na Opinión Gallega en febreiro de 1960)
(No libro "Ramón Suárez Picallo. Escolma de textos en galego" publicado polo CCG e o Concello de Sada en 2008 tamén está recollido.)
Biografía de Castelao
Comentarios (0) - Categoría: RSP-Galegos de sona - Publicado o 07-01-2010 14:44
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Correo electrónico: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal