A. C. Irmáns Suárez Picallo - Sada


Este blogue nace co obxecto de difundir a actividade da A. C. Irmáns Suárez Picallo, así como de recuperar e por a disposición do público diversos materiais de interese sobre o noso pasado,ao tempo que damos a coñecer os artigos escritos por Ramón Suárez Picallo e outros autores sadenses.
Estruturamos o blogue en varias seccións, nas que terán cabida noticias de actualidade sobre as nosas actuacións, artigos, textos históricos, fotografías...


Visitas (desde o 05/08/2010)





Únete a nós!
comisionsuarezpicallo@gmail.com
 CATEGORÍAS
 GALERÍAS FOTOGRÁFICAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGUES GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

UNHA ESTRELA BRILLABA EN FONTÁN: LEMBRANZAS DE NADAL
Foi hai moitos anos. Xa preto de trinta. Naquel Nadal, moitas cousas eran diferentes. Para empezar, a xente enviaba postais por esas datas, e non mensaxes vía teléfono móbil (unha tecnoloxía aínda en cernes, mentres que agora moitos non imaxinan a vida sen ela). Non se colgaban bonecos vermellos de barbas brancas nas fiestras, nin se enmarcaban con grilandas eléctricas. Os agasallos aparecían nos zapatos, e non nos calcetíns. As luces das rúas eran composicións con bombillas de cores, e non tiras de LED. Os nenos de San Ildefonso cantaban o premio en pesetas, e non en euros. Naquel Nadal, o futuro parecía menos aterrador: a democracia consolidábase en España, a guerra fría parecía diluírse no mundo, e ninguén imaxinaba que o mellor proxecto mundial nese prometedor futuro sería acabar coa ameaza do terrorismo e minimizar as consecuencias dun cambio climático desastroso e dunha crise que varrería á clase media no país.

Naqueles nadais de mil novecentos oitenta e pico, os nenos formábamos parte da paisaxe das rúas de aldeas, vilas e cidades. E sumabámonos con alegría ás celebracións de Nadal. Escribíamos longas cartas manuscritas aos Reis de Oriente, nas que asegurábamos ser os que mellor se portaban, prendíamos candeas nas mesas das nosas casas, participabamos en beléns viventes de escolas e igrexas, aportando o noso boneco favorito como perfecto Neno Xesús, e prestábamos a nosa inescusable axuda aos nosos pais mentres montaban a árbore a uns días (algúns semanas, pero non meses) da Noiteboa. Esa árbore era verde.

Cando empezaba o frío, e a chuvia impedía que xogaramos na rúa, os meus curmáns e máis eu xuntabámonos con outros amigos da veciñanza, nenos e nenas sen distinción, e urdíamos unha trama secreta: ensaiar panxoliñas. Cantabamos unha e outra vez acompañados dunha vella cinta de casete (que foi delas?) aquilo de "Pero mira como beben los peces en el río", "Falade ben baixo", "Campana sobre campana", "Navidad, dulce Navidad", "Fun fun fun" e unha morea máis de títulos e cantos que hoxe esquecín. Ese ensaio levábase á práctica o día de Noiteboa, cando cargados de abrigos e bufandas, de culleres, botellas de anís, cunchas e pandeiretas de plástico, nos dirixíamos Fontán arriba coa nosa caixa de habanos baleira e coa nosa ilusión intacta, para petar nas primeiras casas, e iamos baixando rúa por rúa a pedi-lo aguinaldo ata chegar ao porto. Timbrabamos en cada porta, e señoras en mandil que nos coñecían polos nosos nomes ou polos dos nosos pais abrían traendo tras de si o recendo de carne asada, bacallau... A elas adoitaba unirse o resto de persoas que estivese na casa, e escoitaban as panxoliñas (esas ensaiadas dende días atrás) con estoico sorriso e nalgúns casos mesmo con aplausos. Cinco pesos (vinte e cinco pesetas, para os que o esqueceran) eran o noso botín máis prezado, que pasaba a ocupar o seu lugar na caixa de habanos. Doutras casas, saiamos cargados de doces e polvoróns. No bar dos meus tíos ofrecíamos o noso derradeiro recital da noite, diante de homes que na súa maioría traballaban no mar e logo de apurar o último trago ían a deleitarse coas ceas cuxa preparación interrompéramos por uns minutos un pouco antes, homes en aparencia rudos que ceibaban gargalladas coa nosa arte e logo abrían con solemnidade a súa carteira de coiro, ata que a caixa de habanos non daba xa máis de si. Deseguido, faciamos reparto do recadado, moedas prateadas con cheiro a puro, sentados á entrada do bar.

Logo todo era erguerse co peto cheo –manancial de futuras larpeiradas non aptas para os cativos de agora- e volver para as nosas casas, coas nosas respectivas familias a gozar da maxia da xornada, con parada inescusable no muro (para quen non coñece Fontán, o muro é como un miradoiro sobre porto e mar). Dende alí xogabamos a buscar a estrela de Belén, que, supúñamos, sería aquela que máis brillaba no ceo.

Foi hai moitos anos. Xa preto de trinta. Esta Noiteboa busquei outra vez a estrela que máis brillaba no ceo. E, como un lóstrego, a lembranza partiume por dentro, e souben que esa estrela brillante xa a levaba comigo.


Texto de Vanesa Santiago Vázquez.
Imaxe: rapazada no porto de Fontán gozando dos agasallos do inverno de 1987.
Comentarios (0) - Categoría: Artigos - Publicado o 27-12-2016 17:22
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Correo electrónico: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal