A. C. Irmáns Suárez Picallo - Sada


Este blogue nace co obxecto de difundir a actividade da A. C. Irmáns Suárez Picallo, así como de recuperar e por a disposición do público diversos materiais de interese sobre o noso pasado,ao tempo que damos a coñecer os artigos escritos por Ramón Suárez Picallo e outros autores sadenses.
Estruturamos o blogue en varias seccións, nas que terán cabida noticias de actualidade sobre as nosas actuacións, artigos, textos históricos, fotografías...


Visitas (desde o 05/08/2010)





Únete a nós!
comisionsuarezpicallo@gmail.com
 CATEGORÍAS
 GALERÍAS FOTOGRÁFICAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGUES GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

A INFAME GUERRA




“Porque sabedes tan ben coma nós que a cuestión da xustiza, tal como van as cousas no mundo, formúlase entre os que son iguais en poder, mentres que os fortes fan o que poden e os débiles sofren o que deben.(…) Estamos aquí polo ben do noso imperio e o que imos dicirvos é para a salvación do voso país, porque queremos exercer o noso dominio sen causar trastorno algún e que vos salvedes, tanto polo voso interese coma polo noso.”

TUCÍDIDES. Historia de la guerra del Peloponeso



Para que as cousas fiquen claras dende o principio, e non semellar inxenuo de toda inxenuidade, e inda parvo, vou principiar esta reflexión sobre a actual situación de Iraq cunha cita do apóstolo da “racionalidade”, Max Weber, referido a concepción cristiá da guerra: “A contradición entre a prédica da fraternidade dos compañeiros e a glorificación da guerra contra os de fóra non acostuma ser moi decisiva nunha desvalorización das virtudes guerreiras, pois o rodeo salvador foi a distinción entre guerras “xustas” e “inxustas”, un produto farisaico descoñecido pola antiga e auténtica ética da guerra”. Desta cita pódese concluír doadamente que aplicar os conceptos da xustiza ou a falta dela nas guerras e unha tremenda inxenuidade porque en definitiva todas as guerras están relacionadas co poder e os intereses de quen o teñen (na maioría das veces por delegación dos que son os auténticos posesores do poder).

E nin tan sequera a sanción de “inxusta” da invasión por un organismo coma a ONU, -que en contradición cos seus principios rematou por ser, na opinión do noutrora axudante dun secretario xeral da mesma, “destinxida imitación de Estado”- foi quen, coma os feitos testemuñan, de impedir unha guerra decretada polo Estado que ven xogando o papel de “xendarme internacional” co apoio explícito dalgúns outros no vergoñento papel de “palmeros” do auténtico centro do poder.

Polo tanto haberá que facer unha crítica tomando en consideración a actual situación do pobo iraquí, tras unha guerra infame baseada en argumentos falsos e na utilización de falsas probas construídas para “xustificar” a intervención. Dende esta perspectiva a famosa foto do “ trío das Azores”, (que en realidade era un cuarteto se contamos a Durão Barroso, un político que está a se converter no paradigma das desfeitas dunha clase política que hai tempo perdeu o norte) hai que vela coma unha indignidade digna de figurar nunha borgiana Historia Universal de la Infamia.

Pois ben, hoxe en día Iraq, o país situado no que no seus días foi considerado un dos berces da civilización, atopase sumido nunha salvaxe guerra sectaria, con milleiros de vítimas a meirande parte delas producidas en atroces circunstancias.

A aparición na escena, inda que non recente pois a creación data de poucos anos despois da guerra, do chamado Estado Islámico en Iraq e Siria (ISIS nas súas siglas en inglés) que esta dominar moitas cidades no Norte do país e que lanzou un ataque sobre a maior refinería do país e asemade tomou a cidade de Bakuba a só 64 quilómetros ao norte de Bagdad, intensifica o conflito deica limites perigosísimos.

Dez anos despois da invasión, é dicir, a altura do ano 2013, Iraq ocupaba a novena posición no “ranking” dos “estados fracasados ou falidos” consecuencia sen dúbida da actuación sectaria do primeiro ministro Nuri al-Maliki, electo inda que a coalición que dirixe só alcanzou unha terceira parte dos escanos (93 sobre 328) no parlamento. Hai que dicir que Maliki foi o candidato proposto pola CIA.

Dende a súa chegada ao poder e a masacre posterior -o atentado sunnita no santuario xiíta de Samarra- a violencia non deixou de medrar. A caza de sunnitas polos escuadróns da morte foi unha auténtica limpeza étnica, deica tal punto que a poboación sunnita en Bagdad minguou nunha alta porcentaxe.

A realidade do Iraq actual é a dun país asolagado por unha guerra sectaria de todos contra todos: xiítas, sunnitas e kurdos. Mentres tanto os que levaron o país a esta situación lávanse as mans, coa excepción do recalcitrante Tony Blair, teimudo na súa xustificación da guerra. Que lles dirá a conciencia aos deputados do PP que votaron favorablemente a intervención de España nun conflito maioritariamente rexeitado pola poboación?

Porén, esta guerra, coma todas, debe ser entendida na clave da xeo-estratexia. Nun interesante artigo, Irak,23 observaciones sobre la nueva guerra líquida de EE.UU, Nazanin Armanian, suxírenos as causas últimas da realidade iraquí. A confrontación actual polo control do gas, a imposibilidade de que a produción petrolífera en Iraq chegue aos 12 millóns de barrís, o interese do Pentágono en trocar o conflito palestino-israelí nun conflito sunnita-xiíta son algunhas das explicacións dun conflito que non obstante na opinión de moitos expertos pódese converter nun segundo Vietnam para o imperio estadounidense.

Deste xeito son as guerras, os poderosos coa axuda inestimábel dos acólitos voluntarios son os que deciden cales son os pobos aos que lles vai tocar sufrir.

Polo ben do imperio.


Xaime Rodríguez
Comentarios (0) - Categoría: Notas desde o meu Smartphone, de Xaime Rodríguez - Publicado o 06-07-2014 23:53
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Correo electrónico: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal