A. C. Irmáns Suárez Picallo - Sada


Este blogue nace co obxecto de difundir a actividade da A. C. Irmáns Suárez Picallo, así como de recuperar e por a disposición do público diversos materiais de interese sobre o noso pasado,ao tempo que damos a coñecer os artigos escritos por Ramón Suárez Picallo e outros autores sadenses.
Estruturamos o blogue en varias seccións, nas que terán cabida noticias de actualidade sobre as nosas actuacións, artigos, textos históricos, fotografías...


Visitas (desde o 05/08/2010)





Únete a nós!
comisionsuarezpicallo@gmail.com
 CATEGORÍAS
 GALERÍAS FOTOGRÁFICAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGUES GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

NON O ESPEREDES A TITO

Posiblemente cando esteades a ler isto, todos nós, practicamente sen excepción, teremos a nosa atención posta no televisor, para ver ese xogo do que tanto gostamos, e que non é precisamente o que se refería Serrat nunha das súas cancións máis coñecidas.
Porque non vou falar de sexo, hoxe polo menos, inda que algún día ten que tocar. Imos falar de fútbol co motivo da celebración do Mundial de Fútbol de Brasil. O pretexto non podía ser máis adecuado, porén non esperedes asisadas análises sobre os posibles gañadores, sistemas de xogo, tácticas ou estratexias. Doutores din que ten a Santa Nai Igrexa e coido que no fútbol abondan inda de máis.
Eu do que quero falar é da distancia meirande cada día entre as figuras do balompé e os seus seareiros, unha grande eiva, na miña modesta opinión, nun deporte que sempre foi popular grazas precisamente a súa sinxeleza e a grande proximidade entre os practicantes, inda os mellores, e os espectadores sen máis. Porén inda que a miña opinión sexa modesta no quere dicir que non a compartan xentes entendidas no fútbol.
O outro día na televisión, e dende o berce do fútbol moderno, Gran Bretaña, alguén que coñecía o pano dicía referíndose a grande distancia entre os xogadores e os seareiros de hoxe en día, que nos noventa inda era posible que un xogador que acabara de retirarse puidera poñer un quiosco, porque, engadía, “inda tiñan vida” referíndose sen dúbida a que estaban integrados na comunidade.
De seguro que eses problemas de distancia coa afección tampouco os tiñan por exemplo os integrantes da mítica Orquestra Canaro, Oswaldo, Corcuera, Franco, Moll e Tino, que formaban a dianteira do Dépor dos principios dos cincuenta, que quedou subcampión da Primeira División, e que recibían ese nome en honra dunha coñecida, e moi boa, orquestra de baile da época.
Matinando isto veume o outro dia a lembranza do conto de fútbol, do mestre arxentino deste xénero Eduardo Sacheri, Esperándolo a Tito.
Neste conto, que polo demais e un auténtico canto a amizade, os integrantes dun equipo de barrio, nas vésperas dun”clásico” que os enfronta a outro equipo de barrio, o adversario de sempre, de aí o de clásico, co que levan tendo malos resultados na última década, agardan deica o momento mesmo do partido, entre o escepticismo e a esperanza, que un antigo integrante do equipo, hoxe figura do balompé a xogar en Europa, responda o chamado dun dos integrantes do equipo e intimo amigo da estrela para que xogue con eles o partido contra o eterno inimigo.
O conto fai desfilar ante o lector, preso da trama grazas as habelencias de Sacheri, os estados de ánimo dos integrantes dos dous equipos. Uns esperando a aparición da estrela que veña a redimilos dunha situación a piques de converterse en humillante. Os outros case que convencidos de que o ás finalmente non vai vir, (“Dale, Carlitos, ¿en serio pensaste que nos íbamos a tragar que el punto ése iba a venirse desde Europa para jugar el desafío?”) dille un dos contrarios, podendo deste xeito seguir co bo refacho.
Cando, xa a piques de comezar o partido Tito non comparece, todo semella decidido para un equipo que vai perder coma sempre, e esta vez sen cumprir co dito de “xogamos coma nunca e perdemos coma sempre”. Non obstante…
“(…) Pero justo ahí, justo en ese momento, mientras yo le hablaba a Joselito y el árbitro levantaba el brazo y miraba a cada arquero para dar a entender que todo estaba en orden, y Alberto levantaba el brazo desde nuestro arco, me di cuenta que pasaba algo. Porque el réferi dio dos silbatitos cortitos, pero no para arrancar sino para llamar la atención de Ricardo (que siempre era el arquero de ellos). (…)”
“(…) como Tito llegó cambiado, tiró el bolso detrás del arco y se vino al mediocampo, a sacar conmigo (…)“
“(…) Pitó el árbitro y Tito me la tocó al pie. El petiso Galán se me vino al humo, pero devolví el paso justo a tiempo. Tito la recibió, la protegió poniendo el cuerpo, montándola apenas sobre el empeine derecho. El petiso se volvió hacia él como una tromba, y el Bebé trató de apretarlo del otro lado. Con dos trancos, salió entre medio de ambos. Levantó la cabeza, hizo la pausa, y después tocó suave, a ras del piso, en diagonal, a espaldas de seis de ellos, buscándolo a Gonzalito que arrancó bien habilitado.”

Se sodes quen de perdoarme o anticipo do final do conto, o “spoiler” coma se di agora, direivos que este final non sería posíbel nos nosos días por moita amizade que houbera polo medio.
Impediríao o representante do xogador, filtraría as chamadas e nin tan sequera se decataría. Se non fose así, os dereitos de imaxe farían imposíbel a súa aliñación co equipo do barrio. Finalmente, se tódolos atrancos mencionados se solucionasen, ese día Tito tería unha sesión de fotos para unha revista de moda masculina.
Se o conto pasase nos nosos días o mellor que poderían facer os seus parceiros sería non esperar por Tito.

Xaime Rodríguez
Sobre Eduardo Sacheri
Comentarios (0) - Categoría: Notas desde o meu Smartphone, de Xaime Rodríguez - Publicado o 17-06-2014 14:00
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Correo electrónico: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal