A. C. Irmáns Suárez Picallo - Sada


Este blogue nace co obxecto de difundir a actividade da A. C. Irmáns Suárez Picallo, así como de recuperar e por a disposición do público diversos materiais de interese sobre o noso pasado,ao tempo que damos a coñecer os artigos escritos por Ramón Suárez Picallo e outros autores sadenses.
Estruturamos o blogue en varias seccións, nas que terán cabida noticias de actualidade sobre as nosas actuacións, artigos, textos históricos, fotografías...


Visitas (desde o 05/08/2010)





Únete a nós!
comisionsuarezpicallo@gmail.com
 CATEGORÍAS
 GALERÍAS FOTOGRÁFICAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGUES GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

A IMPORTANCIA DO GUION
No medio do desacougo que nos está a producir a continua choiva de casos de corrupción, case que tan continua e persistente como a choiva coma fenómeno meteorolóxico que estanos a asolagar, reparei nun aspecto desta corrupción en sesión continua que alguén pode considerar frivolidade, poren que na miña opinión ten o seu aquel.

Trátase das moitas rexencias e aínda paralelismos que atopamos nos casos de corrupción con algunhas das manifestacións da chamada cultura popular, unha vez que semella superada a vella disputa sobre esta cuestión entre apocalípticos e integrados, coma a banda deseñada, a literatura e o cine negro ou as series de televisión de calidade, nomeadamente as de a HBO.

Se non principio foi o verbo, fixémonos nos nomes dalgúns dos casos, curiosamente dos que máis relación teñen ca nosa terra. Chamarlle Pokemon non pode ser senón unha especie de homenaxe o manga esa variante nipona da banda deseñada.

Poren denominar Pikachu, a unha peza separada do anterior caso só pode significar que quen llo puxo, xuíz ou policía, é un auténtico devoto da banda deseñada, sensación que aínda se incrementa cando un decatase de que ámbolos dous casos derivan do Carioca, que pode ser unha homenaxe a un personaxe dos debuxos de Walt Disney.

Tamén semella existir paralelismos entre as chamadas pezas separadas de casos principais e o que en inglés chamase “spin off”, que no caso das series televisivas fai referencia a aquelas que xurden doutras anteriores, ben porque determinados personaxes adquiren identidade, ben porque determinadas situacións permiten un desenvolvemento separado. No noso país, sen ir máis lonxe, temos o caso de Aída que ven a ser o “spin off” dunha serie anterior que se chamaba Siete Vidas, na que entre outras cosas demostrábase que Toni Canto tamén era mal actor.

Ademais dos xa citados Pokemon e Pikachu, temos un “spin off” de moita altura, cal é o caso Noos, peza separada do caso Palma Arena no que estaba involucrado o presidente Jaume Matas, aquel presidente de Baleares tan louvado polo infalible Rajoy, neste caso pódese falar dun “spin off” motivado pola identidade dos personaxes. Aí é nada ter coma protagonistas a infanta e o duque (empalmado ou non).

Outro paralelismo é o das historias, das tramas ou argumentos, tras os casos de corrupción, semellantes as historias que nos narran as obras da chamada serie negra, sexa esta literaria, cinematográfica ou televisiva. Medramos baixo o influxo dos personaxes creados por Mario Puzo, e levados a pantalla por Francis Ford Coppola nas tres partes do Padriño, Veu despois a grande serie Los Sopranos, unha fita na historia das series televisivas pero tamén do tratamento dos personaxes relacionados co crime. Máis tarde The Wire e aínda máis, na actualidade, House of Cards, viñeron a facernos coñecer a faciana da corrupción, e o tempo a obrigarnos a facela pregunta que xa se facía Bertold Bretch na súa obra A boa persoa de She-Zuan: e posible a bondade no capitalismo?

A diferenza entre as historias de corrupción real e as de ficción radica en que os personaxes de ficción teñen máis identidade, semellan máis humanos que os da realidade. É coma si os guionistas esforzaranse en cumprir o que Harold Bloom destacaba respecto a Shakespeare no seu libro A invención do humano, a procura da humanidade canta máis mellor para as súas personaxes.

Polo contrario, os “guionistas” na vida real coma que deshumanizan os protagonistas. Ningún deles semella ter conflitos internos derivados da culpabilidade. Tony Soprano, o protagonista dos Soprano, (cuxos “negocios” teñen que ver cas contratas do lixo, que por outra parte é un dos máis recorrentes nos casos de corrupción real) ten que visitar a psiquiatra pola ansiedade que producíalle o seu “estilo” de vida.

Iso non pasa cos personaxes reais. Ningún deles semella ser vítima das angustias vitais, aínda máis algún chega a xustificar a súas accións, que teñen tódolos visos da prevaricación, co argumento de “razóns humanitarias”.

Houbo un momento que pensei que deramos con un imputado que estaba a ter unha reacción humana, quizais influído pola súa corpulencia moi semellante a de o recentemente falecido James Gandolfini, protagonista dos Soprano, por enriba de todo cando declarou que “non se recoñecía” cando lle presentaban probas da súa implicación, no intre pensei que estaba a dicir que non se recoñecía na súa faciana delicuencial, do mesmo xeito que o DR. Jekill non se recoñece en Mr Hyde.

Meu gozo nun pozo, estábase a referir que non recoñecía a súa voz na gravación. Unha dubida que os técnicos policiais e xudiciais aclararanlle máis cedo que tarde, pero en todo caso moi afastada da metafísica que por un intre eu lle atribuín.

Tampouco parece moito mellor a cuestións das ameazas. Cando Barcenas ameaza con “tirar da manta” (deixando de banda a súas implicacións antisemitas, pois a manta en cuestión ten o seu orixe nos lenzos que había nalgunhas igrexas de Navarra, que contiñan ocultos os nomes das familias de xudeus conversos das contornas) ou cando Granados di “si me buscan me encuentran” semellan ameazas de nenos en comparanza do que pasa no Padriño cando di “ fareille unha oferta que non será quen de rexeitar” que conten sutileza xunta con afouteza porque mentres o di Luca Brazzi o seu sicario apúntalle o ameazado cunha pistola na cabeza, mentres se engade “deixara neste documento os seus sesos ou a súa sinatura”. Un bo guión, unha boa liña de dialogo.

Xusto o que falla na realidade.


Xaime Rodríguez Rodríguez
Comentarios (0) - Categoría: Notas desde o meu Smartphone, de Xaime Rodríguez - Publicado o 07-03-2014 10:13
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Correo electrónico: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal