A. C. Irmáns Suárez Picallo - Sada


Este blogue nace co obxecto de difundir a actividade da A. C. Irmáns Suárez Picallo, así como de recuperar e por a disposición do público diversos materiais de interese sobre o noso pasado,ao tempo que damos a coñecer os artigos escritos por Ramón Suárez Picallo e outros autores sadenses.
Estruturamos o blogue en varias seccións, nas que terán cabida noticias de actualidade sobre as nosas actuacións, artigos, textos históricos, fotografías...


Visitas (desde o 05/08/2010)





Únete a nós!
comisionsuarezpicallo@gmail.com
 CATEGORÍAS
 GALERÍAS FOTOGRÁFICAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGUES GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

SUÍZA COMO SÍNTOMA


Na Europa, a escala internacional só están organizados o crime e o capitalismo.
Kurt Tucholsky, 1927

“Queriamos democracia. O que conseguimos é o mercado de renda fixa”
Pintada polaca



Suíza foi historicamente, e volve a selo, un dos países de destino da emigración dos galegos. Sen chegar a acadar os carácteres case míticos dalgúns países como a de o Uruguay e nomeadamente Arxentina, a emigración ao país helvético ocupa un lugar destacado se falamos dos de destino da nosa emigración. Mesmo é digno de subliñar que a emigración a Suíza galega e a máis permanente, e a máis consolidada despois da procedente de Italia.

É por iso que consideramos oportuno falar dos resultados do referendo que sobre as limitacións da emigración acábase de producir no país helvético promovido polo populista Partido do Pobo, co triunfo, pola estreita marxe de 19.000 votos, iso si, dos partidarios da limitación. Aínda que como imos plantexar estes resultados móvennos a reflexións que van máis aló dos seus efectos sobre a nosa emigración ao país.

Retomaremos o relacionado coa Confederación Helvética, nome oficial de Suíza, co obxecto de analizar algúns dos datos históricos, económicos e políticos que nos permitan un coñecemento, aínda que lene, do problema emigratorio e a súas implicacións.

É evidente que, por moi escéptico que un poida ser coa importancia da situación xeográfica no desenvolvemento das historias nacionais, a ubicación de Suíza vai explicar parte da súa historia.

Da súa condición de país fronteirizo con estados tan fortes, e con tanto peso histórico como Francia, Alemaña, Austria e Italia, ven, con matices e puntualizacións que non desenvolveremos por cuestións de espazo, o neutralismo que lle ía permitir non verse involucrada nas dúas guerras mundiais.

Tamén en parte serve para explicar o seu desenvolvemento económico, que sen recursos naturais e sen una grande industria centrou a súa especialización no sector servizos, e dunha forma moi clara no sector bancario. O mecanismo diferenciador deste sector bancario especializado é o segredo bancario, garantido a través do artigo 47 da súa lei de bancos e caixas de aforros que data do ano 1934, e que prohibe expresamente a divulgación por parte das institucións financeiras de calquera información, bancaria ou non, dos seus clientes.

Foi esta condición da súa economía o quen facilitou o seu despegue ata chegar aos primeiros países en “renda per capita”. A atracción para a emigración foi una constante. A tercerización ía significar a creación dun emprego abondoso, e na meirande parte de baixa cualificación. A contribución desta emigración a riqueza do país helvético non pode ser discutida.

Aínda que non forma parte da U.E., Suíza, a Confederación Helvética, mantén estreitas relacións con ela. De feito, calculase que grande parte do seu comercio, preto do 60%, prodúcese con países da Unión Europea, nomeadamente con aqueles que son con ela fronteirizos: Alemaña, Italia, e Francia. As relacións inclúen tamén a circulación de traballadores, tamén de grande importancia cos países da U. E.

Non é de estrañar que a propia U.E. puxera o berro no ceo pola que entendía era una limitación “ao dereito da libre circulación de persoas”. O que resulta máis sorprendente, ou máis aínda un auténtico sarcasmo, é que esta declaración se produce nas mesmas datas nas que nun país da súa fronteira sur, en concreto España, quince subsaharianos morreran no seu intento de chegar “o seducinte paraíso da libre circulación de persoas”.

Estamos firmemente convencidos de que o vén de suceder en Suíza, debe entenderse como un síntoma, un máis, da tremenda deriva que se está a producir na vella Europa, nas condicións nas que funciona a U. E.

Porque esta reacción non deixa de ser unha resposta, tremendamente errada, iso está claro, ao predomino das forzas do mercado e das clases socias que o controlan, os menos, que están a asoballar aos que teñen unha presenza subordinada nel, os máis, a inmensa maioría. O ascenso do populismo non é senón unha resposta de determinados sectores das clases medias, e parte das clases populares que ante o predominio abafante do mercado, víranse para dentro, facéndose inimigos do outro, do estranxeiro, do emigrante.

Se non queremos que se volvan a repetir feitos sucedidos no noso continente nos anos trinta, nos que o ascenso do populismo derivou na chegada do fascismo, deberemos contestar unha pregunta: canto mercado pode soportar a democracia?
Suíza, dada a súa condición de paraíso das contas secretas, do fluxo de capitais internacionais sen control (só compre ver o destino dos fondos de persoeiros da economía de casino, das corruptelas, como o ínclito Barcenas ou os xestores da C.A.M.) é parte central do “fundamentalismo de mercado” que rexe na U.E.

Unha U.E. feita nos moldes dun neoliberalismo que esta enfrontado directamente coa preservación de dereitos cidadáns e sociais, resultado da loita social de xeracións de europeas e europeos, e non agasallo de ningún poder, relixioso, político e moito menos económico.

Volver a loitar polos dereitos fundamentais, políticos, laborais, civís e sociais semella a andaina que temos por diante todos nós pero por enriba de todo os máis novos. A vella Europa debe retomar o camiño dun progreso sen exclusións, na perspectiva do progreso do conxunto das nacións, nomeadamente as historicamente máis desfavorecidas. Ese é o verdadeiro sentido da globalización.

De non facelo así, os que hoxe rexen os nosos destinos, coa fe posta no omnipotente mercado seguirán a dicir co noso consentimento: “business as usual”


Xaime Rodríguez Rodríguez
Comentarios (0) - Categoría: Notas desde o meu Smartphone, de Xaime Rodríguez - Publicado o 16-02-2014 10:14
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Correo electrónico: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal