A. C. Irmáns Suárez Picallo - Sada


Este blogue nace co obxecto de difundir a actividade da A. C. Irmáns Suárez Picallo, así como de recuperar e por a disposición do público diversos materiais de interese sobre o noso pasado,ao tempo que damos a coñecer os artigos escritos por Ramón Suárez Picallo e outros autores sadenses.
Estruturamos o blogue en varias seccións, nas que terán cabida noticias de actualidade sobre as nosas actuacións, artigos, textos históricos, fotografías...


Visitas (desde o 05/08/2010)





Únete a nós!
comisionsuarezpicallo@gmail.com
 CATEGORÍAS
 GALERÍAS FOTOGRÁFICAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGUES GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

CHALANAS NO SOTO
Temos asumido que falar do tempo, da meteoroloxía, é recorrente cando non hai cousas máis importantes das que falar. É por iso que acostumamos(ábamos) a facelo naquelas circunstancias que requiren temas lenes sen arestas, nos ascensores ou na consulta do médico, con xentes coas que non temos máis que unha relación superficial, como unha forma de “rachar o xeo”.

Hoxe, nembargantes, falar do tempo, da meteoroloxía, aínda que as veces do que esteamos a falar sexa do clima, estase a converter nunha conversa chea de preocupacións e de interrogantes. As contínuas perturbacións que se están a abater sobre o noso litoral, e o das comunidades do Cantábrico, son dunha banda preocupantes e doutra plantexan unha serie de cuestións que transcenden o asunto do tempo, da meteoroloxía, para entrar de cheo no eido do clima, e máis concretamente do cambio climático.

Este termo refírese en principio as “modificacións do clima con respecto ao historial climático a unha escada rexional ou global” prodúcese a diferentes escadas temporais e afecta a todos os parámetros meteorolóxicos.

A ciencia admite que estes cambios poden producirse tanto polas causas naturais como polas accións humanas. De tódolos xeitos, a meirande importancia que se lle dá ás accións humanas como desencadeantes dos cambios nos parámetros metereolóxicos (temperatura, precipitacións, presión atmosférica, etc) levou a que a Convención Marco das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático defina este exclusivamente en relación coas causas antropoxénicas, entendendo por cambio climático “un cambio no clima atribuído directa ou indirectamente a actividade humana que altera a composición da atmosfera mundial e que se suma á variabilidade observada durante períodos comparables.”

Os estragos que se están a producir polos continuos temporais, e por enriba de todos os orixinados polos os que os meteorólogos chaman “fenómenos costeiros” que inclúen a perda de vidas humanas, son motivos máis que evidentes de interese e preocupación.

Ademais, alomenos a nós, móvenos tamén a reflexión. As imaxes, abafantes e dunha beleza incrible o tempo, das onadas batendo sobre as rochas, os areais, os peiraos e aínda os edificios, fannos decatar das veces nas que as aspiracións, desexos e finalmente as actuacións humanas enfróntanse cos fenómenos da natureza, ca natureza mesma.

Non vou entrar, non teño a condición de experto e tampouco teño un curmán que o sexa, como o presidente Rajoy na súa versión negacionista do cambio climático, e aínda que o consenso da comunidade científica sobre o efectos das actividades humanas sexa hoxe xeral, nos efectos concretos da actividade humana nos parámetros meteorolóxicos, que inclúen a suba do nivel do mar, nunha medida na que as diferentes proxeccións difiren.

O certo é que podemos ver os efectos das ondadas en restaurantes, bares, discotecas, negocios de todo tipo, museos (como o da lura xigante, sen ir máis lonxe) e edificios de vivendas, nomeadamente nos sotos adicados a aparcadoiros.

Aínda que algúns deles gardaban unha distancia importante respecto a os límites costeiros, referidos sempre ao alcance da auga na preamar, (e que en todo caso deben facernos pensar no relativo dos devanditos limites), a maioría deles foran construídos mesmo na beiramar.

Semella que non damos aprendido das nosas experiencias. Vai ser verdade aquilo do home topando moitas veces no mesmo croio. Emendarlle a plana a natureza acostuma a ter consecuencias non por previstas menos preocupantes.

Nomeadamente cando polo medio anda a auga, doce ou salgada, da igual. Construír nos cauces de asolagamento dos ríos orixina perdas de facendas e de vidas cando hai crecidas. Do mesmo xeito, cando se constrúe nos conos de dexección dos regatos da conca mediterránea; no Agosto deste ano cumpriranse dezaoito anos da catástrofe do camping de Biescas, no Pirineo aragonés, na que morreu case que un cento de persoas.

As edificacións na beiramar máis extrema, ademais de outras consideracións que teñen que ver ca conservación da paisaxe, teñen resultados perniciosos como estamos a ver. As perdas ocasionadas teñen repercusións económicas, sociais e aínda ecolóxicas.

Xa que o noso sistema de vida semella atoparse nunha encrucillada, crise económica, social, ecolóxica e de valores, parece chegado o intre de reflexionar, analizar e empezar a tomar as medidas oportunas. Se as mareas, no chamado tren de borrascas, cicloxéneses explosivas incluídas, foron quen de facer chegar o mar máis aló do coñecido deica agora, máis aló do que lembran os máis vellos do lugar, como é costume dicir. Se, segundo mantén o conxunto da comunidade científica, o nivel do mar vai medrar considerablemente, non estamos no intre de empezar a tomar as medidas que palíen os efectos dos temporais costeiros no futuro?

Non se trata de poñerse apocalípticos, de poñernos dos nervios como sociedade. Tratase simplemente de tomar as medidas oportunas. Cos datos na man non semella que a mellor solución pase por seguir a construír na franxa costeira. Se queremos evitar consecuencias indesexables, debemos revisar a nosa teima por vivir metidos ca casa no mar. A natureza é tamén teimuda, e procura recuperar o que seu. Poñámonos de acordo ca natureza se queremos vivir cos sobresaltos xustos.

Porque a alternativa senón será a de adecuar os sotos hoxe adicados a aparcadoiro como amarres para botes, piraguas ou chalanas.


Xaime Rodríguez Rodríguez
Comentarios (0) - Categoría: Notas desde o meu Smartphone, de Xaime Rodríguez - Publicado o 10-02-2014 00:58
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Correo electrónico: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal