A. C. Irmáns Suárez Picallo - Sada


Este blogue nace co obxecto de difundir a actividade da A. C. Irmáns Suárez Picallo, así como de recuperar e por a disposición do público diversos materiais de interese sobre o noso pasado,ao tempo que damos a coñecer os artigos escritos por Ramón Suárez Picallo e outros autores sadenses.
Estruturamos o blogue en varias seccións, nas que terán cabida noticias de actualidade sobre as nosas actuacións, artigos, textos históricos, fotografías...


Visitas (desde o 05/08/2010)





Únete a nós!
comisionsuarezpicallo@gmail.com
 CATEGORÍAS
 GALERÍAS FOTOGRÁFICAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGUES GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

A FILLA DO CARPINTEIRO

A verdade é que fai tempo que queriamos (e deberiamos) falar deste asunto. Para nós o fulcro do guindastre que iza os países, as nacións, os estados. Pero as noticias que se estaban a producir no seu entorno non eran as máis inspiradoras. A educación voltaba a ser no noso país o que, con contadas excepcións nunca deixou de ser; unha sorte de Cincenta, na que se podían levar a cabo proxectos alumeados polas ideoloxías dos responsables do asunto.

Nos últimos tempos as medidas tomadas polo inefable ministro Wert veñen a situar a Educación no ámbito dos privilexios na vez de dos dereitos.

Pero, o que son as cousas, dende o outro lado do Atlántico, dende A Gran Mazá, chégannos novas máis alentadoras. Que teñen que ver coa faciana máis nobre da educación, do ensino. Trátase do nomeamento polo novo alcalde demócrata de Nova Iorque da conselleira de Educación, Carmen Fariña.

O apelido de solteira desta muller é Guillén e está estreitamente ligada a nosa vila sadense: os seus pais sadenses de nación, tiveron, como tantos outros, que emigrar da nosa terra inmediatamente despois do golpe de estado que orixinou a Guerra Civil.

Por si mesmo esta sería outra das novas que de cando en vez nos falan dos triunfos dos nosos paisanos alén de Galicia. O realmente salentable é o concepto, a filosofía se nos poñemos estupendos, que da educación ten a nova Conselleira.

Para entendernos, está nas antípodas do pensamento “wertiano”; para Carmen Guillén trátase de estender a educación, a posibilidade de formarse, entre toda a poboación, nomedamente entre aqueles que teñen menos medios. Por exemplo, para financiar a extensión universal da educación preescolar vai poñer en marcha un programa a se financiar polos que teñen máis, concretamente polos que gañan máis de medio millón de dólares anuais.

É unha filosofía froito da súa experiencia como ensinante. Baséase nela a súa intención de potenciar o ensino das Humanidades, facilitando o acceso a cultura a todos os estudantes que deste xeito poderan acceder a museos, concertos ou representacións teatrais. Todo un proxecto de futuro para case que 2.000 colexios en toda a cidade.

Hai un aspecto da nova Conselleira de Educación neoiorquina que chamou a miña atención. Ela sempre fala da influencia do seu pai na súa teima ca educación. Este home, Adolfo Guillén, que en Sada era carpinteiro de profesión e de familia de mariñeiros, inculcoulle dende nena que o camiño dun futuro mellor pasaba pola educación. Nas xentes traballadoras de aquela época, anterior a chegada da República, isto foi unha constante.

Os sectores máis concienciados da clase traballadora fixeron todo o posible para fomentar a cultura e a educación entre as clases populares. Non estaban sós no empeño, do mesmo xeito os sectores máis progresistas da burguesía camiñaban xunta deles.

Xa no último cuarto do século XIX creábase a Institución Libre de Enseñanza da man dun feixe de catedráticos separados das súas cátedras por defender a liberdade de cátedra e opoñerse os dogmas oficiais morais, políticos ou relixiosos.

Orientada en principio o ensino universitario ampliou o seu campo a educación primaria e secundaria. A Institución Libre de Enseñanza ía desde entón a reclamar educación para todos e unha maior e mellor dotación para as escolas.

Coa chegada da Segunda República íase rexistrar o esforzo máis importante para dotarse dun sistema educativo que cubrira as necesidades neste eido do conxunto da poboación. É necesario dicir que a situación da educación en España era en verdade arrepiante. As taxas de analfabetismo, por exemplo, eran dignas dos países máis atrasados.

En termos absolutos para o censo do ano 1930, sobre unha poboación de 23.976.755 hab., había 209.341 semi-analfabetos e 10.024.939 analfabetos, cunha maior incidencia, case que o dobre, entre as mulleres.

Para paliar este e o resto de problemas dos que adoecía a Educación a Segunda República ía facer un esforzo no primeiro lugar na construción de escolas, despois na dotación dos alicerces para a construción dunha escola pública, laica e gratuíta.

Todo elo coa intención última de converter aos que se viñan considerando súbditos en cidadans. Neste sentido hai que considerar o que ía supoñer a creación do Patronato de Misiones Pedagógicas co propósito de “levar as xentes, con preferencia as que habitan nas localidades rurais, o alento do progreso e os medios de participar nel, nos seus estímulos morais e nos exemplos do avance universal, de modo que os pobos todos de España, aínda os apartados, participen das vantaxes e goces nobres reservados hoxe os centros urbáns”.

O pai de Carmen Fariña, de solteira Carmen Guillén, carpinteiro na súa terra sadense, foi quen de lle transmitir a súa filla os valores da escola republicana. Alá ao outro lado do océano, nun momento no que os valores da educación, publica, laica e gratuíta volven ser obxectivo dos que nos prefiren ignorantes, a filla do carpinteiro, inicia unha andaina baseada nos valores defendidos polas boas xentes, que aló no máis crú da historia do noso século XX, crían no progreso, nas luces da educación que ía facernos a todos máis libres.

Os xermolos do proxecto educativo da República están a dar os seus froitos, alén de España, da man da “filla do carpinteiro”. Nós non perdemos a esperanza de que no noso Estado se produza o necesario debate definitorio dun proxecto educativo que recolla os valores democráticos, laicos e populares da República. Un sistema educativo que sexa quen de garantir un ensino de calidade por enriba dos cambios políticos que se poidan producir.

Mentres tanto, felicitémonos pola proposta de Carmen Guillén. Ogallá, que dea os mellores froitos. O seu triunfo será o de unha educación ao alcance de todos, independentemente do seu nivel de renda.

Xaime Rodríguez Rodríguez


Máis sobre Carmen Fariña
Carmen Fariña a novo canciller escolar
Comentarios (1) - Categoría: Notas desde o meu Smartphone, de Xaime Rodríguez - Publicado o 03-02-2014 00:49
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
1 Comentario(s)
1 Excelente artigo. Moitas grazas
Ola Xaime:
Son unha mestra, tamén filla e neta de carpinteiro, que emigrou alén do mar no 1997 despois de estudar e Psicopedagoxía porque no noso país non había maneira de traballar como docente.
Formei parte da primeira promoción de Psicopedagoxía, xunto cos cataláns, do estado español, e ilusa de mí, creín que este feito ía ser determinante á hora de enfrentarme ao mercado laboral,pero trabucábame.
No ano 97, primeiro emigrei a Londres para millorar o meu inglés. Alí traballei primeiro nun hotel facendo habitacións, mais ao decatarme de que facendo camas non estaba a lograr millorar o idioma, busquei outro traballo no que practicar máis a linguaxe de Shakespeare, e así despois de buscar e buscar, atopei traballo en Pimplico nun bar como camareira.
Unha vez retornada,volvín coas mans baleiras e cun sentimento de fracaso terrible.
A verdade é que non mellorei moito o nivel que levaba de inglés pero esta experiencia serviume para mellorar moito coma persoa e aumentar a miña empatía cos emigrantes de todas as nacionalidades, emigrantes actuales e tamén fíxome pensar moito no mal que o tiveron que pasar os emigrantes galegos dos cuarenta e cincuenta. Lembro que cada vez que subía as escadas do metro, cando estaba moi agobiada, pensaba para os meus adentros, Ana non te podes queixar, pensa nos emigrantes que viñeron a Londres sen saber o idioma, vivindo en condicións infrahumanas e mandando todos os cartiños para a súa casa na Galiza. Ademais ti podes voltar cando queiras e eles e elas non tiñan esa posibilidade.
A o que ía, despois deste intento de atoparme a mín mesma e de millorar a miña vida,abraiome o destiño cunha nova oportunidades.
Os meus curmáns doutro lado do Atlántico ao ser coñecedores da miña situación de desemprego, pois deixara as clases particulares e o meu traballo de camareira no Moby Dick, chamáronme dicindo que alí tiña porvenir como profesora de inglés para hispanos.
Non o pensei dúas veces, volvín a facer as maletas con toda a ilusión do mundo pero ao mesmo tempo moito medo, un medo terrible a que algo lle puidera ocorrer ao meu avó ELisardo pois xa estaba entradiño en anos.

Estiven tres meses en Nova Iork, mais a burocracia rematou cos meus soños de facer unha nova vida alén do mar.
Botei tres meses intentando conquerir o permiso de traballo.
Entrei nun círculo vivioso, moitas veces víñame á cabeza a famosa frase de Mariano José de Larra do seu artigo de costumes "Vuelva usted Mañana".
Pois ben, pasara sen problema a entrevista de traballo pero para comezar a traballar precisaba do número #blgtk08#de seguridade social,que a súa vez requeríame o permiso de traballo, e para conseguir o permiso de traballo precisaba dun contrato laboral.
Rematei en inmigración desesperada decíndolle ao funcionario de turno, "parece mentira que ésta sexa unha nazón fundada e erguida por inmigrantes; non veño aquí a facer ningún mal, todo o contrario, veño a ensinar inglés a hispanos para facerlles máis levadeiro a inmersión cultural no voso país e así o día de mañán séxalles máis doado poder acceder a un posto laboral digno" ao que el que me respostou cun " señorita cale porque senón a deportamos, vostede entrou ao noso país como turista".
Ante iso tiven que calar, me disculpar, entoar un God Bless America, e alegar que calaba porque tiña unha familia marabillosa á que querería volver ver ademais do feito de que me encantaba o seu país e que me gustariá voltar nun futuro.
Cabe dicir que tiven que entoar o "mea culpa" por non me ter informado antes de entrar aos Estados Unidos. Debin me informar antes de entrar nese país dos visados existentes, porque unha vez que entras como turista está terminantemente prohibido buscar traballo.
Mentres estiven alí, tiven a oportunidade de ver un colexio e o seu funcionamento por dentro. O que máis me chamou a atención foi que comezaban o día cun neno ou nena facendo o xuramento á bandeira americana. Pregunteille á directora do centro o porqué dise feito Ela xustificouse dicindo que o obxectivo que pretendían acadar con iso era o de dar protagonismo ao alumnado. Razón totalmente lexítima pero que non me convenceu. Eu veía nesa práctica máis adoctrimamento que fomento da autoestima do alumnado por medio do protagonismo.
Para rematar dicirche que grazas por este artigo tan interesante no que fas referencia á Institución Libre de Ensinanza, perídodo da historia contemporánea española que as diferentes xeracións de fináis do XIX e principios do XX tiveron a sorte de experienciar.
A Institución libre de Ensinaa contou con grandes pedagogos como Giner de los Ríos e grandes mestres e mestras, por desgraza depurados polo Réximen Fascista.
Foi unha mágoa que o "glorioso alzamento" botara pola borda esta iniciativa pedagóxica tan interesante e productiva, porque se non fora por iso outro galo nos cantaría.
Atreveriame a deducir que seriamos un pobo moito mellor e máis avanzado,é mais,de seguro que non estariamos inmersos nesta crise económica e de valores éticos na que nos atopamos hoxe en día por desgraza.
E o peor é que da crise económica sairemos más tarde ou máis cedo pero a crise de valores éticos e morais, eso xa é outro conto. Saúdos
Ana
Comentario por ana abruñedo (04-02-2014 22:46)
Deixa o teu comentario
Nome:
Correo electrónico: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal