A. C. Irmáns Suárez Picallo - Sada


Este blogue nace co obxecto de difundir a actividade da A. C. Irmáns Suárez Picallo, así como de recuperar e por a disposición do público diversos materiais de interese sobre o noso pasado,ao tempo que damos a coñecer os artigos escritos por Ramón Suárez Picallo e outros autores sadenses.
Estruturamos o blogue en varias seccións, nas que terán cabida noticias de actualidade sobre as nosas actuacións, artigos, textos históricos, fotografías...


Visitas (desde o 05/08/2010)





Únete a nós!
comisionsuarezpicallo@gmail.com
 CATEGORÍAS
 GALERÍAS FOTOGRÁFICAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGUES GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

OS FINANCIEIROS XOGAN O PADEL
Desde o seu discutido e disputado nacemento histórico, (xogos similares de pelota víñanse facendo en diferentes culturas e civilizacións desde o século III A. C, inda que os máis semellante xogáronse durante a Idade Media tanto nas Illas Británicas, polo ano 1170, como en Francia e en Italia, onde practicábase un xogo chamado calcio por enriba de todo en Florencia, unha variedade do fútbol medieval máis organizada e menos violenta que a practicada nas illas), deica o indiscutido xurdimento do fútbol moderno na Inglaterra de mediados do XIX , e máis nomeadamente no ano 1863, data da creación da Football Asociation e das primeiras regras do deporte do balón pé, este deporte sinxelo e colectivo, de equipo, converteuse no predilecto das crases populares de todos os países os que se foi estendendo desde o seu berce na industriosa e industrial Albión.

As razóns da súa popularidade hainas que procuralas na súa sinxeleza. De feito, nos casos máis extremos pódese montar un partido de fútbol a partires de escasos elementos. Chega un espazo máis ou menos grande, o seu tamaño vai variar en función do número de xogadores, que non ten que ser nin tan sequercha, e moito menos ter herba.

As porterías improvísanse ca roupa dos xogadores que fan de barróns. Deica o balón pódese improvisar, nas épocas onde ter unha pelota, non digo xa un balón de regulamento, era bastante menos doado que hoxe, podían valer uns farrapos os que se lle daba unha forma máis ou menos esférica. No tocante as regras respectábanse máis ou menos as fundamentais, non tocar o balón cas mans se es xogador de campo, por exemplo. Hoxe en día pódese practicar, pola abundancia de medios, de xeito moi similar o profesional, se hai un numero de xogadores que faga posible a confección de dous equipos, non digo onces de propio.

Do mesmo xeito, a popularidade do fútbol explica o seu innegábel carácter de aglutinador de identidades, de fomentador dun certo xeito de integración social. Polo tanto non andaba errado Eduardo Galeano cando dicía no seu libro El fútbol a sol y sombra “O club é a única cédula de identidade na que cree o seareiro. E en moitos casos, a camisola o himno e a bandeira encarnan tradicións entrañábeis, que exprésanse nas canchas de fútbol pero veñen do fondo da historia dunha comunidade”. No mesmo sentido, e indo varios pasos máis aló, o historiador marxista Eric Hobsbawam di que o atractivo global do fútbol cimentase no seu atractivo nacional. Deixando de banda, polo de agora, o problema da magnificación da identidade e as derivas violentas que poden producirse prol do fútbol (xa se sabe, “hooligans”, “barras bravas”, “guerra do fútbol” etc, etc), a súa popularidade máis este seu carácter de agromador de identidades explica a proliferación de clubs de fútbol; cada rueiro, barrio ou pobo ten o seu, nun país onde a sociedade civil ten pouca tradición asociacionista. O club, o equipo, ademais de popular pertenza a toda a comunidade, e toda a comunidade pertenza, dun ou outro xeito, o club, o equipo.

A profesionalización do fútbol, que podemos dicir é unha consecuencia lóxica da súa popularidade, non afastou a xente do seu seguimento. Durante moito tempo os xogadores profesionais, imbricados cas súas comunidades eran pouco menos que heroes, dos que se celebraba inda a súa marcha a equipos máis grandes, normalmente a os clubs representativos das grandes cidades, que tiñan un numero de seareiros/socios que permitíanlles facer estas fichaxes. Inda deste xeito a xente continuou a considerar o fútbol como cousa súa.

A situación empezou a cambiar, (e tamén imos deixar de banda a utilización política do fútbol, por enriba de todo polos réximes autoritarios, polas ditaduras), do mesmo xeito que a sociedade toda na súa relación ca economía no momento que o economista Paul Krugman chama “ a grande diverxencia”, aló polos mediados dos setenta no que se vai iniciar a deriva hacia o predominio da ideoloxía neoliberal, da prevaleza total (e global) do mercado cuxas consecuencias estamos a aturar.

E en esas estamos. Os clubs de fútbol pasaron a ser cada vez máis elementos do sistema de mercado. Xa que logo, como xa ten dito outro grande economista heterodoxo, Karl Polany, o predominio do sistema de mercado marcou a autonomía da economía, imbricada deica entonces nos feitos e as relacións sociais, na sociedade mesma. A economía e non a sociedade foi desde entón a que marcou as regras sociais.

O fútbol esta hoxe nas mans de xentes con unha visión economicista, financeira dos feitos sociais.

No noso Estado, por exemplo, os casos de directivos, dirixentes e propietarios de clubs relacionado co“ladrillo” son dinos de estudio. No contexto global unha parte importante dos clubs pasaron as mans ben de magnates rusos ou árabes, ben o poder dos fondos de inversión. Se a isto sumámoslle os intereses das grandes corporacións propietarias dos medios de comunicación, que as veces coinciden cos grupos propietarios dos clubs, podémonos facer unha idea da magnitude dos intereses económicos en xogo. A estes intereses no so alleos os propios xogadores por exemplo atraveso das súa conexión cas empresas de material deportivo vía publicidade.

Desta ecuación someramente enunciada están excluídos os espectadores, o único papel que estalle reservado as clases populares. O proceso de alienación destas respecto o fútbol resulta moi semellante o descrito por Marx en relación co traballo. Unha das realidades deste proceso de alienación é o escaso papel que teñen hoxe por hoxe os espectadores en relación cos horarios dos partidos, determinados pola coincidencia de interese entre os clubs e as cadeas de televisión.

Pódese dicir sen exaxerar que tal como esta plantexado o negocio futbolístico este podería prescindir dos espectadores en directo, da xente que vai os estadios. Os ingresos pola venta das entradas, incluíndo os dos socios e/ou abonados representan unha parte cada vez menos importante dos ingresos por todos os conceptos.

Non é de estrañar polo tanto que de cando en cando álcense voces desde mesmo o entorno do fútbol, voces que veñen a evidenciar a realidade que aquí mantemos. A derradeira destas é a de Angel Cappa, adestrador arxentino afincado en España que ven de declarar que “o neoliberalismo quitoulle o fútbol a xente e deullo o negocio”, para engadir máis adiante na mesma entrevista, “o negocio esta a facer co fútbol o mesmo que co resto de traballadores”.

Porque esta é a realidade: os novos amos do fútbol están en interesados nos negocios. Como deportes, acostuman a preferir, segundo mostran os medios de comunicación a caza, igualiño que o noso monarca, o golf, e os coches deportivos de alta gama (si, xa sei que non é un deporte).
Definitivamente, os financeiros xogan o pádel. O balón de regulamento é cousa da plebe.


Xaime Rodríguez Rodríguez
Comentarios (0) - Categoría: Notas desde o meu Smartphone, de Xaime Rodríguez - Publicado o 17-01-2014 12:07
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Correo electrónico: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal