A. C. Irmáns Suárez Picallo - Sada


Este blogue nace co obxecto de difundir a actividade da A. C. Irmáns Suárez Picallo, así como de recuperar e por a disposición do público diversos materiais de interese sobre o noso pasado,ao tempo que damos a coñecer os artigos escritos por Ramón Suárez Picallo e outros autores sadenses.
Estruturamos o blogue en varias seccións, nas que terán cabida noticias de actualidade sobre as nosas actuacións, artigos, textos históricos, fotografías...


Visitas (desde o 05/08/2010)





Únete a nós!
comisionsuarezpicallo@gmail.com
 CATEGORÍAS
 GALERÍAS FOTOGRÁFICAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGUES GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

CIVILIZACION
Hai case que 60.000 anos o homo sapiens iniciou unha viaxe que o ía a levar desde o Gran Rift Valley en Etiopia deica a Terra de Fogo ala por Chile na punta mais meridional de América do Sur, onde os nosos ancestros despois de percorrer tres continentes atoparon a última fronteira continental.

Foi precisamente alí, no Gran Rift Valley, (unha gran fractura xeolóxica de aproximadamente 4.830 quilómetros de lonxitude, que abarca desde Yibuti a Mozanbique, na dirección norte-sur), onde a ruptura do continente africano que é o gran val, explica a sequidade do este do continente en relación co oeste, e o xurdimento da sabana que o tempo propiciou que os simios arboricoras baixaran a terra dando deste xeito orixe os homínidos.

Cando aqueles primitivos ancestros nosos, os homo sapiens, apenas uns centenares, abandonaron o continente orixinal non só para dirixirse os con fins de Américas e non ademais o corazón de Europa do propio continente africano e de Oceanía, deron forma as nosas calidades máis prezadas, desde a linguaxe complexa deica o xenio para a innovación tecnolóxica, ocupando no, insignificante en termos xeolóxicos, espazo de 2.500 xeracións toda a terra habitable, incluíndo o seus últimos currunchos.

Non é exaxerado dicir que estes primeiros nómades, na súa primixenia gran viaxe deron forma a meta común para toda humanidade: o proceso civilizatorio. Podemos seguir a súas pegadas a traveso das fitas que foron deixando na súa longa viaxe. Cos rexistros fósiles atopados e coa axuda dunha nova disciplina a “xenografia”, que analiza o ADN das poboacións vivas para así ver as mutacións útiles para seguir as antigas grandes diásporas, nos é dado seguir a suas pegadas que nos levan primeiro o Oriente Próximo, de alí atraveso de Asia a Xina, despois Siberia, a Alaska, pola ponte terrestre existente hai uns 12.000 anos en Shishmaref e finalmente o extremo sur do continente americano, a chilena Terra de Fogo.

Podemos dicir entón que estas terras africanas son o berce da humanidade. Os que iniciaron a gran viaxe crearon no seu percorrido a pluraridade étnica dos nosos días. O final, ao traveso de milleiros de anos, desta andaina atopábase o logro humano máis prezado: a Civilización.

Hoxe, estas mesmas terras que viron os primeiros desprazamentos na procura de horizontes máis ambiciosos para toda a Humanidade son testemuñas dunha nova diáspora, no momento histórico no que se producen os movementos migratorios máis importantes, dunha nova viaxe sempre o Norte, na procura dos países occidentais, paradigma do proceso civilizatorio triunfante.

Os novos camiñantes na procura do seu futuro, desde os países do profundo Subsahara deixando as súas pegadas atraveso das sendas trazadas polos nosos comúns ancestros, quizais as marcas humanas máis antigas do mundo, son os famentos, os pobres, as vítimas dun clima hostil, os fuxitivos das guerras (dos “conflitos de baixa intensidade” na linguaxe xornalística/ diplomática) que desangan o continente.

O final do camiño, aqueles que conseguen remátalo e non morren de fame, sede ou rematan nas mans das policías dos países da península Arábiga (segundo a ONU polo menos 100.000 deles intentan crúzala cada ano) vanse atopar co que se supón a versión máis avanzada da Civilización, aquela meta conquistada polos primeiros camiñantes da nosa humana estirpe común.

Comprobaran nas súas propias carnes que os homes civilizados son capaces de facerlle os seus conxéneres cousas que se supoñían anteriores e propias das épocas primitivas. Iso si dándolle un sesgo retórico que non estaba o alcance dos homínidos. Deste xeito, comprenderán, porque así o di o home civilizado, que os CIE (Centros de Internamento de Extranxeiros) non son como semellan cárceres con outro nome, senón “residencias temporais preparatorias para súa futura reubicación” . Tamén entenderán que as “concertinas” que coroan os valados que os separan do paraíso non son (como podían selo tendo nome de doce instrumento musical) armas brancas que poden producir feridas graves senón “elementos pasivos de disuasión”.

Van comprender deste xeito que a longa viaxe emprendida desde a súas terras polos nosos ancestros comúns inda non terminou. Que a viaxe ten que continuar na procura da Civilización.


Xaime Rodríguez Rodríguez
Comentarios (0) - Categoría: Notas desde o meu Smartphone, de Xaime Rodríguez - Publicado o 12-01-2014 00:37
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Correo electrónico: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal