A. C. Irmáns Suárez Picallo - Sada


Este blogue nace co obxecto de difundir a actividade da A. C. Irmáns Suárez Picallo, así como de recuperar e por a disposición do público diversos materiais de interese sobre o noso pasado,ao tempo que damos a coñecer os artigos escritos por Ramón Suárez Picallo e outros autores sadenses.
Estruturamos o blogue en varias seccións, nas que terán cabida noticias de actualidade sobre as nosas actuacións, artigos, textos históricos, fotografías...


Visitas (desde o 05/08/2010)





Únete a nós!
comisionsuarezpicallo@gmail.com
 CATEGORÍAS
 GALERÍAS FOTOGRÁFICAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGUES GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

UN MITO DO NOSO TEMPO
Vai xa para cincuenta anos, concretamente o día 22 deste mes cumpriranse exactamente os cincuenta. Ese día do ano 1963 era asasinado por (ao menos) un francotirador o que foi o trixésimo quinto presidente dos EE.UU John F. Kennedy. O impacto da súa morte deixouse sentir durante moito tempo, quizais durante xeracións dentro e fora da nación máis poderosa do mundo. Dalgún xeito decisivo contribuíu a mitificación do personaxe máis aló da súa realidade.

O misterio que inda hoxe rodea o seu asasinato, e o do único detido polo crime, Lee Harvey Oswald, un “misterio americano” en si mesmo, como resaltou o escritor Norman Mailer, e o tratamento tanto mediático como libresco que se lle otorgou ía fornecer o mito na súa dimensión planetaria.

Hoxe en día sábese que todas as decisións tomadas encol do asasinato foron máis que cuestionables. Comezando pola viaxe mesma, que semella fíxose condicionada polos enquéritos que lle daban o 38% fronte o 54% o seu contrincante republicano, Barry Goldwater, nas eleccións que se estaban por facer. Foi esa necesidade de votos o que o levou a un Estado hostil (o presidente díxolle a Jacqueline xusto antes de partir para Dallas, “imos hoxe a unha terra de tolos. Pero Jackie, se alguén quere disparar dende unha ventá cun rifle, ninguén pode páralo. Así que, para que preocuparnos?”).

As medidas de protección tampouco foron as máis axeitadas. Por exemplo, a limusina ¡descapotable! tiña que coller unha curva antes xusto de enfilar Elm Street, rúa que pasaba diante do edificio do almacén do depósito de libros escolares, onde suponse saíron os tiros fatais, aminorando a súa velocidade, converténdose dese xeito nun branco máis doado para un francotirador experto.

No referente a investigación, a da Comisión Warren (chamada así polo seu presidente que asemade o era do Tribunal Supremo) chegou a conclusión de que a autoría do magnicidio foi responsabilidade dun so home: Lee Harvey Oswald. Posteriormente, o Comité de Asasinatos do Senado, en 1979 (amén de sinalar a falta de rigor das investigacións do asasinato, cuestionando o traballo realizado polo FBI, dirixido por Edgar Hoover, cuxas diferenzas cos irmáns Kennedy eran ben coñecidas), mantivo no seu informe que foi resultado dunha conspiración. Inda por enriba, para rematar a mitificación mediática, os momentos previos o atentado, o do impacto mortal e os posteriores, en total 26 segundos, foron filmados en 8mm. por Abraham Zapruder nun documento histórico, que o tempo é o filme doméstico máis visto da historia.

Todo, xunto o “glamour” da súa muller Jacqueline, xogaba a favor da súa conversión en icona mediática. Os seus discursos, en realidade escritos polo seu “speakwritter”, Ted Sorensen, o pai da súa retórica política (o propio Kennedy dixo del que era o seu “banco de sangue intelectual”), entre eles o famoso do 20 de Xaneiro de 1961 (o de “non vos preguntedes o que os voso país pode facer por vós. Preguntádevos o que podedes facer vós polo voso país”), contribuíron a forxar a imaxe de político idealista, un campión do liberalismo progresista capaz de rachar cas estreitezas burocráticas dos seus antecesores e iniciar unha nova forma de facer política.

O paso do tempo, e o acceso a documentación deica fai pouco clasificada, ía descubrir o envés da trama. Tratábase en realidade, dun político pragmático, cínico en ocasións, e profundamente conservador, inda que isto non ía impedir que fora branco dos ataques da extrema dereita que lle achacou ser brando co comunismo. Inzado a presidencia pola maquinaria político/electoral do seu clan familiar, gañou as eleccións por unha estreita marxe (e inda existen dubidas sobre a limpeza do proceso nalgúns estados) contra un candidato, Richard M. Nixon, vicepresidente oito anos con Einsenhower, coñecido como “tricky Dicky”, ou sexa “Ricardiño o trampulleiro”, gris e que ademais non dominaba un medio como a televisión (na que se celebrou un debate entre candidatos, no que saíu suoroso e grisáceo fronte a brillantez de Kennedy ), que dende entón ía ter un peso importante nos resultados electorais.

Máis interesado na política exterior (“a quen lle interesa iso do salario mínimo?” dixo o tempo da súa toma de posesión), tivo o mérito de rachar ca política de confrontación directa ca URRSS do seu antecesor, que puxera a humanidade a piques do holocausto nuclear. Inda así, meteuse en aventuras como o desembarco en Bahía Cochinos, Cuba, mal aconsellado pola xunta de xefes de Defensa, os cubanos anticastristas e a CIA, no seu descargo hai que dicir que era un plan herdanza da administración Einsenhower.

Do mesmo xeito, convencido da “teoría do domino” (a caída do Vietnan seguiríalle a do resto de países do sueste asiático) foi incapaz de analizar a importancia e a autonomía da guerrilla comunista, do FLN, estaba convencido que dependía do apoio do norte, no sur vietnamita, nin se decatou da debilidade do goberno, inda que autorizou o golpe de estado contra Diem, e o exército, do sur, o que o levou a unha escalada militar, de efectivos humanos (“asesores”) e materiais, e a intervención, apoiando unha guerrilla e con bombardeos masivos, en Laos, como forma de evitar unha retirada deshonrosa e a caída do goberno monicreque do sur. Ademais tivo que facer fronte a “crise dos mísiles” quizais a oportunidade na que, a pesares da súa intención de minorar os enfrontamentos ca URSS, a confrontación nuclear estivo máis próxima.

Tampouco na súa faciana menos oficial, máis persoal, lonxe da imaxe de moderno Camelot, ca que, tomando como referencia o reinado do lendario Rei Artur, describiu a súa esposa Jacqueline a súa presidencia, a realidade foi como se pretendía, agochando aqueles aspectos máis pouco favorecedores. Dende os tres anos, padecía de doenzas que ían necesitar de un importante numero de medicamentos, posiblemente nalgúns momentos chegara a inxerir dez o día, que foron minando a súa saúde.

Este feito foi ocultado a opinión pública, porque o seu coñecemento faríao inelixíbel. Asemade, as súas relacións co crime organizado (que a maioría dos biógrafos atribúen xa o seu pai, Joseph Kennedy o fundador da dinastía, de quen din que se enriqueceu co contrabando de alcohol durante a Lei Seca) quedaron documentadas a traveso dos informes reunidos por Edgar Hoover, o sempiterno director do FBI, do que se di se valeu destes para evitar a súa destitución. Non o ía a favorecer a súa azarosa vida sexual, que o levaría, por exemplo, a ter unha relación con Judith Campbell, o tempo amiga íntima de Sam Giancana, un “capo” da Mafia. Esta muller ía recoñecer, pouco antes da súa morte, que serviu de correo entre os dous homes respecto a un asunto moi delicado: os plans conxuntos para eliminar a Fidel Castro.

Hoxe, no cincuenta cabodano do seu pasamento, o mito parece semellar esmorecerse. Ao menos entre os historiadores. O conxunto da documentación e dos feitos coñecidos dende a súa morte convidan a unha revisión crítica da súa figura e obra. As veces os mitos, utilizados por aqueles que queren fornecer unha visión interesada, de parte, da historia, non resisten a confrontación ca realidade. Como ben saben os mozos seguidores de Crepúsculo, tampouco os vampiros lles favorece a luz do día.


Xaime Rodríguez Rodríguez
Comentarios (0) - Categoría: Notas desde o meu Smartphone, de Xaime Rodríguez - Publicado o 21-11-2013 10:45
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Correo electrónico: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal