A. C. Irmáns Suárez Picallo - Sada


Este blogue nace co obxecto de difundir a actividade da A. C. Irmáns Suárez Picallo, así como de recuperar e por a disposición do público diversos materiais de interese sobre o noso pasado,ao tempo que damos a coñecer os artigos escritos por Ramón Suárez Picallo e outros autores sadenses.
Estruturamos o blogue en varias seccións, nas que terán cabida noticias de actualidade sobre as nosas actuacións, artigos, textos históricos, fotografías...


Visitas (desde o 05/08/2010)





Únete a nós!
comisionsuarezpicallo@gmail.com
 CATEGORÍAS
 GALERÍAS FOTOGRÁFICAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGUES GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

ROSALÍA EN NÓS, FILLOS DA EMIGRACIÓN, POR EDMUNDO MOURE

O pasado luns, 15 de xullo de 2013,no mesón Nerudiano en Santiago de Chile, a cento dezaoito anos da morte de Rosalía, Eduardo Peralta organizou un singular encontro, baixo o lema “Un canto a Galicia”, coa participación do cantautor chileno José María Herreros, quen viviu oito anos en Galicia, especializándose en temas da troba galaico-portuguesa. Tamén estiveron no escenario o trobador francés Daniel Fernández, o mozo músico e gaiteiro, José María Moure, e este escriba, que recitou dous dos Seis Poemas Galegos de Federico García Lorca, referíndose así mesmo á vida e obra de Rosalía e á súa propia experiencia en torno á poeta universal galega. Eduardo Peralta ofreceu aos presentes unha serie de poemas rosalianos a través do seu canto e a súa guitarra de eximio trobador. Edmundo Moure Rojas escribiu o que segue...



“Rosalía estaba en nos, os afastados.
Sen querer falar do doble fío da saudade,
soio diremos que a saudade é
a dinámica da emigración,”
Eliseo Alonso


Disto hai xa dezaoito anos. En abril de 1985 recibín por correo un convite para participar no Congreso Rosalía de Castro e ou seu Tempo, convocado en Santiago de Compostela, a partir do 15 de xullo dese ano, en conmemoración do centenario do pasamento de Rosalía, acaecido en 1885, na súa casa de Padrón, localidade de A Matanza, en cuxos ámbitos se sitúa hoxe o Museo que honra a súa memoria.

Dous anos antes desa data, en maio de 1983, viaxei por primeira vez a Galicia e coñecín o casal da Touza, parroquia de Santa María de Vilaquinte, Lugo, onde veu ao mundo o meu proxenitor, Cándido Moure Rodríguez, quen emigrara á Arxentina, en 1924, cos seus pais e os seus seis irmáns. Visitei logo a morada de Rosalía e tiven como xentil anfitrioa á actriz Maruja Villanueva, daquela directora da Casa Museo.

A instancias do doutor Agustín Sixto Seco, un dos destacados promotores do congreso rosaliano, enviei un texto como relatorio, “Rosalía e a nostalxia do paraíso”, que expuxen nunha das aulas da Universidade de Santiago de Compostela, e que hoxe é parte das Actas do devandito congreso. Para min, aquilo foi como a verificación formal dese antigo amor, tanto pola obra poética de Rosalía de Castro coma pola súa figura nimbada de misterio, que xerminara en min ao cumprir os sete anos de idade, cando o meu pai me ensinou a recitar os seus poemas máis coñecidos, comezando por “Adeus ríos, adeus fontes”, que eu declamaba en honor da miña avoa Elena, na súa onomástica do 18 de agosto.

Escoitabamos a lingua galega nos ámbitos de Chacra El Olivo, en Santiago del Nuevo Extremo, de boca da avoa, das miñas tres tías galegas e do meu pai. Os seus dous irmáns varóns preferían o castelán e, como a maioría dos galegos residentes en Chile, esquecían a lingua vernácula, en curiosa e patética mestura de menoscabo cultural do propio acervo e de aquiescencia coa política “españolizadora” e obstinada que o franquismo propugnou, dentro e fóra desa España subxugada, como única vía posible para expresar “o español”; cultura entendida como “charanga, cuplé, toureo e pandeireta”, que continúa practicándose, en moitos dos centros hispanos de América, resaibo dun colonialismo anello e murcho que é parte da desmemoria colectiva e da negación endémica dunha riqueza cultural que radica na diversidade creadora dos pobos que habitan, dende hai milenios, a Península Ibérica, posuidores dun idioma e dunha identidade nacional propios.

Tal como o meu pai pugnaba por revivir aqueles fíos condutores e os referentes existenciais co seu afastado mundo galego, que se abrían na doce prosodia da súa lingua campesiña e mariñeira, a música, o canto e a poesía constituíron pontes de unión e contacto permanentes con esa marabillosa cultura que foinos revelada a través dos sinxelos ritos da mesa e da festa, da comensalía participativa, da literatura e da música, como pan necesario para articular unha vida máis plena de anhelos e de sentido orixinario.

Durante séculos, dende as bisbarras de Occitania, nas faldras do norte dos Pirineos, a través do Camiño de Santiago, as voces dos trobadores francos transmitiron a poesía que cantaban, en pazos, vilas e aldeas, polas rutas setentrionais da Península que desembocaban en Campus Stellae, o Campo das Estrelas, Santiago de Compostela. Nace así a troba galaico-portuguesa, con cantores ilustres e inesquecibles, na rica tradición que vai dende o século XII ata os albores do século XV, expresada por medio das cantigas, nas súas tres vertentes ou modos: De Amor, De Amigo e De Escarnio ou Maldecir.

Máis que simples entretementos da nobreza palaciana, ou solaz de fidalgos, viláns e campesiños, as cantigas constituíron canle viva da cultura do seu tempo, a través de cuxas vías os seres humanos daban a coñecer a súa cosmogonía, a súa visión do mundo e dos seus semellantes, os seus anhelos e inquietudes sociais, as súas esperanzas de encontrar algún día o paxaro azul da felicidade.

A poesía, que era sempre cantada, en inseparable simbiose coa música, provía dun medio dinámico e vario para expresarse e entenderse, dentro das estreitas marxes de liberdade dun tempo en que a teocracia feudal constrinxía, vixiaba e castigaba aos transgresores (pecadores) con miras a conducilos cara á única salvación posible e necesaria: a escatolóxica, mentres os poderosos gozaban ás súas anchas dos bens deste mundo e aseguraban, coa cruz e a espada, as prerrogativas do outro. Pero os códigos da arte son capaces de eludir a pouta do poder establecido, a través dunha linguaxe de símbolos e alegorías, onde o humor adoita transformarse en arma eficaz e comprensible para os desherdados, facendo realidade o vello refrán: “Debaixo do meu manto ao Rei mato”.

O trobador, o xograr, o poeta, encarnarán a irreverencia, a burla posible e oportuna, para acceder á catarse social da festa e da praza, da colleita e do beneficio laboral, como recompensas da suor nos oficios, onde está permitido mofarse dos poderes e dar renda solta aos desexos da humana condición, mediante as formas do sentimento, a alegría, a cólera, o humor, a traxedia e o pracer. Hai creadores que permanecen, cuxos antigos versos aínda se cantan hoxe, como Paio Soares, Don Denís, Airas Nunes, Mendinho e Martín Códax…

O seu testemuño, como nunha carreira de postas que atravesa os séculos, pasa de man en man e de boca en boca, ata hoxe, en que modernos cantautores replican e renovan a troba intemporal, porque se as redes da Historia parecen interromperse, en infaustas ocasións, baixo as tesoiras interesadas do esquecemento, a arte universal mantén os seus fíos misteriosos, o lume de todos os lumes. Dese lume, onde latexa a voz estética da tribo, Rosalía, como a nosa Violeta e outros xenios da poesía universal, recolle testemuños, cantos e ditos populares, para recrealos na súa obra.

En Chile contamos con Eduardo Peralta, herdeiro pertinaz e entusiasta daquela tradición secular. Discípulo de Georges Brassens e émulo distintivo na interpretación musical da mellor poesía chilena e hispanoamericana, Eduardo Peralta percorreu diversos escenarios do noso continente e de Europa, levando aquelas voces na súa guitarra transeúnte; así mesmo, as súas propias composicións, nas que combina o humor, a ironía e a crítica ideolóxica con acertados compoñentes líricos e un notable dominio da linguaxe. Recordamos que no ano 2004 cantou, xunto a Amancio Prada, no Centro Cultural de España, da capital de Chile.

No Mesón Nerudiano, taberna situada no centro bohemio do noso Santiago del Último Reino, Eduardo completou xa quince anos dos seus “Luns Brasensianos”, de xeito ininterrompido, en sucesivas convocatorias onde entrega o mellor do seu quefacer musical, á vez que invita compañeiros na arte para que acheguen e compartan o seu canto ante un público participativo e alerta.

Para o luns, 15 de xullo de 2013, a cento dezaoito anos da morte de Rosalía, Eduardo Peralta organizou un singular encontro, baixo o lema “Un canto a Galicia”, coa participación do cantautor chileno José María Herreros, quen viviu oito anos en Galicia, especializándose en temas da troba galaico-portuguesa. Tamén estiveron no escenario o trobador francés Daniel Fernández, o mozo músico e gaiteiro, José María Moure, e este escriba, que recitou dous dos Seis Poemas Galegos de Federico García Lorca, referíndose así mesmo á vida e obra de Rosalía e á súa propia experiencia en torno á poeta universal galega. Eduardo Peralta ofreceu aos presentes unha serie de poemas rosalianos a través do seu canto e a súa guitarra de eximio trobador.

Ao outro lado do mar, na fría noite do inverno do Sur, escoitaremos a perenne exhortación de Federico:

Érguete Rosalía, que xa cantan os galos do día!
Érguete, miña amada, porque o vento muxe coma unha vaca…!

Rosalía vive en nós, fillos da emigración, para sempre.
Comentarios (0) - Categoría: Colaboración de Edmundo Moure Rojas - Publicado o 23-07-2013 12:40
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Correo electrónico: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal