A. C. Irmáns Suárez Picallo - Sada


Este blogue nace co obxecto de difundir a actividade da A. C. Irmáns Suárez Picallo, así como de recuperar e por a disposición do público diversos materiais de interese sobre o noso pasado,ao tempo que damos a coñecer os artigos escritos por Ramón Suárez Picallo e outros autores sadenses.
Estruturamos o blogue en varias seccións, nas que terán cabida noticias de actualidade sobre as nosas actuacións, artigos, textos históricos, fotografías...


Visitas (desde o 05/08/2010)





Únete a nós!
comisionsuarezpicallo@gmail.com
 CATEGORÍAS
 GALERÍAS FOTOGRÁFICAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGUES GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

LUGRÍS EN SADA. 150 ANIVERSARIO (III)
Tres momentos da homenaxe a Lugrís en Sada no ano 1930. Cedidas por M. Lugrís e F. Varela
Homenaxes na Sada natal

Xa na súa madurez, a partires dos anos 20, Lugrís Freire recibiría a homenaxe dos seus paisanos en diferentes ocasións e de distintos xeitos. No ano 1924 era nomeado pola Corporación Municipal fillo predilecto de Sada. Pouco despois, no 1927, o Concello decide dedicarlle unha rúa "con motivo del éxito clamoroso alcanzado por su reciente libro titulado 'Ardencias' en el que se dedican poemas a Sada, a Fontán, a la Fragachán, a Morazón, al Cementerio de Ouces y a la incomparable Playa de Gandarío" (El Correo de Galicia, 03/07/1927). A dedicatoria da rúa ficaría entón adiada, mais seríalle tributada unha homenaxe no Salón Moderno, organizada pola sociedade Sada y sus Contornos de Nova York (El Sol, 28/08/1927). Tres anos máis tarde, a Corporación aprobaba unha moción presentada polo alcalde Ángel López Vidal, amigo da infancia de Lugrís, pola cal se lle poría o seu nome a ata entón rúa Dolores.

Pero, sen dúbida, a homenaxe máis sentida e multitudinaria sería a tributada pola sociedade Sada y sus Contornos e polo Concello o día 13 de xullo de 1930. Nesa xornada inauguraríase unha placa na fachada da súa casa natal -hoxe na parede da capela de San Roque- e celebraríase un banquete en La Terraza na súa honra. O xornalista Manuel L. Freire-Calvelo anunciaba os actos con efusividade:

Lugrís Freire va a ver como su pueblo natal lo glorifica y lo vitorea el próximo domingo; va a ver como en él reconoce a uno de sus pocos hijos que llegaron al éxito [...].
Brindemos todos "os bos e xenerosos" hijos de Sada por el hombre inteligente, laborioso, batallador, por una santa causa: ¡la causa de la Galicia irredenta!, que supo conquistar un nombre para su pueblo natal y para Galicia en general.
Felicitémonos que en Sada reinen estas corrientes de afecto y simpatía que tanto dicen en favor del pueblo de nuestros quereres
(La Voz de Galicia, 10/07/1930).

No transcurso da homenaxe, logo do banquete, Lugrís faría uso da palabra para pronunciar un discurso que era todo un canto de amor a súa terra nativa. Así o recollía a crónica xornalística do momento:

Por último, se levantó el señor Lugrís Freire, quien leyó primero unas cuartillas recordando sus tiempos de emigrante; la casa donde vivió y sus horas de la infancia, con los viejos amigos, que no olvidará nunca. Entre ellos se cuenta el señor López Vidal.
[…] Leyó seguidamente unos versos describiendo Sada y sus contornos con sus viejos lares y las pintorescas campiñas.
"Señores, soy tan gallego que aún creo en la Santa Compaña. Estoy seguro de que cuando me muera apareceré junto a vosotros por el alto de Meirás, en una noche oscura. Y vendré, no para asustaros, sino para visitar esa grande obra que vosotros, queridos paisanos míos, habéis hecho con vuestro sudor, y que son las escuelas de Sada. Y seguiré hasta Fontán, para admirar desde allí esta meiga villa que me vio nacer y que al verme viejo me rinde este homenaje".
El señor Lugrís cerró su discurso rogando a los gallegos que levanten su coraje para no ver la explotación de cuantos se creen dueños del cielo y de la tierra.
Y por último -añadió- la libertad sea con nosotros y nos acompañe en la hora de nuestra muerte
(El Orzán, 15/07/1930).



O esquecemento

Apenas dez anos despois daquela homenaxe efusiva do pobo de Sada ao seu paisano, Manuel Lugrís vivía os seus últimos días pechado no piso da rúa San Andrés da Coruña, aterrorizado polo son dos fusilamentos cada noite e profundamente deprimido por unha sublevación militar que fixera fracasar todas e cada unha das súas arelas; aquelas polas que loitara desde mozo.

Visitábao entón por derradeira vez Ramón Otero Pedrayo. Unha frase de Lugrís, pronunciada desde o leito, resumía todo o dramatismo do ocaso da súa vida: "xa nin en Sada se lembran de min!" (Otero Pedrayo, R.: O libro dos amigos, Buenos Aires, 1953).

A recuperación do seu legado escrito e o recoñecemento do seu periplo vital non se abordaría, con certo pulo, ata o ano 2006, cando a Real Academia Galega, da que fora presidente, decidía dedicarlle o Día das Letras Galegas.



Coda

Lugrís Freire probablemente non fora o mellor en nada do que fixo (tampouco o pretendía). Pero foi o primeiro. Foi o iniciador de múltiples empresas encamiñadas a recuperación da identidade diferencial de Galicia; moitas delas con continuidade ata os nosos días. E, ademais, en todas esas iniciativas verteu doses xigantescas de entusiasmo.

A súa relación coa Sada natal foi permanente e intensa, plasmando na obra literaria ese amor polas paisaxes e as xentes. Pero tamén foi unha relación de compromiso, de dedicación a causas solidarias para mellorar as condicións de vida dos mariñeiros sen porto de refuxio e do campesiñado explotado por un sistema anacrónico; para rexenerar un modelo político viciado polo caciquismo; para coadxuvar, tamén desde Sada, a recomposición da identidade cultural e política de Galicia.

Hoxe, cando teñen transcorrido 150 anos do seu nacemento, temos aínda moitas débedas que saldar con el. Comecemos por facer que retorne o espírito de Lugrís: que, nesta noite escura que vivimos, apareza de novo polo alto de Meirás e se achegue ata Sada para facer chegar a súa mensaxe entusiasta e o seu exemplo de vida, de inquedanza, de compromiso.


Manuel Pérez Lorenzo
Comentarios (0) - Categoría: Colaboración de Manuel Pérez Lorenzo - Publicado o 06-06-2013 10:58
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Correo electrónico: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal