A. C. Irmáns Suárez Picallo - Sada


Este blogue nace co obxecto de difundir a actividade da A. C. Irmáns Suárez Picallo, así como de recuperar e por a disposición do público diversos materiais de interese sobre o noso pasado,ao tempo que damos a coñecer os artigos escritos por Ramón Suárez Picallo e outros autores sadenses.
Estruturamos o blogue en varias seccións, nas que terán cabida noticias de actualidade sobre as nosas actuacións, artigos, textos históricos, fotografías...


Visitas (desde o 05/08/2010)





Únete a nós!
comisionsuarezpicallo@gmail.com
 CATEGORÍAS
 GALERÍAS FOTOGRÁFICAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGUES GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

PREGÓN DAS FESTAS DE SAN ROQUE 2012 EN BETANZOS
O pregoeiro das festas de Betanzos deste ano foi o noso amigo e colaborador na revista AREAL Xesús Torres Regueiro.
Torres Regueiro é mestre e escritor e coordina a revista cultural "A Xanela", editada pola Asociación Cultural Eira Vella. Foi colaborador habitual do xonral semanal A Nosa Terra. No Anuario Brigantino ten diversos artigos, monografías e traballos sobre personaxes da localidade e da historia de Betanzos. Recentemente, en colaboración con Xosé Antón García González presentou un moi interesante libro sobre as fontes de Betanzos.
Rematadas as festas, tivemos ocasión de coñecer o contido do pregón que, polo seu interese, reproducimos con agarimo.

Na foto de La Opinión Xesús Torres acompaña a raína das festas Mª Jesús Fernández Martí.


PREGÓN DAS FESTAS DE SAN ROQUE 2012


Por Xesús Torres Regueiro

Exmo. Sr. Alcalde, autoridades, concelleiras e concelleiros, raíña das festas, conveciñas e conveciños, persoas que nos visitades, cidadáns todos:

É para min, como fillo e veciño desta cidade unha grande honra que as súas autoridades me teñan nomeado pregoeiro das festas patronais deste ano. Moitas grazas.

Betanzos,
señora do medioevo
raíña esplendorosa das Mariñas
nai amante
terriña meiga de Brigo
...
todo iso e máis na voz dos poetas, estou aquí para dicirche e para dicirlle ao mundo que estás hoxe de festa maior.

Como desexaba o poeta Manuel María na súa “Canción de amor a Betanzos”, así desexa este humilde pregoeiro mesturarse na túa esencia viva:
Quero, Betanzos, collerche o pulso docemente
E que a tua vida me entre a gallope polo sangue
Para deixar en ti a fleve frol do meu vivir.

Os que abrimos os nosos ollos asombrados á luz da vida baixo as cores e paisaxes sen igual das Mariñas levámolas impregnadas de por vida nas nosas retinas. E cando estamos lonxe non podemos evitar sentir unha inexplicábel sensación de saudade. Por iso entendemos o sentimento dos nosos emigrantes, agravado cando chegan estas datas. Emigración que volve a estar de triste actualidade para a xuventude mellor formada da nosa historia, que ten que percurar traballo e subsistencia lonxe destas terras e deste ceo. Vaia a nosa lembranza, pois, para todos aqueles que quixeran e non poden estar connosco nestas datas festivas.

Se como dixo o poeta Rilke, “a patria do home é a infancia”, que é como dicir o lugar onde se criou, sen dúbida é tamén cos ollos da infancia cando se viven e senten as festas dun xeito máis lúdico e máis puro, como xa endexamais as voltaremos ver e sentir. E a esa ollada infantil acodirá a nosa memoria sempre que intentemos rememorar.

O neno que eu era espertaba de mañá coas alboradas do Cafú ou outros gaiteiros mariñáns, dignos sucesores daquel lexendario gaiteiro Rilo. Logo saía ás rúas na percura das danzas gremiais que os meus ollos miraban abraiados, seguindo o punteado dos pasos, o rítmico movemento do conxunto e o simulacro de enfrontamento entre guía e contraguía. Pese ás orixes labregas dos meus, máis que da danza de espadas dos labradores gostaba eu da de arcos dos mariñeiros, aos que vía no meu barrio da Ribeira a ensaiar á tardiña baixa, vestidos de diario, logo de voltaren do traballo.

Na miña infancia fun criado no amor a Betanzos e dende neno se me ensinou a apreciar a súa beleza e tradicións, os seus monumentos e a súa mítica historia. Ese orgullo san e positivo debemos inculcalo e transmitilo ás novas xeracións. Dende o balcón desta casa común –casa de todos nós–, que señorea a croa deste Castro de Untia, ollamos un conxunto arquitectónico único que se pecha á nosa dereita coa que foi Casa e Banca Núñez, as arcadas do pazo de Bendaña, a igrexa de Santiago e a torre municipal, como símbolo de distintos poderes: o da burguesía comercial, o nobiliario, o eclesial e o veciñal, que sempre ciumoso do seu colocou o seu brasón nesa torre do reloxo que durante séculos marcou as horas e o devir cidadán, ordenou colleitas, sinalou os tempos festivos e avisou de incendios como os terríbeis sofridos en 1569 e 1616.

Un conxunto que preside esta casa consistorial, do mesmo tempo que o palacio erguido para o frustrado Arquivo do Reino, coroado polo escudo de Galicia, a lembrarnos que fomos un Reino, frustrado tamén. Unha casa do concello que non era só sede do poder municipal senón tamén da xurisdición e da antiga provincia da que Betanzos foi cabeza cando foron cinco e cando foron sete as provincias do Reino.

Mais aquí, ao noso carón, hai edificios que están en grave perigo de desaparecer, e con eles, unha boa parte da nosa historia medieval. Falo desa Torre de Lanzós, tan desvalida, veciña e fronteira da parroquial de Santiago, que nos fai lembrar a figura simpática de Alonso de Lanzós, o coudel dos irmandiños. E falo da “desmontada” casa dos Vilousaz, nesa rúa da Cerca que xa perdeu algunha casa brasonada que nunca se debeu perder. Falo, en fin, de todo ese conxunto de casas balconadas, de galerías, de xanelas, de pousadoiros no baixo dos obradoiros artesáns, que conformaron unha urbe única e que hoxe ameazan ruína inminente degradando a súa contorna. Velemos e traballemos para que iso non ocorra.

E para entrar e saír deste cinto, e tamén para decatarmonos de que temos unha muralla medieval solapada entre as casas, cruzamos eses tres arcos: o da Ponte Nova, o do Cristo da Ribeira e o da Ponte Vella, sabendo que non hai outra cidade galega que conserve tres portas medievais e nostálxicos pola perdida Porta da Vila, onde se asentaban os escudos (que por sorte conserváronse) da coroa de Castela, de Galicia e de Betanzos a indicar que esta era unha vila de reguengo e non de ningún señor feudal, cidade dende 1465 por privilexio de Henrique IV.

Ao pé do vello castro de Untia xúntanse Mendo e Mandeo que cinguen a cidade nun húmido abrazo que se afrouxa ou aperta co devalo e abalo das marés. Son as arterias polas que circula o líquido precioso que dá vida a estas terras mariñás. Temos a obriga permanente de coidalos e mimalos, protexelos de todas as agresións. O Mendo humilde e o festeiro Mandeo, o río do “longo repouso epilogal das Xunqueiras”, no dicir do mestre Otero Pedrayo, antes de entregarse á ría, que foi importante e navegábel en tempos.

Dende o adro do Azougue, logo de empaparnos ben da marabilla en pedra que conforman San Francisco e Santa María, a nosa ollada litinosa descansa no verdor do outeiro e as ladeiras de Tiobre. E xurde como unha chamada ancestral a lembrarnos que as nosas orixes, o Betanzo-lo Vello, están naquel outeiro e alí estiveron ata os comezos do século XIII.

De sempre foi louvada a paisaxe e a fartura de Betanzos e das súas Mariñas. Aló polo 1550 o licenciado Molina na súa “Descripción del Reino de Galicia” fálanos dun Betanzos en esplendor:

“Esta ciudad es de las principales del Reino, do hay gente noble y de calidad; es muy abundante de gentiles riberas con toda suerte de frutas, y bien proveído de todos mantenimientos. Es tierra de mucho vino. Entran en esta ría muchos navíos, y hay aquí el mejor alfolí de sal de todo el Reino....”

Comezando o século XVII Jerónimo del Hoyo describiu a cidade e, aínda que se atopaba pobre tras os graves incendios sofridos, destacaba o ben abastada que estaba, o moito viño e froitos que se collían. Chufaba tamén a riqueza dos ríos e toda a terra “por do pasan paresce un paraíso de flores y frutos que producen”. E xa a comezos do século XX o economista Peña Novo decía que a nosa era a terra mellor cultivada de Galicia. Todo iso fixo da nosa cidade o centro comercial das Mariñas. As nosas feiras quincenais e os mercados semanais son lembranza do trafego mercantil que dende a Idade Media se ven realizando dos produtos agrícolas e gandeiros da ricaz bisbarra mariñá.

Nas mañás de agosto véselle a dozura de vivir a Betanzos, asegurou Álvaro Cunqueiro, e nós non o imos desmentir. Para el era o betanceiro, a betanceira, “un tipo humano de excepcional consideración e calidade, produto dunha fermentación secular de gran finura”. E a beleza e gloria da muller betanceira, hoxe aquí ben representada, foi cantada por Díaz Castro que a convocou nos seus sonetos:

Ven aos meus versos como vas á feira
Cantando e rindo ao vento das Mariñas.

Conviredes comigo, pois, en que unha paisaxe e unhas xentes tan singulares tiñan que crear tamén unhas festas especiais. Admira en todo o país que unha cidade pequena como a nosa teña unha ducia de días de festas patronais. Unhas festas con dous elementos orixinais e únicos que lles dan unha personalidade propia e inconfundíbel en todo o país galego e aínda fora del: O globo de papel máis grande do mundo, que se saiba, e a romaría dos Caneiros, enxalzada por cronistas e poetas e cantada coma ninguén por Uxío Novoneyra.

Festa dionisíaca, festa case veneciana, hoxe grotescamente adulterada. Uns Caneiros que temos que rescatar da necidade ambiental, da ignorancia arroutada que imita o peor doutras celebracións alleas, da desmesura etílica provocada como finalidade per se, para voltalos a un san e lúdico equilibrio no que todas as xeracións poidamos compartir a mesma festa, o mesmo río, a mesma floresta, a mesma maxia perdida.

O globo de San Roque, herdeiro de aerostáticos segredos, perfeccionado por Claudino Pita Pandelo e continuado por fillos e netos, ascende como unha enorme flor luminosa que axiña se convirte nun punto de luz na escuridade da noite. Aínda nesta época de naves espaciais e satélites artificiais, o asombro do globo segue vivo e prende nos milleiros de persoas que o admiramos na noite máxica do dezaséis de agosto. Con el ascenden –ou quizais grazas ao impulso deles– os anceios das miles de almas que o contemplamos.

Nestes tempos é preciso voltar a romper unha lanza pola lingua, a nosa lingua que ensinou a cantar a toda a Península e que hoxe se atopa desasistida por decisións políticas e en perigo de continuidade por falla de transmisión xeracional. Nais e pais, non privedes aos vosos fillos desa riqueza. Transmitídelles a lingua galega os que a posuídes ou pedide que lla adeprendan. Cando Galiza e Betanzos foron máis importantes na historia foi cando o galego era idioma de uso xeral, como testemuñan xa non os documentos e as cantigas dos nosos troveiros, senón as inscricións na pedra que resistiron o tempo nesa alfaia de San Francisco, onde ata o sartego de Andrade “o Bó”, propio dun emperador, explícalle en galego á eternidade quen é o que alí dorme o sono de pedra.

“O povo é quem máis ordena”, díxonos en canzón aquel cantor solidario que foi o Zeca Afonso, e o pobo unido terá que reaxir axiña e sobrepoñerse ás manobras e latrocinio de banqueiros, usureiros e especuladores internacionais para salvagardar o benestar da maioría social e das xeracións vindeiras que nacerán xa hipotecadas. Para defender dereitos básicos adquiridos pola loita de varias xeracións e que hoxe están en perigo de desaparecer por mor de políticas que se revelan erradas e inxustas.

Mais fagamos unha paradiña na loita, na protesta indignada e na reivindicación necesaria. Agora é tempo de festa... e á festa quero convocar a propios e alleos cos versos daquel tamén gran pintor, Urbano Lugrís nomeado:
¡Vinde comigo, amigos, a Betanzos
dos Cabaleiros! Vinde agora, amigos,
no bó tempo do vran, en que as bandeiras
do sol máis xogorales tremecen
no glorioso azul [...]

Dende o andazo de peste do ano 1416 –imos camiño do sexto centenario– estamos os betanceiros encomendados a San Roque e témolo por padroeiro. Dende entón tivo, humilde e todo, casa de seu no Campo da Feira, ata ser desposuído dela e realoxado na igrexa dominica, casa que, anque máis grande e suntuosa, non é a súa propia. E xa antes, cedera San Roque parte do seu padroado, compartido dende hai máis de medio século coa Señora do Azougue. Mais Roque o peregrino foi santo humilde que renunciara en vida a propiedades e protagonismos e non se ía molestar por eses desmedros.

Alguén dixo que San Roque é o santo máis galego de todos. E algo de razón ten. Porque se ben o santo peregrino de Montpellier non é galego de nación, asentouse o seu culto tan ben entre nós que quizáis sexa un dos santos que máis capelas teña dedicadas por Galiza adiante. Popularidade extensiva ao animaliño que o acompaña, porque “O que a San Roquiño quer, quer ao can que ten ao pé”. Quizais por iso a copla popular di:
“Por dicir viva San Roque
Prenderon a meu irmán.
Agora que o ceibaron:
Viva San Roque e o can!”

Betanceiras e betanceiros:
Demos comezo xa ás nosas festas patronais.
Preparemos e dispoñamos o corpo e o espíritu para unha ducia de días de xolda e ruada, de gratas emocións e de expansións ledas.
Viva San Roque!
(e o can)
Viva Betanzos!
Sobre a Asociación Cultural Eira Vella
Comentarios (0) - Categoría: RSP-Pobos, cidades e lugares - Publicado o 28-08-2012 14:43
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Correo electrónico: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal