A. C. Irmáns Suárez Picallo - Sada


Este blogue nace co obxecto de difundir a actividade da A. C. Irmáns Suárez Picallo, así como de recuperar e por a disposición do público diversos materiais de interese sobre o noso pasado,ao tempo que damos a coñecer os artigos escritos por Ramón Suárez Picallo e outros autores sadenses.
Estruturamos o blogue en varias seccións, nas que terán cabida noticias de actualidade sobre as nosas actuacións, artigos, textos históricos, fotografías...


Visitas (desde o 05/08/2010)





Únete a nós!
comisionsuarezpicallo@gmail.com
 CATEGORÍAS
 GALERÍAS FOTOGRÁFICAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGUES GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

ADEUS, AVELINO

Acabamos de coñecer a nova do falecemento de Avelino Pousa Antelo. O patriarca do galeguismo déixanos aos 98 anos, logo dunha longa vida de compromiso inquebrantable con Galicia. Desde esta Asociación queremos transmitir o noso pesar a familiares e amigos.

O seu corpo estará exposto no Concello de Teo a partires das 12:00 h. de mañán (día 21) ata as 19:00 h., cando será incinerado. Non se admiten flores.

Engadimos estas palabras sobre Avelino que nos remite Edmundo Moure:

Benqueridos compañeiros todos de Sada:

Graciñas polo honor de publicar as fotos nas que estou con ese grande galego, Avelino Pousa Antelo, artellador cultural e loitador pola dignidade da Patria Galega... Patriota da Cultura, non das fanfarrias baleiras dos que marchan en prol da opresión dos desventurados.

Coñecín a Avelino co gallo do Curso de Verán de Lingua e Cultura Galega, en Santiago de Compostela, no ano 1999. Mo presentou David Otero, nunha tasca de Padrón. Cada vez que fun a nosa Galiza, procurei atopalo na Fundación Castelao, que dirixiu con entusiasmo sempre baril e xoven. Trouxen, das súas mans, as publicacións sobor de Castelao.

Avelino estará agora falando de vagar con Isaac Díaz Pardo e os outros galegos da súa xeración que nos deixaran orfos, agora que Galiza necesita de homes como Avelino para que non se apague non, o facho da nosa lingua en perigo de morrer baixo a burocracia da política bastarda e a man dos oportunistas de sempre.

Repousa en paz, caro Avelino.

Edmundo Moure
Santiago de Chile



Reproducimos ademáis o seguinte artigo de Sermos Galiza:

Adeus a Avelino Pousa Antelo, o soñador da Galiza redimida

Até os últimos días, Avelino Pousa Antelo soñou cunha Galiza redimida. Quen o coñeceu e o tratou, sabe da teima dos seus 98 anos na defensa dos valores que compartiu con Castelao ou con Ánxel Casal
De Pousa Antelo quedará sempre a lembranza do seu labor incansábel por recuperar a memoria de todos aqueles galeguistas que loitaron pola liberdade e tamén a súa rexa dignidade en manter en todo momento o seu ideario.

Presidente da Fundación Castelao, da Fundación Pedrón de Ouro e membro da Fundación Alexandre Bóveda, Avelino Pousa Antelo foi durante os seus últimos anos a presenza viva da memoria por recuperar.

Transmitía emoción e convicción nuns idearios que compartiu con Castelao, a quen lembraba de neno dando un mítin no Teatro Principal de Compostela.

O episodio, repetido un sinfin de veces, transmitía como poucos a pegada que o autor de Sempre en Galiza deixou para sempre en Pousa Antelo.

Aquel mítin marcou a súa memoria para sempre e, tempo andado, convertiríao no maior valedor da figura de Castelao, a quen dedicou o alento dos seus últimos anos desde a Fundación Castelao que preside.

Avelino Pousa Antelo mostrouse sempre fiel ao ideario de Castelao, reivindicou o papel do galeguista na nosa historia e no recoñecemento popular e institucional pero non mostrou ningunha dúbida cando dediciu rexeitar a Medalla Castelao outorgada pola Xunta de Fraga. Dicía que non podía aceptar unha medalla que devaluaba o seu nome.

Cando estaba a piques de cumprir un século de vida, Avelino Pousa Antelo pecha unha biografía ateigada de compromiso coa nosa lingua, coa nosa cultura e co noso país.

O seu corpo estará exposto desde mañá día 21 ás 12 e media no Concello de Teo até 19. horas no en que será incinerado. A familia prega que non se envíen flores e, no canto diso, se se quixer, que se faga unha doazón a APAMITE (Asociación de Pais de Minusválidos de Teo).


Incluimos ao pé o enlace para ler o artigo que Pablo Vaamonde -nado na Baña igual que Avelino- escribe no seu blogue.
Artigo en Sermos Galiza
Artigo de Pablo Vaamonde sobre LUCHO DO PETO
O último galeguista republicano
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 22-08-2012 00:10
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Correo electrónico: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal