Reproducimos hoxe este interesante artigo publicado no blogue do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES de Mosteirón (http://edelingua.blogspot.com/2011/11/horreos-no-concello-de-sada.html). Desde aquí enviamos os nosos parabéns pola iniciativa.
HÓRREOS NO CONCELLO DE SADA
O sábado 19 de novembro, Katherine, Pamela e Héctor, estudantes de 4ºPDC, xunto co seu profesor Xosé Seoane, iniciaron o traballo de campo Hórreos no concello de Sada. Nesta primeira saída localizaron os primeiros hórreos nos lugares de Samoedo, O Tarabelo, Mosteirón e Meirás. Velaquí tedes unha mostra.
HÓRREO DA CASA DOS BARBEITO
Hórreo de corpo de madeira sobre tres pares de pés graníticos, con cuberta de tella do país e sen remates. Está situado na casa dos Barbeito, no lugar de Souto Vello, parroquia de Mosteirón.
Quizais un dos máis antigos e peculiares hórreos do concello. Probablemente fora construído no século XIX (en torno ao 1810-1812). Soamente o tellado foi reformado na actualidade.
A súa peculiaridade está nos seus pés graníticos, xa que non son característicos nos hórreos mariñáns. Os pés, chantados directamente sobre o chan, teñen tornarratos en forma de disco. Accédese á súa única cámara por unha porta situada no centro dun dos seus laterais.
A casa actual dos Barbeito conserva a porta de entrada orixinal, rematada nunha sinxela cruz, e un reloxo de sol coa inscrición ?1810?. Foi posiblemente a casa grande do lugar e a que lle deu nome á parroquia, pois semella que puido ser en tempos da Inquisición española (séculos XV-XIX) un pequeno mosteiro. |