A. C. Irmáns Suárez Picallo - Sada


Este blogue nace co obxecto de difundir a actividade da A. C. Irmáns Suárez Picallo, así como de recuperar e por a disposición do público diversos materiais de interese sobre o noso pasado,ao tempo que damos a coñecer os artigos escritos por Ramón Suárez Picallo e outros autores sadenses.
Estruturamos o blogue en varias seccións, nas que terán cabida noticias de actualidade sobre as nosas actuacións, artigos, textos históricos, fotografías...


Visitas (desde o 05/08/2010)





Únete a nós!
comisionsuarezpicallo@gmail.com
 CATEGORÍAS
 GALERÍAS FOTOGRÁFICAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGUES GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

PRÓLOGO DE SUÁREZ PICALLO A UN LIBRO DE MOLINARI
CARTA QUE PODE SER PROLOGO

Meu dileito amigo i ademirado poeta:

Pídesme un prólogo pro teu fermoso Itinerario Galego, na edición bilingüe que vas pubricar—no castelán orixinal en que foi escrito e na tradución galega que lle fixo Xosé Neira Vilas—;e eu teño que che decir, como xa dixen nalgunha outra ocasión en que se me fixo igual pedido, que non sei como se fai un prólogo.
Polos libros “con prólogo” que teño lido, coido que un prólogo ven a ser algo así como a presentación dun libro e do autor que o escribíu, feito por autoridade competente e sabidente de abondo, encol das duas cousas; é decir, do libro e do autor, no orde literario, i eu, modesto xornaleiro por vocación, formación e temperamento, non teño nin sabidencia nin autoridade pra “prologarte”.
Cecáis, si poida falar de ti na miña calidade de galego leitor de libros referentes a miña Patria, ó seu esprito, o seu xeito de ser, de estar e de vivir, como ente nacional eisistente, coáseque misterioso. De proxenie italián, “xeneise”, nado e criado en Buenos Aires—unha das cidades máis cosmopolitas do mundo—viches e sentiches a Galicia con devoción conmovedora; acercácheste primeiro, as suas xentes emigradas, veciñas do teu barrio porteño, e comprendiches que algo impalpábel envolvía as inquedanzas do seu vivir e do seu morrer. Algo lonxano no tempo e no espacio que as fai ser como son. Despois percorriches os camiños de Galicia e alí atopácheste coa revelación. Alí estaba o cerne, a raíz, o hálito espritual, que ti, poeta, tiñas presentido, como fonte primixenia do ser e do estar dos galegos que xa conosceras de perto.
E iso é o que frolece no belido “Itinerario”. Un libro ledicioso para nós, polo que di de Galicia e dos seus máis delicados matices populares: pero, ademáis, especialmente notábel, polo que suxire encol da súa persoalidade dos seus doores, das suas loitas e das suas espranzas. Todo visto con ollos de poeta e con cordialidade e eistremecida de emoción humán.
Galicia foi singularmente favorecida nos testemuñas que deron dela os escritores e poetas estranxeiros que a conosceron e visitaron, entre eles moitos arxentinos ilustres. En ti, no teu libro, Galicia, máis favorecida, está grorificada.
Agora unhas verbas encol da tradución galega de Neira Vilas. Eiquí non vale o apotegma dos teus paisans: “tradutore, traditore”. Porque a tradución é de ademirábel fidelidade ó texto castelán. O meu xuicio escesivamente fidel, pois coas metáforas, pensamentos, exégesis e definicións do orixinal, o poeta que hai en Neira Vilas puído, pola sua conta, facer tamén poesía. Mais él, moi dado a esaititude matemática, limitouse a traducir soio as verbas. Eso sí, que as verbas na versión de Neira Vilas, teñen de por sí, valor estraordinario, xa que son recollidas na fonte máis crara e pura do idioma: no falar da xente aldeán cando aloumiña, cando canta e cando traballa. Algunhas desas verbas trouxéronme a lembranza, os decires de miña aboa, as historias de cegos das feiras, os refráns dos vellos sabidores e a gracia alada das cantigas. E moitas delas, orixinaes da fermosa comarca onde nasceu e se criou o tradutor, aínda non figuran en dicionarios e vocabularios, o cal quer decir que siñifican unha valiosa aportación pró arrequentamento do idioma galego escrito.
Resulta certamente maravilloso comprobar, a vista dos dous textos, como un escritor e poeta, feito literariamente nunha urbe onde se falan o se malfalan varias ducias de idiomas, pode ser vertido e entendido, con transparencia cristaíña, a unha lingua que conta con dez séculos de vida, frolecente, nus intres e proscrita e perseguida noutros, conservada durante catrocentos anos, somentes na cantiga do fogar e no traballo.
O milagre débese, sen dúbida—aparte do talento literario do autor e tradutor—a devoción, amor e reverencia, que ambos a dous sinten polo tema de que se trata: Galicia.
Eu non sei, meu querido amigo Molinari, se o que deixo escrito poida servirche ou non pra poñelo de prólogo no teu Itinerario Galego. O que che podo decir, e que xa o levo dito tres veces, e que cada vez góstame máis. O “Itinerario”, se entende, que non o prólogo ou o que sexa.
Coa estimanza de sempre, teu amigo e ademirador.

Ramón Suárez Picallo.

Buenos Aires, 4 de setembro do 1958.-

Prólogo do libro ITINERARIO GALLEGO de Víctor Luis Molinari.
Publicado en Ramón Suárez Picallo. Selección de textos en galego, Consello da Cultura Galega-Concello de Sada, 2008.
Comentarios (0) - Categoría: RSP-Persoeiros (intelectuais) - Publicado o 20-09-2011 15:35
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Correo electrónico: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal