A. C. Irmáns Suárez Picallo - Sada


Este blogue nace co obxecto de difundir a actividade da A. C. Irmáns Suárez Picallo, así como de recuperar e por a disposición do público diversos materiais de interese sobre o noso pasado,ao tempo que damos a coñecer os artigos escritos por Ramón Suárez Picallo e outros autores sadenses.
Estruturamos o blogue en varias seccións, nas que terán cabida noticias de actualidade sobre as nosas actuacións, artigos, textos históricos, fotografías...


Visitas (desde o 05/08/2010)





Únete a nós!
comisionsuarezpicallo@gmail.com
 CATEGORÍAS
 GALERÍAS FOTOGRÁFICAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGUES GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

O GOBERNO DE SADA SOLICITA A DECLARACIÓN COMO BEN DE INTERESE CULTURA (BIC) DO COMPLEXO DE CERÁMICAS DO CASTRO

A proposta aprobouse no pleno ordinario do 30 de decembro para instar á Consellería de Cultura a tramitación da declaración de BIC da fábrica Cerámicas do Castro, o Museo Carlos Maside, o Laboratorio de Formas de Galicia e o taller do intelectual D. Isaac Díaz Pardo.


Cerámicas do Castro

O complexo industrial de Cerámicas do Castro iniciou as súas actividades en 1949. Preto dun castro celta no concello de Sada levantouse a primeira fábrica da nova Sargadelos, na que se volveron a producir cerámicas feitas coas terras do norte lugués. A fábrica foi creada polo intelectual, artista e empresario galeguista, Isaac Díaz Pardo.

En 1960 construiuse una nova planta incorporando a súa producción deseños entroncados con motivos abstractos xeométricos tomados do románico e do barroco galegos ou as formas que, dalgún modo, gardan un paralelismo co simbolismo formal da arte románico.

En 1963, Cerámicas do Castro e o Laboratorio de Formas asinan un convenio para a creación do Museo Carlos Maside, Ediciós do Castro e outras institucións ideadas para traballar na recuperación da memoria histórica de Galicia.

O Múseo Carlos Maside inaugurouse en 1970 como un centro cultural vivo onde reunir parte da plástica galega contemporánea. Na súa colección permanente exhíbense obras de Francisco Lloréns, Castelao, Bonome, Laxeiro, Xulia Minguillón, Lugrís, Seoane, Francisco Asorey, Xosé Frau, Maside ou Colmeiro.

O edifio proxectado por Andrés Fernández-Albalat, componse de varios volúmenes de forma hexagonal e diferentes alturas, unidos formando un orixinal conxunto. Cada un consta dunha cubrición piramidal. Ademáis os lados de cada figura atópanse pintados de gran colorido.

O complexo do Castro non responde a un deseño preconcebido dunha soa vez. Naceron sen un orde de realización, posibilitados por esforzos e recursos, máis ben patrióticos, chegados con dificultades de todo tipo.
“O Laboratorio de Formas, nacido na Galicia emigrada como feito da vontade de dous artistas, proponse o estudo das formas desenvolvidas no pasado galego e as que aínda hoxe alentan, herdadas dese pasado, no noso presente". Así comeza o Manifesto do Laboratorio de Formas, redactado por Luís Seoane coa contribución de Isaac Díaz Pardo en 1963.

Coa creación do Laboratorio de Formas de Galicia deséñanse as liñas estructurais básicas para a recuperación da memoria históica. Así, a carón de emprendementos para producir e reproducir obxetos industriais, había que recoller para o seu estudo e divulgación obra e documentación do movemento renovar da arte galega a partir de Castelao; promocionar e espallar o estudo da historia contemporánea de Galicia; recuperar a imaxe do que fora Sargadelos onde hai 200 anos deseñarase una empresa industrial pioneira en plantetaxementos xurídicos e éticos que constituen un referente; mellorar a imaxe da información e da comunicación e realizar e apoiar todo tipo de investigación que tivera Galicia no seu horizonte.
Comentarios (0) - Categoría: Actualidade - Publicado o 04-01-2016 13:04
# Ligazón permanente a este artigo
PARABÉNS A GALLAECIA FILMES
Gallaecia Filmes, o proxecto cinematográfico do I.E.S. ISAAC DÍAZ PARDO de Sada, dirixido polo profesor Xosé Seoane, está de en hora boa. O seu documental sobre fontes e lavadeiros de Sada, na realización do cal participaron alumnas e alumnos do instituto -na foto, algúns deles-, conseguiu un premio no Festival de Cine de Ourense.
Desde aquí vaian os nosos parabéns!

--> Pode lerse a nova en La Voz de Galicia

[Fonte da imaxe: La voz de Galicia]
Comentarios (0) - Categoría: Actualidade - Publicado o 12-12-2015 19:33
# Ligazón permanente a este artigo
FALECE D. XOSÉ NEIRA VILAS
Hoxe faleceu, na súa casa de Gres, o escritor Xosé Neira Vilas, autor do libro máis vendido da historia da literatura galega, Memorias dun neno labrego.

Desde a A. C. Irmáns Suárez Picallo, da que era Socio de Honra e da que recibira o pasado ano o I Premio Ramón Suárez Picallo, lamentamos esta perda ao tempo que agradecemos a D. Xosé a súa exemplar dedicación á cultura galega.

Que a terra lle sexa leve!
Morre Neira Vilas (Sermos Galiza)
Falece o escritor Xosé Neira Vilas (CRTVG)
Comentarios (0) - Categoría: Actualidade - Publicado o 27-11-2015 12:11
# Ligazón permanente a este artigo
10º aniversario da SGHN de SADA
A SGHN As Mariñas (Sada) está a celebrar o 10º aniversario cunha serie de actos que se poden ver no cartaz que se inclúe. Parabéns para a Delegación sadense da SGHN, polo traballo de concienciación que está a desenrolar no coidado e protección do medio ambiente da localidade.


Comentarios (0) - Categoría: Actualidade - Publicado o 26-11-2015 00:04
# Ligazón permanente a este artigo
APOIO AO CERCO. Manifestación en Santiago.

O próximo domingo día 15 ás 11:00 h. terá lugar en Compostela unha manifestación convocada pola Asociación de Armadores de Cerco de Galicia reclamando un reparto xusto de cotas. É sumamente importante que a veciñanza de Sada estea presente,e tamén doutros lugares de Galicia apoiando a un sector que resulta vital para a nosa economía.

O Concello de Sada establece un servizo de autobuses para quen queira desprazarse a Compostela. A inscrición realízase no edificio da Avda. da Mariña e hoxe venres,é o último día de prazo.
Comentarios (0) - Categoría: Actualidade - Publicado o 13-11-2015 00:08
# Ligazón permanente a este artigo
APOIO AO SECTOR DO CERCO GALEGO

A Asociación Cultural "Irmáns Suárez Picallo" solidarizase co sector do Cerco Galego e suscribe a declaración institucional do Concello de Sada de apoio ao Cerco Galego e as cen familias do municipio que viven directamente do mar.
Comentarios (0) - Categoría: Actualidade - Publicado o 08-11-2015 19:05
# Ligazón permanente a este artigo
RAMON SUÁREZ PICALLO, 121 anos do seu nacemento
Hoxe cúmplense 121 anos do nacemento de Ramón Suárez Picallo (04-11-1894) no lugar de Veloi (Sada) e que faleceu en Buenos Aires -fai 51 anos- o 14 de outubro de 1964.
As súas cinzas están entre nós, desde hai sete anos, como era o seu desexo, no cemiterio de O Fiunchedo de Sada.

Neste blogue difundimos -ata o dia de hoxe- 896 artigos de RSP, que corresponden case na sua totalidade ao período de permanencia en Chile como exiliado(1942-1956)ainda que tamén publicamos artigos correspondentes a sua etapa como emigrante en Bos Aires(1912-1931) ou como deputado nas Cortes da II República e da sua última etapa na Arxentina(1956-1964)así como outros escritos que sobre Ramón escribiron persoas que o coñeceron e trataron.


Comentarios (0) - Categoría: Actualidade - Publicado o 04-11-2015 00:12
# Ligazón permanente a este artigo
SEGUNDO ANIVERSARIO DO PASAMENTO DE CARMEN ARIAS

Onte, día 1 de novembro, cumplironse dous anos do pasamento de Carmen Arias, Mimina, viúva de Isaac Díaz Pardo.

Mimina foi unha muller de intelixencia extraordinaria e gran capacidade creadora, artista plástica recoñecida na súa xuventude, foi un elemento fundamental na posta en marcha de Cerámicas do Castro, a empresa cultural xermolada no contorno do pazo da súa familia, en Sada. Por ela transcorreu boa parte da historia contemporánea do país.

Mimina, Socia de Honra da nosa Asociación, foi nomeada Filla Adoptiva a título póstumo polo concello de Sada.
Comentarios (0) - Categoría: Actualidade - Publicado o 02-11-2015 00:27
# Ligazón permanente a este artigo
A OBRA DE CASTELAO, BEN DE INTERESE CULTURAL?

Moito agradecemos ter recibido a intervención de Dª María Pilar García Negro no Parlamento de Galicia o pasado 29 de setembro do ano en curso, presentando e defendendo a PROPOSICIÓN DE LEI, POR INICIATIVA LEXISLATIVA POULAR, SOBRE O DEREITO AO COÑECEMENTO E Á CONTEMPLACIÓN DE CASTELAO POLO POBO GALEGO.

A nosa intención era incluir o seu contido no numero 11 de AREAL pero cando chegou ás nosas mans xa tiñamos maquetada e no prelo a citada revista, polo que difundimos, polo seu interese, dita intervención no noso blogue.



PROPOSICIÓN DE LEI, POR INICIATIVA LEXISLATIVA POPULAR, SOBRE O DEREITO AO COÑECEMENTO E Á CONTEMPLACIÓN DE CASTELAO POLO POBO GALEGO

(Debate no Parlamento de Galiza, no 29 de Setembro de 2015)


Por María Pilar García Negro


Presidenta do Parlamento galego, señoras deputadas e señores deputados, convidadas e convidados a esta sesión plenaria:

Diciamos onte que o Parlamento de Galiza debía promover a declaración de Ben de Interese Cultural para o conxunto da obra de Castelao: gráfica, pictórica, literaria, xornalística, doutrinal, ensaística, etc. Demandabamos que todo o fondo artístico de Castelao pudese ser contemplábel e visitábel na súa integridade. Pediamos edicións masivas da súa obra escrita e plástica. Reclamabamos, en fin, un firme compromiso do executivo galego na socialización do necesario coñecemento e divulgación da obra toda do compatriota que mellor nos representou a todos os galegos no século XX.
Onte, señorías, foi hai 16 anos, exactamente o 14 de Outubro de 1999. A iniciativa que contiña estas demandas foi aprobada por unanimidade, mais padeceu a que poderiamos denominar síndrome de tantas Proposicións non de Lei: o sono dos xustos no arquivo documental desta Cámara. Tal aconteceu porque daquela declaración como BIC non se derivou a apertura dos correspondentes expedientes de protección que lle desen efectividade.

Hoxe, señoras deputadas, señores deputados, hónrome con ocupar de novo esta tribuna ao terme sido confiada por parte da comisión promotora da presente ILP a encomenda da súa presentación e defensa. Vén ela avalada por máis de once mil asinaturas recollidas por toda a Galiza. Esta voz colectiva certifica esa bondade de apoio social que tantas veces se reclama como garantía das posicións partidarias, e estou certa de que todos vostedes así o valorarán. Aventuro tamén que concordarán con dous principios que quero lembrar. O primeiro é o valor da historia como alimento fundamental da autoestima colectiva: mal se pode amar ou valorar o que non se coñece, e no caso que nos ocupa estamos a falar dunha ignorancia masiva sobre a personalidade galega contemporánea que máis contribuíu á conformación da conciencia social galega e que mellor representou -en todas as ramas da súa produción- o noso ser como povo singular. O segundo principio afilíase claramente á concepción moderna da cultura nacional: ela non se satisfai coa mención protocolar, coa efeméride vouga, co recoñecemento nominal que obvia a importancia de quen se homenaxea. Se Castelao é tan importante como para dar nome aos altos galardóns que a Xunta concede anualmente, demostremos, con feitos prácticos, con políticas concretas de difusión da súa obra, por que é tan importante., por que o seu nome achega tal cárrega de lexitimación simbólica. Do contrario, estamos manexando un significante ocultando o seu significado.

Perguntémonos, pois, ¿quen foi, quen é, Castelao? E disimulen a que consideren, talvez, impertinencia da pergunta. Estamos a falar dun dos primeiros socios das Irmandades da Fala, cuxo centenario celebraremos o ano próximo. As Irmandades que, reunidas na cidade de Lugo en Novembro de 1918, aproban e publican o Manifesto da I Asemblea Nacionalista, dirixida ao povo galego, e proclaman a “soberanía estética da nazón galega”, en liña coa definición dos problemas políticos e das facultades do Poder Galego. Estamos a falar do artista polifacético, que brilla no debuxo de vocación masiva, na ilustración de libros, na pintura de grande formato, na vanguarda que achega novas técnicas e formatos estéticos, no humorista e caricaturista crítico que nos deixou un impagábel retrato de nós en tantas estampas e viñetas, no imponente testemuño do sofrer galego nos seus álbumes de guerra (Galicia mártir, Atila en Galicia, Milicianos), como falamos do artista que nos seus debuxos de negros mereceu ser nomeado presidente honorario da Sociedade de….. dos Estados Unidos de Norteamérica ou que reforzou a irmandade dos traballadores en Cuba, por riba de calquer consideración racial.
Estamos a falar do escritor profisional, que nos deixou xoias como Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete, Cousas, Os dous de sempre, Retrincos ou Os vellos non deben de namorarse. Estamos a falar do pensador que compón ese libro de libros que é Sempre en Galiza, onde se concentran as razóns do noso devir histórico, da restauración da nosa conciencia como galegos e do dereito a un futuro como povo. Estamos a falar do conferencista, do deputado do Partido Galeguista que nos representou nas Cortes da II República e, como ministro, no goberno no exilio presidido por Giral. Estamos a falar do galego que se preocupou de resgatar o Estatuto galego plebiscitado no 28 de Xuño de 1936 e que conseguiu que tomase estado parlamentar na sesión de Cortes celebrada en Montserrat o 1º de Febreiro de 1938: grazas a aquela xestión, señorías, existen este Parlamento ou a propria Xunta na actualidade.
Falamos, en fin, de alguén que consagrou a súa vida adulta a significarnos e defendernos como povo, empregando todos os seus talentos na tarefa de retratarnos como sociedade con problemas e necesidades específicas, que non collían nos denominados intereses xerais do Estado, e que o fixo sempre desacomplexadamente, nun momento histórico como o que el viveu e que coñeceu tres terríbeis traxedias bélicas: a 1ª guerra mundial, a guerra civil española e a 2ª guerra mundial.

Toda esta riqueza, señorías, toda esta entrega patriótica, unha obra proteica e densa de máis de trinta anos da súa vida, merecen ser coñecidas, xulgadas e interpretadas polos seus descendentes, por nós, as galegas e galegos de hoxe, pois é unha obra cargada de futuro, que nos interpela a cada paso nos grandes conflitos do noso tempo. Por isto, pedimos que a Xunta de Galiza se implique na catalogación e difusión de toda a súa produción artística, que acada miles de pezas; que ela, esta obra, dispoña dun espazo de dimensións e natureza adecuadas á súa contemplación integral; que poda vir á Galiza o seu lenzo “A derradeira lección do mestre”, recluído en Buenos Aires; que no ensino, e de forma transversal, se estude e difunda a súa figura en toda a súa riqueza e fecundidade; que os meios de comunicación de titularidade pública, así como todas as vías posíbeis de difusión nas redes sociais, atendan á divulgación da súa obra; que se proceda a concertar todas as partes -persoas e institucións- para restaurar e sinalizar os espazos relacionados coa vida de Castelao. En resumo, queremos que a Xunta de Galiza, no uso das súas superiores competencias e facultades, mandatada por este Parlamento, use da súa lexítima autoridade para a implicación dela mesma e dos poderes públicos galegos en xeral nun tan necesario labor de memoria histórica galega e de dereito ao uso e desfrute de obra tan rica e atractiva como a que el se esmerou en legarnos. A escolla de Castelao como dedicatario do próximo Día da Arte Galega, por parte da Real Academia Galega de Belas Artes, de certo que será unha moi boa oportunidade para celebralo con feitos e non só con reverencias caducábeis.

Señorías, os restos mortais de Castelao ficaron por 34 anos na Chacarita, en Buenos Aires. En 1984, foron trasladados a esta cidade, a San Domingos de Bonaval, hoxe de novo baixo dependencia eclesiástica. “Non deixemos morrer os nosos mortos”, pedía Eduardo Blanco Amor. Este segundo enterramento non valeu para o achegar ao povo a quen dedicou todos os seus afáns senón para petrificar a súa memoria, impedindo o diálogo co noso presente e esquecendo a modernidade da súa afirmación: “Debuxei sempre en galego, escrebín sempre en galego; e se tirades o que hai de galego e de humano na miña obra non ficaría nada dela”.

Na nosa man, señoras e señores deputados, está coñecer, valorar e difundir esta obra, devolverlla ao povo que tan ben representou. Non fagamos Castelao vítima das súas proprias caricaturas. Se non debe ser “patrimonializado” por ninguén, como adoito se repetiu, dése a coñecer, difúndase masivamente sen censuras, permítase valoralo e xulgalo libremente, como fan decote as culturas que se estiman a si mesmas e interactúan constantemente cos seus vultos principais. A este propósito serve a iniciativa lexislativa popular que veño de defender. Se o voto de todas e todos vostedes a sanciona favorabelmente, colocarémonos non nun ponto de chegada senón nun ponto de partida para ollarnos nos espellos que nos construíron historicamente e que axudan a entendérmonos e a mellorar a nosa fortuna como povo, o noso dereito a sermos galegas e galegos a tempo completo e non a tempo parcial ou baixo permiso de poderes exteriores e superiores a nós mesmos. Castelao, señorías, non debe ter data de caducidade, como non a teñen os xenios ou as celebridades que o Estado conmemora, tamén co noso diñeiro, con diñeiro galego. Só así deixaremos de usar o seu nome en van. Só así seremos dignos herdeiros de quen pensou e traballou sempre en Galiza.

Obrigada pola súa atención. Colaboren -así llelo pido- a conxurar esa fada histórica que nos marcou, a de que o principal dereito que se nos concedeu foi o de ignorármonos a nós mesmos ou a converter a nosa cultura nun tanatorio, tal e como o proprio Castelao intuíu agudamente:

Cando cheguei a Bos Aires -escrebe en 1941-, sentáronme nunha cadeira, cobríronme cun fanal e dixéronme que era un ‘símbolo’. Axiña comprendín que a cadeira era un ataúde, o fanal era unha sepultura i eu era o ‘difunto Castelao’. Comparábanme a Curros e a Rosalía, e cecais por eso mesmo non concebían que estivese vivo. Invitábanme a facerme o morto -a ver, ouvir e calar-, porque deste xeito recibiría moitas honras… Pero sucedeu que non quixen morrer dentro dun fanal, atafegado nunha campana pneumática, porque aínda teño moitas cousas que facer e moitas máis que decir.

Exactamente, señorías: Castelao ten moito que nos mostrar, moito que nos ensinar, moito que nos ilustrar. Fagámolo posíbel. Moitas grazas.
Comentarios (0) - Categoría: Actualidade - Publicado o 14-10-2015 23:28
# Ligazón permanente a este artigo
PRIMEIRO PASO PARA FACER UN MUSEO NA CASA DOS SUÁREZ PICALLO
O Concello de Sada incluirá a casa natal dos Suárez Picallo no catálogo de patrimonio, grazas a alegacións ao PXOM presentadas, entre outros, pola nosa asociación. Agardamos que sexa o primeiro paso para convertir a vivenda en museo.
Pode picarse na ligazón para ver a noticia no xornal La Opinión (05/09/2015):
- Sada acepta las alegaciones de la familia Ramón Suárez Picallo y cataloga su casa

Comentarios (0) - Categoría: Actualidade - Publicado o 05-09-2015 12:55
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal