A. C. Irmáns Suárez Picallo - Sada


Este blogue nace co obxecto de difundir a actividade da A. C. Irmáns Suárez Picallo, así como de recuperar e por a disposición do público diversos materiais de interese sobre o noso pasado,ao tempo que damos a coñecer os artigos escritos por Ramón Suárez Picallo e outros autores sadenses.
Estruturamos o blogue en varias seccións, nas que terán cabida noticias de actualidade sobre as nosas actuacións, artigos, textos históricos, fotografías...


Visitas (desde o 05/08/2010)





Únete a nós!
comisionsuarezpicallo@gmail.com
 CATEGORÍAS
 GALERÍAS FOTOGRÁFICAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGUES GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

466/64 ou 46664
O apartheid, a que podemos considerar como a derradeira, máis dura e violenta fase da dominación, explotación e desposesión dos africanos desde a chegada do home branco a África do Sur, xurdiu como concepto e ideoloxía tardiamente. Foi enunciada por vez primeira no ano 1935, polo profesor P. Van Biljoen e difundida a partires do ano 1943 en diarios nacionalistas (afrikáners) como Die Burger, El Ciudadano, e polos políticos do HNP (Herenigde Nationale Partij, Partido Nacionalista Reunificado). O concepto en si mesmo non era novidoso e trataba de nomear unha política baseada na separación estrita e definitiva das diferentes “comunidades” existentes en África do Sur, coa finalidade de instaurar o “desenvolvemento separado” das mesmas “garantindo ao tempo a seguridade da raza branca e a civilización cristiá”, aínda que en realidade, a pesares da retórica, víñase a relacionar con antergas praticas de segregación, reforzadas desde o remate do século XIX co desenvolvemento do capitalismo colonial e o crecemento das teses racistas e ultranacionalistas.

A economía colonial surafricana presentaba aspectos complexos. De feito, repousaba en dous capitalismos con intereses contraditorios, pero de consecuencias igualmente negativas para os africanos. O capitalismo mineiro e industrial, controlado polos británicos, e o capitalismo agrario nas mans dos Boers que se facían chamar afrikáners (literalmente, africanos). Ambos os dous precisaban de terras, pero a industria necesitaba obreiros libres, móbiles e flexibles, os agrarios devecían por traballadores xunguidos a terra, en réxime de semi-servedume.

A Unión Surafricana, nada como dominión no seo do Imperio británico, viu nacer as primeiras das leis que puxeron os alicerces do sistema xurídico e práctico do apartheid. A Lei de Terras Nativas, que lles concedía aos africanos (o 78% da poboación) o 7'5 % do territorio, consagrou a expropiación de terras aos africanos. As prácticas incluían o uso dos jambok, unha especie de latigo, co que os propietarios fustigaban os seus servos dunha forma ritualizada destinada a fornecer a submisión física dos arrendatarios a o patrón.

O conxunto de leis e prácticas do sistema de segregación produciuse baixo e dentro da Commonwealth, pero ía ser tras a saída desta comunidade e coa creación da República Surafricana, no ano 1961, que o sistema adquirirá o seu carácter máis radical.

Este carácter íase acentuar co temor as independencias e os movementos de liberación dos países da África Austral. A Lei de Enmenda da Seguridade Interior, cuxo creador, o ministro de Xustiza James Kruger, definía como inimigos do Estado a “os comunistas, os lideres políticos negros, os movementos relixiosos radicais e a todos que pescudan a revolución” acentuou o illamento e o sistema represivo.

A violencia e o terrorismo de Estado, foi unha constante coa que tiveron que loitar todos aqueles que defendían os dereitos civís básicos. Aínda así, o sistema do apartheid foi incapaz de evitar que vira a luz outra visión alternativa e antagónica do que tiña que ser Sudáfrica, enunciada na Carta da Liberdade (1955): “Sudáfrica pertence a todos aqueles que viven nela, tanto a brancos como os negros, e ningún goberno ten base xurídica para pretender exercer a autoridade se non a poúse e pola vontade de todos”.

Se explico, inda que someramente, o que era o apartheid, (os que prefiran unha visión literaria poden ler a J. M Coetzee, por exemplo Desgracia ou o Graham Greene no Factor Humano) é para que sexamos capaces de entender o que foi e significou, por enriba do rebumbio mediático e do oportunismo político, Nelson Rolihlahla Mandela, tamén coñecido polo seu nome clánico, Madiba. El mesmo, coa súa grande humanidade que é un dos seus sinais de identidade, ten declarado non ser ningún santo. Deste xeito víñanos a dicir que era consciente das súas contradicións, do seus pasos en falso e dos seus erros. No seu momento foi partidario da loita armada, ata tal punto que foi o líder de Umkhontowe Siwze (Lanza da Nación) grupo armado vinculado o Congreso Nacional Africano, e creado conxuntamente co Congreso de Sindicatos Surafricanos e o Partido Comunista Surafricano. Se elixiu esta vía foi porque creu que era a única alternativa que o Estado deixaba para conseguir a liberdade do pobo negro baixo o apartheid. Aínda que foi unha decisión táctica, non se volveu atrás dela durante a súa estancia no cárcere. De feito, P. W. Botha ofreceulle a liberdade se renunciaba a violencia.

Non o fixo, porque consideraba que aínda que o réxime non ía a caer polas armas a loita debía continuar ata a fin do apartheid.

A súa coherencia no estaba reñida co seu pragmatismo. Durante a súa estancia no cárcere convenceuse de que as contradicións do apartheid ían levar mais cedo que tarde a súa desaparición.

Tivo que convencer do mesmo os seus carceleiros, no sentido máis amplo do termo. A iso dedicouse durante os derradeiros catro anos de confinamento. A reconciliación foi posible, xunto co recoñecemento das culpas polos afrikáners, ca desaparición do apartheid. Tamén era consciente de que os procesos sociais son produto da loita colectiva, aínda que as veces eses procesos se identifiquen cunha persoa concreta.

Os intentos de facer da súa persoa unha sorte de santo laico, listo para servir de estandarte de calquera proxecto político, xunto a entronización como icona mediática, susceptible de converterse en materia de consumo de masas pouco exixentes, son semellantes aos operados en relación con outra personalidade senlleira: Ghandi.

O valeiramento do seu pensamento deica acomodalo as necesidades do momento, contrasta vivamente coa realidade da súa loita, na que non estivo só. Os apoios o seu partido, o Congreso Nacional Africano, na súa loita contra o goberno racista de Pretoria viñeron dos movementos de liberación africanos, de Angola e Mozambique, por exemplo, e de países concretos como Cuba e a antiga URRSS.

Israel, que mantivo unhas estreitas relacións co réxime do apartheid, (estivo a piques de venderlle mísiles con cabezas nucleares), EE.UU, que mantivo a Mandela na súa lista de terroristas deica o ano 2008, pouco antes da toma de posesión como presidente do ínclito Obama, que hoxe declárase o seu admirador (foi un axente da CIA o que o delatou cando o meteron na gaiola. A CIA preparou un operativo para asasinalo), ou Gran Bretaña, a súa primeira ministra nos anos 80, Margareth Tacher, declaroulle o seu odio a Mandela e o CNA, dicindo, non moi premonitoriamente por certo, “O CNA é unha típica organización terrorista. O que crea que algún día gobernara Sudáfrica vive nun mundo de fantasía”, son algúns dos Estados que apoiaron o réxime ditatorial e terrorista do apartheid. É necesario non esquecelo.

E ademais hai que ter en consideración que a “reconciliación económica” no país surafricano está lonxe de producirse, o que tendo en conta que o apartheid nunha historia de longa duración, a supresión das súas disposicións máis miserentas e a restauración do Estado de Dereito, deixando intactas as medidas económicas sobre as que construirase o sistema de segregación, non van a ser dabondo para calmar os anhelos e pechar as vellas feridas.

O propio Mandela tíñao moi claro: “A pobreza no é un accidente. Como a escravitude e o apartheid é unha creación do home e pode eliminarse polas accións dos seres humanos”. Se queremos facer honra a súa loita, a do CNA, e a do seu pobo, deberemos ser quen de evitar que o ruído dos medios e os oportunistas distorsionen a súa verdadeira dimensión.

Senón, o seu numero de preso, o 466 do ano 64, pasará a ser simplemente o 46664, un numero redondo e capicúa, ideal para decorar T-shirts de deseño, mellor cunha imaxe de calquera famoso o seu carón.



Xaime Rodríguez Rodríguez

Comentarios (0) - Categoría: Notas desde o meu Smartphone, de Xaime Rodríguez - Publicado o 14-12-2013 16:44
# Ligazón permanente a este artigo
Paco “telefunken”: Unha fábula moral
O acto do peche efectivo da canle autonómica Canal 9 (NOU) foi un acontecemento mesmo extravagante. Quizais por iso os artigos e comentarios dos medios de comunicación, nomeadamente os escritos, esgotaron os adxectivos (é ben sabido que, do mesmo xeito que a primeira vítima da guerra é a verdade, as primeiras das crónicas xornalísticas son os adxectivos); berlanguiano, esperpéntico, surrealista ou carpetovetónico, son unha mostra da torrenteira de cualificativos. A verdade que dende a execución, levada a cabo con premeditación, nocturnidade e alevosía, deica o desenlace, que demorouse doce horas sobre o previsto no guión do goberno popular/ fabrano, esta cheo de feitos que un alienixina , recen chegado a terra e pouco afeito o comportamento Popular, cualificaría sen dúbida de delirante.

Ver chegar entre lusco e fusco unha comitiva composta por tres homes, que xuntos respondían o pouco tranquilizador nome dos “liquidadores”, máis unha lexión de “servidores do orde público” (non lles chamo policías non vaia ser que a nova lei de seguridade cidadá o cualifique como delito) para levar a termo o peche diante a presenza dos traballadores, preparados para resistilo con todas as súas forzas, ten toda a pinta do empezo dunha película de acción, na que os bos non van forzosamente a gañar.

Máis, no que semella un xiro inspirado de guión, a aparición dun novo persoaxe ía a darlle outra faciana o desenrolo da trama. Xunto cos liquidadores, ía un home que debía facerse cargo dos aspectos “técnicos” do asunto (hai que ver o importante que son na impartición da xustiza; os xuíces decretan a pena de morte, pero é o verdugo, o técnico, o que fai xirar o parafuso que apágalle a luz definitivamente o reo) o que tiña que facer o “fundido a negro “ final.

Este home, Francisco Signes, técnico reparador de televexos, é como consecuencia deso máis coñecido polo alcume de “Paco telefunken”, foi levado a o Centro de Produción da canle cunha, o dicir das crónicas, escolta de servidores do orde, que inda impedíronlle o contacto ca prensa, ca “canallesca”, como chamoulle un persoeiro do réxime ¿anterior?.

Unha vez alí, Paco mirou o panorama, escoitou algún que outro improperio referido a súa persoa. Tomouse o seu tempo,nunha sala acompañado nas súas reflexións polos axentes do orde, o que sempre supón un “plus” de tranquilidade en orde da correcta cavilación, e finalmente falou.
O que dixo ten para min reminiscencias da actitude de Bartleby, o persoaxe dun relato curto de Melville. Requirido na súa condición de escribinte para que fixera un traballo, dixo sinxela, flemática pero firmemente, “preferiría non facelo”(“I would prefer not to”).

Pero a diferenza de Bartleby, quen en ningún momento explica no relato as súas motivacións, Paco “telefunken”, foi máis explícito cando negouse a cortar a emisión: “traballo en electrónica, pero non estamos para isto”, foron, cortantes como un coitelo, as súas verbas.

Canto mellor nos iria a todos se houbera máis xente disposta a non facer aquilo que considera que non debe facer. Se o anterior presidente do goberno central cando recibiu o mandato do BCE, houbera dito, “fago política, pero non estamos para isto”. Se o actual houbera mantido“ son político, pero non estamos para isto” (“e ademais non ía no meu programa). Se, en xeral, a xente que ten que tomar decisións as tomara en conciencia, cantos padecementos aforraríase a xente do común.

Por iso, mentres non chegan tempos mellores de homes afoutos, temos que admirar a Don Francisco Signes, por mal nome Paco”telefunken”, electrónico, reparador de televexo, que negouse a facer o que lle reclamaban porque simplemente pensou que “non estaba para iso”.
Comentarios (0) - Categoría: Notas desde o meu Smartphone, de Xaime Rodríguez - Publicado o 08-12-2013 12:29
# Ligazón permanente a este artigo
XUSTIZA PARA TODOS

A ONU pídelle a España que investigue os crimes do Franquismo


Un dos piares da transición democrática no noso Estado, é dicir, do proceso que debía levar da ditadura a democracia, foi a lei 44 /1977, de 15 de outubro, de amnistía. Da lectura dos dous primeiros artigos desprendese xa a intención dos lexisladores de facer unha lei “de borrón e conta nova”(ou de “punto final”, como se coñeceu unha semellante na Arxentina). Un esforzase en supoñer (aínda que o poñan realmente difícil) cas intencións ca inspiraron foran boas, unha delas a de evitar a repetición da Guerra Civil semella o principal dos argumentos xustificadores do redactado da lei. O conflito civil estivo precedido por un golpe militar falido. Esquecer este feito, como a miúdo faise esta na orixe dos moito erros e malentendidos, que lastran o acordo entre elites que foi a nosa transición.

O feito é que a filosofía da mencionada lei fixou a “reconciliación nacional” (Por certo, un obxectivo estratéxico do PCE, aínda que cun contido distinto, dende os anos 50) como o limite da política de “consenso”sen ter en conta os que forzosamente ían ficar o marxe da reconciliación concibida en estes termos, que podíamos chamar de “borrado”da memoria (unilateral se temos en conta que os “lugares da memoria “do franquismo, empezando por Cualgamuros, “O Val dos Caídos”, ían chegar deica estes tempos). De feito, pódese dicir como mantén Colomer que “A política de reconciliación nacional comportou a amnistía para os antifranquistas e a amnesia para os franquistas, é dicir, a renuncia a someter os comportamentos políticos do pasado a procesos xudiciais”, a partires engade, da vantaxe inicial dos segundos (en termos máis comprensibles, que estes tiñan nas súas mans os aparellos do Estado, incluíndo os coercitivos, o Exercito entre eles).

A existencia das vítimas do réxime franquista os que non se lles recoñecera os sufrimentos nin viran restituída a súa dignidade, non podía deixar de ter consecuencias. Dunha banda, influíndo negativamente na consolidación e institucionalización da democracia, limitando o carácter e a calidade da mesma, herdeira dos legados perversos da ditadura no ámbito das institucións e, o que esta por estudar máis a fondo, no eido das culturas e os aprendizaxes políticos.

Polo outro, a existencia dunha memoria individual e colectiva dos crimes do franquismo, que creou un a verdadeiro sistema represivo, co obxecto de eliminar os partidarios da República e a memoria mesma desta. Mais cedo que tarde, esta memoria tiña que dar paso, como de feito ocorreu, a accións concretas prol da recuperación da memoria histórica e a necesidade de investigar os crimes do franquismo.

Esta pretensión, mais aló das grandes eivas, (a máis significativa a afirmación de que o dereito das vítimas é persoal e familiar, negando deste xeito que os delitos do franquismo o foran contra a sociedade e a humanidade, sendo por tanto o deber do Estado garantir as vítimas o seu dereito a verdade, a xustiza e a reparación) da Lei da Memoria Histórica,de 31 de outubro de 2007, ía verse avalada polas sucesivas tomas de posición de diferentes tribunais.

O proceso aberto en países que coñeceron unha ditadura, como Arxentina e Chile, que a pesares da existencia de unha lexislación semellante a nosa mentada Lei de Amnistía, foron quen de sentar no banquiño, e condenalos, os responsables dos crimes dos réximes ditatoriais, forneceu estas revindicacións. Do mesmo xeito, os pronunciamentos da Corte Penal Internacional, que ademais fixou o carácter imprescritíbel dos delitos máis graves, considerados como crimes contra a humanidade, abriron de par en par as portas a necesidade de xulgar os crimes do franquismo, aínda que xa non sexa posible xulgar os seus autores.

Agora, o pronunciamento da ONU, que ademais reafirmase na norma xurisprudencial de que a Lei de Amnistía non impide a investigación sobre os crimes, aínda que non vinculante ten unha indudable fondura ética e ven a situarnos, a todos nos, empezando polos políticos ante un dilema moral ineludíbel, o problema da culpa,semellante o que se prantexou en relación cos crimes do Terceiro Reich.

No ano 1946, despois da derrota do nazismo, o psicólogo e filosofo xermano Karl Jaspers, escribiu”O problema da culpa “na que encol da culpa no Terceiro Reich, clasificou as culpas : criminal, política, moral e metafísica. A derradeira, a metafísica, a definiu como aquela que móstranos de que xeito o sucedido a uns inclúe a responsabilidade de outros porque, nas súas verbas, “hai unha solaridade entre homes como tales que fai a cada un responsábel de todo o agravio e toda inxustiza do mundo, especialmente dos crimes que suceden na súa presenza o co seu coñecemento. Se non fago todo o que podo para impedilos son tamén culpábel”.

Sería paragóxico que agora que dende algúns ámbitos se nos esixe, urxe, que nos solidaricemos cas vítimas do terrorismo político, deica o punto de cuestionar as decisións dos tribunais transnacionais de xustiza, non foramos quen de exixir responsabilidades polos crimes do franquismo, incomparables en canto numero de vítimas, (España é despois de Camboia o estado co maior numero desaparecidos) de intensidade da represión (xunto mortos e desaparecidos houbo internamentos en campos de concentración, represalias e expulsión de funcionarios e traballadores e incautación de bens) e duración temporal cos do terrorismo, abrindo a investigación que dende a ONU demandase. Non podemos mirar para o outro lado, ignorando o sufrimento dos outros.

A única explicación posible da falta de determinación dalgúns, políticos pero tamén cidadáns, para abrir esta investigación, semella radicar na falta de empatía cas vítimas, unha falta de empatía, a o que se ve, curiosamente selectiva. Defenden as vítimas do terrorismo, pero pretender negarlle as vítimas do franquismo o seu dereito o recoñecemento e a xustiza. A dubida sobre a sinceridade da súa defensa das vítimas do terrorismo político planea sobre eles. A xustiza é para todos ou non é.

Xaime Rodríguez Rodríguez



Comentarios (0) - Categoría: Notas desde o meu Smartphone, de Xaime Rodríguez - Publicado o 01-12-2013 13:01
# Ligazón permanente a este artigo
UN MITO DO NOSO TEMPO
Vai xa para cincuenta anos, concretamente o día 22 deste mes cumpriranse exactamente os cincuenta. Ese día do ano 1963 era asasinado por (ao menos) un francotirador o que foi o trixésimo quinto presidente dos EE.UU John F. Kennedy. O impacto da súa morte deixouse sentir durante moito tempo, quizais durante xeracións dentro e fora da nación máis poderosa do mundo. Dalgún xeito decisivo contribuíu a mitificación do personaxe máis aló da súa realidade.

O misterio que inda hoxe rodea o seu asasinato, e o do único detido polo crime, Lee Harvey Oswald, un “misterio americano” en si mesmo, como resaltou o escritor Norman Mailer, e o tratamento tanto mediático como libresco que se lle otorgou ía fornecer o mito na súa dimensión planetaria.

Hoxe en día sábese que todas as decisións tomadas encol do asasinato foron máis que cuestionables. Comezando pola viaxe mesma, que semella fíxose condicionada polos enquéritos que lle daban o 38% fronte o 54% o seu contrincante republicano, Barry Goldwater, nas eleccións que se estaban por facer. Foi esa necesidade de votos o que o levou a un Estado hostil (o presidente díxolle a Jacqueline xusto antes de partir para Dallas, “imos hoxe a unha terra de tolos. Pero Jackie, se alguén quere disparar dende unha ventá cun rifle, ninguén pode páralo. Así que, para que preocuparnos?”).

As medidas de protección tampouco foron as máis axeitadas. Por exemplo, a limusina ¡descapotable! tiña que coller unha curva antes xusto de enfilar Elm Street, rúa que pasaba diante do edificio do almacén do depósito de libros escolares, onde suponse saíron os tiros fatais, aminorando a súa velocidade, converténdose dese xeito nun branco máis doado para un francotirador experto.

No referente a investigación, a da Comisión Warren (chamada así polo seu presidente que asemade o era do Tribunal Supremo) chegou a conclusión de que a autoría do magnicidio foi responsabilidade dun so home: Lee Harvey Oswald. Posteriormente, o Comité de Asasinatos do Senado, en 1979 (amén de sinalar a falta de rigor das investigacións do asasinato, cuestionando o traballo realizado polo FBI, dirixido por Edgar Hoover, cuxas diferenzas cos irmáns Kennedy eran ben coñecidas), mantivo no seu informe que foi resultado dunha conspiración. Inda por enriba, para rematar a mitificación mediática, os momentos previos o atentado, o do impacto mortal e os posteriores, en total 26 segundos, foron filmados en 8mm. por Abraham Zapruder nun documento histórico, que o tempo é o filme doméstico máis visto da historia.

Todo, xunto o “glamour” da súa muller Jacqueline, xogaba a favor da súa conversión en icona mediática. Os seus discursos, en realidade escritos polo seu “speakwritter”, Ted Sorensen, o pai da súa retórica política (o propio Kennedy dixo del que era o seu “banco de sangue intelectual”), entre eles o famoso do 20 de Xaneiro de 1961 (o de “non vos preguntedes o que os voso país pode facer por vós. Preguntádevos o que podedes facer vós polo voso país”), contribuíron a forxar a imaxe de político idealista, un campión do liberalismo progresista capaz de rachar cas estreitezas burocráticas dos seus antecesores e iniciar unha nova forma de facer política.

O paso do tempo, e o acceso a documentación deica fai pouco clasificada, ía descubrir o envés da trama. Tratábase en realidade, dun político pragmático, cínico en ocasións, e profundamente conservador, inda que isto non ía impedir que fora branco dos ataques da extrema dereita que lle achacou ser brando co comunismo. Inzado a presidencia pola maquinaria político/electoral do seu clan familiar, gañou as eleccións por unha estreita marxe (e inda existen dubidas sobre a limpeza do proceso nalgúns estados) contra un candidato, Richard M. Nixon, vicepresidente oito anos con Einsenhower, coñecido como “tricky Dicky”, ou sexa “Ricardiño o trampulleiro”, gris e que ademais non dominaba un medio como a televisión (na que se celebrou un debate entre candidatos, no que saíu suoroso e grisáceo fronte a brillantez de Kennedy ), que dende entón ía ter un peso importante nos resultados electorais.

Máis interesado na política exterior (“a quen lle interesa iso do salario mínimo?” dixo o tempo da súa toma de posesión), tivo o mérito de rachar ca política de confrontación directa ca URRSS do seu antecesor, que puxera a humanidade a piques do holocausto nuclear. Inda así, meteuse en aventuras como o desembarco en Bahía Cochinos, Cuba, mal aconsellado pola xunta de xefes de Defensa, os cubanos anticastristas e a CIA, no seu descargo hai que dicir que era un plan herdanza da administración Einsenhower.

Do mesmo xeito, convencido da “teoría do domino” (a caída do Vietnan seguiríalle a do resto de países do sueste asiático) foi incapaz de analizar a importancia e a autonomía da guerrilla comunista, do FLN, estaba convencido que dependía do apoio do norte, no sur vietnamita, nin se decatou da debilidade do goberno, inda que autorizou o golpe de estado contra Diem, e o exército, do sur, o que o levou a unha escalada militar, de efectivos humanos (“asesores”) e materiais, e a intervención, apoiando unha guerrilla e con bombardeos masivos, en Laos, como forma de evitar unha retirada deshonrosa e a caída do goberno monicreque do sur. Ademais tivo que facer fronte a “crise dos mísiles” quizais a oportunidade na que, a pesares da súa intención de minorar os enfrontamentos ca URSS, a confrontación nuclear estivo máis próxima.

Tampouco na súa faciana menos oficial, máis persoal, lonxe da imaxe de moderno Camelot, ca que, tomando como referencia o reinado do lendario Rei Artur, describiu a súa esposa Jacqueline a súa presidencia, a realidade foi como se pretendía, agochando aqueles aspectos máis pouco favorecedores. Dende os tres anos, padecía de doenzas que ían necesitar de un importante numero de medicamentos, posiblemente nalgúns momentos chegara a inxerir dez o día, que foron minando a súa saúde.

Este feito foi ocultado a opinión pública, porque o seu coñecemento faríao inelixíbel. Asemade, as súas relacións co crime organizado (que a maioría dos biógrafos atribúen xa o seu pai, Joseph Kennedy o fundador da dinastía, de quen din que se enriqueceu co contrabando de alcohol durante a Lei Seca) quedaron documentadas a traveso dos informes reunidos por Edgar Hoover, o sempiterno director do FBI, do que se di se valeu destes para evitar a súa destitución. Non o ía a favorecer a súa azarosa vida sexual, que o levaría, por exemplo, a ter unha relación con Judith Campbell, o tempo amiga íntima de Sam Giancana, un “capo” da Mafia. Esta muller ía recoñecer, pouco antes da súa morte, que serviu de correo entre os dous homes respecto a un asunto moi delicado: os plans conxuntos para eliminar a Fidel Castro.

Hoxe, no cincuenta cabodano do seu pasamento, o mito parece semellar esmorecerse. Ao menos entre os historiadores. O conxunto da documentación e dos feitos coñecidos dende a súa morte convidan a unha revisión crítica da súa figura e obra. As veces os mitos, utilizados por aqueles que queren fornecer unha visión interesada, de parte, da historia, non resisten a confrontación ca realidade. Como ben saben os mozos seguidores de Crepúsculo, tampouco os vampiros lles favorece a luz do día.


Xaime Rodríguez Rodríguez
Comentarios (0) - Categoría: Notas desde o meu Smartphone, de Xaime Rodríguez - Publicado o 21-11-2013 10:45
# Ligazón permanente a este artigo
TEORÍA DA CLASE OCIOSA?
Non paran de sorprendernos. Dende o que foi secretario de organización do partido gobernante nesta Galicia de nosos pecados, que nun programa de televisión, e sostendo os tiros de cámara como un avezado profesional, recoñece que el persoalmente pagaba sobresoldos (e non porque estes entregaranse nun sobre) os seus correlixionarios, non a todos que inda hai clases; diñeiro en negro, como el mesmo recalca. Recalando, no responsable de finanzas, ou xerente pra o caso igual da, do mesmo partido nas ”cospedalanas” terras manchegas, que ven de dicir que el firmaba todos os recibis que lle puxera por diante o nunca ben ponderando Bárcenas, a troques de nada. É rematando en dous “ex”, por unha banda, o experto en referéndums (Otan de entrada non!) quen recentemente creou unha fundación, da que, como non podía ser menos, é o presidente, dedicada a estudar a súa egrexia figura; pola outra, o do trío das Azores, que vén de publicar a segunda parte das súas memorias, nas que demostra, como se fose necesario, a súa infinita capacidade de autobombo, mostrándose as veces como un matón do “farwest,” (véxase senón o que di sobre o golpe de estado contra Chávez), produto quizais daquela viaxe os EE.UU da que voltou falando como un texano, e outras como “Antoñita la fantástica”. Nos últimos tempos os políticos, alomenos algún deles, veñen a demostrar cumpridamente o seu desprezo polos cidadáns, pola súa intelixencia cando menos, e o seu “extrañamento”da realidade.

Pechan o canal 9 (NOU), a canle autonómica valenciana de televisión. Coido que sobre o feito en si e as súas repercusións esta todo dito. Eu quero falar de algo que me chamou a reflexión, inda que creo que non son o único, periodistas como Miguel Ángel Aguilar e Juan Carlos Escuier veñen de falar nos mesmos termos. Refírome as trabas para facer o seu traballo libremente, e máis concretamente as denuncias sobre elo dos profesionais unha vez producido o peche. Sorprende que non o fixeran antes, e o feito de non facelo plantexa dubidas sobre a ética das súas denuncias. Solidarizáronse con estes profesionais os da nosa TVG. Esperamos que o tempo sexan quen de sacar conclusións, oportunas nestas datas nas que se cumpre o undécimo aniversario da catástrofe do Prestige e de que a TVG alcanzara as cotas mais altas de manipulación e desinformación, sobre o grao de liberdade no seu traballo e a utilización que deles fai un poder político que, como se pode ver co acontecido en Canal 9 (NOU), despois de exprimilos, de sacarlle o zume, pode prescindir deles sen miramentos. O mellor, deste xeito podamos ver programas que entren de cheo nas “liaisons dangereuses”, nas relacións perigosas do señor Feijoo. Ou inda máis pertinente co momento que nos toca vivir, nos enteremos do custo real da Cidade da Cultura do Gaiás, do que supón o seu mantemento diario para evitar que remate por converterse nun caso mais dos que aborda lugares-abandonados.com. O tempo saberíamos cantas axudas para o comedor poderían pagarse co monto diario, evitando deste xeito que centos de meniños fiquen sen almorzo.


Xaime Rodríguez Rodríguez

Comentarios (0) - Categoría: Notas desde o meu Smartphone, de Xaime Rodríguez - Publicado o 16-11-2013 11:04
# Ligazón permanente a este artigo
VIVIR CO GRAN IRMÁN
Neste blogue estamos a publicar os artigos de prensa publicados por Ramón Suarez Picallo. Neles teñen cabida unha morea de asuntos, feitos e aconteceres nos eidos sociaís, políticos e culturais. Lonxe da súa mestria, esta sección vai procurar algo semellante. Deste xeito, e modestamente, intentaremos remedar o gran RSP, facendo crónica daqueles asuntos, personaxes e aconteceres que chamen a nosa atención.


Vivir co Grán Irmán

Orwell xa o anticipou, inda que posiblemente pensando máis dende seu anticomunismo -que o levaría a delación- que coma crítica das democracias capitalistas nos países avanzados, das sociedades “abertas”, por falar nos termos de Popper e Isiahia Berlin. Avisounos do control das nosas vidas polos gobernantes, elixidos por nós para más “inri”. Aquel “slogan” ameazante “o Grán Irmán vixíavos” é hoxe unha realidade, e gracias as tecnoloxías, as redes sociais, a Google, o internet, praticamente nos termos anticipatorios “orwellianos”. Vixiados, controlados os nosos gustos, as nosas afeccións, as amizades, ideoloxías, inclinacións políticas, o dominio pode ser total, a piques de devir totalitario. Coñecemos a realidade grazas a Assange é Snowden, francotiradores, que veñen a substituír os medios de comunicación, públicos e privados, cada vez máis dependentes do poder económico e do poder político privatizado polo primeiro.

Así as cousas, a cultura segue a ser, hoxe máis que nunca, a nosa táboa de salvación. Por enriba da corrupción cotiá, dos políticos alleos os sufrimentos dos cidadáns, os creadores na totalidade dos eidos culturais seguen a facer a súa obra, o que nos permite, dándonos ás, afrontar e tentar superar, e modificar e trocar, o estado das cousas. Cando dende una cultura periférica, minorizada a súa lingua, coma a deste fisterra, hai creadores ca capacidade de levar o fin una obra merecente do recoñecemento xeral, e institucionalizado, os motivos para a ledicia multiplícanse. Por iso, hoxe queremos falar dos premios conseguidos por dous paisanos nosos. O noso país segue a ser un país de poetas, polo que o Premio Nacional de Poesía conseguido por Manuel Álvarez Torneiro, ca súa obra “Os angulos da brasa” convídanos a pensar que a tradición continúa. Pola súa banda, outra manifestación cultural con menos tradición entre nós coma a “banda deseñada” vén de obter un recoñecemento na persoa de Miguel Anxo Prado, gañador do Premio Nacional de Cómic, por “Ardalén”, a última e máis lograda das obras do noso veciño, xa que inda que nado na Coruña, como Torneiro, ten casa e estudio na nosa vila. Grazas a eles, e outros creadores inda non tan recoñecidos, a nosa cultura segue viva, contribuíndo a facer mellores as nosas vidas.



Xaime Rodríguez Rodríguez

Comentarios (0) - Categoría: Notas desde o meu Smartphone, de Xaime Rodríguez - Publicado o 07-11-2013 12:21
# Ligazón permanente a este artigo
[1] [2] 3
© by Abertal