A. C. Irmáns Suárez Picallo - Sada


Este blogue nace co obxecto de difundir a actividade da A. C. Irmáns Suárez Picallo, así como de recuperar e por a disposición do público diversos materiais de interese sobre o noso pasado,ao tempo que damos a coñecer os artigos escritos por Ramón Suárez Picallo e outros autores sadenses.
Estruturamos o blogue en varias seccións, nas que terán cabida noticias de actualidade sobre as nosas actuacións, artigos, textos históricos, fotografías...


Visitas (desde o 05/08/2010)





Únete a nós!
comisionsuarezpicallo@gmail.com
 CATEGORÍAS
 GALERÍAS FOTOGRÁFICAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGUES GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

NO INTERIOR DO OVO DA SERPE
A serpe é un animal con mala prensa. De feito, todos os réptiles teñen unha mala reputación. Hai quen di que todo vén da historia da mazá e máis Eva. Unha serpe tentadora, ás veces sorpréndennos os guionistas da Biblia. Teñen cousas, xiros do guión, absolutamente sorprendentes. O da moza tentada pola serpe non deixa de ser fascinante. É un “macguffin” practicamente insuperable. Xa saben, un macguffin é un elemento intranscendente de suspense dentro da trama, porén a pesares diso fai avanzar a trama e as personaxes, Hitchcock utilizábaos moito nas súas películas. Disque a orixe dos macguffin está nun musical no que nun tren unha das personaxes inquírelle a outra sobre un paquete que vai no portaequipaxes, “é un macguffin” respóndelle o outro, “e que ven sendo un macguffin?”, “un macguffin é unha trampa para cazar leóns en Escocia” dille o preguntado, “porén se en Escocia non hai leóns”, “entón non é un macguffin”, remata o dono do paquete.

Na película de Ingman Bermann titulada “ O ovo da serpe” (1977) semella que o do ovo do réptil non vai ser máis que un macguffin, que polo demais dálle título ao filme. En realidade, a película conta unha historia nos anos vinte do século pasado que lle serve ao autor para realizar unha alegoría prol do ascenso do nazismo. Nun momento determinado unha das personaxes da película di “Calquera pode ver o futuro, é coma un ovo de serpe. A través da fina membrana pódese distinguir un réptil xa formado”.

É entón cando nos podemos decatar que non se trata dun sinxelo macguffin. O aumento da pobreza, da xenofobia, dos partidos populistas de extrema dereita, o predominio irracional dos mercados por enriba das necesidades da xente, a restrición de dereitos fundamentais, debería levarnos a preguntar se ante nós non se está volvendo a formar o réptil, namentres nós asistimos fascinados o espectáculo.

Non deberiamos esquecer o que no seu momento dixo Bertolt Bretch: “Señores non estean tan ledos coa derrota de Hitler. Aínda que o mundo se ergueu e parou o Bastardo, a cadela que o pariu esta de novo quente”.

Non, a verdade é que non semella ser simplemente un macguffin.


Xaime Rodríguez Rodríguez
Comentarios (0) - Categoría: Notas desde o meu Smartphone, de Xaime Rodríguez - Publicado o 04-04-2014 00:20
# Ligazón permanente a este artigo
A IMPORTANCIA DO GUION
No medio do desacougo que nos está a producir a continua choiva de casos de corrupción, case que tan continua e persistente como a choiva coma fenómeno meteorolóxico que estanos a asolagar, reparei nun aspecto desta corrupción en sesión continua que alguén pode considerar frivolidade, poren que na miña opinión ten o seu aquel.

Trátase das moitas rexencias e aínda paralelismos que atopamos nos casos de corrupción con algunhas das manifestacións da chamada cultura popular, unha vez que semella superada a vella disputa sobre esta cuestión entre apocalípticos e integrados, coma a banda deseñada, a literatura e o cine negro ou as series de televisión de calidade, nomeadamente as de a HBO.

Se non principio foi o verbo, fixémonos nos nomes dalgúns dos casos, curiosamente dos que máis relación teñen ca nosa terra. Chamarlle Pokemon non pode ser senón unha especie de homenaxe o manga esa variante nipona da banda deseñada.

Poren denominar Pikachu, a unha peza separada do anterior caso só pode significar que quen llo puxo, xuíz ou policía, é un auténtico devoto da banda deseñada, sensación que aínda se incrementa cando un decatase de que ámbolos dous casos derivan do Carioca, que pode ser unha homenaxe a un personaxe dos debuxos de Walt Disney.

Tamén semella existir paralelismos entre as chamadas pezas separadas de casos principais e o que en inglés chamase “spin off”, que no caso das series televisivas fai referencia a aquelas que xurden doutras anteriores, ben porque determinados personaxes adquiren identidade, ben porque determinadas situacións permiten un desenvolvemento separado. No noso país, sen ir máis lonxe, temos o caso de Aída que ven a ser o “spin off” dunha serie anterior que se chamaba Siete Vidas, na que entre outras cosas demostrábase que Toni Canto tamén era mal actor.

Ademais dos xa citados Pokemon e Pikachu, temos un “spin off” de moita altura, cal é o caso Noos, peza separada do caso Palma Arena no que estaba involucrado o presidente Jaume Matas, aquel presidente de Baleares tan louvado polo infalible Rajoy, neste caso pódese falar dun “spin off” motivado pola identidade dos personaxes. Aí é nada ter coma protagonistas a infanta e o duque (empalmado ou non).

Outro paralelismo é o das historias, das tramas ou argumentos, tras os casos de corrupción, semellantes as historias que nos narran as obras da chamada serie negra, sexa esta literaria, cinematográfica ou televisiva. Medramos baixo o influxo dos personaxes creados por Mario Puzo, e levados a pantalla por Francis Ford Coppola nas tres partes do Padriño, Veu despois a grande serie Los Sopranos, unha fita na historia das series televisivas pero tamén do tratamento dos personaxes relacionados co crime. Máis tarde The Wire e aínda máis, na actualidade, House of Cards, viñeron a facernos coñecer a faciana da corrupción, e o tempo a obrigarnos a facela pregunta que xa se facía Bertold Bretch na súa obra A boa persoa de She-Zuan: e posible a bondade no capitalismo?

A diferenza entre as historias de corrupción real e as de ficción radica en que os personaxes de ficción teñen máis identidade, semellan máis humanos que os da realidade. É coma si os guionistas esforzaranse en cumprir o que Harold Bloom destacaba respecto a Shakespeare no seu libro A invención do humano, a procura da humanidade canta máis mellor para as súas personaxes.

Polo contrario, os “guionistas” na vida real coma que deshumanizan os protagonistas. Ningún deles semella ter conflitos internos derivados da culpabilidade. Tony Soprano, o protagonista dos Soprano, (cuxos “negocios” teñen que ver cas contratas do lixo, que por outra parte é un dos máis recorrentes nos casos de corrupción real) ten que visitar a psiquiatra pola ansiedade que producíalle o seu “estilo” de vida.

Iso non pasa cos personaxes reais. Ningún deles semella ser vítima das angustias vitais, aínda máis algún chega a xustificar a súas accións, que teñen tódolos visos da prevaricación, co argumento de “razóns humanitarias”.

Houbo un momento que pensei que deramos con un imputado que estaba a ter unha reacción humana, quizais influído pola súa corpulencia moi semellante a de o recentemente falecido James Gandolfini, protagonista dos Soprano, por enriba de todo cando declarou que “non se recoñecía” cando lle presentaban probas da súa implicación, no intre pensei que estaba a dicir que non se recoñecía na súa faciana delicuencial, do mesmo xeito que o DR. Jekill non se recoñece en Mr Hyde.

Meu gozo nun pozo, estábase a referir que non recoñecía a súa voz na gravación. Unha dubida que os técnicos policiais e xudiciais aclararanlle máis cedo que tarde, pero en todo caso moi afastada da metafísica que por un intre eu lle atribuín.

Tampouco parece moito mellor a cuestións das ameazas. Cando Barcenas ameaza con “tirar da manta” (deixando de banda a súas implicacións antisemitas, pois a manta en cuestión ten o seu orixe nos lenzos que había nalgunhas igrexas de Navarra, que contiñan ocultos os nomes das familias de xudeus conversos das contornas) ou cando Granados di “si me buscan me encuentran” semellan ameazas de nenos en comparanza do que pasa no Padriño cando di “ fareille unha oferta que non será quen de rexeitar” que conten sutileza xunta con afouteza porque mentres o di Luca Brazzi o seu sicario apúntalle o ameazado cunha pistola na cabeza, mentres se engade “deixara neste documento os seus sesos ou a súa sinatura”. Un bo guión, unha boa liña de dialogo.

Xusto o que falla na realidade.


Xaime Rodríguez Rodríguez
Comentarios (0) - Categoría: Notas desde o meu Smartphone, de Xaime Rodríguez - Publicado o 07-03-2014 10:13
# Ligazón permanente a este artigo
A PROPÓSITO DE LUGRIS FREIRE: INTELECTUAIS E COMPROMISO
A orixe do concepto de “intelectual” no sentido contemporáneo da expresión atopámola no chamado “affaire Dreyfus”, o de aquel oficial do exército francés falsamente acusado de traizón, pola súa condición de xudeu, na ausencia de probas mais consistentes. Emile Zola, naquel intre no cumio da súa fama, escribiu un acertado alegato, o seu celebre “Eu acuso”, e conseguiu a adhesión dun elevado número de autores, os intelectuais, que viraron o sentir dunha sociedade “intoxicada” polas probas e argumentos amañados do antisemitismo gobernamental.

Desde entón o concepto non deixou de ser polémico e discutido. Os intelectuais, dalgunha forma os posuidores das verbas, estaban nunha situación inmellorable para intervir coas súas obras na vida social, e polo tanto política.

A pregunta central o respecto empezou por cuestionar o sentido desta intervención. Podían, como viña sendo dalgún xeito historicamente determinado, servir de apoio, xustificación e coartada dos detentadores do poder; ou, polo contrario, e isto era o que se esperaba dende a súa intervención no caso Dreyfus, críticos co poder, apoiando aquelas causas que o interpelaban, normalmente defendidas polos sectores máis afastados deste.

Que a historia da intervención dos intelectuais non foi a do progresismo social evidenciouse para todos aqueles que o quixeran ver, nomeadamente tras a publicación da obra de Julián Benda, “A traizón dos intelectuais” (La trahisión des clercs,1927), na que denuncia a falta de compromiso dos intelectuais coas causas que significaran avances históricos, e a súa dependencia do poder no seu afán da paralización histórica. Benda, mantiña que “Pódese dicir que, grazas a eles, durante dous milleiros de anos a humanidade practicou o mal, pero honrou o ben”.

O inesquecíbel Manuel Vázquez Montalbán, na estela da historicidade do aserto de Julián Belda, utilizaba a imaxe do escriba sentado, axenlloado diante do señor, esperando a súas ordes, na confianza de podelo compracer coa súa escrita. Na súa condición de escravo privilexiado o escriba non pode eludir a auto compracencia, que o pode levar a instalarse na súa “torre de marfil”, as costas da sociedade e os seus problemas. Nestas circunstancias pode ser que esqueza que é posuidor da linguaxe como instrumento, porén as verbas non lle pertencen, a significación é a convida polos señores e os bruxos.

Nembergantes as súas habelencias póñeno nunha situación semellante a de Prometeo. O escriba podía erguerse e roubarlle as verbas os poderosos, como Prometeo o fogo, para darllas os homes. A Historia ofreceunos, e aínda esta ofrecer, unha constante presenza de escribas sentados e ergueitos. Unha sucesión de meros reprodutores das formas de pensamento dominante, do status quo, e de especialistas en loitar pola liberación en calquera das facianas da vida social.

Se hai unha conclusión unánime a respecto de Manuel Lugrís Freire no 151 cabodano do seu nacemento e a da súa condición de escriba ergueito. Por enriba do seu gran valor como poeta, prosista, autor teatral, político e dinamizador cultural, erguese a altura moral, cívica, do seu compromiso.

Compromiso coa lingua, despois da fermosa epifanía que el mesmo narra con emoción, decátase que o compromiso central, xa non como galeguista, senón coma galego, pasa pola defensa da lingua minorizada, menosprezada. A mellor defensa entende que é a súa utilización, o seu uso en todos os ámbitos, en todos os aspectos da vida social e cultural, dos que fora expulsada polo seguidismo pailán dunhas clases dominantes, ignorantes do verdadeiro valor da lingua propia.

Este compromiso levouno a dar o primeiro mitin político en galego.

Compromiso coas xentes, non podía ser doutra forma en alguén que coñecía as facianas máis duras do cotián vivir, incluíndo a emigración.
Compromiso coa xustiza, nuns tempos nos que a maioría asoballada enfrontábase co poder político e relixioso, nos que a xustiza, o mellor dito a súa ausencia, era clamorosa.

Compromiso coa liberdade. Para un espírito libre como o de Lugrís Freire, a procura da liberdade era unha condición inescusábel. Demostrouno tentando facer libremente todo aquilo que libremente cría que tiña que facerse, coa lingua, a cultura, e o pobo galego no horizonte.

Manuel Lugrís Freire escolleu o compromiso ata o derradeiro alento. O seu pasamento, transido da dor, nos acontecementos quizais máis cheos de tristura da historia do noso país, son os dun home que optou por ser un escriba ergueito, disposto a entregarlle a lingua, a cultura, a quen era lexitimo propietario: a xente do común.


Xaime Rodríguez Rodríguez
Comentarios (0) - Categoría: Notas desde o meu Smartphone, de Xaime Rodríguez - Publicado o 22-02-2014 08:54
# Ligazón permanente a este artigo
SUÍZA COMO SÍNTOMA


Na Europa, a escala internacional só están organizados o crime e o capitalismo.
Kurt Tucholsky, 1927

“Queriamos democracia. O que conseguimos é o mercado de renda fixa”
Pintada polaca



Suíza foi historicamente, e volve a selo, un dos países de destino da emigración dos galegos. Sen chegar a acadar os carácteres case míticos dalgúns países como a de o Uruguay e nomeadamente Arxentina, a emigración ao país helvético ocupa un lugar destacado se falamos dos de destino da nosa emigración. Mesmo é digno de subliñar que a emigración a Suíza galega e a máis permanente, e a máis consolidada despois da procedente de Italia.

É por iso que consideramos oportuno falar dos resultados do referendo que sobre as limitacións da emigración acábase de producir no país helvético promovido polo populista Partido do Pobo, co triunfo, pola estreita marxe de 19.000 votos, iso si, dos partidarios da limitación. Aínda que como imos plantexar estes resultados móvennos a reflexións que van máis aló dos seus efectos sobre a nosa emigración ao país.

Retomaremos o relacionado coa Confederación Helvética, nome oficial de Suíza, co obxecto de analizar algúns dos datos históricos, económicos e políticos que nos permitan un coñecemento, aínda que lene, do problema emigratorio e a súas implicacións.

É evidente que, por moi escéptico que un poida ser coa importancia da situación xeográfica no desenvolvemento das historias nacionais, a ubicación de Suíza vai explicar parte da súa historia.

Da súa condición de país fronteirizo con estados tan fortes, e con tanto peso histórico como Francia, Alemaña, Austria e Italia, ven, con matices e puntualizacións que non desenvolveremos por cuestións de espazo, o neutralismo que lle ía permitir non verse involucrada nas dúas guerras mundiais.

Tamén en parte serve para explicar o seu desenvolvemento económico, que sen recursos naturais e sen una grande industria centrou a súa especialización no sector servizos, e dunha forma moi clara no sector bancario. O mecanismo diferenciador deste sector bancario especializado é o segredo bancario, garantido a través do artigo 47 da súa lei de bancos e caixas de aforros que data do ano 1934, e que prohibe expresamente a divulgación por parte das institucións financeiras de calquera información, bancaria ou non, dos seus clientes.

Foi esta condición da súa economía o quen facilitou o seu despegue ata chegar aos primeiros países en “renda per capita”. A atracción para a emigración foi una constante. A tercerización ía significar a creación dun emprego abondoso, e na meirande parte de baixa cualificación. A contribución desta emigración a riqueza do país helvético non pode ser discutida.

Aínda que non forma parte da U.E., Suíza, a Confederación Helvética, mantén estreitas relacións con ela. De feito, calculase que grande parte do seu comercio, preto do 60%, prodúcese con países da Unión Europea, nomeadamente con aqueles que son con ela fronteirizos: Alemaña, Italia, e Francia. As relacións inclúen tamén a circulación de traballadores, tamén de grande importancia cos países da U. E.

Non é de estrañar que a propia U.E. puxera o berro no ceo pola que entendía era una limitación “ao dereito da libre circulación de persoas”. O que resulta máis sorprendente, ou máis aínda un auténtico sarcasmo, é que esta declaración se produce nas mesmas datas nas que nun país da súa fronteira sur, en concreto España, quince subsaharianos morreran no seu intento de chegar “o seducinte paraíso da libre circulación de persoas”.

Estamos firmemente convencidos de que o vén de suceder en Suíza, debe entenderse como un síntoma, un máis, da tremenda deriva que se está a producir na vella Europa, nas condicións nas que funciona a U. E.

Porque esta reacción non deixa de ser unha resposta, tremendamente errada, iso está claro, ao predomino das forzas do mercado e das clases socias que o controlan, os menos, que están a asoballar aos que teñen unha presenza subordinada nel, os máis, a inmensa maioría. O ascenso do populismo non é senón unha resposta de determinados sectores das clases medias, e parte das clases populares que ante o predominio abafante do mercado, víranse para dentro, facéndose inimigos do outro, do estranxeiro, do emigrante.

Se non queremos que se volvan a repetir feitos sucedidos no noso continente nos anos trinta, nos que o ascenso do populismo derivou na chegada do fascismo, deberemos contestar unha pregunta: canto mercado pode soportar a democracia?
Suíza, dada a súa condición de paraíso das contas secretas, do fluxo de capitais internacionais sen control (só compre ver o destino dos fondos de persoeiros da economía de casino, das corruptelas, como o ínclito Barcenas ou os xestores da C.A.M.) é parte central do “fundamentalismo de mercado” que rexe na U.E.

Unha U.E. feita nos moldes dun neoliberalismo que esta enfrontado directamente coa preservación de dereitos cidadáns e sociais, resultado da loita social de xeracións de europeas e europeos, e non agasallo de ningún poder, relixioso, político e moito menos económico.

Volver a loitar polos dereitos fundamentais, políticos, laborais, civís e sociais semella a andaina que temos por diante todos nós pero por enriba de todo os máis novos. A vella Europa debe retomar o camiño dun progreso sen exclusións, na perspectiva do progreso do conxunto das nacións, nomeadamente as historicamente máis desfavorecidas. Ese é o verdadeiro sentido da globalización.

De non facelo así, os que hoxe rexen os nosos destinos, coa fe posta no omnipotente mercado seguirán a dicir co noso consentimento: “business as usual”


Xaime Rodríguez Rodríguez
Comentarios (0) - Categoría: Notas desde o meu Smartphone, de Xaime Rodríguez - Publicado o 16-02-2014 10:14
# Ligazón permanente a este artigo
CHALANAS NO SOTO
Temos asumido que falar do tempo, da meteoroloxía, é recorrente cando non hai cousas máis importantes das que falar. É por iso que acostumamos(ábamos) a facelo naquelas circunstancias que requiren temas lenes sen arestas, nos ascensores ou na consulta do médico, con xentes coas que non temos máis que unha relación superficial, como unha forma de “rachar o xeo”.

Hoxe, nembargantes, falar do tempo, da meteoroloxía, aínda que as veces do que esteamos a falar sexa do clima, estase a converter nunha conversa chea de preocupacións e de interrogantes. As contínuas perturbacións que se están a abater sobre o noso litoral, e o das comunidades do Cantábrico, son dunha banda preocupantes e doutra plantexan unha serie de cuestións que transcenden o asunto do tempo, da meteoroloxía, para entrar de cheo no eido do clima, e máis concretamente do cambio climático.

Este termo refírese en principio as “modificacións do clima con respecto ao historial climático a unha escada rexional ou global” prodúcese a diferentes escadas temporais e afecta a todos os parámetros meteorolóxicos.

A ciencia admite que estes cambios poden producirse tanto polas causas naturais como polas accións humanas. De tódolos xeitos, a meirande importancia que se lle dá ás accións humanas como desencadeantes dos cambios nos parámetros metereolóxicos (temperatura, precipitacións, presión atmosférica, etc) levou a que a Convención Marco das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático defina este exclusivamente en relación coas causas antropoxénicas, entendendo por cambio climático “un cambio no clima atribuído directa ou indirectamente a actividade humana que altera a composición da atmosfera mundial e que se suma á variabilidade observada durante períodos comparables.”

Os estragos que se están a producir polos continuos temporais, e por enriba de todos os orixinados polos os que os meteorólogos chaman “fenómenos costeiros” que inclúen a perda de vidas humanas, son motivos máis que evidentes de interese e preocupación.

Ademais, alomenos a nós, móvenos tamén a reflexión. As imaxes, abafantes e dunha beleza incrible o tempo, das onadas batendo sobre as rochas, os areais, os peiraos e aínda os edificios, fannos decatar das veces nas que as aspiracións, desexos e finalmente as actuacións humanas enfróntanse cos fenómenos da natureza, ca natureza mesma.

Non vou entrar, non teño a condición de experto e tampouco teño un curmán que o sexa, como o presidente Rajoy na súa versión negacionista do cambio climático, e aínda que o consenso da comunidade científica sobre o efectos das actividades humanas sexa hoxe xeral, nos efectos concretos da actividade humana nos parámetros meteorolóxicos, que inclúen a suba do nivel do mar, nunha medida na que as diferentes proxeccións difiren.

O certo é que podemos ver os efectos das ondadas en restaurantes, bares, discotecas, negocios de todo tipo, museos (como o da lura xigante, sen ir máis lonxe) e edificios de vivendas, nomeadamente nos sotos adicados a aparcadoiros.

Aínda que algúns deles gardaban unha distancia importante respecto a os límites costeiros, referidos sempre ao alcance da auga na preamar, (e que en todo caso deben facernos pensar no relativo dos devanditos limites), a maioría deles foran construídos mesmo na beiramar.

Semella que non damos aprendido das nosas experiencias. Vai ser verdade aquilo do home topando moitas veces no mesmo croio. Emendarlle a plana a natureza acostuma a ter consecuencias non por previstas menos preocupantes.

Nomeadamente cando polo medio anda a auga, doce ou salgada, da igual. Construír nos cauces de asolagamento dos ríos orixina perdas de facendas e de vidas cando hai crecidas. Do mesmo xeito, cando se constrúe nos conos de dexección dos regatos da conca mediterránea; no Agosto deste ano cumpriranse dezaoito anos da catástrofe do camping de Biescas, no Pirineo aragonés, na que morreu case que un cento de persoas.

As edificacións na beiramar máis extrema, ademais de outras consideracións que teñen que ver ca conservación da paisaxe, teñen resultados perniciosos como estamos a ver. As perdas ocasionadas teñen repercusións económicas, sociais e aínda ecolóxicas.

Xa que o noso sistema de vida semella atoparse nunha encrucillada, crise económica, social, ecolóxica e de valores, parece chegado o intre de reflexionar, analizar e empezar a tomar as medidas oportunas. Se as mareas, no chamado tren de borrascas, cicloxéneses explosivas incluídas, foron quen de facer chegar o mar máis aló do coñecido deica agora, máis aló do que lembran os máis vellos do lugar, como é costume dicir. Se, segundo mantén o conxunto da comunidade científica, o nivel do mar vai medrar considerablemente, non estamos no intre de empezar a tomar as medidas que palíen os efectos dos temporais costeiros no futuro?

Non se trata de poñerse apocalípticos, de poñernos dos nervios como sociedade. Tratase simplemente de tomar as medidas oportunas. Cos datos na man non semella que a mellor solución pase por seguir a construír na franxa costeira. Se queremos evitar consecuencias indesexables, debemos revisar a nosa teima por vivir metidos ca casa no mar. A natureza é tamén teimuda, e procura recuperar o que seu. Poñámonos de acordo ca natureza se queremos vivir cos sobresaltos xustos.

Porque a alternativa senón será a de adecuar os sotos hoxe adicados a aparcadoiro como amarres para botes, piraguas ou chalanas.


Xaime Rodríguez Rodríguez
Comentarios (0) - Categoría: Notas desde o meu Smartphone, de Xaime Rodríguez - Publicado o 10-02-2014 00:58
# Ligazón permanente a este artigo
A FILLA DO CARPINTEIRO

A verdade é que fai tempo que queriamos (e deberiamos) falar deste asunto. Para nós o fulcro do guindastre que iza os países, as nacións, os estados. Pero as noticias que se estaban a producir no seu entorno non eran as máis inspiradoras. A educación voltaba a ser no noso país o que, con contadas excepcións nunca deixou de ser; unha sorte de Cincenta, na que se podían levar a cabo proxectos alumeados polas ideoloxías dos responsables do asunto.

Nos últimos tempos as medidas tomadas polo inefable ministro Wert veñen a situar a Educación no ámbito dos privilexios na vez de dos dereitos.

Pero, o que son as cousas, dende o outro lado do Atlántico, dende A Gran Mazá, chégannos novas máis alentadoras. Que teñen que ver coa faciana máis nobre da educación, do ensino. Trátase do nomeamento polo novo alcalde demócrata de Nova Iorque da conselleira de Educación, Carmen Fariña.

O apelido de solteira desta muller é Guillén e está estreitamente ligada a nosa vila sadense: os seus pais sadenses de nación, tiveron, como tantos outros, que emigrar da nosa terra inmediatamente despois do golpe de estado que orixinou a Guerra Civil.

Por si mesmo esta sería outra das novas que de cando en vez nos falan dos triunfos dos nosos paisanos alén de Galicia. O realmente salentable é o concepto, a filosofía se nos poñemos estupendos, que da educación ten a nova Conselleira.

Para entendernos, está nas antípodas do pensamento “wertiano”; para Carmen Guillén trátase de estender a educación, a posibilidade de formarse, entre toda a poboación, nomedamente entre aqueles que teñen menos medios. Por exemplo, para financiar a extensión universal da educación preescolar vai poñer en marcha un programa a se financiar polos que teñen máis, concretamente polos que gañan máis de medio millón de dólares anuais.

É unha filosofía froito da súa experiencia como ensinante. Baséase nela a súa intención de potenciar o ensino das Humanidades, facilitando o acceso a cultura a todos os estudantes que deste xeito poderan acceder a museos, concertos ou representacións teatrais. Todo un proxecto de futuro para case que 2.000 colexios en toda a cidade.

Hai un aspecto da nova Conselleira de Educación neoiorquina que chamou a miña atención. Ela sempre fala da influencia do seu pai na súa teima ca educación. Este home, Adolfo Guillén, que en Sada era carpinteiro de profesión e de familia de mariñeiros, inculcoulle dende nena que o camiño dun futuro mellor pasaba pola educación. Nas xentes traballadoras de aquela época, anterior a chegada da República, isto foi unha constante.

Os sectores máis concienciados da clase traballadora fixeron todo o posible para fomentar a cultura e a educación entre as clases populares. Non estaban sós no empeño, do mesmo xeito os sectores máis progresistas da burguesía camiñaban xunta deles.

Xa no último cuarto do século XIX creábase a Institución Libre de Enseñanza da man dun feixe de catedráticos separados das súas cátedras por defender a liberdade de cátedra e opoñerse os dogmas oficiais morais, políticos ou relixiosos.

Orientada en principio o ensino universitario ampliou o seu campo a educación primaria e secundaria. A Institución Libre de Enseñanza ía desde entón a reclamar educación para todos e unha maior e mellor dotación para as escolas.

Coa chegada da Segunda República íase rexistrar o esforzo máis importante para dotarse dun sistema educativo que cubrira as necesidades neste eido do conxunto da poboación. É necesario dicir que a situación da educación en España era en verdade arrepiante. As taxas de analfabetismo, por exemplo, eran dignas dos países máis atrasados.

En termos absolutos para o censo do ano 1930, sobre unha poboación de 23.976.755 hab., había 209.341 semi-analfabetos e 10.024.939 analfabetos, cunha maior incidencia, case que o dobre, entre as mulleres.

Para paliar este e o resto de problemas dos que adoecía a Educación a Segunda República ía facer un esforzo no primeiro lugar na construción de escolas, despois na dotación dos alicerces para a construción dunha escola pública, laica e gratuíta.

Todo elo coa intención última de converter aos que se viñan considerando súbditos en cidadans. Neste sentido hai que considerar o que ía supoñer a creación do Patronato de Misiones Pedagógicas co propósito de “levar as xentes, con preferencia as que habitan nas localidades rurais, o alento do progreso e os medios de participar nel, nos seus estímulos morais e nos exemplos do avance universal, de modo que os pobos todos de España, aínda os apartados, participen das vantaxes e goces nobres reservados hoxe os centros urbáns”.

O pai de Carmen Fariña, de solteira Carmen Guillén, carpinteiro na súa terra sadense, foi quen de lle transmitir a súa filla os valores da escola republicana. Alá ao outro lado do océano, nun momento no que os valores da educación, publica, laica e gratuíta volven ser obxectivo dos que nos prefiren ignorantes, a filla do carpinteiro, inicia unha andaina baseada nos valores defendidos polas boas xentes, que aló no máis crú da historia do noso século XX, crían no progreso, nas luces da educación que ía facernos a todos máis libres.

Os xermolos do proxecto educativo da República están a dar os seus froitos, alén de España, da man da “filla do carpinteiro”. Nós non perdemos a esperanza de que no noso Estado se produza o necesario debate definitorio dun proxecto educativo que recolla os valores democráticos, laicos e populares da República. Un sistema educativo que sexa quen de garantir un ensino de calidade por enriba dos cambios políticos que se poidan producir.

Mentres tanto, felicitémonos pola proposta de Carmen Guillén. Ogallá, que dea os mellores froitos. O seu triunfo será o de unha educación ao alcance de todos, independentemente do seu nivel de renda.

Xaime Rodríguez Rodríguez


Máis sobre Carmen Fariña
Carmen Fariña a novo canciller escolar
Comentarios (1) - Categoría: Notas desde o meu Smartphone, de Xaime Rodríguez - Publicado o 03-02-2014 00:49
# Ligazón permanente a este artigo
DE QUE FALAMOS CANDO FALAMOS DE LIBERDADE INFORMATIVA
No ano 1988 o lingüista e activista social Noam Chomsky xunto co seu parceiro Edward S. Hartman deu o prelo un traballo fundamental para coñecer o papel dos medios de comunicación de masas máis aló do paradigma teórico liberal da liberdade de prensa. O libro que na súa edición orixinal en inglés levaba o título “Manufacturing Consent: The Political Economy of the Mass Media” traduciuse o castelán como “Los guardianes de la libertad” bastante menos explícito que o orixinal.

Neste libro, centrado nos medios de comunicación dos EE. UU pero aplicable cos correspodentes matices o resto de estados, os autores manteñen, mediante exemplos do tratamento polos medios de determinadas noticias, que os medios de comunicación nos EE. UU (substituíase aquí por España) son institucións ideolóxicas e festivas e poderosas que levan a cabo unha función propagandística das forzas do mercado que redundan e conforman un sistema de propaganda.

Os intereses empresariais e gubernamentais delimitan os temas, definen o tratamento das noticias, imprimíndolle un sesgo favorable aos seus intereses.

Un exemplo deste tratamento no noso Estado acabamos de velo en relación coas manifestacións populares no barrio burgalés de Gamonal.

Deixando de banda o exemplos máis evidentes, e directamente interesados, de manipulación, como o caso do diario burgalés (Diario de Burgos, o outro xornal da capital burgalesa, o Correo de Burgos é doutro construtor rival e colega do propietario do primeiro e implicado no caso Gürtel) pertencente o empresario que estaba detrás do gran negocio da construción do bulevar (e a concesión dun aparcadoiro privado), as informacións da meirande parte dos medios caracterizábase pola abstracción do transfundo social do movemento veciñal, quizais porque isto equivalería a ter que falar das conexións espurias entre o poder político e empresarial tan característica do actual “capitalismo de amiguetes”.

Polo contrario, fíxose dos casos de violencia rexistrados durante as manifestacións pacíficas referente informativo. As principais cadeas de televisón xeneralista, en mans de dúas grandes corporacións que pousen a maioría das canles, o que non semella fornecer o pluralismo precisamente, (en realidade sempre hai que ter moi presente quen son os donos da información no noso país, recomendo vivamente o blogue “La mirada del testigo” que nos ofrece un cadro sinóptico da propiedade dos medios no noso país) foron máis aló, e seguindo o mantido desde o Ministerio do Interior aseveraron que detrás de todo o movemento estaban “comandos itinerantes” alleos os veciños do barrio, inda que curiosamente os detidos pola policía eran todos de Gamonal. Este tratamento deuse tamén, o que sen dúbida é máis sangrante, nas cadeas de titularidade pública (a cadea estatal chegou a emitir imaxes de coches queimados que non se correspondían cos feitos de Gamonal).

Iso por non falar de quizais a maior estafa os consumidores de televisión a TDT (Televisión Dixital Terrestre), vendida como o futuro radiante da televisión é convertida, grazas a un sistema de concesións de frecuencias feito a medida dos grandes intereses económicos e políticos, en refuxio da chamada TDT Party, contedor das información máis sectarias, inxuriosas case que deica o delito, e difamatorias. Neste conglomerado chegouse a dicir respecto a Gamonal, como forma de sinalar unha delirante relación co entorno etarra, que non se queimaban os caixeiros das entidades vascas.

Deixando de banda a responsabilidade dos profesionais do sector, que están sometidos a presión engadida da crise dos medios de comunicación, a súa responsabilidade ante os seus lectores e/ou espectadores/oíntes, todos nós temos que ser conscientes da nosa responsabilidade particular como clientes dos medios de comunicación.

En primeiro lugar, abandonado a pasividade ante os medios, nomeadamente a televisión, facendo uso do potencial das novas tecnoloxías, das chamadas redes sociais, para facer valer o noso poder como consumidores, do mesmo xeito que facemos noutros ámbitos do consumo. É como consecuencia desto, esixindo unha maior pluraridade, obxectividade e veracidade das informacións, e asemede unha separación visíbel entre información e opinión.

Quizais deste xeito poderiamos facer imposible a emisión de programas televisivos que fan do morbo o alimento diario para telespectadores pouco esixentes. O tratamento dado o crime da nena Asunta, no que as mentiras, os infundios e as medias verdades, son subministrados en doses masivas por paneis de sedecintes expertos, é un claro exemplo de que o obxectivo fica moi lonxe de ser a información senón o espectáculo. Un espectáculo construído ignorando o respecto debido a vítima, a presunción de inocencia, o segredo do sumario e todo aquilo que a información veraz debe respectar.

Desgraciadamente é un xénero que ten xa tradición, inaugurado polo chamado crime de Alcasser, e que mantense porque ten audiencia, público que é receptor pasivo do barullo mediático.
Debiamos ter presente como di o experto en medios Walter Lippmannque “Podemos tener la certeza de que en el ámbito de la vida social, lo que se denomina adaptación de los individuos al entorno tiene lugar mediante ficciones. Cuando decimos ficciones no queremos decir mentiras, sino representaciones del entorno que en mayor o menor grado son obra de los individuos. La ficción cubre toda la gama, desde la alucinación pura al empleo plenamente consciente de modelos esquemáticos por parte de los científicos e incluso su decisión de que con respecto a un problema en particular, la exactitud más allá de un número determinado de decimales carece de importancia. Las ficciones pueden tener casi cualquier grado de fidelidad. Lo importante es tenerlo presente, para evitar llamarnos a engaño.”

Se temos en conta que os medios de información son os principais xeradores de ficcións e estereotipos, si consideramos que estes estereotipos veñen determinados polo sistema de propaganda, se procuramos completar, corrixir e inda cuestionar o difundido polos medios estaremos en disposición de conseguir unha información libre e veraz.


Xaime Rodríguez Rodríguez
Comentarios (0) - Categoría: Notas desde o meu Smartphone, de Xaime Rodríguez - Publicado o 25-01-2014 01:32
# Ligazón permanente a este artigo
OS FINANCIEIROS XOGAN O PADEL
Desde o seu discutido e disputado nacemento histórico, (xogos similares de pelota víñanse facendo en diferentes culturas e civilizacións desde o século III A. C, inda que os máis semellante xogáronse durante a Idade Media tanto nas Illas Británicas, polo ano 1170, como en Francia e en Italia, onde practicábase un xogo chamado calcio por enriba de todo en Florencia, unha variedade do fútbol medieval máis organizada e menos violenta que a practicada nas illas), deica o indiscutido xurdimento do fútbol moderno na Inglaterra de mediados do XIX , e máis nomeadamente no ano 1863, data da creación da Football Asociation e das primeiras regras do deporte do balón pé, este deporte sinxelo e colectivo, de equipo, converteuse no predilecto das crases populares de todos os países os que se foi estendendo desde o seu berce na industriosa e industrial Albión.

As razóns da súa popularidade hainas que procuralas na súa sinxeleza. De feito, nos casos máis extremos pódese montar un partido de fútbol a partires de escasos elementos. Chega un espazo máis ou menos grande, o seu tamaño vai variar en función do número de xogadores, que non ten que ser nin tan sequercha, e moito menos ter herba.

As porterías improvísanse ca roupa dos xogadores que fan de barróns. Deica o balón pódese improvisar, nas épocas onde ter unha pelota, non digo xa un balón de regulamento, era bastante menos doado que hoxe, podían valer uns farrapos os que se lle daba unha forma máis ou menos esférica. No tocante as regras respectábanse máis ou menos as fundamentais, non tocar o balón cas mans se es xogador de campo, por exemplo. Hoxe en día pódese practicar, pola abundancia de medios, de xeito moi similar o profesional, se hai un numero de xogadores que faga posible a confección de dous equipos, non digo onces de propio.

Do mesmo xeito, a popularidade do fútbol explica o seu innegábel carácter de aglutinador de identidades, de fomentador dun certo xeito de integración social. Polo tanto non andaba errado Eduardo Galeano cando dicía no seu libro El fútbol a sol y sombra “O club é a única cédula de identidade na que cree o seareiro. E en moitos casos, a camisola o himno e a bandeira encarnan tradicións entrañábeis, que exprésanse nas canchas de fútbol pero veñen do fondo da historia dunha comunidade”. No mesmo sentido, e indo varios pasos máis aló, o historiador marxista Eric Hobsbawam di que o atractivo global do fútbol cimentase no seu atractivo nacional. Deixando de banda, polo de agora, o problema da magnificación da identidade e as derivas violentas que poden producirse prol do fútbol (xa se sabe, “hooligans”, “barras bravas”, “guerra do fútbol” etc, etc), a súa popularidade máis este seu carácter de agromador de identidades explica a proliferación de clubs de fútbol; cada rueiro, barrio ou pobo ten o seu, nun país onde a sociedade civil ten pouca tradición asociacionista. O club, o equipo, ademais de popular pertenza a toda a comunidade, e toda a comunidade pertenza, dun ou outro xeito, o club, o equipo.

A profesionalización do fútbol, que podemos dicir é unha consecuencia lóxica da súa popularidade, non afastou a xente do seu seguimento. Durante moito tempo os xogadores profesionais, imbricados cas súas comunidades eran pouco menos que heroes, dos que se celebraba inda a súa marcha a equipos máis grandes, normalmente a os clubs representativos das grandes cidades, que tiñan un numero de seareiros/socios que permitíanlles facer estas fichaxes. Inda deste xeito a xente continuou a considerar o fútbol como cousa súa.

A situación empezou a cambiar, (e tamén imos deixar de banda a utilización política do fútbol, por enriba de todo polos réximes autoritarios, polas ditaduras), do mesmo xeito que a sociedade toda na súa relación ca economía no momento que o economista Paul Krugman chama “ a grande diverxencia”, aló polos mediados dos setenta no que se vai iniciar a deriva hacia o predominio da ideoloxía neoliberal, da prevaleza total (e global) do mercado cuxas consecuencias estamos a aturar.

E en esas estamos. Os clubs de fútbol pasaron a ser cada vez máis elementos do sistema de mercado. Xa que logo, como xa ten dito outro grande economista heterodoxo, Karl Polany, o predominio do sistema de mercado marcou a autonomía da economía, imbricada deica entonces nos feitos e as relacións sociais, na sociedade mesma. A economía e non a sociedade foi desde entón a que marcou as regras sociais.

O fútbol esta hoxe nas mans de xentes con unha visión economicista, financeira dos feitos sociais.

No noso Estado, por exemplo, os casos de directivos, dirixentes e propietarios de clubs relacionado co“ladrillo” son dinos de estudio. No contexto global unha parte importante dos clubs pasaron as mans ben de magnates rusos ou árabes, ben o poder dos fondos de inversión. Se a isto sumámoslle os intereses das grandes corporacións propietarias dos medios de comunicación, que as veces coinciden cos grupos propietarios dos clubs, podémonos facer unha idea da magnitude dos intereses económicos en xogo. A estes intereses no so alleos os propios xogadores por exemplo atraveso das súa conexión cas empresas de material deportivo vía publicidade.

Desta ecuación someramente enunciada están excluídos os espectadores, o único papel que estalle reservado as clases populares. O proceso de alienación destas respecto o fútbol resulta moi semellante o descrito por Marx en relación co traballo. Unha das realidades deste proceso de alienación é o escaso papel que teñen hoxe por hoxe os espectadores en relación cos horarios dos partidos, determinados pola coincidencia de interese entre os clubs e as cadeas de televisión.

Pódese dicir sen exaxerar que tal como esta plantexado o negocio futbolístico este podería prescindir dos espectadores en directo, da xente que vai os estadios. Os ingresos pola venta das entradas, incluíndo os dos socios e/ou abonados representan unha parte cada vez menos importante dos ingresos por todos os conceptos.

Non é de estrañar polo tanto que de cando en cando álcense voces desde mesmo o entorno do fútbol, voces que veñen a evidenciar a realidade que aquí mantemos. A derradeira destas é a de Angel Cappa, adestrador arxentino afincado en España que ven de declarar que “o neoliberalismo quitoulle o fútbol a xente e deullo o negocio”, para engadir máis adiante na mesma entrevista, “o negocio esta a facer co fútbol o mesmo que co resto de traballadores”.

Porque esta é a realidade: os novos amos do fútbol están en interesados nos negocios. Como deportes, acostuman a preferir, segundo mostran os medios de comunicación a caza, igualiño que o noso monarca, o golf, e os coches deportivos de alta gama (si, xa sei que non é un deporte).
Definitivamente, os financeiros xogan o pádel. O balón de regulamento é cousa da plebe.


Xaime Rodríguez Rodríguez
Comentarios (0) - Categoría: Notas desde o meu Smartphone, de Xaime Rodríguez - Publicado o 17-01-2014 12:07
# Ligazón permanente a este artigo
CIVILIZACION
Hai case que 60.000 anos o homo sapiens iniciou unha viaxe que o ía a levar desde o Gran Rift Valley en Etiopia deica a Terra de Fogo ala por Chile na punta mais meridional de América do Sur, onde os nosos ancestros despois de percorrer tres continentes atoparon a última fronteira continental.

Foi precisamente alí, no Gran Rift Valley, (unha gran fractura xeolóxica de aproximadamente 4.830 quilómetros de lonxitude, que abarca desde Yibuti a Mozanbique, na dirección norte-sur), onde a ruptura do continente africano que é o gran val, explica a sequidade do este do continente en relación co oeste, e o xurdimento da sabana que o tempo propiciou que os simios arboricoras baixaran a terra dando deste xeito orixe os homínidos.

Cando aqueles primitivos ancestros nosos, os homo sapiens, apenas uns centenares, abandonaron o continente orixinal non só para dirixirse os con fins de Américas e non ademais o corazón de Europa do propio continente africano e de Oceanía, deron forma as nosas calidades máis prezadas, desde a linguaxe complexa deica o xenio para a innovación tecnolóxica, ocupando no, insignificante en termos xeolóxicos, espazo de 2.500 xeracións toda a terra habitable, incluíndo o seus últimos currunchos.

Non é exaxerado dicir que estes primeiros nómades, na súa primixenia gran viaxe deron forma a meta común para toda humanidade: o proceso civilizatorio. Podemos seguir a súas pegadas a traveso das fitas que foron deixando na súa longa viaxe. Cos rexistros fósiles atopados e coa axuda dunha nova disciplina a “xenografia”, que analiza o ADN das poboacións vivas para así ver as mutacións útiles para seguir as antigas grandes diásporas, nos é dado seguir a suas pegadas que nos levan primeiro o Oriente Próximo, de alí atraveso de Asia a Xina, despois Siberia, a Alaska, pola ponte terrestre existente hai uns 12.000 anos en Shishmaref e finalmente o extremo sur do continente americano, a chilena Terra de Fogo.

Podemos dicir entón que estas terras africanas son o berce da humanidade. Os que iniciaron a gran viaxe crearon no seu percorrido a pluraridade étnica dos nosos días. O final, ao traveso de milleiros de anos, desta andaina atopábase o logro humano máis prezado: a Civilización.

Hoxe, estas mesmas terras que viron os primeiros desprazamentos na procura de horizontes máis ambiciosos para toda a Humanidade son testemuñas dunha nova diáspora, no momento histórico no que se producen os movementos migratorios máis importantes, dunha nova viaxe sempre o Norte, na procura dos países occidentais, paradigma do proceso civilizatorio triunfante.

Os novos camiñantes na procura do seu futuro, desde os países do profundo Subsahara deixando as súas pegadas atraveso das sendas trazadas polos nosos comúns ancestros, quizais as marcas humanas máis antigas do mundo, son os famentos, os pobres, as vítimas dun clima hostil, os fuxitivos das guerras (dos “conflitos de baixa intensidade” na linguaxe xornalística/ diplomática) que desangan o continente.

O final do camiño, aqueles que conseguen remátalo e non morren de fame, sede ou rematan nas mans das policías dos países da península Arábiga (segundo a ONU polo menos 100.000 deles intentan crúzala cada ano) vanse atopar co que se supón a versión máis avanzada da Civilización, aquela meta conquistada polos primeiros camiñantes da nosa humana estirpe común.

Comprobaran nas súas propias carnes que os homes civilizados son capaces de facerlle os seus conxéneres cousas que se supoñían anteriores e propias das épocas primitivas. Iso si dándolle un sesgo retórico que non estaba o alcance dos homínidos. Deste xeito, comprenderán, porque así o di o home civilizado, que os CIE (Centros de Internamento de Extranxeiros) non son como semellan cárceres con outro nome, senón “residencias temporais preparatorias para súa futura reubicación” . Tamén entenderán que as “concertinas” que coroan os valados que os separan do paraíso non son (como podían selo tendo nome de doce instrumento musical) armas brancas que poden producir feridas graves senón “elementos pasivos de disuasión”.

Van comprender deste xeito que a longa viaxe emprendida desde a súas terras polos nosos ancestros comúns inda non terminou. Que a viaxe ten que continuar na procura da Civilización.


Xaime Rodríguez Rodríguez
Comentarios (0) - Categoría: Notas desde o meu Smartphone, de Xaime Rodríguez - Publicado o 12-01-2014 00:37
# Ligazón permanente a este artigo
ECONOMÍA DE CASINO
“Cando o desenvolvemento do capital dun país convértese nun subproduto das actividades dun casino, é probábel que a tarefa se realice mal.”(John Maynard Keynes, Teoria Xeral do Emprego, o Interese e o Diñeiro,1936)


Cantas veces unha nova nos medios de comunicación fainos caer nas redes evocativas da sétima arte. Por moi pouco cinéfilo que un sexa sempre existen referencias fílmicas que evocan os asuntos, a temática, suxerida polas noticias.

Hoxe, en relación cunha nova amplamente comentada nos medios de comunicación, viñéronme a memoria non unha, senón unha morea de películas. En primeiro lugar, Casino, película dirixida polo grande Scorsese e cuxo protagonista é o non menos grande De Niro. A película, (a quinta da historia do cine na que máis se pronuncia a palabra “fuck”, nada menos que 398 veces ), baseada na vida de Frank Rosenthal, un experto en apostas deportivas , a o que a Mafia encargoulle a xestión de casinos da súa propiedade nas Vegas, conten altas doses de violencia, e pon en evidencia que no entorno do xogo non semellan medrar os máis nobres sentimentos, pero por enriba de todo, que tras a perda do poder da Mafia sobre os casinos esta foi substituída polas grandes corporacións que os financian a través de bonos de “valor especulativo” e decir de “bonos lixo”.

Tamén, lembreime de Bugsy de 1991, unha película semi-biográfica, protagonizada por Warren Beatty, sobre Benjamin “Bugsy” Siegel.

Pero ocorreu que a partires dela, como cereixas collidas dunha cesta, empezaron a xurdir películas e inda series televisivas nas que sale, dunha forma ou outra a figura de Siegel. Entre elas, Érase unha vez en América de Sergio Leone ou a serie Boardwalk Empire. Bugsy Siegel, compoñente do grupo do crime organizado de Meyer Lansky e Lucky Luciano foi o principal pioneiro na creación das Vegas, abrindo o primeiro dos complexos “integrados” (como gustan de chamar na neo-lingua dos neoliberais) o famoso “Flamingo”. Como o seu desempeño na xestión non foi do agrado dos seus socios, foi liberado das súas obrigas mediante unha sesión de tiro na que el fixo, contra a súa vontade, de branco. Unha modalidade de finiquito que non sei, espero que non, se esta prevista na nova reforma laboral.

Non é difícil adiviñar que a nova en cuestión, a que espertou as lembranzas cinéfilas, ten que ver co crimexogo organizado a gran escada, que xuirdiu máis ou menos en paralelo a creación (no medio da nada) da cidade das Vegas, Nevada, USA. Hai polo tanto en dita noticia unha relación cos tugurios industriais, nada que ver cos Casinos que empezaron a funcionar no noso Estado tras o franquismo nin, por suposto, cas timbas máis ou menos clandestinas que séguense a organizar.

Pero estas películas de temática ludópata- gansteril non pechaban as reminiscencias ceibadas pola noticia.

A que viña a pechar o circulo dos suxerimentos o que a nova, como a madalena de Proust, abocoume. Tratase da película de Berlanga, do ano 1953, Benvido mister Marshall. En ela, un pobo do noso Estado, na película Villar del Río,alporizase e preparase para recibir os americanos dos USA, que seica viñan a repartir cartos, e benestar, a crear postos de traballo. Os esperados pasan de largo.

Frustráronse os traballos, a preparación e a simulación ( para mellor atraer a atención dos venideiros, e facer xustiza o “typical spanish”, simulan ser dun pobo andaluz, nas veces do pobo castelán no que vivían) deixándose de paso algo da sua dignidade.

O publicitado, e esta é a nova da que vimos falando, faraónico e megalómano proxecto de Eurovegas, que ía a vir da man do xudeo- americano Sheldon Adelson xa no se vai facer realidade. Como na película de Berlanga os estadounidenses pasaron de largo. Pero a diferenza da película,despois de deixar espidos os nosos políticos, dispostos a facer case de todo , incluso modificar leis que teñen relación ca saúde pública, con tal de poder dispoñer dun complexo con todas as características dos negocios de “Bugsy” Siegel e Frank Rosenthal, pero multiplicado por catro.

A aposta por unha política económica de casino, é dicir, a economía meramente especulativa, ven sendo unha constante no noso país. Tras da febre dos parques temáticos, que ían ser pouco menos que a panacea universal (Onde están e en que condicións a maioria deles?), entrouse na fase dos grandes complexos de “resorts” nos que cabían hoteis, casinos, campos de golf e “tuttiquanti”. Xa pasou algo parecido, entre outros, co complexo Gran Scala, en Ontiñena, Osca. Despois de facer unha lei a medida dos supostos inversores, de vergoña para os políticos aragoneses, ninguén se presentou na fase final, a de poñer os diñeiros para a compra dos terreos. Outra vez, mister Marshall pasou de largo.

A miopía, a cortedade de miras, pero por enriba de todo, a cobiza, a dedicación “full time” a cultura do “pelotazo”, seguen a ser as características da economía no noso país, instalada na práctica do que chamase “capitalismo de amiguetes” (o que non entenda a que se refire esta expresión, só ten que ler os e-mails de Blesa, que estanse a publicar nos xornais). Deste xeito, facendo terreo ermo da economía real, expúlsanse os mellores preparados dos nosos mozos, mentres, os que aquí fican non teñen outro obxectivo que esperar un traballo, nun país, con todo o respecto a tan digno oficio, de camareiros. Iso, se algunha vez, míster Marshall ou míster Adelson deciden non pasar de largo.

Mentres tanto cantaremos o pasadobre que cantaba a recen falecida Lolita Sevilla na película de Berlanga, e cuxo estribillo dicía así:

“americanos
vienen a España
guapos y sanos,
Viva el tronío
de ese gran pueblo
con poderío,
olé Virginia,
y Michigan,
y viva Texas que no está mal,
os recibimos
americanos con alegría,
olé mi madre.
olé mi suegra y
olé mi tía “


Xaime Rodríguez Rodríguez

Comentarios (0) - Categoría: Notas desde o meu Smartphone, de Xaime Rodríguez - Publicado o 19-12-2013 18:02
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2 [3]
© by Abertal