A. C. Irmáns Suárez Picallo - Sada


Este blogue nace co obxecto de difundir a actividade da A. C. Irmáns Suárez Picallo, así como de recuperar e por a disposición do público diversos materiais de interese sobre o noso pasado,ao tempo que damos a coñecer os artigos escritos por Ramón Suárez Picallo e outros autores sadenses.
Estruturamos o blogue en varias seccións, nas que terán cabida noticias de actualidade sobre as nosas actuacións, artigos, textos históricos, fotografías...


Visitas (desde o 05/08/2010)





Únete a nós!
comisionsuarezpicallo@gmail.com
 CATEGORÍAS
 GALERÍAS FOTOGRÁFICAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGUES GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

A INFAME GUERRA




“Porque sabedes tan ben coma nós que a cuestión da xustiza, tal como van as cousas no mundo, formúlase entre os que son iguais en poder, mentres que os fortes fan o que poden e os débiles sofren o que deben.(…) Estamos aquí polo ben do noso imperio e o que imos dicirvos é para a salvación do voso país, porque queremos exercer o noso dominio sen causar trastorno algún e que vos salvedes, tanto polo voso interese coma polo noso.”

TUCÍDIDES. Historia de la guerra del Peloponeso



Para que as cousas fiquen claras dende o principio, e non semellar inxenuo de toda inxenuidade, e inda parvo, vou principiar esta reflexión sobre a actual situación de Iraq cunha cita do apóstolo da “racionalidade”, Max Weber, referido a concepción cristiá da guerra: “A contradición entre a prédica da fraternidade dos compañeiros e a glorificación da guerra contra os de fóra non acostuma ser moi decisiva nunha desvalorización das virtudes guerreiras, pois o rodeo salvador foi a distinción entre guerras “xustas” e “inxustas”, un produto farisaico descoñecido pola antiga e auténtica ética da guerra”. Desta cita pódese concluír doadamente que aplicar os conceptos da xustiza ou a falta dela nas guerras e unha tremenda inxenuidade porque en definitiva todas as guerras están relacionadas co poder e os intereses de quen o teñen (na maioría das veces por delegación dos que son os auténticos posesores do poder).

E nin tan sequera a sanción de “inxusta” da invasión por un organismo coma a ONU, -que en contradición cos seus principios rematou por ser, na opinión do noutrora axudante dun secretario xeral da mesma, “destinxida imitación de Estado”- foi quen, coma os feitos testemuñan, de impedir unha guerra decretada polo Estado que ven xogando o papel de “xendarme internacional” co apoio explícito dalgúns outros no vergoñento papel de “palmeros” do auténtico centro do poder.

Polo tanto haberá que facer unha crítica tomando en consideración a actual situación do pobo iraquí, tras unha guerra infame baseada en argumentos falsos e na utilización de falsas probas construídas para “xustificar” a intervención. Dende esta perspectiva a famosa foto do “ trío das Azores”, (que en realidade era un cuarteto se contamos a Durão Barroso, un político que está a se converter no paradigma das desfeitas dunha clase política que hai tempo perdeu o norte) hai que vela coma unha indignidade digna de figurar nunha borgiana Historia Universal de la Infamia.

Pois ben, hoxe en día Iraq, o país situado no que no seus días foi considerado un dos berces da civilización, atopase sumido nunha salvaxe guerra sectaria, con milleiros de vítimas a meirande parte delas producidas en atroces circunstancias.

A aparición na escena, inda que non recente pois a creación data de poucos anos despois da guerra, do chamado Estado Islámico en Iraq e Siria (ISIS nas súas siglas en inglés) que esta dominar moitas cidades no Norte do país e que lanzou un ataque sobre a maior refinería do país e asemade tomou a cidade de Bakuba a só 64 quilómetros ao norte de Bagdad, intensifica o conflito deica limites perigosísimos.

Dez anos despois da invasión, é dicir, a altura do ano 2013, Iraq ocupaba a novena posición no “ranking” dos “estados fracasados ou falidos” consecuencia sen dúbida da actuación sectaria do primeiro ministro Nuri al-Maliki, electo inda que a coalición que dirixe só alcanzou unha terceira parte dos escanos (93 sobre 328) no parlamento. Hai que dicir que Maliki foi o candidato proposto pola CIA.

Dende a súa chegada ao poder e a masacre posterior -o atentado sunnita no santuario xiíta de Samarra- a violencia non deixou de medrar. A caza de sunnitas polos escuadróns da morte foi unha auténtica limpeza étnica, deica tal punto que a poboación sunnita en Bagdad minguou nunha alta porcentaxe.

A realidade do Iraq actual é a dun país asolagado por unha guerra sectaria de todos contra todos: xiítas, sunnitas e kurdos. Mentres tanto os que levaron o país a esta situación lávanse as mans, coa excepción do recalcitrante Tony Blair, teimudo na súa xustificación da guerra. Que lles dirá a conciencia aos deputados do PP que votaron favorablemente a intervención de España nun conflito maioritariamente rexeitado pola poboación?

Porén, esta guerra, coma todas, debe ser entendida na clave da xeo-estratexia. Nun interesante artigo, Irak,23 observaciones sobre la nueva guerra líquida de EE.UU, Nazanin Armanian, suxírenos as causas últimas da realidade iraquí. A confrontación actual polo control do gas, a imposibilidade de que a produción petrolífera en Iraq chegue aos 12 millóns de barrís, o interese do Pentágono en trocar o conflito palestino-israelí nun conflito sunnita-xiíta son algunhas das explicacións dun conflito que non obstante na opinión de moitos expertos pódese converter nun segundo Vietnam para o imperio estadounidense.

Deste xeito son as guerras, os poderosos coa axuda inestimábel dos acólitos voluntarios son os que deciden cales son os pobos aos que lles vai tocar sufrir.

Polo ben do imperio.


Xaime Rodríguez
Comentarios (0) - Categoría: Notas desde o meu Smartphone, de Xaime Rodríguez - Publicado o 06-07-2014 23:53
# Ligazón permanente a este artigo
NOVAS DE NERUDA
“Achan vinte novos poemas de Neruda” (nos xornais)

Ricardo Eliecer Neftalí Reyes Basoalto, o que fora coñecido coma Pablo Neruda, (o nome por el elixido, non se sabe ben se na honra do escritor checo Jan Neruda ou en lembranza do personaxe da novela Estudio en Escarlata, de Arthur Conan Doyle) foi un poeta sublime, adxectivo este que a RAG reserva para persoa “que chegou a un nivel moi alto na escala de valores estéticos ou morais polas súas obras ou a súa conduta”, unha auténtica referencia para milleiros de lectores en todo o mundo. Na miña xeración alomenos as súas obras eran lidas con verdadeira devoción, de feito, o seu libro “Veinte poemas de amor y una canción desesperada” foi un devocionario para tódolos que estábamos a descubrir os desacougos e as doces ledicias das amorosas lides.

Ademais da opinión dos lectores comúns, outros con máis títulos falaron del e da súa obra. O recentemente falecido Gabriel García Márquez dixo del que era “o máis grande poeta do século XX en calquera idioma”, porén coma os dous eran xentes de esquerdas, e aos badocos, e sobre todos os imbéciles e escuros do noso himno, isto parécelles tacha dabondo para poñer baixo sospeita tanto o eloxiador coma o eloxiado, farei unha cita de autoridade que deixe sen argumentos os habituais “cazadores de bruxas”.

O mesmísimo Harold Bloom, un “gurú” da crítica literaria, prestixioso, inda que na miña opinión un pouquiño fachendoso tanto coma “teoloxicamente” dogmático, deixou dito de Pablo Neruda “ningún poeta do hemisferio occidental do noso século admite comparanza con el”, ademais de consideralo un dos vinte e sete autores centrais do canon da literatura occidental de tódolos tempos. Vindo do autor dunha debatida obra que leva precisamente por título O Canon Occidental, na que pretende definir o conxunto de autores e obras que conformarían o canon (segundo Harold Bloom) coido que debe ser tido en conta por todos, incluídos os cazadores de bruxas, excepción feita dos antisemitas que non lle van perdoar a condición de xudeu de Bloom.

É coñecida, escribiu unha Oda a Walt Withman, a influencia do poeta norteamericano nunha parte da obra nerudiana, por enriba de todo nos seus Canto General e Residencia en la Tierra, nas que coma dixo o periodista italiano Ramuccio B. Bandinelli é perceptíbel o “alento universalista e o amor profundo polo continente americano” do autor de Follas de herba.

Inda que hai que dicir que no conxunto da obra de Neruda esta influencia queda diluída polo transcurso dos cincuenta anos de experimentalismo poético, ben absorbido polo chileno, que separan a obra dos dous autores.

En realidade, a poesía de Neruda recolle a influencia da andaina dos poetas durante milleiros de anos, coma di o escritor soviético Illa Erehmburg, “tras ela está a tentación dos séculos: Quevedo e Góngora, Butler e Rimbaud, Whitman e Mayakowsky”.

Neruda foi comunista, membro do Partido Comunista Chileno, xunto a outros dous poetas chilenos: Pablo de Rotka e Vicente Huidobro. Foi tamén amigo da España republicana, esta amizade coa causa do republicanismo levouno a escribir España en el corazón.

De feito, o compromiso co republicanismo, ao tempo que a súa adhesión o comunismo no ano 1935 ía imprimir un xiro político e social á súa obra, consecuencia da evolución da súa poética tras Residencia en la Tierra, podéndose desbotar tanto a súa “conversión poética” coma as presións externas coma causas deste novo xiro, en realidade evolución, na súa obra.

No ano 1971, foille concedido o Premio Nobel de Literatura. O que é menos coñecido foi o ocorrido coa súa candidatura a dito premio no ano 1964. A súa candidatura frustrouse este ano pola intervención do autodenominado Congreso pola Liberdade Cultural, un organismo auspiciado pola CIA co obxectivo de frear a influencia soviética neste eido.
Dende o momento mesmo no que se coñeceu, inda que neses intres extraoficialmente, a súa candidatura, preparouse un informe para desprestixiar o poeta chileno. Na confección deste informe xogou un papel importante Julián Gómez García Gorkin, (paradoxos da vida, este seu apelido de “guerra” é unha homenaxe aos seus admirados Gorky e máis Lenin) un antigo militante do partido de orientación trotskista POUM (Partido Obreiro de Unificación Marxista) e membro activo do Congreso pola Liberdade Cultural. Rematou a súa existencia coma militante do PSOE, no ano 1987, e incondicional, non podía ser doutro xeito, de Felipe González Márquez.

O noso paisano Salvador de Madariaga, liberal e europeísta case que por antonomasia, ía ter unha papeleta no caso. Solicitada a súa intervención por un dos dirixentes do Congreso, Michael Josselson, coñecido axente da CIA, Madariaga, patrón de honra do mesmo nesas datas, contestou nunha carta dun cinismo quintaesenciado, “Estocolmo saberá dar unha resposta sinxela e impecábel; xa se concedeu o Nobel a poesía chilena na persoa de Gabriela Mistral. Iso é o importante. E a política non ten nada que ver”. Ou dito doutro xeito, que semelle un accidente!

O premio Nobel dese ano foi parar as mans (inda que coma imos ver isto é só unha forma de falar) de Jean-Paul Sartre, o que sen dúbida non foi unha boa noticia para os integrantes do Congreso, inda máis se temos en conta que a súa negativa para recollelo foi primeira plana en tódolos recunchos do mundo.

É precisamente pola súa grandeza como poeta, deixando de banda o seu carácter de home comprometido, mesmo co goberno da Unidade Popular no Chile de Salvador Allende do que foi embaixador en París deica pouco antes da súa morte, que o achado de novos poemas é tan importante. Certo é que os inéditos en Literatura poden ter diversas orixes, nalgúns casos o rexeitamento do propio autor, porén inda así da altura poética de Neruda non cabe esperar senón o mellor.

En todo caso de seguro vainos servir para facernos máis levadío o perpetrado, esta vez en verso, por un antigo alcalde, que tamén se atreve coa prosa, moi partidario de alcumar, como bo cazador de bruxas, de bolxevique a todos aqueles que pensan, (o que referido a el é licenza poética), de forma diferente a el, non sei se dende a súa posición de menxevique ou sinxelamente dende unha paranoia non tratada.


Xaime Rodríguez
Comentarios (0) - Categoría: Notas desde o meu Smartphone, de Xaime Rodríguez - Publicado o 21-06-2014 20:54
# Ligazón permanente a este artigo
NON O ESPEREDES A TITO

Posiblemente cando esteades a ler isto, todos nós, practicamente sen excepción, teremos a nosa atención posta no televisor, para ver ese xogo do que tanto gostamos, e que non é precisamente o que se refería Serrat nunha das súas cancións máis coñecidas.
Porque non vou falar de sexo, hoxe polo menos, inda que algún día ten que tocar. Imos falar de fútbol co motivo da celebración do Mundial de Fútbol de Brasil. O pretexto non podía ser máis adecuado, porén non esperedes asisadas análises sobre os posibles gañadores, sistemas de xogo, tácticas ou estratexias. Doutores din que ten a Santa Nai Igrexa e coido que no fútbol abondan inda de máis.
Eu do que quero falar é da distancia meirande cada día entre as figuras do balompé e os seus seareiros, unha grande eiva, na miña modesta opinión, nun deporte que sempre foi popular grazas precisamente a súa sinxeleza e a grande proximidade entre os practicantes, inda os mellores, e os espectadores sen máis. Porén inda que a miña opinión sexa modesta no quere dicir que non a compartan xentes entendidas no fútbol.
O outro día na televisión, e dende o berce do fútbol moderno, Gran Bretaña, alguén que coñecía o pano dicía referíndose a grande distancia entre os xogadores e os seareiros de hoxe en día, que nos noventa inda era posible que un xogador que acabara de retirarse puidera poñer un quiosco, porque, engadía, “inda tiñan vida” referíndose sen dúbida a que estaban integrados na comunidade.
De seguro que eses problemas de distancia coa afección tampouco os tiñan por exemplo os integrantes da mítica Orquestra Canaro, Oswaldo, Corcuera, Franco, Moll e Tino, que formaban a dianteira do Dépor dos principios dos cincuenta, que quedou subcampión da Primeira División, e que recibían ese nome en honra dunha coñecida, e moi boa, orquestra de baile da época.
Matinando isto veume o outro dia a lembranza do conto de fútbol, do mestre arxentino deste xénero Eduardo Sacheri, Esperándolo a Tito.
Neste conto, que polo demais e un auténtico canto a amizade, os integrantes dun equipo de barrio, nas vésperas dun”clásico” que os enfronta a outro equipo de barrio, o adversario de sempre, de aí o de clásico, co que levan tendo malos resultados na última década, agardan deica o momento mesmo do partido, entre o escepticismo e a esperanza, que un antigo integrante do equipo, hoxe figura do balompé a xogar en Europa, responda o chamado dun dos integrantes do equipo e intimo amigo da estrela para que xogue con eles o partido contra o eterno inimigo.
O conto fai desfilar ante o lector, preso da trama grazas as habelencias de Sacheri, os estados de ánimo dos integrantes dos dous equipos. Uns esperando a aparición da estrela que veña a redimilos dunha situación a piques de converterse en humillante. Os outros case que convencidos de que o ás finalmente non vai vir, (“Dale, Carlitos, ¿en serio pensaste que nos íbamos a tragar que el punto ése iba a venirse desde Europa para jugar el desafío?”) dille un dos contrarios, podendo deste xeito seguir co bo refacho.
Cando, xa a piques de comezar o partido Tito non comparece, todo semella decidido para un equipo que vai perder coma sempre, e esta vez sen cumprir co dito de “xogamos coma nunca e perdemos coma sempre”. Non obstante…
“(…) Pero justo ahí, justo en ese momento, mientras yo le hablaba a Joselito y el árbitro levantaba el brazo y miraba a cada arquero para dar a entender que todo estaba en orden, y Alberto levantaba el brazo desde nuestro arco, me di cuenta que pasaba algo. Porque el réferi dio dos silbatitos cortitos, pero no para arrancar sino para llamar la atención de Ricardo (que siempre era el arquero de ellos). (…)”
“(…) como Tito llegó cambiado, tiró el bolso detrás del arco y se vino al mediocampo, a sacar conmigo (…)“
“(…) Pitó el árbitro y Tito me la tocó al pie. El petiso Galán se me vino al humo, pero devolví el paso justo a tiempo. Tito la recibió, la protegió poniendo el cuerpo, montándola apenas sobre el empeine derecho. El petiso se volvió hacia él como una tromba, y el Bebé trató de apretarlo del otro lado. Con dos trancos, salió entre medio de ambos. Levantó la cabeza, hizo la pausa, y después tocó suave, a ras del piso, en diagonal, a espaldas de seis de ellos, buscándolo a Gonzalito que arrancó bien habilitado.”

Se sodes quen de perdoarme o anticipo do final do conto, o “spoiler” coma se di agora, direivos que este final non sería posíbel nos nosos días por moita amizade que houbera polo medio.
Impediríao o representante do xogador, filtraría as chamadas e nin tan sequera se decataría. Se non fose así, os dereitos de imaxe farían imposíbel a súa aliñación co equipo do barrio. Finalmente, se tódolos atrancos mencionados se solucionasen, ese día Tito tería unha sesión de fotos para unha revista de moda masculina.
Se o conto pasase nos nosos días o mellor que poderían facer os seus parceiros sería non esperar por Tito.

Xaime Rodríguez
Sobre Eduardo Sacheri
Comentarios (0) - Categoría: Notas desde o meu Smartphone, de Xaime Rodríguez - Publicado o 17-06-2014 14:00
# Ligazón permanente a este artigo
FACÉNDOLLE O TRAXE O REI

“A verdade é a primeira vitima dunha guerra”, ista cita, común en tódalas facultades e escolas de periodismo, como advertencia os periodistas noveles na primeira liña dos conflitos, é tamén, ou debería ser, unha guía para os letores, para que sexan quen de saber, quen, coma e porque preténdenlle pasar por verdade a que só o é para quen a escribe, e, claro está, para aqueles cuxos intereses defende subrepticiamente.
Despois da cobertura mediática da abdicación do monarca, (nin tan sequer é necesario dicer o nome, ista liña dinástica restaurada só ten un, o que permete que o monarca sexa o case que por antonomasia), ocórraseme outra que debe ser tida en conta nas factorías de xornalistas : “o pluralismo informativo é a primeira vitima das monarquías cuestionables (e cuestionadas)”.
Calquera chegado doutro contexto político, inda tendo en conta que en todos eles funcionan os “sistemas de propaganda”, sorprenderíase da unanimidade do tratamento da noticia por parte dos medios de comunicación practicamente sen excepción.
E, “consecuentemente”, que diría a raiña nai o expresidente Felipe Gonzalez, un dos turiferarios “Full Time” do monarca, por certo, convenceríase de que o rei era: campechano; columna vertebral da democracia; ou facedor el soliño da mesma; (Javier Cercas, contacontos de moita sona, intitula a súa columna no máis importante xornal monárquico, El PAÍS, Sin el rey no habría democracia, sen inmutarse e para xeral coñecemento) sen que sexan incompatibles as dúas cousas; desfacedor de golpes contra a democracia (tamén el só, coma Gary Cooper na mítica High Noon); vendedor no extranxeiro, tirando sobre todo para o mundo árabe, da recoñecida marca España; deportista avezado; descentralizador do Estado, sen ter que facer ningún Decreto de Nova Planta coma outro Borbon, aquel que se chamaba Felipe (glups¡) V.
Coñecer nesta data algo sobre as orixes da súa monarquía, se é que hai alguén vítima do vicio nefando de coñecer a verdade, fai ineludíbel ler a prensa estranxeira, na que se da noticia da relación co franquismo.
Inda que eu modestamente recoméndolle a letura dun libro, La Corona. Reflexiones en voz baja, de Gaspar Ariño, que non sendo precisamente un republicano furibundo senón un monárquico confeso o tempo que profesor de Dereito Administrativo, sobre as orixes do juancarlismo dí o que sigue, (desculpádeme o longo da cita no castelán orixinal):
“Aguilar y Hernández han subrayado como el reconocimiento de la legitimidad dinástica ahora bajo la forma de Monarquía parlamentaria y sin poder alguno, venía a unir la histórica institución, de más de diez siglos (anterior al franquismo) con la nueva legitimidad democrática, queriendo así saltar de una a otra pasando por encima del origen franquista. Ello, obviamente, es puro artificio. La Monarquía la restauro el general Franco e ignorarlo es ignorar la realidad. La restauración de una Monarquía en el siglo XX( en el que habían desaparecido siete monarquías europeas) en un país sin monárquicos, es un hecho verdaderamente extraordinario, sólo posible porque Franco quiso traerla. Aparte de los antecedentes históricos (en los que los Borbones fueron expulsados del trono cuatro veces en siglo y medio) España era en ese momento un país con muy pocos monárquicos de razón y unos pocos más, pero muy pocos de corazón. Uno de estos era Franco al que los nuevos teóricos de la Corona quieren hacer desaparecer. Es ridículo. Por ello Torcuato Fernández Miranda se abstuvo en la votación del artículo 57.1(…)”
Nestes días os medios de comunicación semellan estar cheos dos “novos teóricos da Corona” todos eles ca teima de escamotar as orixes franquistas da Monarquía.
Do mesmo xeito, que antes de se rachar o “ cordón sanitario” os medios mantiveron estrito silencio sobre os negocios do monarca, é dicer da interacción económica deste con algúns dos principais empresarios do país e dos réditos xerados para as dúas partes. E iso inda que algúns amigos, e disque socios, coma Mario Conde, Prado y Colon de Carvajal, Javier de la Rosa, e os Albertos, Cortina e Alcocer remataran por ter problemas ca xustiza, nas haxiografías estes días publicadas non aparece referencia algunha a estes asuntos.
Tampouco hai referencia a un asunto tan vidroso coma o de 23 F, inda que no mesmo tiveran un papel fundamental dous monárquicos tan recoñecidos e tan próximos a el coma Miláns del Bosch ou Armada, este último preceptor do mesmo rei, o que fai realmente pouco verosímil que este non tivera nin indicios das súas intencións.
A verdade que esta unanimidade informativa non parece a mellor forma de rematar un reinado alonxado, na meirande parte da súa existencia, do escrutinio público tan propio das democracias. E tampouco parece admisible facer referencia as especiais circunstancias que se estaban a dar nos comenzos da Segunda Restauración, inda que estas non xustificaran o papel dos medios verbo a monarquía nin naqueles intres. O xornalismo “empotrado” non é xornalismo coma xa se puido ver na guerra de Irak.
A transición do Campechano o Preparado non se pode plantexar coma unha segunda transición cas eivas da primeira. Un novo “cordón sanitario” arredor da Corona non faría máis que empeorar as cousas para un sistema tan cuestionado coma o da Transición.
Péselle a quen lle pese, os tempos están a cambiar.


Xaime Rodríguez
Comentarios (0) - Categoría: Notas desde o meu Smartphone, de Xaime Rodríguez - Publicado o 13-06-2014 22:05
# Ligazón permanente a este artigo
DEFENDELLA Y NO ENMEDALLA

Procure siempre acertalla
el honrado y principal
pero si la acierta mal
defendella y no enmendalla.
Guillem de Castro. ( Mocedades del Cid)


Hai unha expresión, inzada logo a categoría de concepto, da política e da Ciencia Política, que sempre chamou a miña atención. O concepto que é denominado indistintamente “lampedusismo” ou “gatopardismo” refírese a necesidade que teñen os que ostentan o poder, os que están no miolo do poder e os seus “adlatares”, os que configuran o sistema sexa cal sexa a conxuntura histórica, de dar a aparencia de cambio radical do estado das cousas cando estanse a dar expetactivas de profundos trocos reais.
“É preciso que algo cambie para que todo fique igual”. Iste aserto pronunciado, polo príncipe de Salina, Fabriccio Corbera, na obra cume de Giussepe Tomasso di Lampedusa “Il Gattopardo”, levada logo o cine por Luccino Visconti, con Burt Lancaster no papel do príncipe de Salina, resume clara e contundentemente o alcance e a intención do devandito concepto.
Na Italia da unificación, a novela comeza co desembarco dos garibaldinos na illa de Sicilia. Salina, que non deixa de ser un representante do Antigo Rexime, decatase ca súa lucidez, de que os cambios que se están a producir son necesarios se se quere preservar o “status quo”. Intúe que o que el representa xa non ten a forza para resistir aos cambios. Xa que logo os cambeis son inevitables, mellor aqueles que non dean lugar ós reais, os que lle van permitir que todo fique igual na súa esenza.
Unha vez feitos os necesarios axustes que salven as distancias e introducidos os matices que permitan entender cabalmente o que vou dicir, quero facer unha reflexión despois de coñecidos os resultados das pasadas eleccións europeas.
Os comentarios, as reaccións dende o “stablishment” do que podemos chamar “sistema da transición” os resultados das eleccións resultan canto menos desconcertantes. Dende tódalas instancias do sistema, descontando as esperpénticas, Valle saberá perdoarnos, valoracións, que neste caso non deixa de ser unha licenza poética, do chamado “TDT Party”, estanse a facer declaracións sobre os resultados que van do delirante o arrepiante. Esta perda de papeis pola “casta”, coma con acerto denominou alguén, e non só da caste política, coido que debe ter algunha explicación que vaia máis aló dunha improbable epidemia de tolemia.
Estou a pensar que a explicación poida estar no que para a “casta” podan supoñer uns resultados que semellan anunciar o fin dun sistema de partidos que cada vez máis se estaba a semellar o da Restauración borbónica. Non chegar entre os dous partidos do sistema ao 50 % dos votos é un síntoma de cambio alarmante para eles. Na vez de entregarse a unha auténtica ordalía dos votantes e as forzas políticas minoritarias sería bó que pensaran en finiquitar as evidentes eivas do sistema.
Porque a reflexión que se desprende deste nerviosismo enlaza co concepto do lampedusiano, do gatopardesco. Concretamente cunha copia en negativo, coma nas fotos predixitais, do concepto. Quizais o que intúen todos eles, os que se sentiron cuestionados polos resultados, é que esta vez o mellor o que veñen a anunciar é que “hai que cambiar realmente todo para que todo cambie realmente.


Xaime Rodríguez
Comentarios (0) - Categoría: Notas desde o meu Smartphone, de Xaime Rodríguez - Publicado o 06-06-2014 17:32
# Ligazón permanente a este artigo
ESPERANDO A GO(DOT)EBBELS
Para empezar quero facer mención de “Reflexiones de Repronto” un vídeo blog absolutamente recomendable. Unha das últimas entradas leva por título Neolengua, é vai do vello asunto da propaganda, da utilización da mesma polo poder, e non só polos totalitarismos, porque, coma imos ver, o poder democrático tamen ven a utilizala cando considera que llefai falla.

O doutor Repronto fala da neolingua, é dicir, da utilización de novas verbas, de novos conceptos, de eufemismos en definitiva que veñen a substituír aquelas consideradas perigosas ,ou polo menos pouco acaídas, polo poder. Dous exemplos, por utilizar os mesmos que se citan no blogue son os de neno, substituído por menor, ou presos cambiado por internos .Cámbianse as verbas para trocar o contexto.

Con un grande sentido do humor e a ironía, o doutor Repronto, di que dada a tendencia o barroquismo e a ampulosidade da forma de expresión do celtiberismo, do seu gusto polas reviravoltas, era inevitábel que esta forma de falar se dese de labazadas ca neolingua, “unha tecnoloxía lingüística moi coidadosa”, e precisa, engadiría eu. O resultado: a neolingua convértese cando se quere aplicar no noso Estado nunha auténtica parodia. O que non saiba de que estamos a falar que pense no famoso monólogo de Cospedal, a auténtica raíña da “stand up comedy”, dos monólogos vaia, aquel que empeza así, “la indemnización que se pactó fue una indemnización en diferido…”

Anécdotas aparte, paga a pena dicir algo máis da neolingua se queremos coñecer o que está a suceder no mundo globalizado.Permitiranos saber, a modo de exemplo, que a conversión de unha escola de pensamento económico nunha ideoloxía con pretensións hexemónicas e con alcance global ten moito que ver ca propaganda, e máis concretamente co cambio das verbas co obxecto de trocar o contexto.

A cousa é ben coñecida, coido. No ano 1971, Lewis. F. Powell, máis tarde membro do Tribunal Supremo, presentou para a Cámara de Comercio dos EE.UU o Memorando Confidencial: ataque al sistema americano de libre empresa. Mesmo hai quen dí que este documento é acta fundacional do neoliberalismo. Non direi eu tanto.

O documento ven sendo a continuación dunha tradición ben coñecida : a utilización da propaganda dende o poder para manipular a opinión pública. O obxectivo nesta ocasión era facer do capitalismo o sistema económico/social non xa hexemónico senón único. A certeza de que este obxetivo fora alcanzado, xa ao remate do pasado século, pode atoparse coma o “leitvmotiv” da obra A fin da historia de Francis Fukuyama, aínda que a grande crise do sistema está aí para negar a maior.

Powell, preocupado porque na súa opinión “o sistema de libre empresa”( eufemismo que viña a substituír a capitalismo, negativamente connotado) estaba en risco propoñia unha campaña para combater as ideas contrarias o sistema capitalista, nomedamente no eido da educación.

Xa que logo, coñecedor de que isto non era dabondo,engadía:“Porén non deberíamos desbotar a acción política, mentres agardamos o cambio paseniño na opinión pública que debe acadarse a través da educación e a información. O mundo dos negocios debe deprender a lección que fai tempo deprenderon os sindicatos e outros grupos de interese. A lección de que o poder político é necesario; que este poder debe ser asiduamente cultivado, e que, cando sexa necesario, debe ser utilizado agresivamente e con determinación”.

Se alguén inda non sabe como comenzou o predominio das grades corporacións capitalistas a resposta pódella dar a lectura do memorando. Por certo, na nosa transición tamén tivemos a oportunidade de asistir a campañas de prensa co obxetivo de favorecer a imaxe dos empresarios. Só hai que consultar a prensa da época.

Unha das principais estratexias, e ben o sabía Lewis Powell, de manipulación pasa pola da linguaxe.

Cando os nomes das cousas non responden os intereses dos amos do mundo trócanse os nomes. Primeiro os nomes, máis tarde o contexto.
Chamarlle“mercado de traballo” o conxunto das persoas que están na procura de traballo, dicirlle “recursos humanos” o conxunto de homes e mulleres traballando para a mesma empresa, falar de “flexibilización de plantilla” cando se quere dicir despido, é un auténtico baleirado do realmente humano para sacrificalo na sacra ara da “libre empresa”.

Outros eufemismos coma “crecemento negativo”, por decrecemento, aseméllanse moito o de “avance estratéxico sobre a retagarda”, eufemismo utilizado para non ter que dicir retirada, creación disque de Goebbels, autor dun decálogo, inda que de once puntos, sobre propaganda, e fonte de inspiración para todos aqueles que pretenden manipular a opinión pública.

Certo que o memorándum “powelliano” ía moito máis aló da sinxela manipulación do contexto a través do renomeamento da realidade. Porén é indudable que o renomeamento semella ser unha das ferramentas preferidas polos xestores da economía de “libre empresa”, sexan estes economistas, políticos ou medios de comunicación.
“Crise”, por estafa, “expediente de regulación de emprego”, por despido colectivo, “globalización,” por imperialismo ou capitalismo, “ estadio temporal negativo”, cando non lles parece acaído falar nin de crise, “emprendedor” porque empresario empezaba a non ter boa imaxe (Díaz Ferrán ou Arturo Fernández, non o que din que é actor,( a min, non sei porque, cando falo deste individuo venme o pensamento o que lle pasou a Víctor Mature unha vez que non lle deixaban pasar o Hotel Ritz, “porque era actor” o que este respondeulle que podía ensinarlles un feixe de críticas que dicían que non o era) o outro, o presidente da patronal madrileña, serían segundo esta lóxica emprendedores nun “estado temporal negativo” o primeiro deles na súa condición de “interno” e o segundo en “expectativa de destino”) son só algunhas das novas verbas e esprexións cas que procuran abstraernos e afastarnos da realidade.

Créanas as institucións académicas e os thinktanks o servizo do pensamento dominante, fannas súas, engadindo cando o consideran necesario da súa propia colleita, algúns políticos, reprodúdenas, sen a menor crítica, os medios de comunicación (curiosamente o espírito crítico reaparece nos xornalistas cando alguén se atreve a facer mención do papel xogado polas corporacións mediáticas para as que traballan. Calquera crítica é entendida polos dilixentes xornalistas coma un ataque a”liberdade de expresión”; que se o fagan mirar!). Porén temos a obrigade saber o que pretenden agochar tras das verbas cas que, coma vulgares “trileros” quérennos enganar. É a nosa obriga impedir que “ nos vendan a moto”

Porque, coma dixo Benedetti:

No me gaste las palabras/No me cambie el significado/Mire que lo que yo quiero/Lo tengo bastante claro.


Xaime Rodríguez Rodríguez
Comentarios (0) - Categoría: Notas desde o meu Smartphone, de Xaime Rodríguez - Publicado o 26-05-2014 10:41
# Ligazón permanente a este artigo
MONTALBANO EN LEON
A vida imita o arte. É na literatura aínda mais. Coido que foi Sthendal o que dixo que unha novela viña a ser coma un espello na beira do camiño. Para os creadores da novela negra americana, para os mellores entre eles, tiña que ser un reflexo da sociedade na que transcorrían as historias. Unha forma de sinalar os resortes do poder, de espilo, de mostrar coma o exercicio do poder precisa, e aquí lembrarse de Maquiavelo é inevitábel, fai ineludíbel, a violencia.

Os crimes na novela negra veñen sendo síntomas. A laboura dos protagonistas da novela negra, detectives, investigadores privados, policías, redúcese sinxelamente a interpretalos. É o que ocupa o tempo do comisario Salvo Montalbano, creado por Andrea Camilleri, e que por certo leva ese apelido en honra do gran Vázquez Montalbán.
O comisario Montalbano fai o seu traballo na pequena cidade de Vigata, unha cidade de ficción que pretende reflexar a vida na illa de Sicilia.

Armado dun sabio escepticismo, comprensible porque coma di o propio Camilleri “Montalbano vive rodeado de imbéciles” (nos que amén dos delincuentes inclúense policías, fiscais e periodistas) é un amante da boa cociña, dos bos viños e da vida en xeral. Os mellores momentos os ten cando saborea as arancini, unha especie de croquetas de arroz, chícharos, queixo parmesano e mozzarella, que son debedoras do seu nome o azafrán que se utiliza no seu rebozado, preparadas pola súa asistenta.

A Mafia, que en Sicilia é dicir o poder, esta sempre presente nas procuras de Montalbano. Non no primeiro plano senón coma unha sorte de pano de fondo ,neste sentido Camilleri di que no quere darlle máis protagonismo por non dignificala.

Engade nembargantes, que negala seria coma negar a existencia do ar, xa que logo o seu poder inflúe nas relacións e condiciona a existencia. Deste xeito, sabedor de coma funciona o poder, coñece perfectamente onde hai que buscar as motivacións últimas dos crimes que ten que investigar, a meirande parte das veces.

Se falo do comisario Montalbano, non é só para recomendar a lectura das novelas de Andrea Camilleri, é de paso, se non son lectores, a serie de televisión que baseada en elas está a pasar o canle da televisión pública española. A motivación ven a ser outra.

Quizais precisemos de Montalbano para mellor entender o que ven de ocorrer en León. Un asasinato coma o de a presidenta da Deputación desa provincia ven a poñer xuntos os ingredientes habituais nas súas pescudas.

Un poder omnipresente, e certamente non excesivamente democrático se temos en conta que non é elixido directamente nas urnas, no conxunto de decisións que afectan a provincia. O tempo, a representante dese poder é máxima dirixente da organización política con máis presenza na vida provincial. Condicionando as relacións e a existencia.

Inevitabelmente, esta forma de exercicio do poder deixa tras de si unha gran manchea de damnificados.

E, agora ven a parte que xustifica o aserto de Camilleri sobre os imbéciles que rodean Montalbano:

Unha delas, das vítimas do exercicio despótico do poder, correlixonaria da vítima, empeza a tomar decisións que podían ser tomadas, e cas mesmas consecuencias, por un mono bebedo.

Decide asasinar a súa examiga,( se nos temos que fiar dos medios tiñan unha grande amizade a familia da(s) asasina(s) e máis a defunta, no caso do marido e a vítima tiñan, segundo algún destes medios,unha”estreita relación” enténdase o que se entenda pola expresión/ eufemismo) o que en se mesmo é unha tolemia.

Faino para máis inri nun dos sitios máis visibles da localidade. Desprendese da arma do crime endosándolla a unha amiga policía local (a presenza da policía é unha constante neste asunto, casque a totalidade das personaxes,chamémoslle secundarias,teñen esta profesión).

Por si fora pouco, o piso da súa filla, onde acostumaba a pasar máis tempo que no piso de Astorga co seu marido, e presunta cómplice, esta ateigado de pistas seica inculpatorias (entre elas mencionase un quilo de marihuana que coido que nada ten que ver co delito de asasinato, pero pode servirlle para ser imputada por un contra a saúde pública).

O coñecemento da verdade neste turbio asunto semella complicado.Hai que ter un grande dominio dos resortes do poder, nomeadamente do que se fai na rebotica, sen luz nin taquígrafos. Tamén da imbecilidade que leva a cometer un asasinato tan afastado do que De Quincey viña a entender como “unha das belas artes”.

É por iso que eu atrévome a pedirlle a Camilleri que deixe vir a León a Salvo Montalbano. O asasinato, e as circunstancias que o rodean, incluindo o numerus stultorum (aínda que é xa sabido, stultorun infinitum est numerus), semella virlle coma anel o dedo.

Co fin de que a morriña non sexa tan grande, propoño que o acompañe a súa asistente, Adelina, para facerlle unhas apetecibels arancini.


Xaime Rodríguez Rodríguez
Comentarios (0) - Categoría: Notas desde o meu Smartphone, de Xaime Rodríguez - Publicado o 23-05-2014 10:15
# Ligazón permanente a este artigo
INMIGRANTES DIXITAIS vs NATIVOS DIXITAIS
Un dos problemas centrais, ou cando menos dos máis recorrentes, das ciencias sociais, nomeadamente da Socioloxía e a Antropoloxía, e o da identidade. Mais alo da identidade nacional, sempre motivo de reflexións fortemente ideoloxizadas, o predominante é falar das “identidades múltiples”, un termo que fai referencia a identificación ca diversidade de afiliacións colectivas na que vivimos no mundo actual: familias,categorías de xénero, grupos ocupacionais, partidos, confesións e etnias, desplazándonos dunha as outras con unha relativa facilidade.

Pois ben, a maiores de todas estas os da miña xeracion, entendida a estos efetos como os nados con anterioridade os anos corenta deica os anos oitenta, temos outra identidade; somos inmigrantes dixitais.

Porque dese xeito denominouno snun, máis mencionado que coñecido, artigo, (Nativos digitales, Inmigrantes digitales), Marc Prensky, no ano 2001.Por enriba do interese do artigo no eido da educación, e das controversias que sendubida pode plantexar, (solo cabe dicir que no primeiro parágrafo di o seguinte (…)Nosos estudantes mudaron radicalmente. Os estudantes actuais xa non son as persoas para as que o noso sistema educativo estaba deseñado) planea na miña opinión unha volta de torca máis o problema do “gap”, da fenda xeracional, plantexado ademais como unha descontinuidade insalvable.

Xunto os inmigrantes dixitais, define, xa se sabe que na maioria dos casos as identidades constrúense en oposición a “outros”, os “nativos dixitaís”, coma “ falantes nativos” da linguaxe dixital das computadoras, os video xogos e a Internet. Pódese doadamente deducir que os inmigrantes dixitais somos todos aqueles que non somos “falantes dixitais nativos”. Utilizamos as novas tecnoloxías, porque aprendemos a utilizalas, porén, como todo inmigrante, mantemos en maior ou menor grao, o “acento”que delátanos como “non nativos”.

Haberá que falar, se hai ocasión, do significado, alcance e consecuencias da metáfora de Prensky no eido educacional, mentres tanto, eu quero falar da fenda xeracional que pode supoñer a oposición nativos dixitais/ inmigrantes dixitais.

No pasado tamén semellaba que as fendas xeracionais poderían resultar insalvables, pola confrontación das cosmovisións de cada un dos termos da ecuación. Nunca foi asi. Por enriba das diferenzas, as xeracións enfrontábanse os dilemas vitais que veñen a acompañar o home dende que este evoluciou dende os homínidos.

Non, non vai ser a tecnoloxía, por moi avanzada, que esta sexa, por moito que troque a forma de pensar, de educarse e de confrontar os problemas da humanidade, (Prensky, chega a plantexar que as TIC, as Tecnoloxías da Información e a Comunicación, poden estar a producir cambios no cerebro humano), a que complete unha discontinuidade insalvable.

A única posibilidade é que nos convirtamos non xa en ciborgs totales, xa sabedes un organismo cibernético, ou peor aínda en replicantes coma na película Blade Runner. Porén, as cousas non van por aí. Hai pouco un rapaz, un nativo dixital, reflexionaba que a pesares de estar tecnoloxicamente e permanente conectado, sentía a cotio a aixada da soidade a pinchalo.
Mais aínda, na secuencia final de Blade Runner, o replicante, Roy Batty, é quen de dicir:

“Eu vin cousas que non creriades: Atacar naves en lapas mais alá de Orion. Vin brilar raios-C na escuridade a carón da porta de Tannhauser. Todos eses momentos perderanse no tempo… coma bagoas na choiva. É hora de morrer."

É dicir, ao final dun posible pesadelo tecnolóxico é posible albiscar a poesía fondamente humana.

Xaime Rodríguez Rodríguez
Comentarios (0) - Categoría: Notas desde o meu Smartphone, de Xaime Rodríguez - Publicado o 23-05-2014 10:01
# Ligazón permanente a este artigo
PARABÉNS
Permitídeme que por unha vez, e sen que sirva de precedente, fale de nós. E cando digo nós, quero dicir Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo. Non vou falar do ben, ou do mal, que en isto coma case que en todo cabe opinión (e menos mal que cabe, porque doutro xeito estariamos a carón de institucións coma a monarquía, o exército, a economía neoliberal, a santa nai Igrexa e a santa Transición, inopinables todas elas) que o estamos a facer.

Non se trata diso. Falarei sinxelamente do que estamos tentando facer. E máis concretamente da materia coa que o estamos a facer. Cultura, aí é nada. É con iso co que unha manchea de mulleres e homes estamos tentando levar a cabo un proxecto de achega a todos os que teñan un mínimo interese, non xa no feito cultural, senón na sociedade, na vida mesma. Estamos a falar de cultura viva, afastada no tempo do cosmopolitismo dos badocos que se extasían con calquera cousa con tal de que veña do estranxeiro, e mellor aínda se nos chega nunha lingua diferente á nosa, coma do aldeanismo daqueles que practican un embiguismo alleo a calquera outra consideración.

Ademais trátase dun proxecto levado a termo pola “sociedade civil”, concepto que, como é ben sabido, utilízase nas máis das ocasións para xustificar a minorización do Estado, a súa redución a pouco máis que os aparatos represivos, e que nós entendemos coma o esforzo coordinado de homes e mulleres implicados na sociedade a prol da consecución de obxectivos comúns. Nunha sociedade como a sadense, tan orfa de asociacionismo destas características e no contexto dunha crise sistémica coma a que estamos a vivir, a pervivencia dunha Asociación coma a nosa é case que un milagre, cando todos sabemos que tal cousa non existe.

Porque o milagre aquí ten nomes. Lito, Paco, Rexina, Marisa, Laura, Estevo, David, Xesús, Amable, Vanesa, Carmen, Edmundo, Xosé, Jose María máis os sententa socios, a mención de cuxos nomes remataría convertendo este artigo nun listín telefónico. Co engadido dos preto de corenta anunciantes que fan posible a saída da nosa revista Areal. Déixome, case con toda a seguridade, algún nome que debería mencionar. Todos eles, os mentados máis os involuntariamente omitidos, dan forma á idea que está nos xermolos da nosa Asociación.

Longa vida polo tanto a Asociación Irmáns Suárez Picallo. Se o mestre Cunqueiro mo permite “mil primaveras máis para as asociacións culturais” porque deste xeito seguro que se cumpriría o desexo de Don Álvaro de mil primaveras máis para a lingua galega.


Xaime Rodríguez Rodríguez
Comentarios (0) - Categoría: Notas desde o meu Smartphone, de Xaime Rodríguez - Publicado o 06-05-2014 12:51
# Ligazón permanente a este artigo
A RUA É DE TODOS.

Xunta cos hoxe en día desaparecidos “autos de fe”, as touradas e os desfiles procesionais forman a triloxía de espectáculos públicos que o tempo son elementos distintivos do que chamamos España.

O mellor, o ilustre Fraga Iribarne, Deus o teña na súa gloria, na súa etapa de ministro de Información e Turismo durante franquismo, inspirouse nestes “feitos diferenciais” para dar co coñecido slogan turístico “Spain is different” seica “bandeirín de enganche” para que miríadas de turistas viñeran ver coma de diferentes eramos os habitantes da pel de touro.

Quizais as novas xeracións hai que lembrarlles que antes da versión 2.0 de Fraga, a dos gaiteiros por milleiros, os ollos húmidos e o mega proxecto de…de…de…, bo da igual, do que sexa o Gaiás (ocorréseme que se podía facer un concurso público para atopar unha definición para o enxendro, ditos en acritude, que hai enriba do monte nos arrabaldes composteláns), houbo un Fraga 1.0. que o mesmo reclamaba a titularidade da rúa (xa saben o de “la calle es mía”) que daba xeral coñecemento a inspirados reclamos turísticos, nos intres nos que non estaba a pechar xornais, ou a dinamitalos se conviña.

Perdoen vostedes a digresión, poren xa que os “autos de fe”, aqueles espectáculos de masas producidos e realizados pola Santa Inquisición, resultaron demasiado crus para os delicados padais dos países da nosa contorna sendo finalmente prohibidos, (disque o derradeiro “auto de fe” celebrouse en Sevilla no ano 1781, tendo coma protagonista involuntaria a María Dolores López, muller de baixa condición social, acusada de finxir revelacións divinas e de ter relacións cos seus confesores!), solo nos quedan dos manifestacións populares que nos seguen a diferenciar do mundo civilizado.

Un deles, chamado “fiesta nacional” polos seus devotos, as touradas, son un inequívoco símbolo dunha forma de ser español, carpetovetónicamente español diría eu, que pòlo visto consiste en fumarse un puro mentres no ruedo (ibérico?) desenvolvese un espectáculo de “sol, sangue e moscas”, coma o definiu Manuel Vicent, para xeral cabreo dos seareiros, entre os que se contan algún antigo embaixador español ante o Vaticano, inda que algún malintencionado mantén que era xusto o inrevés.

O outro, que é froito da tempada, son os desfiles procesionais. Durante toda unha semana, nalgúns sitios en sesión continua de mañá, tarde é noite, ocupan as rúas, cas súas músicas trompeteras é timbaleras, cos participantes vestidos ben de romanos, ou cunhas carrapuchas puntiagudas e portando cirios e velons, que en algún caso poden mover a equívocos, casos se deron de rapaces que ante a visión dos encapuchados do Ku Kux Klan, na película “Arde Missisipi” preguntábanlle os proxenitores de que confraría eran. Todo iso acompañando imaxes que non aforran detalle algún dos padecementos, incluída a crucifixión, os que semella foi sometido o señor Xesucristo. Un espectáculo altamente edificante, dese xeito aprendese a ver os xudeus baixo unha luz digamos diferente, ideal para ir velo cos rapaces antes, o despois, de tomala merenda.

Art. 16.3 da Constitución de 1978.

“Ningunha relixión terá carácter estatal. (…)


Xaime Rodríguez Rodríguez
Comentarios (0) - Categoría: Notas desde o meu Smartphone, de Xaime Rodríguez - Publicado o 15-04-2014 17:51
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2] [3]
© by Abertal