A. C. Irmáns Suárez Picallo - Sada


Este blogue nace co obxecto de difundir a actividade da A. C. Irmáns Suárez Picallo, así como de recuperar e por a disposición do público diversos materiais de interese sobre o noso pasado,ao tempo que damos a coñecer os artigos escritos por Ramón Suárez Picallo e outros autores sadenses.
Estruturamos o blogue en varias seccións, nas que terán cabida noticias de actualidade sobre as nosas actuacións, artigos, textos históricos, fotografías...


Visitas (desde o 05/08/2010)





Únete a nós!
comisionsuarezpicallo@gmail.com
 CATEGORÍAS
 GALERÍAS FOTOGRÁFICAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGUES GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

MANUEL LUGRÍS FREIRE
Nacido en Sada no 1863, traballou na súa mocidade como escribinte para o Concello de Oleiros, residindo nunha pensión de Soñeiro. Por esas datas compuxo Nociones generales de mitología. Con vinte anos escolleu o camiño da emigración, trasladándose a Cuba, onde axiña se integrou na colectividade galega achegada ao rexionalismo. Así, xa no 1885 funda e co-dirixe A Gaita Gallega, o primeiro xornal da diáspora integramente redactado en galego. Ao seu regreso, no 1896, instalouse na Coruña na compaña da súa muller, a cubana Concepción Orta, coa que tería dous fillos. Logo que ficar viúvo, casaría con Pura González Varela, tendo outros cinco fillos. Traballaría na Compañía de Aguas, da que se xubilaría como secretario do consello de administración.
De firmes conviccións republicanas, galeguista e demócrata, será un dos dirixentes da Liga Gallega da Cruña, así como tamén un dos membros fundadores da Academia Galega (1906), que presidirá durante 1934 e 1935, e da Asociación da Prensa da Coruña (1904). No 1906 artella a organización política e plataforma agraria Solidaridad Gallega, e ao ano seguinte pronuncia, en Betanzos, o primeiro mitin político en galego. Será tamén fundador e inntegrante do consello de administración do xornal A Nosa Terra. No 1923 ingresa como membro no Seminario de Estudos Galegos. Participou na fundación da ORGA, do Partido Autonomista Republicano Gallego, da Federación Republicana Gallega e do Partido Galeguista, sendo membro da comisión que redactou o anteproxecto do Estatuto de Autonomía de 1932. Nos anos 20, pertenceu á masonería coruñesa, adoptando o nome de Servet na loxa Suevia.
Como literato iniciouse en Cuba. En paralelo á publicación por entregas das súas novelas curtas O Penedo do Crime (1884) e O Lechuceiro (1887), comezaron a ver luz os seus poemas na prensa. O seu primeiro libro de poesía foi Soidades, publicado no 1894. O seu segundo libro de versos Noitebras (1901) está dedicado á súa defunta muller Concepción Orta, e xa foi editado na Coruña, como Versos de loita (1919), Ardencias (1927), considerado como a súa mellor obra poética, e As Mariñas de Sada (1928), unha homenaxe á sociedade de instrución Sada y sus Contornos, da que era presidente honorario. A súa actividade teatral como promotor e presidente da Escola Rexional de Declamación, foi moi significativa, levando aos escenarios obras como A ponte (1903), Mareiras (1904), Minia (1904), Esclavitú (1906), O pazo (1917) e Estadeíña (1919). Con A ponte inauguraba Lugrís o teatro galego en prosa. Dentro da súa faceta como narrador, cabe destacar os seus Contos de Asieumedre, que apareceron en varias publicacións periódicas para seren despois recollidos en libro (1909). A súa preocupación polo galego levoulle a escribir Gramática do idioma galego, que, publicada en 1922 cunha segunda edición en 1931, era a primeira obra desta clase redactada en galego.
Manuel Lugrís Freire, un pioneiro de case todo, finou na súa casa da rúa de San Andrés, da Coruña, no 1940, abatido por unha guerra que truncara todos os seus proxectos de futuro para Galicia e botara por terra o traballo de toda unha vida.


(M.P.L.)
Comentarios (0) - Categoría: Biografías-Manuel Lugrís Freire - Publicado o 08-12-2009 15:53
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal