A. C. Irmáns Suárez Picallo - Sada


Este blogue nace co obxecto de difundir a actividade da A. C. Irmáns Suárez Picallo, así como de recuperar e por a disposición do público diversos materiais de interese sobre o noso pasado,ao tempo que damos a coñecer os artigos escritos por Ramón Suárez Picallo e outros autores sadenses.
Estruturamos o blogue en varias seccións, nas que terán cabida noticias de actualidade sobre as nosas actuacións, artigos, textos históricos, fotografías...


Visitas (desde o 05/08/2010)





Únete a nós!
comisionsuarezpicallo@gmail.com
 CATEGORÍAS
 GALERÍAS FOTOGRÁFICAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGUES GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

PÁXINAS MOI INTERESANTES QUE NOS FALAN DE SADA (E CONTORNOS)

Hoxe queremos recomendarvos unha selección de blogues e páxinas web moi interesantes, xestionados por xente de Sada que amablemente dedica parte do seu tempo en compartir con todo aquel que así o desexe diversas informacións sobre a nosa vila: a súa natureza, paisaxe, historia, problemáticas…

- Memoria de Sada, e un arquivo fotográfico da historia de Sada, unha páxina concebida para recoller a evolución da nosa vila a través das fotos. Naceu a comezos de 2012 nun curso na aula CeMIT de Sada, ao decatárense os autores do interese histórico da fotografía para contar como era a vida en Sada ao longo do século pasado; así como tamén do interese que despertaba entre a xente as fotos antigas. Temos que dar a noraboa aos autores pola iniciativa, e pola boa acollida que está a ter entre os veciños.

- Praza da Pescadería. Xa comeza a ser un dos blogues máis coñecidos de historia de Sada. Como os propios autores indican, é un espazo “feito por persoas de Sada con inquedanzas e ganas de contar cousas que suceden ao noso redor”. Podemos atopar ademais nel interesantes fotografías antigas, e teñen colgada íntegra a revista Mariñana.

- Fontán na Rede, “o blog do pobo mariñeiro máis feromoso do mundo”. É un blogue de recente creación concibido para traernos “historias esquecidas, lendas, lembranzas e anécdotas sobre Fontán e as súas xentes.” O blogue pretende ser “a memoria colectiva do pobo e un espazo de todos os fontaneses e fontanesas e tamén dos nosos amigos.” Mais tamén ten como misión reivindicar a protección de Fontán fronte ás múltiples ameazas que o levan agredindo desde hai xa moitos anos, sendo a última delas a realización dun túnel que ameaza a integridade e o entorno do fermoso barrio mariñeiro.

- Blog de Maruja. Outra xoia que nos ofrece información moi completa sobre historias da nosa vila, contadas por Maruja Babío, gran coñecedora do tema. Está repleto de artigos e fotografías interesantísimas.

- Sada ártabra. Blogue que nace para reivindicar os valores naturais de Sada, eminentemente da costa de Fontán ante a ameaza do túnel que suporía “un impacto ambiental e paisaxístico devastador, sen esquecer os desperfectos a particulares e ao entorno nos seus tramos anteriores e na fase final.” Por qué protexer a costa e o medio ambiente? “Porque é o noso patrimonio natural e colectivo e a sua destrucción seria unha perda irreparabel para todas e todos.”

- Os Patexeiros e A Balbina, o último patexeiro. Nestas páxinas atopamos información sobre a actividade da Asociación Cultural Mariñeira "Os Patexeiros". Os membros desta asociación están a desenvolver interesantes obxectivos e proxectos dos que vos poderedes informar a través destas direccións de Internet, entre eles: a restauración dun patexeiro de 12 m de eslora que leva fondeado en Sada nada mais e nada menos que 64 anos; a recollida da memoria de artes tradicionais de pesca de Sada, a creación dun arquivo fotográfico e testemuñal da memoria histórica sobre a vida mariñeira de Sada...

- O Pazo de Meirás e Torres de Meirás. Son dous blogues que ofrecen amplísima información sobre a historia do Pazo de Meirás. Aportan moita documentación e resultan moi reveladores...

- Sociedade Galega de Historia Natural, Delegación das Mariñas. A SGHN é "unha asociación independiente e cientifica, dedicada ó estudio, divulgación, conservación e defensa do medio natural, que non tén na súa actuación fins lucrativos" (Art. 5º dos Estatutos). Desde a Delegación das Mariñas traballan por protexer o medio ambiente do noso Concello (entre outros) e na súa páxina infórmannos das actividades que realizan así como de diversos aspectos medioambientais de xeito divulgativo.

- Galego da estación é o "Caderno de bitácora para compartir materiais sobre a lingua galega" do profesor do IES Isaac Díaz Pardo Xosé Seoane Cao. Contén moita información de gran relevancia: relatos, imaxes, vídeos, léxico, sociolingüística... O profesor quere realizar cos alumnos un documental sobre fontes e lavadoiros no concello de Sada, e agradecen a documentación e colaboración de todo aquel que poida aportar informacións acerca do tema.

- Édelingua é o antigo blogue do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES O Mosteirón, creado "para compartir inquedanzas, experiencias, reflexións e materiais sobre calquera aspecto relacionado coa lingua galega". Agor mudou de dirección, e chámase Moradías do Vento. Ambos espazos nos ofrecen aclaracións lingüísticas, roteiros didácticos, vídeos creados por eles mesmos... Moi útiles e necesarios.

- Xa en Betanzos, está a A. C. Eira Vella. Esta asociación naceu hai xa 20 anos para “promover a normalización da lingua e da cultura galega, así como de fomentar a cultura, a ciencia, as artes, a educación e outras materias análogas”, intentando con isto darlle pulo á cultura local en espazos que ata o momento non foran de todo cubertos. Son claramente un referente para a nosa Asociación Cultural e recomendamos o seu blogue, cargado de contidos interesantísimos: publicacións, vídeos, información sobre actividades que desenvolven...

Aproveitamos, como non, para felicitar e animar a todos os autores destes interesantes blogues a seguir abríndonos as portas do coñecemento nos diversos ámbitos da nosa vila (e contornos...)
Comentarios (2) - Categoría: ENLACES DE INTERESE - Publicado o 07-10-2012 00:48
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal