A. C. Irmáns Suárez Picallo - Sada


Este blogue nace co obxecto de difundir a actividade da A. C. Irmáns Suárez Picallo, así como de recuperar e por a disposición do público diversos materiais de interese sobre o noso pasado,ao tempo que damos a coñecer os artigos escritos por Ramón Suárez Picallo e outros autores sadenses.
Estruturamos o blogue en varias seccións, nas que terán cabida noticias de actualidade sobre as nosas actuacións, artigos, textos históricos, fotografías...


Visitas (desde o 05/08/2010)





Únete a nós!
comisionsuarezpicallo@gmail.com
 CATEGORÍAS
 GALERÍAS FOTOGRÁFICAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGUES GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

CÉSAR E JAVIER ALVAJAR, SUÁREZ PICALLO E A DELEGACIÓN DO “CONSELLO DE GALIZA” EN EUROPA: BREVES NOTAS
Alfredo Erias Martínez



Javier Alvajar López e a súa esposa, María Josefa Castelo Gómez, vivían en Tabaeaio -Carral-cando casei naquela parroquia con Pilar Morandeira Roel. Non había moito que chegaran do exilio parisino. As nosas mulleres eran familiares e foi por esa vía por onde empecei a saber da súa vida. Na casa de meus sogros falábase de “Don Javier” con admiración e respeto. Ademais, presidiu uns anos a asociación de veciños de Tabeaio (con el colaboraba Pilar) que, entre outras cousas, defendeu con uñas e dentes os dereitos dos traballadores dunha empresa que alí había.

Pronto empecei a frecuentar a súa casa. Fixémonos amigos inmediatamente. Falabamos de todo con moita sinceridade e, pouco a pouco, fun coñecendo máis polo miúdo a súa traxectoria vital.

En París é onde se destacou como político, primeiro axudando a seu pai, César, que sería o Delegado do “Consello de Galiza” en Europa desde finais de 1957, e despois, á morte deste no 1965, ocupando el mesmo ese cargo.

Era un mundo de exilados, que seguían loitando polas súas ideas e contribuindo con moitos esforzos a que se establecera en España un réxime democrático que recoñecera finalmente, como eles querían, as nacionalidades históricas, entre elas Galicia, dentro do sistema autonómico que agora temos e que xa xermolara na Segundo República. O “Consello de Galiza”, fundado por Castelao e outros ilustres galeguistas no 1944, aglutinaba todas as forzas políticas galegas do exilio.

Salvando innumerables dificultades, os dous Alvajar, pai e fillo, conseguiron que o "Consello de Galiza" fose admitido no “Consejo Federal Español del Movimiento Europeo”, que presidía Salvador de Madariaga, a principios dos anos sesenta, asistindo desde aquela a tódolos congresos e reunións importantes e mantendo así viva a presencia internacional e as reivindicacións de Galicia. Tamén, nesta liña, lograron que o "Consello de Galiza" fose admitido no 1969 na “Unión Federalista de las Comunidades Étnicas Europeas”.

Javier Alvajar tivo ademais un papel destacado dentro do Goberno Republicano Español no Exilio, do que foi desde 1957 a 1965 Secretario do Ministerio de Información, e desde 1967 a 1969 Secretario da Presidencia, tendo tamén ó seu cargo os servicios de Secretario Contable do Ministerio de Facenda desde 1957 a 1969. No 1957 foi nomeado Canciller Honorario de Consulado, adscrito ó “Consulado General de la República”.

A el débese ademais a fundación da Casa de Galicia en París e, así mesmo, foi o primeiro presidente do “Fondo de Ayuda a los Republicanos Españoles” ó tempo que presidía a Agrupación Republicana Democrática Española de París (ARDE). Difícil será que haxa algún exilado en problemas que non acudise á casa dos Alvajar na capital francesa.

Fora, e aínda era, un home de acción a favor do progreso material e espiritual da xente, un demócrata, un republicano, un home que sufriu nas súas carnes a Guerra Civil e a persecución. Pero cando eu o coñecín, en Tabeaio, aínda tiña forzas para presentarse como cabeza de lista polo PSOE ás eleccións municipais de Carral en 1983. Sería Alcalde uns tres anos ata que a enfermidade o venceu.

Non puido facer todo o que quería e custáballe comprender as trabas sistemáticas de outros partidos e concelleiros para os que as razóns e a evidencia non servían. Logo, as forzas empezaron a abandonalo: unha enfermidade dexenerativa estaba xa minando gravemente a súa saúde e tivo que deixar a Alcaldía. E despois de tardes e tardes falando con el, ocurríusenos a Pilar e a min propoñerlle para animalo que escribise as súas memorias con obxecto de publicalas no Anuario Brigantino. A idea resultou ser boa desde todos os puntos de vista, porque lle demos un obxectivo, un proxecto que levar a cabo, algo máis polo que vivir e, de paso, contamos todos cuns traballos fundamentais para coñecer un tempo escuro no que Galicia tamén estaba presente, a pesar de todas as dificultades.

Acórdome ben como, xa con pouca mobilidade, lle pedía á súa muller que lle trouxese a carpeta tal ou cual: todo o tiña claro na súa cabeza. Repasaba comigo documentos, elixía fotos… Primeiro escribíu á man, pero despois, cando xa non podía, grababa en magnetofón e eu logo transcribía con dificultade, porque progresivamente a fala tamén se foi facendo inintelixible. Iso sí, máis tarde el corrixía e todo quedaba ben. Polo medio de todo iso, a xentileza e finuara natural de “Mari”, con maneiras moi parisinas, un verdadeiro encanto, un anxo da garda para Javier. Alí nos tiña sempre algunha bebida espirituosa das que non se mercan, doces especiais, marabillas da súa cociña, agarimo e elegancia en estado puro; un ambiente propicio para falar do divino e do humano, aínda que a política e os políticos de antes e dese tempo era o tema preferido. Foi naquelas xuntanzas onde degustei por primeira vez, por exemplo, o marrón glacé, algo moi francés que, por ese tempo, aínda non se facía en Galicia.

Pois ben, empezaron a saír publicados no Anuario Brigantino os seus traballos, verdadeiras xoias para a historia contemporánea de Galicia, non só pola documentación que conteñen, senon porque quen escribe é un testigo e un protagonista privilexiado dun tempo e dunhas circunstancias que marcaron o noso devir como pobo:

“Apuntes sobre la Delegacion del Consejo de Galicia en Europa”. Anuario Brigantino 1988.
“Apuntes sobre la Delegacion del Consejo de Galicia en Europa (II)”. Anuario Brigantino 1989.
“Apuntes sobre la Delegacion del Consejo de Galicia en Europa (III)”. Anuario Brigantino 1990.
“La Coruña de mi niñez: recuerdos de los años veinte y treinta”. Anuario Brigantino 1991.
“La Coruña de mi adolescencia: recuerdos de la segunda Republica española”. Anuario Brigantino 1992.

El quería seguir, pero de todos os xeitos, o esencial puido dicilo. Expuxo feitos significativos, sobre todo para Galicia, que eran completamente descoñecidos e falou polos que xa non podían facelo. E todo isto case sen forzas, vivindo unha desacougante e lenta dexeneración ó longo dunha década.

Nese tempo, Javier Alvajar aglutinaba na súa persoa boa parte da obra e a memoria do “Consello de Galiza” e os esforzos de seu pai e del mesmo para que Galicia estivese presente nas institucións europeas. Con razón me manifestou moitas veces o seu desánimo. Resistíase a aceptar algo por desgraza evidente: que os galegos en xeral non coñecemos nin, ó parecer, nos preocupa moito coñecer, a nosa historia.

Javier finou o 12 de decembro de 1996 e a súa viúva, María Josefa Castelo Gómez, cumpriu a promesa que el me dera, de tal maneira que o 14 de abril de 1997, con motivo do 66 aniversario da proclamación da Segunda República, na sala capitular do concello de Betanzos, fixo entrega da Bandeira que presidía as sesións e actos especiais do Goberno Republicano Español no Exilio en París ó Museo das Mariñas. Coa Bandeira chegou tamén un rico fondo documental que ten unha importancia de primeira orde para coñecer as estratexias de supervivencia no exterior, non só das persoas, senon tamén das ideas, na longa espera da era de Franco ata xermolar dalgún xeito na transición democrática e na Costitución de 1998.

En liñas xerais, o que denominamos Fondo Alvajar consta do seguinte: 14 unidades de instalación con documentos, impresos, folletos e publicacións periódicas do Goberno Republicano no Exilio, desde 1923 a 1986; 4 unidades de instalación de A. R. D. E. (Acción Republicana Democrática Española); 8 unidades de instalación relativas ó “Consello de Galiza”, e 6 unidades de instalación de documentos e artigos de César Alvajar.

Do Consello de Galiza hai, sobre todo, unha colección de arredor de 250 cartas, que van de 1940 a 1976. Alí están, entre outros: Fernando Valera Aparicio, Alfredo Somoza, Antón Alonso Ríos, Manoel Puente, Francisco Regueira, Ramón Suárez Picallo, Julio Just, Bieito Cupeiro, C. Conles, Josep Taradellas, Josep Santaló, Antón Alonso Pérez, Luis Gausachs, Félix Gordón Ordás, F. Javier de Landáburu, Emilio Herrera Linares, Jesús Canabal, José Maldonado, Perfecto López, Charles de Gaulle, Manuel Pedreira, Antonio Represas, Ricardo Palmas Casal, U. Thant, Pedro de Llano, Pedro Turullols, Xosé Fontela, Manuel de Irujo, Valentín Fernández, Pablo Martí Zaro, Elfidio Alonso, Antonio Remis, Paul Skadegard, J. Sauret, Harvey J. Hockstein, Batista i Roca, Ambrosio Carrión, Julio de Jáuregui, Armando J. Alonso, Carlos Durán, Mª del Carmen de las Cuevas, José Luis Fontela Rodríguez, Macrino Suárez…

Estas cartas asombran pola gran cantidade de persoeiros que nelas aparecen e, sobre todo, porque son testemuña da presencia de Galicia a nivel internacional, a pesar das dificultades. Moi pouco ou nada de todo iso se sabía antes de que Javier empezase a escribir no Anuario Brigantino e antes de que o seu fondo arquivístico estivese en Betanzos.

O “Consello de Galiza” nace en Buenos Aires o 15 de novembro de 1944. A acta de constitución está asinada polos antigos deputados republicanos: Alfonso R. Castelao, Elpidio Villaverde, Ramón Suárez Picallo e Antón Alonso Ríos. Enlazaba co Estatuto de Autonomía republicano e constituía o xermolo do futuro goberno autonómico. Os seus principios: 1) “manter e defender a derradeira vontade de Galiza” saída do “Estatuto plebiscitado en 1936”. 2) “a latencia autonomista de Galiza manifestouse sempre a favor do sistema federal…” 3) créase o “Consello de Galiza” “para gardar, manter e defender a vontade do povo galego, así como para buscar as asistencias e axudas que se precisen”.

O primeiro presidente do “Consello de Galiza” será Castelao “quen fica autorizado… para levar as negociacións de alianza cos Presidentes de Euzkadi e Cataluña, a fin de que Galiza entre, por propia persoalidade e triple forza nunha concordia xeral hespañola, capaz de derrubar o réximen franquista e restablecer a liberdade en Hespaña”. O ulterior nomeamento de Castelao como ministro do Goberno Republicano no Exilio pode verse como un refrendo ó “Consello de Galiza”. En liña con isto, estableceranse paseniñamente delegacións en diversas capitais (México, Montevideo, París…).

A delegación de París, como sabemos, será levada por César Alvajar e logo polo seu fillo Javier. E precisamente a correspondencia de Ramón Suárez Picallo, desde Buenos Aires, con César Alvajar e co seu fillo, ten gran importancia histórica, porque informa dos traballos levados a cabo a un e outro lado do Atlántico, para que a Galicia republicana e democrática estivese presente no mundo, en espera de que a conxuntura en España fose propicia. Por desgracia para moitos, ese momento, demasiado longo, non o poideron ver (Ramón e César entre eles). Pero, polo menos, o Fondo Alvajar do Arquivo Municipal de Betanazos e a Bandeira do Goberno Republicano Español no Exilio que se custodia no betanceiro Museo das Mariñas sérvennos para poñer luz na memoria dese tempo.

O 7 de abril de 1951, a petición de Antón Alonso Ríos, secretario do “Consello de Galiza” César Alvajar envía un amplio informe no que subliña a necesidade de que Galicia estivese representada no “Movimiento Europeo” e de que o C.G. tivese unha delegación en París, como a tiñan Cataluña e o País Vasco.

A corresponencia entre Ramón Suárez Picallo e César Alvajar Diéguez comeza o 22 de febreiro de 1957 cando Suárez Picallo lle escribe desde Buenos Aires (Anuario Brigantino 1989, nº 12, p. 177-179). Merece ser transcrita toda ela:


“Fai tempo teño lido algúns artigos teus, publicados en “La Nación” de Santiago de Chile –onde resido dende fai 17 anos- e tamén no diario “El Sur” de Concepción no que fun durante 3 anos redaitor “columnista”. Gustáronme moito especialmente pol-a sutileza do estilo no que campea o teu insobornábel “xeito” galego de decir cousas interesantes en tono menor, n’un modo de dialogar ou monologar de “ti para min”. Dende que empecei a lerte tiven máis de vinte veces gana de escribirche. Non-o fixen por pura “nugalla”, eisplicábel habida conta de que tiña que facer catro artigos cada semana para ganar a vida. E dispois de eso non me quedaba “xor” para escribirlle nin á familia. Fágoo oxe, a unha hora de ter lido o teu derradeiro traballo, publicado no diario “El Mundo” de esta cibdade, tidoado “La ilícita neutralidad”.
¡Unha preciosidade de forma e de contido! Que nos gustou moito a min e a Abra[i]ra, en cuia casa xanto e traballo todol-os días. Máis, non é somentes para falados teus artigos pol-o que che escribo esta carta, senon que moi especialmente para che falar de cousas que che poden interesar a ti e que lle importan moito.
Viñen a Bos Aires no mes de xulio como delegado dos galegos de Chile ao 1º Congreso da Emigración Galega, que, dito sea de paso, resultou un dos máis eistraordinarios acontecimentos da emigración nosa nas Américas, pol-o que concerne á súa insospeitada forza espritoal creadora e polo que siñificou –sin decil-o- a máis impoñente manifestación de republicanismo feita en Bos Aires dende que terminou a guerra civil. Participei no Congreso e en varios aitos colaterales, incluso n’unha velada académica en homaxe á Lengua Galega na aula Magna da Facultade de Filosofía y Letras da Universidad de Buenos Aires na que me tocou participar co tema: “El idioma gallego en el hogar, en la canción y en el trabajo”.
Ao terminar os traballos do Congreso, a Comisión Organizadora encargoume de ordear, n’un volúmen de 300 páxinas, todol-os documentos, informacións, poñencias, ditámens, etc., para que constituia un documento de historia e de información. Para que poidas facerte unha idea de cómo se traballou direiche que aituaron seis comisións según os puntos do temario sobre 58 poñencias. Mándoche o ditámen da Comisión que tratou o tema Arte e Cultura, para que vexas con que minuciosa seriedade se estudiou. Estando eu n’iste traballo enfermei e tuven que ser internado no Centro Galego durante dous meses, onde me deixaron novo. Agora recomenzo a tarea. Entre os traballos leeuse o teu, interesantísimo, referente á necesidade de ter en París un representante de Galicia. Sobre él non recaeu ditámen e pasouse ao Consello de Galicia, xa que a túa proposta, máis que unha aprobación do Congreso, que sería unánime, require a decisión de poñel-a en prática inmediatamente. E neso estamos.
Volvemos a ler e reler a túa proposta e, parécenos que iste é o intre preciso. Coidamos que en Hespaña ocurrirán cousas a longo e curto plazo, e non queremos nin debemos estar desconeitados cando esas cousas ocurran. Por outra parte, Gordón Ordás chegará eiquí moi pronto n’un viaxe por toda América, que eu supoño que non é de turismo. Estuvo fai pouco en Chile onde falamos moito. El está en excelente posición con referencia a Galicia. Por eso nós eiquí queremos enlazar con él, e poñel-o en contaito con núcleos políticamente máis vivos da coleitividade galega, que é, dito sexa de pasada, o máis vital que ten aquí o republicanismo peninsular. Incluso pensamos facerlle un grande homenaxe coleitivo no seu caráiter de Xefe de Goberno republicano en eisilio, ao través do Consello de Galicia.
O Consello de Galicia é unha institución simbólica, , un pouco vagarosa, fundada por Castelao, co propósito de gardar, conservar e divulgar o senso que tiveron as eleiciós do 12 de febreiro de 1936 e o Plebiscito pol-o Estatuto. Non é un goberno en eisilio, mais virtualmente foi recoñecido e aceptado oficialmente por todol-os seitores galegos de caráiter democrático e republicano, así como por vascos e cataláns, como entidade representativa dos derradeiros aitos da voluntade popular galega. Por eso está integrado solo por Diputados, asesorado por Comisións especiales. Este Consello tivo, e sigue tendo, un coidado eisquisito de non polemizar, discutir, sin xiquer participar, nos pleitos e loitas de menor nin de mayor cuantía que se teñen que producir n’unha coleitividade composta por máis de 300 mil personas. Por eso goza oxe dos máisimos respetos máis alá e por enriba do ben e do mal. Pois ben, este Consello de Galicia, sería o que lle estendería as credendiales ao representante de Galicia en París, xa que, oxe por oxe, é Buenos Aires onde reside o maior número de galegos republicanos e demócratas do mundo, especialmente con senso, emoción e vocación políticas.
Agora o problema é o da persoa que ostentará a dita representación. Non coido que poida ir de Galicia por dúas razóns: 1ª, Porque o noso grupo de Galicia está traballando maravillosamente no orden inteleitual e cultural; pero no que se refire á política están un pouco na lúa; non ademiten “nin esto nin aquelo”, i-agardan a vel-as vir, n’unha aititude cuáseque de nihilismo político; é nós necesitamos xentes con aititudes afirmativas e positivas, políticamente falando. Sobre todo no que atingue á nosa posíbel representación en París. A segunda razón é de orden económico. Nin os de Galicia nin os de eiquí, poderían soster esa representación na forma axeitada e decorosa con recursos propios. De aquí tampouco pode ir direitamente ningén, primeiro por as mesmas razóns económicas, e logo por non ter á man persoa que poida facel-o, sobre todo persoa de absoluta confianza política, pois as que hai fannos moita falta eiquí. Tanto que cicáis eu non volva a Chile. Os amigos de Bos Aires Oblíganme a quedarme con eles, e eu quédome.
A solución sería, pois, que o noso representante xa estivera ahí, con unha base de vida en París. N’ise caso, o Consello de Galicia faceríalle unha asignación como complemento, que lle permitiría situar co decoro que o cargo require, e moverse en todol-os medios en que deba facelo con certa folgura. ¿Canto? Velaiquí unha pregunta que me permito facerche pr’a ter unha base da cual partir n’iste aspeito do problema.
En canto á persoa, serías ti, César Alvajar, o meu candidato, o de Abraira e o de outras persoas das que che falarei n’outras correspondencias. Tamén-o serías de Alonso Ríos, que dende que morreu Castelao é o Xefe do Consello. Alonso Ríos, que viviu moitos anos en Buenos Aires antes de [ir] a Galicia pr’a memorábel Asamblea do Estatuto da Cruña, foi un dos precursores o movimento galeguista eiquí. Pol-a súa conducta eixemplar, pola súa verticalidade nas ideias, pol-o seu fervoroso outismo, Alonso Ríos é oxe, entr’os galegos de Buenos Aires, figura consular e patriarcal inouxetábel e intanxíbel. Tamén de Don Manuel Puente, un vello republican [sic.] dado por enteiro á causa patriótica de Galicia, xeneroso Mecenas da nosa cultura e da nosa loita, motor das dúas cousas. Así mesmo os Presidentes dos Centros Ourensáns, Coruñés e Pontevedrés, o de Betanzos e o de Corcubión, que forman unha Comisión Intersocietaria para apoiar incondicionalmente ó Consello de Galicia e todo o que él representa e siñifica.
Lee, pois, e relee esta carta, decide é contéstame inmediatamente.
Pro teu mellor goberno, e para que seipas o caráiter que tería o noso representante ahí, quéroche facer unha derradeira advertencia en col da nosa posición galega. O noso galeguismo non está limitado aos lindeiros dun determinado partido político. Queremos que sexa un movimento espiritual e nacional galego, compatíbel con todos, de resurrección total de Galicia. Naturalmente que intransixentemente republicano e democrático, sin a menor concomitancia con ningún xeito de totalitarismo.
Chegado o intre de que o aitual réximen da península… sin perda de minuto, Galicia –aténdose á derradeira eispresión da libre volunta[de] do noso pobo, proclamará e defenderá a súa total autodeterminación política, sin entrar en “esperas” nin postergacións por ningunha cras de motivos de paitos, oportunismos eleitorales, nin nada d’eso. Despois da afirmación da nosa persoalidade, si que entraremos en calquera acordo fraternal, cooperación, axuda, etc.; pero dende a nosa posición libre, e, de ser posible políticamente estroiturada [sic.]. Non caeremos no erro de volver a perder a oportunidade que perdimos cando se proclamou a República.
Por eso coidamos de moita urxencia poñer en práitica a túa proposta. Deica agora o noso movimento estivo, certamente, un pouco illado e limitado a Buenos Aires e Galicia. E como ti dis, ten que facer aito de presencia no resto do mundo, especialmente en Europa e no seu pulso vital, que aínda sigue sendo París, onde se decideu e se deciden moitas cousas.
Volvo a pregarche, por eso, que me contestes a seguido de recibir esta carta e, naturalmente, despois de estudiala.
E nada máis por oxe. Saúdos de todos, aínda dos que non te coñecen persoalmente, mais que te coñecen ao traverso dos teus traballos e das miñas referencias.
De min recibe unha forte aperta, fraterna e amical, coma quen diría, coruñesa.
Dirección: Federico Lacroze 4086, Buenos Aires, Argentina.
Ramón Suárez Picallo [sinatura].”


Transcribe Javier Alvajar (AB 1989, p. 180) outra carta de Suárez Picallo (do 25 de abril de 1957), moi preocupado porque Galicia non estivera representada nunha reunión en París de “todol-os partidos políticos republicáns, das dúas organizacións sindicales e das agrupacións vascas e catalanas” (o que máis tarde se chamará “Unión de Fuerzas Democráticas”). Alí estivo o galego Salvador Etcheverría, pero en representación do partido Unión Republicana. Trataron, nada menos, que da caída de Franco e da “sustitución provisional do réximen deica a reestroituración do novo, democrático, etc., resultado dunha consulta eleitoral libre e con garantías”. A existencia dunha delegación do “Consello de Galiza” en París síntese como algo moi urxente e, nese senso, Suárez Picallo, pon as súas bases: será persoal e actuará de acordo cos puntos de vista do CG. Insiste en que César Alvajar acepte o cargo, porque outros persoeiros están máis ligados a partidos e iso réstalles independencia.

Despois de presións varias, César acepta o cargo e en decembro de 1957 xa exerce como delegado do “Consello de Galiza” en París.

Ata o final das vidas de Suárez Picallo e César cruzaranse moitas cartas, sempre co mesmo obxectivo: a presencia de Galicia con dignidade nos foros internacionais.

O 22 de agosto de 1962 escribe Suárez Picallo, como “Asesor Cultural do Centro Lucense de Buenos Aires” a última carta de que teñamos constancia a César Alvajar. Nela, entre outras cousas, fala de que o “premio Castelao”, instituido polo “Consejo de Galicia” fora outorgado ó “Centro Gallego de Buenos Aires” por primeira vez, e este ano ó Banco Galicia de Montevideo, que dirixe Jesús Canabal. “Para la entrega de este galardón (un pergameo artístico e unha medalla de ouro) concurrimos a Montevideo una comisión nutridísima, y la entrega se efectuó en el gran teatro Solís, en un intervalo de un extraodinario concierto de música gallega. Me tocó a mí hacer la ofrenda verbal y a don Jesús Canabal recibirla. Fue un acto de fervorosa emoción gallega…”.

O 24 de setembro de 1963 Antón Alonso Pérez, “Segredario de Coordiñación do Consello de Galiza”, informa a César Alvajar de que Suárez Picallo foi operado da vista no sanatorio do Centro Galego de Bós Aires: “Está ben, mais se require tempo para compretar a cura. Espritoalmente, il está como sempre: ergeito [sic.]”. Pero os seus problemas de saúde eran máis serios.

César Alvajar escribe a Suárez Picallo a que sería a súa última carta o 9 de setembro de 1964. É unha carta sincera, confidencial, con verdades íntimas, case clandestina para o amigo de verdade en horas crepusculares para os dous:


“Hace un siglo que no sé de ti directamente, pero las referencias de esos amigos del Consejo de Galicia me dicen que estás famoso, animoso y optimista, y los periódicos que se hacen eco de tus actividades lo corroboran.
Con esta fecha envío carta, cuya copia te adjunto, a don Manuel Martínez Lamela, como Secretario de Coordinación del Consejo. Es reflejo de lo que, con el pensamiento en Galicia, pienso que hay que hacer en esta hora. Interprétenlo como quieran. Tú, que me conoces, darás su recta exégesis a esta actitud. Soy degaullista convencido, después de haber sido algunos años atrás antidegaullista insensato, por crédulo a las patrañas propaladas sobre los futuros propósitos del egregio general. Hoy tengo muchísimos motivos para estar a su lado –espiritualmente sólo, como no francés-; pero me basta y me sobra uno. Este: saber quienes son sus enemigos más encarnizados… ¡Los nuestros!”
Creo que no debes decir que te envié copia de esa carta porque ello podría ofender o rozar algunas susceptibilidades. Te la envío por dos razones: la primera porque conozco tu gran sentido político, afirmado en la realidad; y la otra porque sé que en ti no caben contra mí sospechas de oportunismo acomodaticio, o así. Di, sencillamente, que te escribí sobre el caso, y, si ello no va a redopelo de tu sentir, apóyame, para que los gallegos se adhieran específicamente al homehaje de América Latina a de Gaulle.
Yo trataré después de sacar de ello beneficiosas consecuencias para Galicia.
Querido Picallo: me pesan los 73 años que voy a cumplir, si Dios quiere, en enero próximo. Estoy muy fatigado; pero aún me cabe la esperanza de que el Señor (en quien creo, a pesar de las sonrisas de los “espíritus fuertes”, que no se dan cuenta de que se les llama así por ironía –como dice La Bruyère) me deje ver todavía cambios y mudanzas que me permitan exclamar, como el protagonista del drama de Tamayo: “El Cielo me debía, tras tanto dolor, tanta alegría”.
Consérvate firme para acompañarme en ese bien ganado júbilo.
Un fuerte abrazo.”


Pouco despois, o 14 de decembro dese mesmo ano, Ramón Suárez Picallo falece no sanatorio do Centro Galego de Buenos Aires. César Alvajar finará en París ó ano seguinte: o 6 de xuño de 1965. A correspondencia entre eles dous (e tamén con Javier), de Buenos Aires a París, de París a Buenos Aires, en galego e en castelán, unidos polo amor a Galicia e traballando eles e outros máis polo seu futuro, marca un fito da nosa historia contemporánea. Porque, por riba de todo, significaba que Galicia, a pesar de todo, non estaba vencida.
Comentarios (0) - Categoría: RSP-Correspondencia con César Alvajar - Publicado o 10-04-2011 10:49
# Ligazón permanente a este artigo
CARTA DE RSP A CÉSAR ALVAJAR
RSP e César Alvajar mantiveron unha intensa correspondencia no exilio (en Buenos Aires o primeiro e en Francia o segundo), con motivo da integración de Alvajar no Consello de Galiza como delegado en Francia. O propio fillo de Alvajar, Javier, ten escrito varios artigos ao respecto, publicados no Anuario Brigantino. Máis recentemente, Alfredo Erias publicou un estudo sobre esta correspondencia no volume colectivo Ramón Suárez Picallo. A voz esquecida do galeguismo.


Consello de Galiza

Bs Aires Abril 25/1958
Sr. Dn. César Alvajar
Rue D’Asas 78-
París XI


Querido Alvajar:
Recibimos a túa moi interesante carta. Estamos todos felices polo restablecemento da túa saude e asimesmo pol-o xeito como levas os teus traballos. Estamos seguros que todo sairá ben. Estamos traballando pra axudarche en todol-os sentidos.
[...]
Onte tuvemos unha reunión conxunta, vascos, galegos e cataláns, convocada pol-o Delegado do Goberno vasco. Trátase de orgaizar eiquí un gran aito público, de conxunto, pra eisaminar a situación na Península dende o noso punto de vista e pra facer unha afirmación rotunda e definitiva. Esta: A España centralista-castellana, fracasou como Estado, como comunidade de pobos, como comunidade xurídica. Ensaiou todas as modalidades de monarquía –cesarista, absolutista e semidemocratica- todos os xeitos de dictaduras civiles e militares e tamén dúas Repúblicas. ¿Causas? Un Estado artificial superposto enriba dos pobos ibéricos i-as suas ricas variedades: Un Estado de arriba pra baixo do centro pra periferia. Hai que declarar caduco todo eso e darlle volta a todo. Non se deben volver a ensaiar cousas xa fracasadas. Todo canto se faga pro futuro ha de ser sobor da base da plenitude das vellas nacionalidades, voluntariamente axuntadas por virtude da súa autodetermiñación.
A data que asinala este fracaso total, co asesinato da derradeira posibilidade e o 18 de Xulio de 1936. O aito pois será eiquí o 18 de Xulio.Os discursos, 3 en total, un vasco, un catalán i-un galego, discurirán dentro das eispresadas ideias. Xa se empezou a traballar na orgaización. Carteles, volantes, radios, prensa e demais pra que resulte “impresionante”. O traballo de aportar a maior parte da xente corre por conta dos galegos. ¿Que che parece? Publicaráse un manifesto-resúmen a xetio de conclusións que será “universalmente” difundido.

Falamos cos cataláns encol do “caso” Sauret en forma amabel. Quedaron de escribirlle. O delegado vasco díxonos que o Presidente Aguirre agarda a túa visita. O antes que nos sexa posibel faremos o “depósito de fondos” de que falas que, coidamos coma ti, que e indispensabel. E nada mais que se vai o correo. Cando recibamos as noticias que nos prometes seremos mais eistensos.

Apertas de todos e moi especiales do teu amigo
Ramón Suárez Picallo
Comentarios (0) - Categoría: RSP-Correspondencia con César Alvajar - Publicado o 09-10-2010 09:34
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal