A. C. Irmáns Suárez Picallo - Sada


Este blogue nace co obxecto de difundir a actividade da A. C. Irmáns Suárez Picallo, así como de recuperar e por a disposición do público diversos materiais de interese sobre o noso pasado,ao tempo que damos a coñecer os artigos escritos por Ramón Suárez Picallo e outros autores sadenses.
Estruturamos o blogue en varias seccións, nas que terán cabida noticias de actualidade sobre as nosas actuacións, artigos, textos históricos, fotografías...


Visitas (desde o 05/08/2010)





Únete a nós!
comisionsuarezpicallo@gmail.com
 CATEGORÍAS
 GALERÍAS FOTOGRÁFICAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGUES GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Xa dispoñible a versión dixital de Areal nº 6
Comentarios (0) - Categoría: PUBLICACIÓNS - Publicado o 28-10-2013 10:22
# Ligazón permanente a este artigo
AREAL Nº 5
Xa podedes acceder á edición dixital do nº 5 da nosa revista Areal.

Comentarios (0) - Categoría: PUBLICACIÓNS - Publicado o 27-07-2013 11:45
# Ligazón permanente a este artigo
DISPOÑIBLE NO BLOGUE O Nº 4 DE AREAL

O pasado fin de semana presentabamos o nº 5 da revista Areal. Hoxe subimos ao blogue o nº 4 (dedicado en gran parte a Isaac Díaz Pardo), que xa está dispoñible para descargar na seguinte ligazón:


Areal - nº 4

Nos próximos días colgaremos fotografías e información acerca dos actos dos días 13 e 14.
Comentarios (0) - Categoría: PUBLICACIÓNS - Publicado o 28-10-2012 10:11
# Ligazón permanente a este artigo
RAMÓN SUÁREZ PICALLO: ESCOLMA DE TEXTOS EN GALEGO
No ano 2008, a Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo promovía a edición dunha escolma de textos en galego de Ramón Suárez Picallo, patrocinada e publicada polo Concello de Sada e o Consello da Cultura Galega respectivamente. Da introdución, selección e transcrición encargaríanse Emilia García López, Prudencio Viveiro Mogo, Francisco A. Pita Fernández e Manuel Pérez Lorenzo.

Agora, o libro está dispoñible en formato dixital no seguinte enlace:


Ramón Suárez Picallo. Escolma de textos en galego
Comentarios (0) - Categoría: PUBLICACIÓNS - Publicado o 23-04-2012 17:41
# Ligazón permanente a este artigo
PUBLICACIÓNS
En outrubro de 2009, un ano despois do traslado a Sada dos restos de Ramón Suárez Picallo, editamos un libro colectivo no que expertos en diferentes campos analizan a súa traxectoria, todo elo nun gran formato e acompañado de abundante material gráfico e documental. Do deseño gráfico ocupouse Xosé Díaz. Descargue desde aquí o libro Ramón Suárez Picallo. A voz esquecida do galeguismo.



Ramón Suárez Picallo. A voz esquecida do galeguismo






En 2010 a A. C. Irmáns Suárez Picallo decidiu editar unha revista cultural, que titulou Areal -o nome que Emilia Pardo Bazán lle daba a Sada nas súas obras-, e que ten periodicidade semestral: sae á luz cada 14 de abril -conmemoración da proclamación da II República- e cada 14 de outubro -aniversario da morte de Ramón Suárez Picallo e do seu traslado a Sada.



Areal - nº 1

Areal - nº 2

Areal - nº 3

Areal - nº 4

Areal - nº 5

Areal - nº 6





A A. C. Irmáns Suárez Picallo comezou no mes de xullo de 2010 a publicar os seus CADERNOS DE ESTUDOS LOCAIS, folletos de pequeno formato e sen periodicidade fixa nos que difundir diversos estudos sobre aspectos do noso entorno, así como textos e documentos históricos recuperados.

























Comentarios (1) - Categoría: PUBLICACIÓNS - Publicado o 11-08-2010 12:00
# Ligazón permanente a este artigo
2º CADERNO DE ESTUDOS LOCAIS
CADERNOS DE ESTUDOS LOCAIS · Nº 2
XULLO DE 2010 · I MERCADO MARIÑEIRO DE SADA
A. C. IRMÁNS SUÁREZ PICALLO - SADA



No ano 1925 dous sadenses publicaban a ambas beiras do Atlántico senllos relatos tomados da realidade. Pola súa temática, ningún momento mellor que o presente, no marco do I Mercado Mariñeiro de Sada celebrado os días 30,31 de xullo e 1 de agosto, para sacalos novamente á luz.

A versión ao galego é de Manuel Pérez Lorenzo. Ámbolos dous textos publicáronse xa neste blog. Pódense ler nos enlaces ao pé.

Manuel L. Freire-Calvelo, nado en Sada no 1902 e practicante de oficio, foi, como xornalista, un incansable defensor de causas xustas para o seu pobo (o porto de refuxio, a ponte do Pedrido...) e un verdadeiro propagandista das Mariñas.
Ramón Suárez Picallo, que tamén nacera en Sada no 1894 e emigrara a Buenos Aires aos 17 anos, exerceu o xornalismo de xeito prolífico. Na II República foi deputado en dúas ocasións, exiliándose no 1939 a América.




HISTÓRICO. DAS NOSAS COSTAS


Manuel L. Freire-Calvelo


Era unha época de miseria. A sega do ano precedente faltou, o inverno era máis rigoroso que de ordinario.

Despediuse de Sada cunha tramontana fría e tempestuosa e unha chuvia incesante, tenaz, que converteu o poboado en lameiro inmenso; voou logo o vento cara o gregal e foi percorrendo o cuadrante, desencadeando violentas poñentadas e mistrais dos duros.

Durante o día os pescadores, coas mans nos petos, o pescozo ao aire e a gorra ata as orellas, ían e viñan das súas casas para a da “Trenla” –a súa taberna predilecta– e da “Trenla” ás súas casas. Baixaban pouco á ribeira, a botar unha ollada ao bote, un reforzo ás amarras... e nada: aquilo levaba camiño de non rematar nun mes.

–Queredes saber vós cal foi un dos apuros máis terribles en que xamais me vin? –preguntaba un fornido mariñeiro, mirando a todos os que o rodeaban na taberna–. Pois ben –engadiu– vóuvolo dicir e se hai entre vós algún que poda xactarse de ter corrido un perigo análogo, comprometereime a oílo sen chistar e a pagarlle un “pucheiro” de caña.

–O que vos vou contar aconteceu sendo eu mariñeiro da buceta de pesca “Palmita”, da cal a tripulación compúñana cinco homes e un rapaz de 13 anos.

O vendaval varría os nuboeiros e deixaba o ceo limpo e despexado; pero o mar continuaba tan encrespado e ruxinte. Saímos unha mañá moi cedo, ata a altura do cabo Prior, onde atopamos ao falucho de Periquete. Ata nós chegaba o formidable ruxir da ondada ao romper nos penedos da costa; a marusía tiña un movemento desigual, que se oía xunto co temeroso muxir daquel vendaval que levaba nas súas ás voces dispersas de xentes que falaban desde a próxima aldeíña pesqueira, ao ouveo dos cans e algunha que outra badalada da solitaria igrexa.

Pescabamos ao palangre, a unha milla da costa de Ortegal e fronte á punta Agudela e pena Fouciña, e colleunos o máis forte do temporal. Cando quixemos escapar xa non había tempo: loitamos máis de dúas horas, e eu, cada vez que unha onda rebentaba encima de nós, nin sequera me agachaba. Máis lixeiro e mellor nadador que o resto dos meus compañeiros e porque Deus o quixo puiden agarrarme como a cotra á quilla do bote; o patrón quedou debaixo e tiven que facer un esforzo para desenganchalo e quitalo a flote sobre a quilla. Idéntica operación tiven que realizar co rapaz; así permanecemos dúas horas, que nos pareceron séculos, pois é difícil de contarvos a loita que sostivemos coas indómitas ondas. As doce da noite eran cando saía a lúa. Aconsellei aos meus compañeiros que fixesen un esforzo para aferrarnos a unha gran pena próxima a nós, mentres eu conseguía, a nado, chegar a terra, sen deixar antes de animalos, dicíndolles que intentaría a salvación deles.

Máis de 1.500 metros tiven que nadar ata o pe do monte Candeira, combatendo as cambras e o perigo de estrelarme naquela infinidade de cantís.

–Que xeito de nadar! E estaría aquilo...– dixo un oínte.

–Como un inferno. Como toda a costa. Pero había que subir a Candeira; sobe que sobe por aquela altura cortada a pico. Vin a cara da morte porque levaba a misión de salvar aos meus compañeiros, que xa pedían a berros socorro e tiña que mirar onde puña os pés e as unllas... Total, que estiven suspendido un bo intre sobre... o inferno... Para rematar, ao chegar arriba, sangrábanme os dedos dos pés e varias partes do corpo e saquei un vestiario de sangue empapado en terra.

–Coxeando, camiña que camiñarás, saltando cercas e pisando toxos, percorrera media legua. A noite era clara, o vento fresco e o afastado mar acougara no seu furor. A pesar de todo, a miña ansiedade ía en aumento. A situación crítica dos meus compañeiros angustiábame. Uns carreteiros que acertaron a pasar tomáronme por tolo, e grazas ao estado de desesperación en que estaba consentiron en escoitarme, logo do cal proporcionáronme unha capa de palla coa que cubrir a miña nudez. Indicáronme un poboado de media ducia de pescadores e corrín naquela dirección.

Cheguei. Desde os cumes do monte os carreteiros que me auxiliaron acendían feixes de toxos para indicarnos o sitio en que estaban os infelices fillos do mar.

A situación destes era angustiosa. Agarrados á pena en que os deixei, daban angustiosos berros pedindo auxilio:

“¡Virxe Santísima do Carme, sálvame!... ¡Adeus meus pais, meus irmáns, o meu pobo, a miña aldea querida!...”

–Con isto conclúe o meu conto; logo de dous días, e por terra, regresamos á vila de Sada, onde alguén intentou, sen resultado, pedir para min, ao Goberno, unha cruz de... non me lembro que cruz era. Eu xa tiña bastante coa do naufraxio...

E o narrador dirixiu unha ollada ao seu auditorio, e ao apurar o seu “pucheiro” de caña púxose a recitar:

Busquemos as espigas
que brillan como o oro
e ao soprido da brisa
axítanse cal mar.
Gardemos eses grans,
son o noso tesouro,
mentres o sol de xullo
nos torra sen cesar.

Mariñana, Sada, 15/02/1925


NOTA: O relato, aquí narrado en clave literaria, recolle realmente un suceso acontecido tres anos antes. A traíña “Palmita”, de Sada, naufragou en augas de Cedeira en decembro do 1922. Compuñan a súa tripulación Baltasar Babío (patrón), Román Muiños, Juan Abad Golán, o neno Antonio Bouza e Juan Antonio Blanco Pérez, que protagonizou a aventura que narra Freire-Calvelo, salvando aos seus compañeiros tal e como se relata. Para el foi reclamada a Cruz de Beneficencia (El Ideal Gallego, 13/12/1922).



REMEMBRANZA


Ramón Suárez Picallo


A saída das traiñeiras, constituía para min un espectáculo deleitante; tanto, que todos os días, ao saír da escola, mentres os meus compañeiros cazaban grilos nos prados veciños, ou establecían descomunal batalla de pedradas cos rapaces da outra escola, ía eu silenciosamente a presenciar a partida das embarcacións pesqueiras. Nos meus oídos, soaban como as notas de música deliciosa, o golpe compasado dos dez remos, ao chocar simultaneamente nos toletes, e o choupido monorrítmico das pas, ao cravarse nas augas azuis da miña ría encantada.

Do meu corazón de neno crente –onde palpitaba xa o sentimento mariñeiro herdado de pais e avós– saía unha fervente oración para os que se afastaban, que era á vez un agoiro de boa sorte.

* * *


Cumprira os nove anos, moi poucos para gañarme o pan coa suor da miña fronte. No entanto, decidírame firmemente a expor á miña nai a miña vontade de ir ao mar. Certo que era pequeno; pero, non ían José de Sabela, Antón de Souto e Vicente da Fonte, que tiñan a miña mesma idade? Ese espírito de emulación, que fai que os galegos vaiamos onde vaia calquera outro, e que é innato na nosa recia estirpe celta, deume forzas para o transo.

Para o caso, tomara as miñas medidas. Na compaña de Don Fernando Lourido, andaba o meu amigo José de Sabela, con quen xa falara para ver se había sitio.

–E non ha de haber, oh. Xa sabes que co tío Fernando sempre hai sitio para os rapaces. Mañá se queres vir, témola posta na praia de Miño. Tirouse o mascato e peréceme que vai haber amorrada.

* * *


A profecía do meu amigo, que ía xa de entendido na materia, decidiume de todo, e, esa noite obtiven da miña nai o anhelado permiso, non sen unha tenaz resistencia da súa parte. Rezaba, pobriña! por un navegante –o meu pai emigrado– e desde esa noite rezaría por dous.

Ao outro día, mentres colocaba a merenda no garrucho –que o mar dá moito apetito– colmoume de consellos: –Serás traballador e honrado; serás humilde e ben falado coas persoas maiores; non serás envexoso, nin respondón, nin mentireiro; nin falarás mal dos compañeiros. Serás amigo de todos para que todos sexan os teus amigos. Sendo un neno, portaraste como un home.

E cando ía saír, logo de prometerlle sinceramente seguir os seus consellos:

–¡Espera!– díxome.

Sacou do seu seo un escapulario da Virxe do Carme, patroa de mariñeiros, e logo de bicalo fervorosamente, colocoumo ao pescozo coa súa propia man. (Precioso relicario, que aínda hoxe, perdidas, ¡ai!, as miñas crenzas infantís, gardo cal grato tesouro).

-Que ela, xunto coas miñas bendicións, che acompañe filliño; e fixo, con ademán de bendicir, o sinal da cruz sobre a miña cabeza, mentres dirixía ao ceo os seus ollos bañados en bágoas e os seus beizos musitaban unha oración. Oración de gozo ante o primeiro fillo disposto a contribuír co seu esforzo ao sustento do fogar, e oración de angustia, presentindo –nai galega!– ao futuro emigrante que un día partiría para non volver quizais nunca máis.

Baixo a impresión da bendición da miña nai e recordando a profecía da amorrada, cheguei nun airiño á rampla de don José Pena, que servía de repisa ao pintoresco pobo de Fontán, colgado no ribazo, coma se quixese caerse ao mar un día de mareira.

* * *


A “María Manuela” tiña a bordo á case totalidade da tripulación, sentado cada home na súa bancada cos remos xa armados. Ao instante chegaron os que faltaban e con eles don Fernando, o capitán da diminuta nave, venerable daquelas praias, mestre de varias xeracións de bravos mariñeiros, que, discípulos agradecidos, ollábano con agarimo filial, o que constituía o seu maior orgullo.

Terminados os últimos detalles, ordenou Fernando a saída co seu lacónico “imos”.

Ao impulso de cinco remos pola banda, a “María Manuela” cortaba veloz as augas, aquel día tranquilas, proa á praia de Miño, situada fronte a Fontán, á outra banda da ría.

Mentres os homes que formaban a tripulación remaban rexa e elegantemente, gardando unha absoluta unidade nos seus movementos, don Fernando, sentado a popa, picaba con parsimonia, cunha pavorosa sevillana, tabaco para un cigarro, confiado o remo de goberno a un dos rapaces que se sentaban a popa. De cando en cando orientaba ao rapaz-temoneiro ordenando:

–“Couce”. E ao intre. “Asimán”.

Notando que o número dos “cazoleiros” –clasificación dos rapaces que pola nosa curta idade non entrabamos na compaña e que polo tanto o pago do noso traballo era ao arbitrio do patrón; paga en especies denominada cazola, por supor que con ela se facía “cazolada”– aumentara, buscou a cara nova, achándoa ao instante: era a miña.

–É a primeira vez que ves ao mar, rapás– preguntou.

–É, si señor– respondín.

–¿E ti de quen es fillo?

–Do Zoqueiro de Veloi.

–Acórdocheme coma se fora hoxe, da primeira cazola que gañou teu pai. Gañouna comigo. Deus queira que traias sorte.

Chegamos a Miño.

Cando a quilla da “María Manuela” tocou fondo, don Fernando tirou a terra un brazado de “ca”, iniciando a largada, formando co aparello un semicírculo, recollido logo desde a praia pola compaña, dividida en dous grupos, un por cada punta.

Quixo don Fernando terme ao seu carón, non deixándome baixar a terra. Levoume con el á calima –a boia indicadora do copo promisor– desde onde orientaba, mediante sinais convenidas, dadas cos brazos, aos homes que desde terra arrastraban o enorme “boliche”.

Un gran choupido producido na boca do copo, estremeceu ao vello mariño. Cravou a súa mirada penetrante nas augas en son de angustiosa interrogante e descubriu un banco de sardiñas que, collidas na rede diabólica, axitábanse, presintendo quizais a hora da morte. Don Fernando ergueu entón os dous brazos, pechándoos logo, sinal que traducida á linguaxe pescadora quere dicir: “Duro, rapaces, que hai pan”. Aproximábase a terra a calima e percibiamos xa as exclamacións dos de terra, ao ver a sinal optimista. Afanosos, bafexantes, dábanse ánimo mutuamente:

–Duro! Ala, duro!– E os seus corpos, atados ao aparello, tumbábanse nun supremo esforzo, dándolle unha velocidade vertixinosa para impedir a fuxida dos peixes.

–Choupa! Choupa na gola!– clamaba don Fernando en son de súplica angustiosa, notando que as sardiñas saíanse da boca do copo.

Dez rapaces, vestidos con traxe de Adán, lanzáronse á auga como frechas, e confundidos os seus corpos cos peixes verdosos, daban tremendas brazadas no lugar indicado por don Fernando, ata que a boca foi pechada polos agoladores.

–¡Un ben de Deus!– exclamou o mestre, contemplando o copo repleto do exquisito produto.

* * *


Cargados ata o caurel, lancha, bote e dous minuetas, regresamos a Fontán, entre cancións mariñeiras e o tocar da bucina, chamando ás pescas á rampla, de onde sairían cargadas, levando ás aldeas máis apartadas o froito da ría bendita, ao berro do pregón característico.

–Sardiña bulindo, quen come... Sardiña!...

Á hora da paga, don Fernando foi pródigo. Encheume o garrucho canto coubo, dicíndome ao entregarmo:

–Has de ter sorte co mar, rapás. Volve cando queiras.

Emocionado, invadido de alegría inenarrable, contemplaba eu o garrucho contendo o froito do meu primeiro traballo. E desexoso de valoralo en moeda contante e soante, dirixinme á primeira “pesca” que achei a man:

–Véndoche a cazola.

–Douche des reás.

–É pouco– contestei, tomando ao lombo a preciosa carga e botando a andar a canto me daban as pernas.

Privar eu á miña nai da alegría de comer as primeiras sardiñas que eu levase? Herexía que non me tería perdoado en todos os días da miña vida. Logo a satisfacción de repartir entre os veciños o produto da amorrada: Un prato á avoíña de arriba; outro á madriña; outro ao tío. E a emoción da miña nai ao dicir orgullosa:

–Tróuxoas o meu fillo. Son as primeiras que gaña.

E as bendicións que eu recibiría daquelas boas xentes que eran outros tantos agoiros: “Que Deus lle dea moito ben”. “Que as areas do mar se lle volvan ouro por onde vaia”. “Que a Virxe do Carme o teña sempre da súa man, non mar e na terra”.

Pensando nestas escenas que aos poucos instantes desenvolvíanse matematicamente, cheguei ao fogar querido, onde a miña nai e os meus irmanciños pequenos agardaban ansiosos. Pousei aos seus pés o garrucho repleto, e ao velo a miña nai abrazoume e bicoume conmovida, ante a miña ofrenda primeira, sincera, tenra, profundamente amorosa. En acción de grazas exclamou:

–Loado sexa Deus!

* * *



A cea familiar sóubome a gloria divina. Gañárama eu, co meu esforzo honrado, e iso é moito, para nove anos, Señor!

Aquela noite tiven o soño máis feliz da miña vida. Soñei que un navío moi grande e bonito levábame a afastadas terras encantadas, onde había praias cubertas de pebidas de ouro e pedras preciosas e que levado da man pola Deusa Fortuna, enchía grandes talegas; que en buque veloz e marabilloso regresaba ao meu fogar, onde a miña nai esperaba; e que aos seus pés depositaba as talegas, recibindo de xeonllos a súa bendición.


Céltiga, Buenos Aires, 25/06/1925






Texto de Suárez Picallo (2ª parte)
Texto de Freire Calvelo
Texto de Suárez Picallo (1ª parte)
Comentarios (0) - Categoría: PUBLICACIÓNS - Publicado o 09-08-2010 01:04
# Ligazón permanente a este artigo
1º CADERNO DE ESTUDOS LOCAIS
Agora que se cumplen 75 anos da creación do "Ateneo de Cultura Política y Social de Sada" dende a A.C. Irmáns Suárez Picallo rendemos esta cativa homenaxe dando a coñecer a sua historia e actividades a pesares da corta existencia.
Con tal motivo celebrouse unha charla coloquio e presentouse a publicación CADERNOS DE ESTUDOS LOCAIS cuio nº 1 adícase precisamente ao Ateneo e da que é autor Manuel Pérez Lorenzo, membro desta Asociación Cultural.


CADERNOS DE ESTUDOS LOCAIS · Nº 1
XULLO DE 2010
A. C. IRMÁNS SUÁREZ PICALLO - SADA


O ATENEO DE CULTURA POLÍTICA Y SOCIAL: UNHA EXPERIENCIA SOCIETARIA NA SADA DA II REPÚBLICA

Manuel Pérez Lorenzo


En xullo do 1935 constituíase en Sada o Ateneo de Cultura Política y Social, unha asociación que perseguía a divulgación da cultura e o coñecemento co fin de construír unha sociedade máis capacitada e máis próspera.

O Ateneo nacía nun momento propicio ao desenvolvemento de iniciativas culturais: a II República, co seu marco democrático favorable ao pluralismo de ideas. Os anos trinta serían a nivel estatal un fervedoiro de empresas instrutivas, cunha longa traxectoria previa nos ámbitos do movemento obreiro e do republicanismo. Os ateneos e asociacións artellarán bibliotecas, cadros teatrais, formacións corais..., e programarán recitais, tertulias, debates, charlas... Acompañando á súa obra cultural, interesaranse por ofertar actividades recreativas (bailes, festas, excursións, formacións deportivas, etc.) coas que dotar de elementos de diversión aos que doutra forma tiñan vedadas as actividades de ocio características da burguesía.


A Sada da II República

A Sada dos anos 30 era un concello de preto de 9.000 habitantes conformado por unha vila marítima, na que se concentraba a maior parte da poboación, e un ámbito rural artellado en torno a aquela. A agricultura, a pesca e as industrias derivadas desta última eran os sectores produtivos maioritarios. Mantiña Sada, especialmente no período estival, unha intensa relación coa cidade da Coruña, cun tránsito permanente de visitantes a través do tranvía que unía ambos núcleos. A emigración a América era moi intensa xa desde a segunda metade do século XIX, cun destino moi predominante nos EEUU.

No terreo socio-político os anos da II República representan a eclosión dun movemento asociativo (agrario, sindical, cultural...) que leva aparellada unha ampliación e redefinición da sociedade civil. Tamén estaba a ter lugar un proceso de pluralización das tendencias políticas, coa aparición de novas formacións.

Entre o 1931 e 1936 a corporación municipal estivo formada por republicanos progresistas. Ademais, existiron diversas formacións políticas: Unión Regional de Derechas-CEDA, Partido Radical, Unión Republicana, Izquierda Republicana, PSOE, PCE e Partido Galeguista, este último cunha implantación significativa.

O movemento obreiro e agrario estaba dotado nos tres primeiros anos da República de importantes organizacións sindicais, vinculadas maioritariamente á CNT e cunha moi ampla filiación: Sada, Meirás, Mondego, Carnoedo, Soñeiro e Osedo contarían con cadanseu sindicato. Embora, logo das folgas de decembro de 1933 e da revolución de outubro do 1934, este entramado quedaría desartellado polas políticas represivas dos gobernos conservadores. A mediados do 1935 estaban a se recompor, para retomar a actividade tras o triúnfo da Fronte Popular en febreiro do 1936.


Os precedentes do Ateneo

Á empresa cultural do Ateneo precederíana outras de intencións e actuacións máis ou menos similares e que se desenvolveron nos anos 30, se ben existen experiencias moi anteriores.

No ano 1930, antesala da República, créase o Centro Cultural Obrero, que agrupa aos opositores do réxime ditatorial: anarquistas, republicanos, socialistas, galeguistas... (Arquivo do Reino de Galicia, Fondo do Goberno Civil, G-1812). Presidirao o anarquista José Monzo Ríos, poñéndose en marcha numerosas iniciativas culturais: un cadro de declamación, sesións de cine con finalidade benéfica, charlas... A partires de setembro do 1931 incorporarase ao novo Sindicato de Oficios Varios da CNT, como Sección Cultural (ARG, FGC, G-2552).

No 1932 funcionaba unha Tertulia Literaria-Pedagógica que, segundo a prensa, era unha reunión de dez rapaces que se xuntaban «para hablar de literatura, asuntos de interés relacionados con el momento regional, nacional y mundial» (El Pueblo Gallego, 04/11/1932).

No 1933 constituirase a sociedade Artística Sadense, cunha intensa actividade ata o 1936 (ARG, FGC, G-2552). Será frecuente a celebración de charlas, concertos, representacións teatrais, etc., e aínda o serán máis os bailes e excursións. Artellarase un cadro dramático e unha formación coral ben nutrida.

O movemento asociativo espallarase tamén polo rural: Samoedo, Mondego, Carnoedo, Meirás... contarán con agrupacións culturais bastante activas.


O Ateneo de Cultura Política y Social

O 19 de xullo de 1935 constitúese no Pavillón Moragra o Ateneo de Cultura Política y Social (ARG, FGC, G-2552). Nace baixo o impulso de Xohán Antón Suárez Picallo coa vocación de converterse en crisol das diversas faccións progresistas e do movemento obreiro para desenvolver proxectos culturais en común, toda vez que se estaba artellando en paralelo unha Alianza de Esquerdas que había derivar na Fronte Popular.

O Ateneo quedaba definido como unha institución que debía atender primeiramente a cuestións político-sociais, sen deixar á marxe outros ámbitos que puidesen ser obxecto de estudo e divulgación. Asemade, optaba por un ámbito municipal, incorporando a elementos das parroquias rurais.

O 3 de agosto inaugurábase o local social, instalado na casa nº 12 da Praza de San Roque. Para a ocasión organizábase un acto no que interviñan Xohán Antón Suárez Picallo, presidente do Ateneo, e o médico coruñés José Búa Carou. Os dous oradores aludían a «lo que significaba que la Sociedad estuviera constituída por galleguistas, republicanos y obreros en fraterna cordialidad, como deben caminar siempre todos los que anhelan y se desvelan por un mañana mejor para sus semejantes» (Ser, 11/08/1935).

No único ano de vida do Ateneo, desenvolveranse diversas actividades: excursións, tertulias, mitins, charlas e mesmo algunha verbena. Serán frecuentes as conferencias, ben a cargo de oradores convidados (Otero Pedrayo, José Villaverde, Plácido R. Castro, etc.), ben de elementos da propia vila (os mestres Nicandro Golán, Alejo Candocia e Rafael Fernández Casas e o médico José Pubul). Nestas charlas trataranse temáticas moi diversas, pero todas elas encamiñadas a achegar ás capas populares o coñecemento racional da realidade máis próxima: falarase de medicina e hixiene, educación, prevención de riscos laborais e agronomía, pero tamén de política e de arte. De todas elas dará conta a prensa.

En setembro do 1935 o Ateneo dirixiría unha carta ao presidente da República, Alcalá Zamora, solicitando o indulto aos condenados trala revolución de outubro do 1934, co obxecto de levar o «consuelo a miles de hogares españoles, privados de seres queridos y del sustento que con su trabajo aportaban a ellos» (Ser, 15/09/1935).

Un dos actos máis multitudinarios do Ateneo será o mitin antibelicista celebrado no salón Moderno o 10 de novembro do 1935. Ante unhas 4000 persoas tomarán a palabra X. A. Suárez Picallo, os anarquistas Genaro Pazos e José Villaverde, o galeguista Plácido R. Castro, o republicano Manuel María González López e o profesor da Universidade de Santiago Ventura Castro Rial. O primeiro dos oradores sinalou «cuan necesaria es la intervención de los hombres liberales y humanistas para impedir la guerra» (Ser, 17/11/1935 ).

En xaneiro do 1936 renovarase a directiva, ocupando a presidencia o mestre de Souto Rafael Fernández Casas con Luis Pita da Veiga de secretario e o médico José Pubul de vicepresidente (ARG, FGC, G-2552). Outros socios destacados, ademais do omnipresente X. A. Suárez Picallo, galeguista, serían os comunistas Antonio Carballeira e Antonio Alonso, o exalcalde Justo Rodríguez, tamén galeguista, o socialista Elisardo Abruñedo, os republicanos Luis Castro e Amador Cubeiro, o anarquista Julio Caamaño, etc.


Un final dramático

Esa experiencia intensa e ilusionante que foi o Ateneo derrubouse á par que a República. A sublevación militar de xullo do 1936 deu ao traste con todas as expectativas dunha época de cambios. O novo réxime para implantarse houbo destruír todo canto representaba pensamento crítico, construíndo un modelo cimentado sobre o desprezo pola cultura, outrora cultivada como factor de emancipación individual.

O Ateneo foi clausurado, os seus fondos incautados e o seu local e mobiliario transferido a Falange (La Voz de Galicia, 22/08/1936). A biblioteca sería queimada. Catro dos seus directivos foron paseados, entre eles os dous presidentes, X. A. Suárez Picallo e R. Fernández Casas.


Apéndice · As directivas*

Xullo de 1935
Presidente: X. Antón Suárez Picallo (PG)
Vice-id.: Luis Castro Álvarez (IR)
Secretario: Amador Cubeiro Suárez (IR)
Vice-id.: Eugenio Taibo Canle (SOV-M, PG)
Tesoureiro: José Regueira
Vice-id.: Julio Caamaño Amor (SOV-S)
Bibliotecario: Antonio Blanco Ramos
Vogais: Justo Rodríguez Pérez (PG), Antonio Carballeira Muñiz (SPV-M, PCE), Elisardo Abruñedo Aréva-lo (PSOE), José García y García

Xaneiro do 1936
Presidente: Rafael Fernández Casas (UGT)
Vice-id.: José Pubul Cartelle (UR)
Secretario: Luis Pita da Veiga Mojón (IR)
Vice-id.: Luis Castro Álvarez (IR)
Tesoureiro: Julio Caamaño Amor (SOV-S)
Vice-id.: Antonio Blanco Ramos
Bibliotecario: Antonio Alonso Couceiro (PCE)
Vogais: José Casal Cividanes, Manuel García García, Salvador González Mora (PG), Eugenio González Rivero (PG)
Comisión de contas: José Regueira, José García y García, Francisco Fernández Vila (PG)

* Entre paréntese a filiación política e/ou sindical de cada un, nos casos en que se coñece.

Abreviaturas

PG: Partido Galeguista
IR: Izquierda Republicana
UR: Unión Republicana
PSOE: Partido Socialista Obrero Español
PCE: Partido Comunista de España
UGT: Unión General de Trabajadores
SOV-S: Sindicato de Oficios Varios de Sada (CNT)
SOV-M: Sindicato de Oficios Varios de Mondego (CNT)
SPV-M: Sindicato de Profesiones Varias de Meirás (CNT)



Cartaz da charla sobre o Ateneo de Sada
Comentarios (0) - Categoría: PUBLICACIÓNS - Publicado o 04-08-2010 14:07
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal