Benvidos/as ó noso blogue. Nel, as integrantes desta asociación de Montederramo, pretendemos dar a coñecer tódalas actividades que se levan a cabo tal como excursións, cursos, festas...
Non deixedes de entrar, pois tedes a diversión garantizada.
O concurso Adiviña Cal-del@s levado a cabo con motivo da tripla celebración do día 17 de maio do día das Letras Galegas, do día de Internet e do día mundial das Telecomunicacións e da Sociedade da información xa coñece a asociación gañadora: a Asociación de Mulleres Rurais de Montederramo "A Caracocha".
Na iniciativa participaron 4 asociacións, dúas delas con dous grupos,acadando a cifra de 37 participantes en total.
As asociacións participantes e os tempos acadados en adiviñar os cinco elementos (festa galega, monumento galego, persoeiro/a galego/a, concello galego e producto típico galego) foron os seguintes: GAÑADORA: Asociación de Mulleres Rurais de Montederramo "A Caracocha" : 71 minutos.
Asociación de mulleres rurais de Parada de Sil "Santa Cristina" :80 minutos.
Asociación de veciños/as de Vilariñofrío "A Ponte" (grupo 1) : 81 minutos
Asociación de xubilados/as de Castro Caldelas "Nosa Señora dos Remedios" (grupo 1) : 101 minutos
Asociación de xubilados/as de Castro Caldelas "Nosa Señora dos Remedios" (grupo 2): 120 minutos (só adiviñaron 4)
Asociación de veciños/as de Vilariñofrío "A Ponte" (grupo 2) :120 minutos (só adiviñaron 4)
Noraboa 1º a Déborah pola ocurrencia tan boa que tivo e polo seu afán de traballo, 2º ás gañadoras que o fixeron de maravilla, e 3º a tódolos participantes, pois sen
eles non se podería levar a cabo esta iniciativa.
A Asociación de M. Rurais de Montederramo, xunto coas outras asociacións da comarca, participou na iniciativa da Rede de Dinamización, "Adiviña Cal-del@s", que consistiu en dúas partes con cada grupo; o primeiro día foi para explicar o funcionamento dos buscadores na Internet,o manexo dun programa de mensaxería instantánea e darse de alta nun deles; e o segundo día conectáronse en liña co Centro Comarcal Terra de Caldelas. Para empezar os participantes fan unha rolda de preguntas que teñan por resposta só "si" ou "non", para adiviñar 5 maravillas de Galicia; se non adiviñan despois desa rolda, é cando se lle envía unha pista para que a través dun buscador atopen a resposta, e así sucesivamente ata o máximo de 5 pistas por cada cousa. A asociación gañadora será a que acerte as 5 cousas en menos tempo, e o tempo estipulado son 2 horas. De momento aínda non se sabe quen será porque aínda non acabaron de concursar todas. Xa vos manteremos informados.
Unha iniciativa da nosa dinamizadora, Déborah, moi interesante e divertida, coa que a xente aprende moito e sobre todo a buscar información en internet.
Esta actividade entra a formar parte dun concurso entre tódalas iniciativas dos distintos dinamizadores e dinamizadoras de toda Galicia. O ano pasado só participou a asociación de xubilados de Castro Caldelas recopilando fotografías antigas, escaneándoas e expoñéndoas logo no Centro Comarcal, e foron os gañadores, e esperamos e desexamos que este ano tamén gañe a iniciativa de Déborah, pois estivo moi acertada e ela traballou mañá e noite sen parar.
Noraboa Debo, segue sempre así, incentivando á nosa xente, que algún día terás a túa recompensa.
Grazas por toda a túa paciencia e dedicación prestada.
Arancha vive da cerámica dende 1996, realizando feiras de artesanía por toda España e sobre todo en Galicia onde vive dende o 2003.
O seu traballo pódese dividir en 3 grupos: un mais artístico centrado no modelado de mulleres dende un punto de vista primitivo, deusas da fertilidade, e étnico; outro de pezas decorativas con ou sen funcionalidade, e outro de bixutería ou pezas mais pequenas de carácter mais comercial.
Dependendo do traballo utiliza un barro ou outro, pero sobre todo usa gres e refractario cunha pátina de óxidos.
Mediante a técnica de churros vai modelando as formas que busca con espirais e curvas. O óxido axúdalle a resaltar os debuxos e o volume.
A exposición poderase ver no Centro Comarcal durante o mes de maio. O horario do Centro é: Pola semán: De 10 a 14 e de 17 a 20 e os fins de semán: de 11 a 14 e de 17 a 20. Os sábados 23 e 30 permanecerá pechado pola tarde e os domingos 24 e 31 pechará todo o día.
O día 10 fomos de excursión a Coimbra e Aveiro, 45 mulleres, 8 homes e 2 nenos, en total 55 persoas. É algo lonxe para facelo só nun día e tivemos que andar a cen para poder ver algo, pero aínda así visitamos o mais importante, a Catedral de Coimbra, a universidade, cunha biblioteca impresionante, a capela de S.Miguel, cas súas paredes de azulexo, típicas de Portugal e a Cidade dos Pequeniños, que tamén nos encantou, cas súas casiñas, monumentos, e pezas de museo en miniatura. Comemos o bacalhao que estaba moi bó, e pola tarde fomos a Aveiro, a Venecia Portuguesa, onde vimos os seus canais cas góndolas, a catedral e un Centro Comercial aberto con tendas de moda, moi bonito, todo con arcos de pedra. Podedes ver fotos de todo na fotoblogoteca.
E regresamos ós nosos fogares á 1:00 da madrugada, cantando e contando contos no autobús sen parar, e organizando xa a seguinte.
Como pasa o tempo, xa estamos a día 6 e eu sin poñer os refráns de maio, pensando que aínda non cambiaramos de mes, xa non sei en que día vivo, pero como di o refrán: "Nunca é tarde se a dicha é boa". Xa todo está florido, xa se escoitan os paxariños e xa os días dan para todo, como ben di outro refrán: "Días de maio, días de amargura, aínda non amanace xa é noite oscura", este, seica era unha comadre que estaba de palique e rendéulle pouco o día, aínda quería falar mais, é como o que estaba facendo a xeitura: "Cando será noite, para madrugar mañá", e aí van algúns mais:
1-Auga de maio, pan todo o ano.
2-En maio aínda bebe o boi no prado.
3-Maio me molla, maio me enxuga, maio me da unha sacudidura, mais ben de fame ca non de fartura.
4-Maio pardo, S. Xoan claro, vale mais que os bois e o carro.
5-Maio turbo, S. Xoan claro, fai un ano moi temperao.
6-Calenturas de maio, saúde para todo o ano.
7-Ata o 40 de maio aínda a vella queima o tallo.
8-Ata o 40 de maio non te quites o saio.
9-O maio que ha de ser maio, tomarlle a medida, tres veces sopas, unha vez pan e á cama con día.
10-Quen queira ter prixel todo o ano, sementeo no mes de maio.
O día 1 de maio fomos a gañar o Xubileo de S. Pablo, con motivo da conmemoración dos seus
2000 anos, a Quintela de Leirado, pois é a
única iglesia da diócese adicada a el.
Foi unha peregrinación do arciprestazgo de Caldelas pero só fomos xente do concello de Montederramo, acompañados polo arcipreste, D. Mario, e polos sacerdotes das nosas parroquias,
D. Andrés e D. Pablo.
Visitamos ademais as igrexas de Leirado e pola tarde fomos a Nosa Sra da Guía, ó Balneario de Arnoia, a Ribadavia, onde demos un paseo polo barrio xudeo e tamén vimos moitas igrexas: a
de Santo Domingo, a do Portal, a de S. Juan, Santiago, a da Magdalena etc.
Foi un día moi entrañable e pasámolo moi ben. Podedes ver algunhas fotos na fotoblogoteca.