Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

O fémur da Mona Lisa?
Logo de tres anos de escavación nun convento, investigadores atoparon un fémur de muller que cren que sería da modelo do cadro ‘A Mona Lisa’, de Leonardo Dá Vinci.

Un grupo de arqueólogos italianos tentan descubrir a identidade da modelo que serviu de inspiración ao cadro máis famoso de Leonardo Dá Vinci, a Mona Lisa, e no medio do seu labor acharon un anaco de fémur que podería ser da misteriosa muller. Así o anunciaron este mércores, logo de tres anos de procura nun convento de Florencia onde presumían ao dicir que se atopaba o corpo de quen pousou ante o xenio renacentista.

Os especialistas esperaban atopar o cranio da Mona Lisa para reconstruír a fisionomía da modelo a fin de confirmar a súa identidade, con todo, só acharon un anaco de fémur deteriorado do cal non poderán extraer o ADN.

O fémur pertence á nobre florentina Lisa Gherardini, quen, segundo os arqueólogos, é a modelo do cadro coñecido tamén como A Gioconda.

"Unha converxencia de elementos que van desde os exames antropolóxicos aos documentos históricos permite concluír que estes restos son probablemente os de Lisa Gherardini", sinalou o historiador que coordinou a investigación, Silvano Vinceti.

Irene Iglesias Bastos, 2º de Bacharelato.
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 26-09-2015 17:30
# Ligazón permanente a este artigo
Márquez non se rende e consegue a pole antes de caer.
Marc Márquez ten claro que non vai baixar o ritmo e que dará todo para reducir a diferenza co líder do mundial de MotoGP, Valentino Rossi. Cando se esperaba un monólogo de Jorge Lorenzo na clasificación do GP de Aragón, visto os adestramentos libres onde marcaba uns tempos espectaculares, apareceu un tremendo Márquez que puxo terra polo medio nada máis comezar a clasificación, establecendo un tempo de 1:46.635.

Non foi fácil, porque Lorenzo fixo todo para levar o mellor tempo. Mesmo ao final da clasificación, na última volta, Márquez caía e explicábao así: “Estou ben. No primeiro tramo sentinme ben e tirei a lume de biqueira e fun realmente rápido para a miña sorpresa. A caída foi consecuencia de tirar tan forte e o pneumático estaba frío polo lado dereito. Pido perdón ao meu equipo porque agora terán que arranxar a moto”.

Pola súa banda Jorge Lorenzo estaba rendido á evidencia e comentaba algunha dificultade que atopara na clasificación: “Temos que mellorar algúns puntos que aquí non funcionaron. Fun o máis rápido posible pero é moi difícil bater a Márquez a unha soa volta. Na carreira confío en poder tirar máis forte e conseguir moitos puntos”.

Valentino Rossi realizou unha clasificación na liña de toda a tempada, quedando en sexta posición. Destacar a terceira posición de Andrea Iannone e a cuarta de Pol Espargaró que deixou en quinta posición a un Dani Pedrosa que non se atopou cómodo coa moto.

Laura Abad Álvarez, 2º de Bacharelato.
Comentarios (0) - Categoría Recursos en galego - Publicado o 26-09-2015 17:26
# Ligazón permanente a este artigo
O decreto do plurilingüismo podería chegar ao Tribunal de Estrasburgo
A RAG estuda recorrer a instancias europeas a lei da Xunta tras a negativa do Tribunal Constitucional a aceptar o seu recurso.

O Decreto 79/2010 para o plurilingüismo no ensino non universitario, a norma aprobada no 2010 polo Goberno de Feijóo, podería acabar no Tribunal de Estrasburgo. Unha situación á que se chega tras esgotar todas as vías xudiciais no Estado español. A última negativa, a do Tribunal Constitucional que non admitiu o recurso.

A Real Academia Galega (RAG) anunciou que estuda recorrer ante instancias xudiciais europeas esta lei "por vulnerar o dereito ao ensino en lingua galega, excluír o seu uso en materias de contido científico e fomentar os prexuízos contra ela".

A RAG sinala que, desde a aprobación do decreto do plurilingüismo, asumiu a posición de esgotar todas as vías xudiciais contra unha norma "que vulnera a legalidade e que considera lesiva dos dereitos das persoas galegofalantes".

Ademais, indica que España subscribiu e ratificou a Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias, polo que se comprometeu formalmente a ofrecer unha educación preescolar, primaria, secundaria, técnica e profesional garantida en lingua galega.

Tras expresar o seu respecto ante a sentenza do Tribunal Constitucional, instou á Xunta a que "dea os pasos necesarios para restaurar o imprescindible consenso político que posibilitou a aprobación por unanimidade da Lei de Normalización Lingüística e do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega".

Neste sentido, solicita nun comunicado "aprobar un novo marco normativo plenamente acorde coa legalidade e favorable á lingua galega e ás persoas que a falan".

Xeila Crespo Rodríguez, 2º de Bacharelato.
Comentarios (0) - Categoría Recursos en galego - Publicado o 26-09-2015 17:24
# Ligazón permanente a este artigo
A Xunta descarta actuar no caso da humillación na hípica Casas Novas á nena galego-falante
A Xunta non fará nada perante a vulneración de dereitos e a humillación sufrida por unha nena galego-falante no Centro Hípico Casas Novas. Así o afirma a Mesa pola Normalización Lingüística, que di que o conselleiro de Educación e Cultura, Román Rodríguez, deu por boas no Parlamento as explicacións do Centro Hípico de Casas Novas. Este centro afirma que entender como humillación o se dirixir a unha nena de 10 anos con expresións como “es que a ti no te entiendo como hablas. Te explicas tan mal así”ou “aquí todos hablamos castellano y tu tienes que hablar el castellano”, “só poden deberse a unha interpretación errónea dos feitos”.

Ana García Barandela, 2º de Bacharelato.
Comentarios (0) - Categoría Recursos en galego - Publicado o 26-09-2015 17:22
# Ligazón permanente a este artigo
A escena galega

Advertía Álvaro Cunqueiro que sempre foron os galegos temerosos das encrucilladas. De aí o seu afán por levantar nelas soberbios cruceiros e de encomendarse ao santo en cuestión para que os guiara no camiño correcto. Pois ben, a escena profesional galega -entendida na máis ampla acepción, de xeito que dea cabida a xéneros como o teatro, a danza, o cabaré ou novo circo -atópase neste momento, a dicir dos seus protagonistas, nunha fenomenal encrucillada e non se albisca no horizonte cruceiro ao que encomendarse.

Ou si, pero pode que o santo que o coroa non estea moito pola labor, veñen a dicir os sete profesionais da escena cos que nos reunimos para tratar de facerlle unha radiografía á situación actual do sector. Refírense á Administración autonómica e máis en concreto á Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).

Antía Corral Álvarez, 2º de Bacharelato.
Comentarios (0) - Categoría Recursos en galego - Publicado o 26-09-2015 17:20
# Ligazón permanente a este artigo
UNHA PASARELA PARA DAR A COÑECER O MUNDO DA MODELAXE.
Apaixonados pola moda e atraídos polo mundo da modelaxe: así son os mozos que onte subiron á pasarela de O Corte Inglés para participar nun casting de selección , buscando o seu oco para o próximo desfile da tempada, no que o centro comercial presentará as tendencias para este inverno.

Unha acción novidosa coa que este ano comezou o calendario de actividades do centro tras o período estival e que tivo unha gran acollida entre os mozos de Santiago e a comarca, que onte se presentaron vestidos con básicos e moitos nervios para desfilar ante un xurado formado por Manu Varela, director da Axencia de Modelos Luena e encargado da dirección artística do próximo desfile; María Fraga, visual do Corte Inglés; Leticia Varela, da firma Sfera; Ana Iglesias, de Correo TV, e Pati Blanco, xefe de Relacións Externas do Corte Inglés en Galicia, quen lembrou que “o interese pola moda é unha constante na nosa empresa”.

Elena Outomuro López, 2º de Bacharelato.
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 26-09-2015 17:19
# Ligazón permanente a este artigo
Pecha o Ultramarinos, local de referencia no circuíto compostelá
Hoxe os propietarios do pub anunciaban na súa páxina de Facebook o peche, que deixa atrás oito anos de música e programación variada. “Estamos orgullosísimos de ter sido moito máis que un pub, do traballo feito, de ter acollido tantos e tan marabillosos concertos, de ter colaborado activamente na dinamización da cidade vella e na loita por "normalizar" as actividades culturais ao vivo en locais de pequeno aforo, a través da Asociación Cultural Cidade Vella, Clubtura e a Plataforma Compostela Territorio Musical”.

Noa Díaz, o 50% deste proxecto a medias entre a hostalaría e a cultura, síntese especialmente satisfeita das “iniciativas que levamos a cabo nestes anos, como Dar no Cravo, un xogo que inventamos nós e que conseguiu que formáramos case unha familia cos participantes”. Lembra tamén a variada programación, aberta a todo tipo de artes e xéneros. “Por exemplo, os concertos de Nadal, que eran os máis agardados do ano e sempre o petaban. Comezou Espido, logo uniuse Xabier Díaz con Guadi Galego e Guillermo Fernández...”

“Nacemos como un local alternativo á oferta que había. Nunca nos encasillamos e tentamos abrirnos a músicas como a electrónica ou o hiphop”, destaca Díaz, “e en pouco tempo conseguimos ser un local de referencia na noite compostelá”.
As razóns do peche enmárcanse na crise e nos cambios de hábitos que esta produciu. “A noite cambiou e baixou moito”, explica Noa, quen se apresura a descartar o problema dos concertos ao vivo que hai uns meses provocou un conflicto na cidade. “Iso non ten nada que ver”.

E o futuro? Noa Díaz, nome coñecido na cultura por méritos propios e tamén familiares, apunta: “Espero seguir no mundo da cultura. Teño proxectos en mente, pero aínda non é o momento de contalos...”

Manuel Alejandro Fernández Carrasco, 2º de Bacharelato.
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 26-09-2015 17:16
# Ligazón permanente a este artigo
A maior 'party' informática de Galiza estreou exclusión do galego
“O Xuventude Galicia Net, que a pesar de levar na cabeceira o nome de Galicia, o galego está ausente de todo o demais. De querérmonos inscribir, non podemos facelo en galego; de consultarmos as normas do encontro ou de conectármonos ao seu streaming, unha e outra vez a mesma canción: só castelán; e de navegarmos polo portal do Xuventude Galicia Net, nada de galego, e o mesmo podemos dicir das redes sociais ligadas ao evento”. É a denuncia clara e directa que fai Prolingua, que denuncia que a exclusión do galego non se deu até o de agora. “Abonda con consultarmos o timeline do facebook ou do twitter das anteriores edicións para comprobarmos como daquela se dirixían con toda normalidade en galego aos seus seguidores”.

Prolingua lembra que este evento contou con apoio da Xunta, a través dun convenio de colaboración de 25.000 euros para a súa organización. A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato e o vicepresidente Alfonso Rueda visitaron o recinto feiral de Silleda ratificando coa súa presenza que apoian a expulsión da lingua galega.

A plataforma apartidaria ProLingua apionta a que “arela que a Xunta de Galicia, e o mesmo outros organismos que deberían ser exemplo no uso normalizado do galego, non patrocinen eventos que salientan pola ausencia da nosa lingua”.

Sofía Fernández Martínez, 2º de Bacharelato.
Comentarios (1) - Categoría Recursos en galego - Publicado o 26-09-2015 17:14
# Ligazón permanente a este artigo
Durante 2015, os selfies mataron a máis persoas que as quenllas.
Mentres que se levan contabilizadas oito mortes por escualos, doce persoas faleceron este ano intentando facerse unha autofoto.

A web mashable publicou unha información cun dato revelador: no que levamos de 2015, os selfies provocaron máis mortes que as quenllas. Segundo as cifras manexadas por esta publicación, doce persoas faleceron este ano intentando facerse unha autofoto, catro mortes máis que as relacionadas con ataques de escualos.

Dos doce falecidos por selfie, catro foron por caídas. Casos por exemplo o dun turista xaponés, que faleceu fai uns días por perder o equilibrio nunhas escaleiras do Taj Mahal.

"Antes de facerse un selfie todo o mundo debería pensar en que o número de ‘gústame’ pode levarlles a unha viaxe á morte e que esa foto pode ser a última», explicou o Jazeera o ministro do interior de Rusia. Un país que xa difundiu un gráfico alertando dos perigos derivados das autofotos.

Laura Pérez Madriñán, 2º Bacharelato.
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 26-09-2015 17:09
# Ligazón permanente a este artigo
Londres decántase polo polbo, polos chourizos e polos pementos de Padrón.
Sospeitando que lles gustarían os pratos da terra, un restaurante galego atreveuse a poñelos na carta. E vaia se acertou.

Isto pasou en Londres no restaurante de Ibérica en Farringdon a mans do chef ourensán Brais Fernández. Leva dous anos traballando en Londres e foi subindo postos no local, onde comezou como axudante de cociña ata agora, que dirixe a un equipo composto por unha ducia de persoas. «Imos a máis. Os restaurantes vanse enchendo, e iso quere dicir que o estamos facendo ben», conta Brais. Repasando a carta explica que teñen polbo, pementos de Padrón traídos de Galicia, chourizos de Lugo, pero tamén queixo parmesano. Detrás deste éxito empresarial e gastronómico hai moita man galega. Fronte aos estereotipos, o certo é que os ingleses coñecen os produtos galegos e saben comer, son esixentes e aprecian o bo. «Londres hoxe é, sen dúbida, a capital gastronómica do mundo. Aquí hai que facelo moi ben ou non facelo», explica este galego. Pronto viaxará a Mercamadrid para empezar a importar pataca galega, que considera que é a «única forma de facer a tortilla como Deus manda.

Antía Álvarez Ferro, 2º de Bacharelato.
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 26-09-2015 17:07
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2 [3]
© by Abertal